12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaMañá terá lugar o debate das ‘III Xornadas Contra A Impunidade’ da...

    Mañá terá lugar o debate das ‘III Xornadas Contra A Impunidade’ da Deputación

    Os relatorios poden seguirse en liña en depo.gal

    A corrupción e o espolio e a represión económica franquista e a súa relación coa monarquía e a igrexa serán o centro do debate nas ‘III Xornadas Contra A Impunidade’ que se celebrarán mañá venres e o sábado organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación  de Pontevedra. As prazas presenciais están esgotadas dende hai máis de dez días, mais todos os relatorios poden seguirse en directo en liña a través de depo.gal.

    A III edición das Xornadas contra a Impunidade do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra pretende afondar no coñecemento dos métodos utilizados pola ditadura para enriquecemento da cúpula franquista e das empresas que apoiaran o golpe, mais tamén, e sobre todo, debater sobre as repercusións que tivo após 1975, sen perder nunca de vista o padecemento que supuxo para as vítimas.

    O primeiro día das xornadas centrarase no enriquecemento das empresas afíns ao franquismo con atención especial ás galegas, coa charla do xornalista Antonio Maestre. A continuación, o historiador Xosé Álvarez Castro abordará a represión económica contra as familias republicanas e como a corrupción e o enriquecemento ilícito impregnaron distintos estamentos do propio réxime. A seguinte charla, de Beatriz Busto,  estará orientada ao espolio cultural e a roubo do relato por parte do franquismo, que se esforzou en mudar os símbolos da identidade galega. Esa primeira tarde concluirá coa proxección do documental “Billy”, presentado por unha das súas vítimas, Miguel Ángel Gómez, Gus. Trátase de abordar a corrupción sistémica da ditadura e a inmobilidade de determinados estamentos após a morte de Franco. O sábado 27 de novembro, a xornada comeza coa charla de Rebeca Quintáns, autora da biografía de Juan Carlos I, pioneira no estudo da corrupción na monarquía. A continuación, Xosé Ramón Rodríguez Lago falará dos beneficios que supuxo para a Igrexa a súa complicidade coa ditadura. Xa tras o café, Araceli Freire falará da resistencia que o pobo galego e nomeadamente as mulleres puxeron ao espolio dos recursos públicos, especialmente do monte en man común, e a xornada matinal remata cunha mesa redonda na que participan descendentes de familias espoliadas que asumiron a herdanza de transmitir a memoria.  O punto final da cita chegará cunha viaxe de memoria a Baiona e Oia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.