9 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO II Ciclo de conferencias 'Aida Fernández Ríos' chega aos centros escolares...

    O II Ciclo de conferencias ‘Aida Fernández Ríos’ chega aos centros escolares de Tui

    O programa da Deputación e da Real Academia Galega das Ciencias impulsa charlas do 29 de novembro ata o 20 de decembro en centros de Tui, Bueu, O Grove e Silleda

    O II Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega a próxima semana aos centros escolares da provincia con cinco charlas adaptadas ao público mozo. Deste xeito, arranca o segundo bloque do ciclo que espallará a ciencia entre o alumnado de 4º da ESO e bacharelato de centros de Tui, Bueu (2), O Grove e Silleda da man de cinco mulleres referentes en distintos eidos científicos.

    As charlas comezarán o luns 29 de novembro no IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) cunha conferencia titulada “Bacterias comeplásticos” a cargo de Sabela Balboa, investigadora distinguida no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC. Nela falarase de como buscar certas bacterias que son capaces de degradar os plásticos e poder eliminalos así do medio ambiente. A semana seguinte, o xoves 9 de decembro, Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da UDC, achegarase ao IES Illa de Ons (Bueu) para deixarlle claro á mocidade que “A intelixencia artificial non é ciencia ficción” senón que está presente en case todos os campos, dende a educación ata o emprego, e incluso está a mudar a forma na que as persoas nos relacionamos.

    O venres 10 de decembro o IES Monte da Vila (O Grove) acollerá unha charla que porá o foco no “Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos”. A ponencia correrá a cargo de Isabel Medina, profesora de Investigación do Instituto de Investigacións Marinas do CSIC, e centrarase nas variacións -a nivel anatómico e fisiolóxico-que as eleccións alimenarias e o cambio climático provocaron no organismo dos seres humanos. Xa o luns 13 de decembro o alumnado do IES Pintor Colemiro (Silleda) acudirá á charla “As matemáticas que pesquei na ría de Pontevedra”, da decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez. Nela compartirá co alumnado a experiencia no proxecto “Marzo, mes das matemáticas”.

    A última das charlas terá lugar o luns 20 de decembro no IES Johan Carballeira (Bueu) da man de África González, catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo. A profesora descubrirá ao alumnado do centro que é a vacinación e os pasos necesarios para desenvolver vacinas eficaces contra un patóxeno nunha charla titulada “Potencia ás túas defensas: vacínate!”.

    Con estas charlas péchase a segunda edición do ciclo que rende homenaxe co seu nome á  bióloga viguesa Aida Fernández Ríos e que xa desenvolveu dez conferencias destinadas ao conxunto da cidadanía entre os meses de abril e xuño. Nelas versouse sobre a muller e a ciencia, a contaminación por microplásticos ou as adegas circulares para espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsou o labor científico en Galicia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.