24 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarGondomar convídanos a viaxar a Guinea Ecuatorial e Cincinnati co seu programa...

    Gondomar convídanos a viaxar a Guinea Ecuatorial e Cincinnati co seu programa de cultura

    O Auditorio Municipal Lois Tobío converterase esta fin de semana de novo no epicentro das actividades culturais previstas polo concello. Cinema e teatro que trasladarán ao público a recunchos tan diferentes como Guinea Ecuatorial e Cincinnati e as historias que os seus personaxes desenvolven nela.

    Arrinca a programación este venres 26 coa proxección da película “Manoliño Nguema”, dirixida por Antonnio Grunfeld, e enmarcada no ciclo de cinema galego que o concello de Gondomar organiza en colaboración coa asociación Cineclub Val Miñor Alice Guy.

    O venres a partir das 21.30 h. proxectarase esta película, premiada no Festival de cinema e televisión do reino de León e no Festival de Cinema Africano, que nos presenta a Marcelo Ndong, artista africano de sesenta anos, formado en España, concretamente en Galicia, e que agora dirixe un pequeno viveiro e unha gardería. Como noutras ocasións, debe montar unha obra de teatro que, esta vez, versará sobre a súa vida descubrindo momentos ben curiosos e esclarecedores.

    O pano do Auditorio Municipal ábrese de novo o sábado 27, a partir das 21.30 horas, para acoller a representación “Un Vals para Cincinnati”, dirixida por Pedro Rodríguez, e protagonizada por Sheila Figueroa e Carlos Denis. A historia de Ana, unha moza que leva máis dun ano esperando a que regrese a súa parella que a deixou pola guerra. Cando perde a esperanza e está a piques de suicidarse, Jack regresa a casa e con eles o desenvolvemento da función.

    Máis info: https://taquilla.concellodegondomar.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.