O vindeiro sábado día 27 de novembro de 2021 A Guarda realiza unha homenaxe a Eliseo Alonso cun programa de actividades que arrancará ás 11:00h cun Pleno Extraordinario no Salón de Plenos no que se nomeará a Eliseo Alonso coma Fillo Adoptivo do Concello da Guarda.
Neste pleno tan especial contarase con familiares e achegados e os asistentes recibirán unha copia do seu libro “Gamelas e Mariñeiros”, traducido ao galego por Ramón Quiroga e editado e impreso pola Deputación de Pontevedra.
De seguido procederase á inauguración da Exposición de Filatelia, contando coas intervencións de Marta Verde Rodríguez, Secretaria da Sociedade Numismática e Filatélica Guardesa; Enrique Pérez Martínez, Presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas e Antonio Lomba, Alcalde da Guarda. Nesta exposición destacarán as coleccións “Entretenementos” de Marcelino Portela Lorenzo; “Ao son da gaita” de Marta Verde Rodríguez; “O fechador de 1842 en Galicia” de José Ángel Gándara Rodríguez; “Jack. Unha historia inacabada” de Teodosio González Ferreira; “Terra Australis Ignota” de Almudena Taboada Lago; “Izando velas, descubrimos e comerciamos” de Cristina Domínguez Rotea; “Lorca e a súa contorna” de Alfonso Dorado Senra e “Escritores galegos” de Antonio Martínez Martínez.
Tamén realizarase a inauguración dunha segunda exposición, titulada “Eliseo Alonso: Camiñando cara ao mar da Guarda”, no XXV cabodeano do seu pasamento, e que recolle, nunha serie de paneis e contidos, ademais dunha reseña biográfica, os eidos nos que Eliseo Alonso proxectou seu labor literario e xornalístico, tanto dende seu Goián natal, ata máis aló da nosa Terra, mar por medio. Quedará deste xeito plasmada nesta exposición parte do seu legado como escritor, etnógrafo, fotógrafo, poeta e xornalista, grazas ao traballo realizado pola Comisión da Homenaxe a Eliseo Alonso.
Estas exposicións estarán na Casa dos Alonso dende o sábado 27 de novembro ata o xoves día 9 de decembro, cun horario de visita de luns a venres de 11:00h a 13:00h e sábados, domingos e festivos en horario de 11:00h a 13:30h e de 16:00h a 19:00h.
Finalizados os actos na Casa dos Alonso, ás 13:30h está prevista a descuberta dunha escultura adicada a Eliseo Alonso no Paseo Marítimo da vila, unha peza en pedra elaborada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, un acto aberto a toda a cidadanía e que contará coa presenza de Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra.
O acceso aos actos na Casa dos Alonso realizarase con invitación previa debido a cuestións de aforo.