Venres, 15 Agosto de 2025

O Concello da Guarda dotará dunha zona de biosaudables á Portela en Salcidos

0

O Concello da Guarda dotará nos vindeiros días dunha nova zona de biosaudables que estará emprazada nunha parcela anexa á zona infantil e á zona polideportiva da Portela, na parroquia de Salcidos. Esta parcela, adquirida polo Concello da Guarda para o seu uso público, contará con preto dunha ducia de diferentes elementos de biosaudables.

Un novo espazo de biosaudables sumase aos xa existentes na vila na Zona da Pasaxe en Camposancos ou nos xardíns do Centro Cultural.

Esta nova zona pública complementa ao proxecto de Reforma e mellora da zona infantil e deportiva da Portela, unha obra que será executada con cargo ao Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra, na que realizarase unha actuación integral no seu conxunto.

Estas actuacións na Portela en Salcidos, forman parte das diferentes actuacións que se están a acometer por parte do Concello da Guarda en parques infantís e zonas deportivas de todo o municipio, coma as xa realizadas en Laxe Grande ou na zona deportiva do Codesal en Camposancos.

Presentación pública de Lucenza-Ateneo de Nigrán

0

Lucenza-Ateneo de Nigrán realizou este venres 28 de xaneiro, no Auditorio municipal, a súa presentación pública, que contou cunha nutrida concorrencia de público. Durante o acto o seu presidente, Xabier Méndez, e algunhas socias e socios da entidade, explicaron ao público os obxectivos da asociación e as actividades que van desenvolver nos vindeiros meses.

Houbo poesía e música de frauta e acordeón para acompañar o acto, que se aproveitou tamén para facer unha pequena homenaxe ao escritor Darío Xohán Cabana, recentemente falecido.

Lucenza–Ateneo de Nigrán botou a andar hai uns meses, a partir do sentir compartido dun grupo de veciñas e veciños das diferentes parroquias de Nigrán, que consideraron conveniente poñer en marcha unha entidade sociocultural que se centre en organizar actividades a nivel municipal para beneficio de toda a veciñanza.

O ateneo de Nigrán nace coa ilusión e co compromiso de convertirse nun espazo aberto, libre, plural e amigable, que dea cabida a todas aquelas persoas dispostas a cooperar, aportando o seu compromiso, o seu tempo, o seu coñecemento e as súas habilidades en beneficio da cultura, da xente e do territorio.

[su_image_carousel source=”media: 52648,52646,52647″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Obxectivos

Lucenza quere contribuir modestamente, como unha entidade máis do municipio, á dinamización sociocultural de Nigrán, ao reforzamento da súa axenda cultural e a superación de certas eivas que aínda neste ámbito continúanse a padecer no municipio.

Aínda que Lucenza foi fundada a comezos do pasado ano, en tempo de confinamentos e dificultades para desenvolver actividade pública, leva xa uns meses poñendo en marcha as súas primeiras iniciativas,como o programa de andainas guiadas polo territorio ou a posta en marcha do Clube de lectura ‘Compartindo libros’.

Lucenza continuará a desenvolver durante este ano que comeza novas iniciativas e actividades, principalmente centradas en asuntos como a difusión da historia local, o coñecemento do territorio, concienciación e defensa do patrimonio, o medio ambiente e a paisaxe; a promoción da creación cultural e da cultura popular, actividades de lecer e socialización, a promoción do uso do galego, a abordaxe de debates que afectan á nosa xente, e calquera outras accións que axuden ao fomento do coñecemento e do pensamento crítico e democrático na sociedade.

Para a difusión das súas actividades, Lucenza ten en marcha un perfil en Facebook (www.facebook.com/lucenzaateneonigran).

Covelo inicia as obras de humanización do nucleo urbano

0

O Concello de Covelo inicia a humanización do núcleo urbano coas obras de Establecemento de itinerarios continuos con implantación de corredores verdes que recuperarán o espazo público para os péons na Praza Mestre Cerviño e na súa contorna. En palabras do seu alcalde, Pablo Castillo, “con este novo proxecto apostamos pola mellora da mobilidade interna e pola calidade urbana da vila, ademais de dar un paso máis na conservación e mellora dos espazos públicos e avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)”.

As obras, incluídas no Plan de Mobilidade Urbano Sostible (PMUS), actuarán en algo máis de 2.789 m2 para promover a mobilidade peonil, para mellorar a zona de estacionamento e humanizar os espazos a través de corredores verdes. Ademais, suporán a creación de prazas de aparcamento disuasorias e a mellora das existentes, así como a mellora da conexión entre o Concello (Praza Mestre Cerviño), o Centro de Maiores (Praza dos Troveiros) e o Centro Social (Travesía de Vigo), integrándoos na estratexia de mobilidade e facilitando o acceso sen problemas a estes centros.

O obxectivo das accións é reducir o consumo final de enerxía e as emisións de dióxido de carbono.

Transformación

O centro urbano experimentará unha transformación, haberá unha plataforma única con sentido único descendente desde o Concello ata o Centro de Maiores aliviando o tráfico da praza Mestre Cerviño. Disporase un carril para aparcamento en liña para prazas de aparcamento gratuítas, aparcadoiro adaptado e outras prazas de aparcamento restrinxidas no ámbito do Concello e, diante do supermercado, prazas de aparcamento para a carga e descarga. O proxecto completarase coa apertura dunha nova rúa que unirá a carballeira do Campo da Feira coa travesía de Vigo, prevista xa no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O tráfico calmarase mediante a dotación dunha plataforma única para o uso compartido de vehículos e peóns, con pavimento de lousa de granito silvestre na beirarrúa e adoquín nas beirarrúas de aparcamento e calzada, a excepción do tramo da travesía de Vigo, que se pavimenta con formigón por esixencia da administración autonómica, titular da estrada.

O proxecto complétase coa instalación de elementos amortiguadores da velocidade como pasos de peóns elevados. Ademais, de forma complementaria, proxéctase a dotación de zonas verdes e zonas de estar con mobiliario urbano e vexetación.

Tamén se incrementará o ancho das beirarrúas na travesía de Vigo e está prevista a dotación de zonas verdes e zonas de estar con mobiliario urbano e vexetación.

Cun custo total de 396 985,85 € e un prazo de execución de catro meses, o proxecto conta co apoio de Rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra e do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (I.D.A.E.) dentro da Medida 8. Implantación de plans de mobilidade urbana sostible do Programa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.

A Cañiza entrega os premios do «Proxecto Violeta» de debuxo e lemas

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, entregou no Salón de Plenos do Concello os premios  ás seis gañadoras do Concurso de lemas e carteis do Proxecto Violeta. Tres primeiros premios para cada categoría dotados cun vale de 100 €, 50 € e 30 € que as gañadoras poderán canxear por material didáctico e libros en calquera das librerías da Cañiza.

Gañadoras do concurso de debuxo «Debuxa para Violeta»

  • 1º Premio: Izar Ribeiro Rodríguez
  • 2º Premio: Candela Pazos Pérez
  • 3º Premio: Laura Crespo Vidal

Gañadoras do concurso de slogans «Cóntallo a Violeta»

  • 1º Premio: Fátima Rodríguez Alvarez. Slogan gañador «Se me da a gana de ir sachar patacas en minisaia vou e punto»
  • 2º Premio: Sheila Martínez Tato. Slogan gañador «O meu corpo non quere a túa opinión»
  • 3º Premio: Paula Pereira Loeda. Slogan gañador «Pódesme romper a man, pero non a voz»

No ámbito da prevención e da formación, o Concello está desenvolvendo  nos centros educativos da Cañiza diferentes obradoiros durante o curso académico centrados na abordaxe dos estereotipos de xénero, das relación baseadas no bo trato e na prevención da violencia de xénero a través das redes sociais.

Estas actividades están dirixidas principalmente á mocidade e aos máis pequenos. O proxecto acóllese ás subvencións que a Deputación de Pontevedra  convoca para as entidades locais de menos de 20 000 habitantes.

A Xunta colabora co embelecemento de dez elementos patrimoniais e vivendas do Baixo Miño

0

A Xunta de Galicia colaborou coa posta en valor e o embelecemento dunha decena de elementos patrimoniais de titularidade municipal e de vivendas particulares na bisbarra do Baixo Miño. Grazas á orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, concedéronse un total de 38 252 euros en achegas para dous espazos públicos en Tui e Oia e para oito actuacións en zonas privadas destes dous municipios e tamén da Guarda e Tomiño.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Luis López, e o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, realizaron esta mañá unha visita a estas actuacións acompañados polos alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro, e de Oia, Cristina Correa, respectivamente.

“Dende a Xunta de Galicia estamos a apostar polo fermosismo, pola mellora estética de moitas construcións, casas e elementos patrimoniais da nosa terra”, explicou o delegado; quen engadiu que existen moitos atractivos, pero tamén é necesario corrixir esas pequenas eivas que hai no territorio e facer que a nosa comunidade sexa aínda máis bonita, entendendo dita circunstancia como un valor engadido tanto para a confortabilidade dos galegos como para o goce dos que nos visitan.

Na bisbarra do Baixo Miño, o Concello de Tui recibiu unha achega de 10 000 euros da Xunta de Galicia para o acondicionamento da Fonte-Lavadoiro de Chans de Randufe; mentres que o de Oia accedeu a 7.614 euros para o arranxo da emblemática Fonte do Porto ao seu paso polo Camiño Portugués pola Costa.

Así mesmo, ata oito particulares desta comarca recibiron unha contía global de 20 600 euros para revestimentos de fachadas, remates de cubertas ou tratamento de paredes medianeiras, como a visitada esta na mañá de onte na rúa Canónigo Valiño de Tui polos representantes autonómicos, que tamén supervisaron a mellora de dúas fontes públicas na vila tudense e Oia.

Nova convocatoria

Luis López e Enrique de Salvador recordaron que o Instituto de Estudos do Territorio convocou novamente estas axudas, que xa se poden solicitar ata o 21 de febreiro, no caso dos particulares; mentres que os concellos dispoñen dunha semana máis.

Novamente, fixouse unha liña para particulares, que inclúe obras de revestimento, fachadas sen rematar, renovación de acabados, remates exteriores e de cubertas e acondicionamento de peches. Os beneficiarios poderán acceder a unha axuda do 70% da actuación, ata un máximo de 3.000 euros.

No caso da orde dirixida aos concellos, de ata 20 000 habitantes, poderán acceder a dúas liñas de actuación: aquelas que melloren o exterior dos edificios públicos e, á segunda, para recuperar os equipamentos, como fontes, palcos, lavadoiros ou hórreos, entre outros. Así, os concellos poderán optar a dúas axudas de ata 40 000 euros.

Cómpre sinalar que a Xunta de Galicia concedeu, ao abeiro da convocatoria de 2021, preto de 70 achegas para a corrección de impactos paisaxísticos na provincia de Pontevedra, que suman un importe de máis de 250 000 euros. Delas, unha decena outorgáronse a concellos e as 59 restantes a particulares.

Concello de Salceda e Policía Local elaboran un mapa de puntos negros para detectar e intervir nos espazos perigosos para as mulleres

A Concellería de Igualdade de Salceda de Caselas, dirixida por Loli Castiñeira, vén de presentar un Mapa de Puntos Negros conxuntamente cun documento que detecta os espazos que poidan resultar perigosos ou inseguros para as mulleres da localidade. Este traballo pretende visibilizar todos aqueles lugares nos que, polas súas características, existe mais risco de acoso, abusos ou agresións sexuais sobre as mulleres. O documento analiza o casco urbano de Salceda e a idea é que siga actualizándose en todo o municipio.

Loli Castiñeira fixo fincapé na obriga “como responsables municipais é facer todo o que está nas nosas mans para reducir estas cifras que só amosan a punta do iceberg da violencia sexual contra mulleres e nenas”. A concelleira afirmou con rotundidade que dende o seu departamento “penso deixarme a pel para facer de Salceda un pobo libre de violencias machistas, libre de agresións sexuais, un pobo seguro para as mulleres os 365 días do ano. Este é o meu compromiso inquebrantable”.

A alcaldesa Verónica Tourón subliñou, pola súa banda, a importancia de que as mulleres “sintámonos protexidas en todos os eidos das nosas vidas e liberadas dos prexuízos machistas e das desigualdades e os espazos físicos das nosas vilas, nos que transcorre a nosa vida diaria” e reclamou á necesidade de que as mulleres “poidamos que poder pasear con liberdade e seguridade a calquera hora do día ”.

O mapa contra o medo será un documento en constante revisión, que se actualizará a medida que a cidadanía alerte de espazos e zonas consideradas inseguras. Para a súa actualización teranse en conta os informes da Policía Local, así como a información que a veciñanza, individualmente ou a través das asociacións, vaia achegando ao concello de Salceda de Caselas por calquera vía.

Esta actuación, incluída no marco do Programa Diana financiado pola Deputación de Pontevedra e que executa a Concellería de Igualdade de Salceda de Caselas, está prevista como medida 1.11 no II Plan Municipal de Igualdade entre Mulleres e Homes, e aparece recollida no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Dende o Concello de Salceda lembran que a sensación de inseguridade das mulleres nalgúns espazos públicos, especialmente polas noites, está relacionada coa imposición de patróns de conduta que xera medo e dificulta a circulación libre das mulleres. Por elo a incorporación da perspectiva de xénero á política urbana e de seguridade é un reto conxunto para o crecemento sostible, igualitario e seguro da vila. En ningún caso, debe planificarse como un concepto defensivo nin represivo, senón construtivo, e que contribuirá a eliminar a sensación de temor, medo e inseguridade das mulleres.

En España, apenas se denuncia un 2% dos ataques sexuais. Así, segundo datos do Portal Estatístico de Criminalidade do Ministerio de Interior, en 2020 houbo 11.197 vitimizacións por delitos contra a liberdade sexual en España, 532 en Galicia e 220 na provincia de Pontevedra, 42 por agresión sexual.

Roberto Cameselle, oficial xefe da policía local de Salceda puxo de manifesto a colaboración da Policía Local de Salceda ‘Programa Diana’ , “identificando espazos urbanos que poden ser un risco para situacións de acoso ou agresión sexuais como son os puntos de baixa iluminación dentro do casco urbano e aportando solucións para que estes lugares sexan máis inclusivos e seguros co obxectivo de diminuír as diferencias e desigualdades entre ambos sexos”

O Grupo Socialista denuncia a inacción da Xunta para cumprir a proposta do PSdeG para redefinir os xeodestinos turísticos

A deputada socialista Leticia Gallego denunciou onte que a Xunta de Galicia leva case un ano sen dar cumprimento á proposta aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia para redefinir os xeodestinos turísticos. Esta iniciativa, presentada no seu día polo PSdeG, contou co respaldo de todos os grupos políticos en marzo de 2021 pero, a día de hoxe, o goberno galego “non fixo absolutamente nada para atender esta petición”.

Leticia Gallego subliñou que esta actitude demostra a “moita deixadez” por parte da Axencia Galega de Turismo e evidencia que “o goberno do señor Feijoo ten un problema grave cos xeodestinos”. De feito, acusou á Xunta de “non querer resolvelo” porque para iso “ten que sentarse con moitos alcaldes e alcaldesas e está claro que non o quere facer”.

Así, lamentou a “falla de planificación e diálogo” cando existen conflitos cos municipio, “que non son escoitados polo goberno galego” á hora de elaborar o mapa. “Esta é outra mostra máis do que á Xunta de Galicia o turismo non lle importa absolutamente nada”, censurou.

Tras volver reclamar no Parlamento que se cumpra esta iniciativa, a deputada do PSdeG lamentou “a confusión xerada polo goberno galego en torno ao concepto xeodestino”, algo que “lle resta eficacia á hora de converterse nun verdadeiro instrumento impulsor do turismo”. Esta circunstancia resulta “especialmente grave neste momento de crise sociosanitaria, no que o sector turístico precisa claridade e políticas de estimulo para sobreporse ó efecto da covid”.

Deste xeito, Leticia Gallego considerou imprescindible, “porque así o recolle a lei”, que a Xunta “abra un proceso de diálogo” cos concellos e coas deputacións para estudar e redefinir os posibles cambios no devandito mapa actual de xeodestinos. O mapa resultante dese proceso, unha vez escoitadas as suxestións dos concellos e feitos os cambios oportunos, “deberá adquirir un verdadeiro carácter oficial coa a súa publicación no Diario Oficial de Galicia”.

Nesta liña, incidiu en que o goberno galego debe proceder ao desenvolvemento do marco normativo para definir con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como os seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa.

Para iso resulta obrigado, remarcou, “que a Xunta cumpra a resolución aprobada por unanimidade nesta Comisión o día 17 de marzo de 2021” a iniciativa do PSdeG. “Non serve de nada aprobar e que despois non se cumpra”, lamentou antes de engadir que esa actitude “demostra o que significa o Parlamento para o goberno de Feijoo”.

Por último, Leticia Gallego sinalou que “todas estas suxestións que facemos desde o Grupo Parlamentario Socialista son para mellorar o turismo en Galicia porque o turismo necesita un pulo por parte da administración autonómica”. “E agora máis que nunca”, concluíu.

O Goberno de redondela denuncia que “a irresponsabilidade” do PP deixa á veciñanza sen servizo de emerxencias

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, cualificou hoxe de “absoluta irresponsabilidade” a negativa do PP, plasmada no seu voto en contra no pleno do pasado xoves, á posta en marcha do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) Redondela-Mos, iniciativa que partía da Xunta de Galicia e que o Concello de Mos xa aprobara no seu respectivo pleno municipal.

“O PP local demostrou onte, e xa con total claridade, que lle importa máis desgastar a este Goberno por calquera medio, aínda que sexan falsidades, que a propia seguridade das veciñas e veciños de Redondela ás que deixa sen un servizo de emerxencias”.

Rivas considera “unha paradoxa” que logo de meses de críticas sobre este asunto “en prensa e nas redes sociais acusando ao Goberno de inactividade, cando o teñen sobre a mesa voten en contra”. A negativa de onte do PP ao GES, di a rexedora local “non so contradí un plan do seu propio partido na Xunta senón, que é o máis grave, prexudica a toda a cidadanía que, pola súa irresponsabilidade, queda desprotexida ante un sinistro”.

O Goberno socialista que encabeza Digna Rivas lembra, que dende a súa chegada ao Concello “a creación dun servizo de emerxencias que cubrira as necesidades de Redondela foi, e segue a ser unha prioridade”. Tanto é así que, a pesar de que o convenio proposto “ten irregularidades, coñecidas sobradamente pola Xunta de Galicia e non é un convenio ideal, antepuxemos os intereses das veciñanza ao levalo a pleno para súa aprobación”.

Doutra banda, continúa a alcaldesa, “o PP coñece perfectamente que o atraso na contratación de persoal viu dada pola impugnación do CSIF as bases de contratación e a petición da suspensión cautelar das mesmas, coa conseguinte paralización dos trámites”. Malia a impugnación sindical, a xuíza que levaba o proceso de Mos, optou polo levantamento das medidas cautelares antes de ditar sentencia, polo que o Concello mosense puido levar a cabo a contratación de persoal.

Por contra, o xulgado encargado de resolver o asunto en Redondela, optou pola non suspensión das medidas cautelares ata que se ditou sentencia o 23 de decembro do 2021, o que impediu que o Concello redondelán puidera contratar o persoal antes. “Todo isto o coñece perfectamente o PP que, durante estes meses, optou por ocultar a verdade á veciñanza e utilizar todos os medios ao seu alcance para desgastar e desprestixiar ao Goberno local, a sabendas que estaban terxiversando a realidade e enganando á cidadanía”.

O Goberno socialista de Redondela “en dous anos, leva feito máis por dotar ao municipio dun servizo de emerxencias, que o PP nos oito anos que gobernou con anterioridade”, afirma a alcaldesa. Agora, dentro da súa clara liña de “obstrucionismo e poñer paus nas rodas”, votan incluso en contra dun proxecto da Xunta de Galicia que goberna o seu propio partido.

Digna Rivas asegurou á veciñanza que “o Goberno utilizará todos os medios que ten ao seu alcance para que Redondela teña o Servizo de Emerxencias do que o PP os privou nos últimos anos”.

Ponteareas licita a redacción dos proxectos de mobilidade amábel e recuperación dos espazos públicos ao abeiro da Rede Ágora

O Concello de Ponteareas vén de sacar a licitación a redacción dos proxectos de mobilidade amábel e recuperación dos espazos públicos no ámbito municipal de Ponteareas, pertencente á Rede Ágora promovida pola Deputación de Pontevedra.

Os e as profesionais interesados terán ata o vindeiro 16 de febreiro ás 23.59 horas para presentar as súas ofertas. O importe de licitación é de máis de 54 000 euros, financiados ao 90 % pola Deputación de Pontevedra no marco da Rede Ágora e ao 10 % con fondos propios do Concello.

Os proxectos atinxirán ás rúas Constitución, Concha Brey, Senén Canido e un tramo de Reveriano Soutullo, Vidales Tomé e Morales Hidalgo. Os obxectivos xerais da redacción serán a recuperación de espazos para as persoas, a potenciación da mobilidade peonil e en bicicleta, a eliminación do tráfico de paso e axitación, a redución da contaminación, a creación dun eixo verde e de camiños escolares seguros, a mellora da seguridade viaria, a integración e coherencia da reforma da Praza de Bugallal ou a valorización do patrimonio arquitectónico, entre outros.

Concello de Ponteareas, Estado e Xunta asinan o convenio para a ampliación e reforma da Depuradora da Moscadeira

Fito histórico para Ponteareas, que acada o maior investimento da súa historia nun equipamento municipal. O Concello, a Xunta de Galicia e o Estado asinaron este venres 28 o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo en 2023 as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Moscadeira. Estas obras son imprescindíbeis para solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.

A actual depuradora construíuse en 1995 e polas súas reducidas dimensións veu recibindo dende a súa entrada en funcionamento máis augas residuais das que pode tratar. Esa incapacidade de depuración provoca vertidos habituais ao río Tea e sancións económicas e impide, ademais, que o Concello poda facer novas obras de saneamento, xa que a súa conexión á depuradora provocaría maiores vertidos ao río.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, participou no acto de sinatura celebrado en Santiago de Compostela xunto á Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e Mª Rosa Cobo, directora de Acuaes (Aguas de las Cuencas de España), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

“Para nós é un momento histórico. O convenio permitirá levar a cabo en 2023 o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal, case 12 millóns de euros. Como goberno marcámonos como obxectivo recuperar o río Tea e convertelo nun gran espazo natural protexido para o desfrute da veciñanza. E ademais propuxémonos chegar canto antes co saneamento ao 100 % da poboación das parroquias. Este acordo fará realidade esas dúas aspiracións: termos un río excepcional e todas as parroquias con saneamento”, destacou a alcaldesa.

Fernández Davila lembrou que “as negociacións co Estado para acadar este grande investimento foron iniciadas polo anterior alcalde, Xosé Represas. Tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións, o Concello logrou o compromiso doutras dúas administracións, Estado e Xunta, nun exemplo de colaboración institucional e entendemento en beneficio de Ponteareas. Esa capacidade de xestión permitiu que poidamos acometer unha obra cun investimento millonario que nunca estaría ao noso alcance”.

A alcaldesa tamén salientou o grande esforzo que realizará o Concello e, polo tanto, a veciñanza, ao achegar 3,5 millóns de euros, o 30 % do custo da obra, mentres que o Estado con fondos europeos se fai cargo do 50 % e a Xunta do 20%. Segundo o acordo, a ampliación da depuradora e dos colectores xerais de nova creación que rodearán o centro urbano deberán estar rematados en 2023.

Ademais da ampliación da EDAR da Moscadeira, o acordo tamén contempla obras de mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que até o de agora aumentaba o caudal que recibía a depuradora. Isto suporá un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareán, deseñado para pouco máis de 10 000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16 000, traballando por riba da súa capacidade.

A execución destas obras permitirá ampliar a capacidade de tratamento a 20 000 persoas e rematar así con vertidos e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.

O Goberno municipal está traballando de xeito paralelo no proxecto de nova depuradora para atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que non poden empregar a depuradora da Moscadeira.

A Guarda oferta tres novos obradoiros gratuítos para comercio, hostalaría e empresas

0

O Concello da Guarda, a través da Concellaría de Desenvolvemento Local oferta nos meses de febreiro e marzo tres obradoiros de xeito gratuíto dirixidos a comercio, hostalería e empresas.

Estes obradoiros están enmarcados na campaña de apoio a o comercio local, iniciada xa no ano 2020 por mor da situación sanitaria e que, a finais de 2021, propiciou a realización de dous obradoiros e que, nesta primeira parte de ano 2022, inclúe un obradoiro para a realización de Plans de Marketing para Campañas Comerciais, outro sobre Venta a través das principais redes sociais e un sobre venta online web e a través de marketplaces.

No obradoiro sobre Plans de Marketing para Campañas Comerciais os participantes terán a oportunidade de aprender cales son os pasos necesarios para actuar ante unha campaña comercial elaborando un Plan de Marketing, porqué é necesario facelo e cales son os seus beneficios, así como os pasos a seguir para a súa correcta elaboración, ferramentas e aplicacións que axudan á súa correcta execución. Terá lugar o venres 18 de febreiro ás 20:30 h na Sala de formación no 1º andar do concello vello.

O sobre Ventas a través das principais redes sociais permitirá coñecer cales son as principais redes sociais do mercado que permiten a venda a través das súas plataformas, cales son as súa vantaxes e desvantaxes e como é o seu funcionamento. Terá lugar o venres 4 de marzo ás 20:30 h na Sala de formación no 1º andar do concello vello.

O último obradoiro para esta primeira parte do ano 2022 versará sobre Venta online web e a través de marketplaces, onde os participantes ampliarán información sobre as diversas plataformas de venda multicanal existentes no mercado, empregando unha comparativa que axudará a elixir cal é a máis axeitada en función de cada tipo de sector ou empresa, os seus custos e metodoloxías de traballo. Terá lugar o venres 18 de marzo ás 20:30 h na Sala de formación no 1º andar do concello vello.

Os obradoiros teñen unha duración aproximada dunha hora e media e é preciso unha inscrición previa chamando ao 986 610 000 ext.7 ou remitindo un correo electrónico a [email protected], as prazas son limitadas.

O Porriño garda un minuto de silencio polo pasamento de Eva García de la Torre

O Porriño gardou hoxe un minuto de silencio en sinal de loito polo pasamento da que foi a súa alcaldesa durante seis anos e concelleira da corporación, Eva García de la Torre. 

Aos pés da Casa Consistorial reuníuse a corporación local ao completo, o corpo da Policía Local que lle rendeu homenaxe poñéndose en formación, Garda Civil do Posto do Porriño, e veciños e veciñas do Porriño.

[su_image_carousel source=”media: 52592,52593,52594″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

 

Licitadas as obras de saneamento e abastecemento da contorna do Pazo de Agrelo en Cesantes

0

O Concello de Redondela vén de licitar os traballos que, baixo o nome de ‘Servizos e Pavimentación na contorna do Pazo Torres Agrelo’, permitirá dotar de servizos de saneamento e abastecemento de auga a diferentes núcleos situados na contorna do pazo de Torres Agrelo. Os traballos, incluídos no Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, contarán cun investimento de 434 804,76 euros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia dos traballos que se van a acometer que “melloran substancialmente os servizos básicos que se prestan á veciñanza da zona”. Con esta actuación e outras de similares características que se emprenderán nos vindeiros meses, “o Goberno socialista continúa a traballar na eliminación da fenda que, no relativo á prestación de servizos, había entre os núcleos rurais e núcleos urbanos”.

Rivas lembrou a necesidade de “cohesionar o municipio a través da creación, mantemento e potenciación dos servizos básicos nas parroquias”.

As obras, que se realizarán no lugar de Agrelo, revisten unha especial complexidade ao discorrer en parte delas na traza do Camiño Portugués pola Costa, figura protexida no catálogo do Plan básico autonómico. Amais, para evitar a realización de traballos non interior da finca do Pazo Torres de Agrelo, optouse pola opción máis vantaxosa, técnica e economicamente, de bordear dito elemento patrimonial.

A rede de augas fecais proxectada funciona por gravidade e descorrerá polo camiño de Agrelo ao longo de 365,73 metros e cunha tubase de PVC de 315 mm de diámetro ao que se sumarán outros colectores secundarios de tubaxe tamén de PVC pero 250 mm cunha lonxitude de 1 388,82 metros, sumando un total de 1 754,55 metros.

A rede complétase con 64 pozos de rexistro de 1 m de diámetro interior colocados a distancias non superiores a 90 metros. A complexidade do trazado tamén ven marcada polo feito que deberá cruzar a estrada N-550, –mediante perforación horizontal e tubaxe de polietileno de 315 mm de diámetro– e as liñas ferroviarias de ADIF, que se fará por un dos colectores existentes baixo a beirarrúa que discorre polo paso inferior polo que pasa o camiño de Agrelo.

No que fai referencia á rede de augas pluviais, tal e como se sinala no informe técnico, no punto onde se proxecta o cruzamento do colector de fecais coa N-550 existe un paso inferior de drenaxe inservible e outro que non posúe a capacidade necesaria para evacuar as augas polo que, en episodios de choivas fortes, ese punto baixo no que se atopa unha vivenda, anégase.

As obras permitirán duplicar a capacidade do colector existente cunha tubaxe, case que en paralelo, e con saída no río Pexegueiro, cunha tubase de PVC de 630 mm de diámetro o que impedirá o asolagamento da zona.

Finalmente, a rede de abastecemento proxectada está formada por un colector principal que discorre polo camiño de Agrelo ao longo de 449 metros e contará cunha tubaxe de fundición de 100 mm de diámetro a fin de servir de rede contraincendios e con previsión de ampliación nun futuro. Ao igual que acontece doa rede de fecais, e ante a imposibilidade de facelo por outro lado, o trazado cruza a liña de ADIF por un dos colectores existentes na beirrarúa que discorre polo paso inferior.

Unha vez rematadas as obras de saneamento e abastecemento, procederase ao asfaltado da totalidade dos camiños públicos afectados. Nas obras que afectan á traza do Camiño Portugués pola Costa, o pavimento que se repola se fará de forma axeitada ao carácter deste elemento patrimonial e os elementos de rexistro e enlace colocaranse ordenadamente.

En canto aos treitos perimétricos do Pazo de Torres de Agrelo, lindeiros co muro de peche deste, o asfaltado non se estenderá ata a base de dito muro, senón que se deixará unha franxa de herba de non menos de 20 cm de anchura e se conservarán aquelas franxas que, na actualidade, teñen case que un metro de largura.

Tomiño, un clamor en defensa da Atención Primaria de calidade

0

Centenares de persoas saíron saíron o mércores 26 de xaneiro a rúa en Tomiño para denunciar a grave situación da atención primaria no concello e en toda a comarca. A alcaldesa, Sandra González, reclamou “solucións urxentes para unha situación crítica que pon en risco a saúde de todos e de todas”. A atención primaria en Tomiño e no Baixo Miño padece unha carencia de persoal sanitario que case limita a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas, e provocando o exceso da atención telefónica que tamén xera que a centralita dos centros de saúde chegue a saturarse.

A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, afirma que a situación crítica xa existía antes da pandemia e que a COVID amplificouna. “Na manifestación reclamamos que se volva abrir o consultorio de Goián e a cobertura das baixas, xubilacións e vacacións”, afirma a edil, ao tempo que lembra que “a resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.

A manifestación de Tomiño foi a segunda dunha rolda de concentracións que organiza a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca. A primeira foi no Rosal e as seguintes son o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente). Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reivindicar”.

A médica do Centro de Saúde de Tui, Laura Silva, natural de Tomiño, resumiu a situación con cifras. “Non hai mais que ver o caso do noso concello. Por ratio de poboación nos corresponderían 10 equipos de atención primaria, é dicir, 10 médicas e 10 enfermeiras. Na actualidade temos unha dotación de 8 médicos e 7 enfermeiras e a día de hoxe só 5 médicas prestan consulta. En resumo: 5 facendo o traballo de 10. Pero esta situación está igual ou peor en todos os concellos da comarca e a resposta do Sergas ante esta precaria situación limitouse a mobilizar o escaso persoal de Tomiño ao centro de saúde do Rosal”.

O Concello de Tomiño tamén quere mostrar o seu apoio aos profesionais da saúde e garantir que continuarán loitando para que poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza. Por todo isto, “queremos que os veciños e veciñas da Mancomunidade saían a rúa para demostrarlle a Xunta que xa estamos fartos e fartas de poñer en risco a nosa saúde”.

Redondela e Chapela recuperan o desfile de Comparsas e Enterro do Berete

0

Redondela e Chapela son, neste 2022 que acaba de comezar, o reflexo dunha certa normalidade ao recuperar o Desfile de Comparsas e Enterro do Berete, respectivamente, no Entroido. Logo da suspensión das actividades na rúa no pasado 2021, o concello volve a retomar unha das súas celebracións máis tradicionais aínda que mantendo as medidas e normas de seguridade sanitaria que marcan as autoridades competentes na materia.

As bases que rexeran o Desfile de Comparsas e o Enterro do Berete, serán publicadas esta vindeira semana no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), momento en que abrirase o prazo de inscrición que permanecerá aberto ata o 20 de febreiro.

REDONDELA

Para o Desfile de Comparsas e disfraces de Redondela, o Concello destinará un total de 10 500 euros distribuídos tanto en premios coma en axudas ás comparsas que participen nos desfiles. Así, no apartado de axudas, destinará 300 euros ás comparsas que teñan entre 26 e 55 compoñentes; 400 euros aos que conten entre 56 e 80 compoñentes e 500 euros ás formacións que conten con máis de 80 compoñentes.

As categorías nas que se pode participar nos desfiles serán as de Comparsa –agrupación de máscaras nun número superior a 25 persoas–, Mocidade –comparsa que teña o maior número de mozos e mozas menores de idade á data da actuación–, Retranca –comparsa que mellor exprese con segundas intencións e humor a actualidade dentro dun marco de respecto e educación–, Inclusión e diversidade –comparsa con maior número de participantes que teñan unha discapacidade igual ou superior ao 33 %–, Grupo –agrupación de máscaras nun número de entre 3 a 25 persoas–, Parella –dúas máscaras– e Individual.

No que aos premios fai referencia, o xurado outorgará un primeiro de 900 euros, un segundo premio de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Amais os premios á mocidade, á retranca é a inclusión e diversidade de cada comparsa terán un premio de 500 euros cada un.

O xurado tamén outorgará premios aos grupos –200 euros para o 1º e 150 € para o 2º–, premios de parellas –100 € ao 1º e 80 € ao 2º– e, finalmente, premios individuais dotados con 80 € para o 1º e 50 € para o segundo.

Para poder optar aos premios, é imprescindible que as comparsas acompañen o Entroido nos actos programados para o domingo 27 de febreiro, no que comezará o desfile ás 18 horas dende o Campo da Feira. O concurso de grupos, parellas e individual desenvolverase na tarde do martes 1 de marzo a partir das 17 horas. Todos os que desexen participar nesta fase do concurso realizarán a súa inscrición o mesmo día dende as 16 horas nun posto instalado nos soportais do Concello.

CHAPELA

No que ao Enterro do Berete fai referencia, e que terá lugar o sábado 5 de marzo, o Concello destina un orzamento de 3000 euros que se distribuirán en 400 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes e que leven carroza; 300 euros para as comparsas que conten entre 56 e 80 compoñentes e con carroza de acompañamento; 200 euros para as que teñan entre 26 e 55 compoñentes e leven unha carroza e, finalmente, 100 euros para as comparsas con máis de 25 compoñentes sen carroza.

Tanto no desfile de Redondela como no Enterro do Berete, as comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto nos seu vestiario coma na súa actuación e non serán consideradas comparsas don dereito a inscrición aquelas que en anos anteriores repetiran, no substancial, o deu disfraz.

A inscrición para as comparsas para Redondela e Chapela, no caso de persoas físicas, deberá facerse cumprimentando a folla de inscrición e presentándoa no Rexistro do Concello mentres que de tratarse de persoas xurídicas, e tal e como marca a lexislación vixente, tan só poderá facerse por vía da Administración Electrónica.

A alcaldesa Digna Rivas, animou á veciñanza a participar nos actos dun Entroido 2022 “que marca o comezo dunha certa normalidade” aínda que insistiu na necesidade “de cumprir con todas as normas de seguridade sanitaria a fin de que todas e todos poidamos gozar dunhas festas que sempre foron un dos nosos símbolos de identidade”.

“A pandemia segue aí, –enfatizou Digna Rivas– e temos que aprender a convivir con ela. Cumprindo coas normas que en cada momento se diten coa responsabilidade da que sempre fixeron gala as e os redondeláns, non dubido que este Entroido será unha festa por todo o alto”.

Dúas persoas trasladadas tras producirse un incendio nunha vivenda en Ponteareas que obrigou a desaloxar aos veciños do edificio

Tres persoas precisaron de asistencia sanitaria tralo incendio que se produciu nun edificio da céntrica rúa Rosalía de Castro de Ponteareas. Dúas das persoas tiveron que ser trasladadas ao centro sanitario de referencia e unha terceira puido ser atendida no mesmo lugar do suceso polos profesionais sanitarios.

Segundo informaron os Bombeiros de Ponteareas, o incendio produciuse no segundo andar dun edificio de catro plantas, situado na Avenida Rosalía de Castro, suceso que fixo preciso desaloxar aos veciños dos pisos superiores do edificio mentres os profesionais traballaban na extinción do lume.

As lapas consumiron, na súa totalidade, o dormitorio da vivenda ainda que toda ela resultou moi afectada polo fume. O lume fixo que caira parte da placa do teito o que impedirá que, tanto os ocupantes da vivenda sinestrada como as do andar superior, pasen a noite no seu domicilio.

O 112 Galicia tivo constancia do lume pasados uns minutos das catro desta tarde, grazas á chamada de varios particulares que indicaban que vían saír fume e lapas pola fiestra dunha vivenda. Ademais, algún dos alertantes aseguraba que se escoitaban berros dunha muller pedindo axuda nun balcón.

A partir de aí, desde o 112 Galicia informouse decontado aos membros do GES-SPEIS de Ponteareas, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade. Tamén os Bombeiros do Porriño foron informados, por se fose necesario prestar apoio aos compañeiros de Ponteareas. Igualmente, pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.  

Tras apagar o lume e ventilar a zona, os bombeiros de deron por rematada a súa intervención. A rápida intervención dos efectivos do parque de Bombeiros de Ponteareas, foi determinante á hora de que o sinistro quedara cinguido ao piso onde se produxo o incendio e non afectara a outras vivendas do edificio.

O Pleno de Ponteareas aproba por unanimidade as propostas do BNG para mellorar a sanidade pública

O Pleno de Ponteareas aprobou por unanimidade a batería de iniciativas presentada polo BNG para “garantir unha atención sanitaria digna ante o colapso da Atención Primaria, con cadros de persoal insuficientes para atender as necesidades sanitarias da poboación”. O Portavoz Municipal do BNG, Miguel Bouzó, sinalou que “o goberno do PP na Xunta ten que asumir as súas responsabilidades e pórlle freo ás políticas de desmantelamento dunha Atención Primaria exhausta tras anos de facer de trincheira do sistema sanitario. O seu fortalecemento non permite máis demoras”, afirmou.

Bouzó afeou a intervención do Partido Popular, aportando datos que “desmontan o argumento” da boa xestión do goberno de Feijoo. “Cando sería precisa unha auténtica aposta pola Atención Primaria para sacala do colapso, resulta que o orzamento para 2022 aínda é 2 millóns de euros máis baixo que no ano 2021, e 47 millóns de euros menos que cando entrou o PP na Xunta no 2009. Pero ademais, estamos á cola do Estado en investimento na Primaria, con só o 12 % do orzamento, máis de dous puntos por debaixo da media estatal e moi lonxe do 25 % que aconsellan todos os estudos”.

Así mesmo, o portavoz do Bloque criticou a política laboral da Xunta, “que somete ás profesionais a condicións laborais precarias, sufrindo mesmo a contratación por días. Temos un servizo de pediatría en Ponteareas colapsado, cun profesional que ten que desprazarse por toda a comarca porque o Sergas non cubre as prazas. Temos exemplos dunha mesma persoa con 53 contratos en 3 meses, con 46 deles dun día e o resto de 2 e 3 días. Sorpréndelles que as profesionais non queiran traballar en condicións coma estas?”, cuestionou Bouzó á bancada do PP, tras propor contratar en condicións dignas o persoal necesario para unha atención sen demoras.

Entre as propostas aprobadas, figura implantación da Unidade de Saúde Mental en Ponteareas. O BNG insistiu nesta demanda, dado que “esta pandemia deixou un impacto brutal na saúde mental da cidadanía. Trouxo illamento social, confinamento, afectación emocional pola perda de seres queridos, incerteza, angustia, ansiedade, depresión, medo ante o futuro… Xa é hora de sacar a saúde mental da marxinalidade en termos de recursos económicos, humanos e materiais”, sinalou Miguel Bouzó.

“As cifras que demostran o desmantelamento da sanidade pública son alarmantes, e detrás das cifras hai persoas que sofren. Por iso, dende o BNG consideramos que o PP non pode seguir agochándose continuamente na situación de pandemia e de crises e ten que pór en marcha medidas que garantan unha atención sanitaria digna á altura do que por dereito nos corresponde ás galegas e galegos”, concluíu Bouzó.

Tres días de loito oficial no Porriño polo pasamento da exalcaldesa Eva García de la Torre

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, en nome de toda corporación local trasmite a inmensa dor e respecto polo inesperado pasamento da que fora alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre e trasladan as máis sentidas condolencias á familia.

A corporación local celebrará esta tarde un pleno extraordinario no que se decretarán 3 días de loito oficial nos que as bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta. 

Seis espectáculos marcan o inicio da programación de 2022 no Teatro Municipal de Tui

0

O Teatro Municipal de Tui abre a programación de 2022 con seis espectáculos a celebrar entre o 4 de febreiro e o 18 de marzo. Teatro e música son os dous eixos desta proposta cultural da que a metade dos eventos van dirixidos a público infantil e a outra metade a público adulto. O teatro tudense terá o 85 % do aforo e contará cun protocolo covid nunha aposta pola cultura segura. As entradas para todos os espectáculos poranse á venda o próximo martes, 1 de febreiro, ás 21h a través de www.tui.gal. Os prezo en función do evento oscilan entre os 10 € e os 3 €.

Nesta programación figura a estrea nacional da obra “As que limpan” da Panadería Teatro en coprodución co Centro Dramático Nacional. A compañía fará residencia no teatro tudense, dende o luns 31 de xaneiro ao 11 de febreiro, previa a posta en escena desta obra o venres 11 de febreiro ás 21 h. Unha obra na que Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, coma autoras, directoras e actrices, abordan, en forma de comedia, a loita organizada das limpadoras de pisos por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos.

Tamén estrea será o concerto que o músico Manuel Madarnas ofrecerá o venres, 4 de marzo, ás 21 h para presentar o seu primeiro traballo discográfico “laMMarca”. En directo presentará os temas deste seu primeiro albume en solitario co que busca pór en valor a música instrumental.

A terceira das propostas para público adulto será o venres 18 de marzo, ás 21 h, con “A lingua das bolboretas” de Sarabela Teatro que recibiu catro premios María Casares, entre eles o de Mellor Espectáculo. Gonçalo Guerreiro dirixe esta obra baseado no libro de Manuel Rivas. Sobre o escenario estarán Elena Seijo, Josito Porto, Fran Lareu, Fernando Dacosta, Sabela Gago e Fina Calleja

A primeira cita para público infantil será o venres, 4 de febreiro, ás 19 h coa compañía Elefante Elegante que abrirá esta programación coa posta en escena de “Cubo”. É unha obra de teatro xestual dirixida e protagonizada por María Torres e Gonçalo Guerreiro. O venres 18 de febreiro, tamén ás 19 h, Culturactiva presenta “Rosalía” unha representación que recolle a autora de “Cantares Gallegos” cando era nena, e coa que se conmemora o “Día de Rosalía”. Nate Borrajo é a autora desta obra que dirixe Fina Calleja e interpretan Cristina Collazo e Rocío González.

Por último, para público infantil, o venres 11 de marzo, ás 19 h, Charo Pita achegará o seu espectáculo musical “No pais do vento”. Un concerto no que participarán tamén María Faltri, Jorge Juncal, Javier Fernández e Juansi Santomé.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, amosa a súa satisfacción por poder presentar unha nova programación cultural para comezar este ano 2022, insistindo no feito de que “a cultura é segura”. Unha vez máis o público de todas as idades, dende os cativos, aos maiores, poderá gozar de espectáculos en directo neste caso con especial presenza do teatro e a música, e con todas as medidas de seguridade.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que “mantemos a aposta pola cultura” cunha programación que nos singulariza pola súa calidade e variedade, e que ao longo destes anos ten contado co aplauso do público. Nesta ocasión amais con dúas estreas no teatro tudense da compañía A Panadería, e do músico local Manuel Madarnás.

‘Roteiros e serradoiros dos Carranos’ percorre este domingo a ruta da ‘Forca do Lobo’ en Covelo

0

Lourdes Enes, concelleira de Turismo do Concello de Covelo vén de lembrar a todas as persoas interesadas que este domingo, día 30 de xaneiro, está prevista a realización do roteiro Forca do Lobo. A actividade enmárcase no programa ‘Roteiros e serradoiro dos Carranos’ desenvolto en colaboración coa Deputación de Pontevedra e que permite unha programación estable de rutas ao longo do ano.

Este roteiro de dificultade alta percorrerá 13 quilómetros, cunha duración de arredor de cinco horas e un trazado circular. A actividade é de balde e precisa inscrición previa no número de teléfono 654 500 652. O número de prazas está limitado a 20 persoas que serán admitidas por orden de inscrición.

O guía recomenda levar calzado axeitado para o sendeirismo, crema solar , bebida, alimento reconstituínte, bastón de camiñar e desinfectante de mans. Ademais, lembra que é obrigatorio participar co material de prevención de risco de contaxio individual do COVID 19, como son as máscaras.

A concelleira de Turismo adianta que as actividades desenvoltas no marco do programa ‘Roteiros e serradoiro dos Carranos’ está a resultar moi exitosa cubrindo sempre as prazas ofertadas e atraendo a persoas de toda Galicia que veñen gozar do día no noso concello.

O PSOE de Ponteareas denuncia “amenazas” por parte de membros da directriva da Plataforma da Nacional 120

O Partido Socialista de Ponteareas asegurou ter recibido por correo electrónico unha “carta ameazadora” asinada polo voceiro da Plataforma da Nacional 120. Segundo o PSOE ponteareán, “son moitas as ocasións en que o Partido Socialista e, en concreto, a súa portavoz Chus Garrote, ten que soportar insultos, amenazas e improperios por parte desta persoa e doutros membros da directiva da Plataforma”.

A situación a que se refire o comunicado do PSdeG-PSOE de Ponteareas tivo o seu máximo expoñente onte cando recibiron vía correo electrónico “unha vez máis e cunha actitude violenta impropia de calquera que presume ser voceiro dos veciños de tres parroquias cando non foi elexido por ninguén”, unha acusación que os e as socialistas cualidifan de “falsidade” con respecto ao tratado no Pleno Municipal do pasado martes 25 de xaneiro.

Dende o Partido Socialista denuncian públicamente que a persoa “que presume ser voceiro dos veciños e veciñas de tres parroquias de Ponteareas fai seguidismo do descurso do PP e amósase incapaz de recoñecer os avances que se teñen feito dende a chegada dos socialistas ao Goberno de España”.

Esta persoa, continúa o escrito socialista, “leva 6 anos facéndolle o xogo sucio ao PP e aproveitando a máis mínima ocasión para cargar contra o Partido Socialista”. “É imposible entablar un diálogo sensato e constructivo con quen está instalado na negación absoluta aos avances producidos”, afirma o PSOE.

“Non podemos consentir nin unha falta de respecto máis. Non imos ser actores pasivos dunha actitude violenta que en nada beneficia aos veciños e veciñas da nosa vila”, afirman para continuar sinalando que “é inaceptable que anuncie a bombo e platillo que o Partido Socialista é culpable das mortes producidas na Nacional 120”.

Por todo o exposto o Partido Socialista asegura que non recoñecereá a esa persoa “como voceiro da Plataforma e se os demáis membros da Plataforma continúan apoiándoo deixaremos tamén de recoñecer a Plataforma como interlocutora válida xa que demostrarían así ser un arma política do Partido Popular”.

Roberto Mera presenta en Covelo o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

0

O avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas presenta mañá no Auditorio Municipal de Covelo, ás 20.00 h, o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, publicado por Belagua Ediciones. Acompañarán o autor o presidente da Comunidade de Montes de Paraños, Xosé Manuel Sendín, e o xornalista Gabino Porto.

Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17 000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia. Polo momento, están programadas para o vindeiro mes de febreiro presentacións en Allariz (día 4, na Fundación Vicente Risco), O Porriño (día 5, no Círculo Recreativo Cultural), Ourense (día 10, na libraría Espacio Lector Nobel), Ribadeo (día 11, na Casa do Viejo Pancho) e Monforte (día 12, no Ateneo Casino).

Mos defende a permanencia na súa actual ubicación das empresas de Monte Faquiña

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, reuniuse nas dependencias de AEMOS en Puxeiros coa directiva da Asociación e representantes das empresas do Polígono de Monte Faquiña afectadas pola suba desproporcionada do canon por parte da Comunidade de Montes de Tameiga. O obxectivo desta xuntanza é a busca dunha solución a esta importante parte do empresariado mosense, que se atopa xa buscando solo industrial en Valença para trasladar as súas compañías, de non atopar solución á mencionada situación coa Comunidade de Montes de Tameiga. Para elo estiveron tamén presentes na reunión o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, IGVS, Heriberto García Porto, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, para presentarlles a Plisan ou Porto Seco do devandito municipio como alternativa, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Neste sentido Arévalo, rexedora local mosense, manifestou o seu “agradecemento á Xunta, á Plisan de Salvaterra é ao Porto de Vigo pola man tendida e o interese demostrado para tratar de buscar unha solución e ofrecer unha alternativa ás empresas mosenses de Monte Faquiña, estudando tanto unha vía de regularización do canon como buscando unha localización dentro da provincia que non implique unha fuga de empresas ao país veciño”.

“Sen embargo, desde o Concello de Mos”, puntualizou a alcaldesa, “o noso máximo interese e a nosa aposta clara é por defender o patrimonio desta parte do empresariado mosense, que permanezan onde se atopan asentadas, xa que as empresas afectadas levan investido máis de 20 millóns de euros en 10 anos”.

Nidia Arévalo puxo tamén enriba da mesa a posibilidade dun traslado ao novo polígono de Arrufana, no que o setembro pasado a Xunta anunciaba que habilitará preto de medio millón de m2 de solo industrial. Este novo desenvolvemento é un dos previstos na modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

Sen Embargo Arévalo insiste en que “a prioridade do Concello de Mos é que as empresas de Monte Faquiña queden onde están e conserven o patrimonio industrial no que levan investido tantos millóns de euros”.

Rematou a alcaldesa declarando que “a firme vontade municipal é a de apostar polo Plan A de que as empresas queden en Monte Faquiña e de buscar e atopar solucións para elo. O Plan B sería Arrufana xa que por suposto queremos que as empresas permanezan en Mos”.

Lete Lasa destaca o “excelente nivel” do deporte tudense

0

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de onte o concello de Tui, acompañado do alcalde Enrique Cabeleiro, onde mantivo unha xuntanza de traballo cos principais clubs deportivos tudenses na que se trataron os temas relativos ás principais axudas e subvencións deportivas da Xunta para o exercicio 2022. Lete Lasa destacou o “excelente nivel” das 70 entidades deportivas inscritas no Rexistro e, nomeadamente, os 16 clubs asistentes á reunión: o Club Kayak Tudense, a Sociedade Deportiva Tui, o Club Remo do Miño, o Club de Remo de Tui, o Club de Piragüismo Penedo, o Club Balonmán Tui, A Quinta de Tui Futsal, o Club Bádminton Tui, o Tyde F.C., o Club Deportivo Caldelas, o Club Náutico San Telmo, o Club Patinaxe Artística Ribex, o Club Deportivo Ribadelouro, o Club Pádel 8, o Club Ximnasia e Auga e o Club Deportivo Tui Fútbol Sala. 

O mandatario galego destacou a “reciprocidade da Xunta de Galicia co gran traballo que se está a facer no deporte tudense” e cifrou en preto de 150.000 euros os recibidos ao longo de 2021 polos clubs do municipio nas distintas liñas de axuda da Secretaría Xeral para o Deporte como as subvencións de actividade, contra a Covid-19, os Fondos de Consenso para a reactivación, patrocinio de eventos, equipamento, patrocinios aos equipos de alto nivel e becas DGAN. Neste sentido, Lete Lasa animou aos clubs tudenses e aos seus dirixentes para “continuar traballando neste 2022 por moitos máis éxitos deportivos para o que contades”, dixo, “co apoio incondicional do Goberno galego”. Neste sentido, o secretario xeral analizou cos clubs as principais liñas de axudas para o exercicio en curso.

Vídeo marcador para o pavillón e material para o Centro ‘Quique Míguez’

Instantes antes da reunión cos clubs, Lete Lasa supervisou a instalación dun vídeo marcador no polideportivo municipal así como o equipamento concedido para instalacións municipais de piragüismo grazas aos convenios de colaboración entre ambas administracións.

No pavillón municipal compiten os clubs tudenses Club Balonmán Tui, A Quinta de Tui F.S., C.D. Tui F.S., Club Baloncesto Tui, C.P.A. Ribex de Tui, así como alberga eventos deportivos do Judo Club Tudense, do Club Deportivo DiSom Tui e de distintas federacións deportivas. Lete Lasa destacou a importancia para todos eles de contar cun “vídeo marcador de última xeración cun orzamento de máis de 25.000 euros”. Cómpre salientar que, dos 25.803,71 euros desta actuación, a Xunta de Galicia achegou o 77,5% (20.000 euros), mentres que o concello, o 22,5% restante.

O vídeo marcador deportivo LED ten un tamaño duns 10 m2, con tecnoloxía de última xeración para uso en interiores, cunha resolución pixel pitch 4,8 mm e de tecnoloxía led SMD. Conta cun ordenador de control con software específico para procesador led e software específico para uso de marcador; superficie gráfica da pantalla led deportiva de 10 m2; consola deportiva para manexo de marcador; estrutura para fixación da pantalla; bocina; xogo de dous marcadores de posesión, homologados por FIBA e consola de posesión.

Ademais, Lete Lasa supervisou o material para o Centro Municipal de Piragüismo ‘Quique Míguez’, subministrado grazas a outro convenio de colaboración entre ambas administracións e que contou cun orzamento de máis de 26.000 euros, o 80% deles (21.105,05 euros) achegados pola Xunta. Nesta instalación municipal adestra o Club Kayak Tudense. Ademais alberga eventos deportivos como o Descenso Internacional do Río Miño, proba de interese turístico Galego.

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.

Lucenza homenaxeará a Darío Xohán Cabana durante a súa presentación ao público este venres en Nigrán

0

A asociación Lucenza-Ateneo de Nigrán levará a cabo unha pequena homenaxe ao escritor Darío Xohán Cabana, recentemente falecido, durante a súa presentación como asociación este venres, 28 de xaneiro, no auditorio municipal, ás 20.00 horas.

Durante o acto o presidente, Xabier Méndez, xunto con algúns membros da entidade, explicarán ao público os obxectivos e actividades programadas nos vindeiros meses. Xunto coa lectura de poemas de Darío Xohán Cabana, non faltará a música en directo, coa actuación de Jorge Vilas (frauta travesera) e Adrián Lamek Méndez (acordeón). Animarase, así mesmo, aos veciños á participación nesta asociación e abrirase tamén un tempo de coloquio entre as persoas asistentes.

Lucenza – Ateneo de Nigrán botou a andar hai uns meses, a partir do sentir compartido dun grupo de veciñas e veciños das diferentes parroquias de Nigrán, que consideraron conveniente poñer en marcha unha entidade sociocultural que se centre en organizar actividades a nivel municipal para beneficio de toda a veciñanza.

O ateneo de Nigrán nace coa ilusión e co compromiso de convertirse nun espazo aberto, libre, plural e amigable, que dea cabida a todas aquelas persoas dispostas a cooperar, aportando o seu compromiso, o seu tempo, o seu coñecemento e as súas habilidades en beneficio da cultura, da xente e do territorio.

Obxectivos

Lucenza quere contribuir modestamente, como unha entidade máis do municipio, á dinamización sociocultural de Nigrán, ao reforzamento da súa axenda cultural e a superación de certas eivas que aínda neste ámbito continúanse a padecer no municipio.

Aínda que Lucenza foi fundada a comezos do pasado ano, en tempo de confinamentos e dificultades para desenvolver actividade pública, leva xa uns meses poñendo en marcha as súas primeiras iniciativas,como o programa de andainas guiadas polo territorio ou a posta en marcha do Clube de lectura “Compartindo libros”.

Lucenza continuará a desenvolver durante este ano que comeza novas iniciativas e actividades, principalmente centradas en asuntos como a difusión da historia local, o coñecemento do territorio, concienciación e defensa do patrimonio, o medio ambiente e a paisaxe;  a promoción da creación cultural e da cultura popular, actividades de lecer e socialización, a promoción do uso do galego,  a abordaxe de debates que afectan á nosa xente, e calquera outras accións que axuden ao fomento do coñecemento e do pensamento crítico e democrático na sociedade.

O Plan ReacPon da Deputación impulsa a esperada transformación da Picota en Redondela

0

A veciñanza de Redondela poderá desfrutar dunha gran transformación do espazo público na rúa da Picota, que integrará no seu trazado as prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña para crear unha zona continua, segura, accesible e onde o tránsito peonil será protagonista. Esta grande actuación será posible co Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, cuxo convenio asinaron hoxe a presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. O proxecto, que conta cun ambicioso orzamento de 850 000 euros, do que a Deputación achega 636 940 € e o Concello 212 313, recuperará así unha zona actualmente pensada para os coches e que con este proxecto se converterá nun punto de convivencia para as persoas.

A presidenta, Carmela Silva, sinalou a importancia deste proxecto “moi potente”, situado dentro do Camiño Portugués, “polo que non estamos a falar unicamente de recuperación do espazo público para as persoas, senón que forma parte dun itinerario primordial para a provincia, polo que circulan moitísimas persoas e debe estar nas mellores condicións”. Grazas a este proxecto do ReacPon “a xente será a dona deste espazo e estamos moi felices de que a veciñanza de Redondela teña novos lugares para desfrutar deles con todas as garantías”, afirmou. Carmela Silva asegurou que “Redondela ten moitos valores para converterse nunha vila amable e desexable para a veciñanza e visitantes, pero para que isto aconteza hai que investir para que sexa cada vez máis atractiva”. “Con actuacións como esta, Redondela estase a poñer os seus mellores traxes, fermosa e cun modelo claro de transformación”.

A presidenta lembrou que ReacPon obedece á necesidade de “fondos extraordinarios para financiar grandes actuacións que non poden ser asumidas co Plan Concellos”. Un plan extraordinario, dotado de máis de 26 millóns de euros, con criterios obxectivos que unicamente valora as cuestións técnicas dos proxectos presentados polos concellos. “É inconcibible e intolerable que outras administracións practicamente só asinen convenios con concellos gobernados polo seu partido político, como acontece coa Xunta, á quen lle pedimos que faga o mesmo que facemos nós: plans claros e obxectivos aos que se poidan presentar todos os concellos”, engadiu. Ademais, Carmela Silva tamén reclamou “máis recursos para os concellos se de verdade queremos transformar Europa, España, Galicia e a provincia”. A presidenta recordou que “os concellos son capaces de presentar e executar proxectos maduros con axilidade, xestionan moi ben. Só imos ser capaces de facer unha transformación urbana, dixital, transición ecolóxica e cohesión territorial se os concellos teñen capacidade e recursos”. Co Plan ReacPon, asegurou, “aliñámonos coa Axenda 2030, os Next Generation e o Plan de Resiliencia para sermos unha referencia en transformación”.

Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, deu as grazas á Deputación “porque, grazas ao modelo que tivo desde o primeiro día da chegada deste goberno, os concellos temos a oportunidade de transformar as nosas vilas”. Rivas trasladou as “grazas, grazas e máis grazas por parte das veciñas e veciños de Redondela por poder transformar o que por dereito é seu”. A rexedora asegurou que “a Deputación non deixa de lado as nosas veciñas e veciños, que é a quen temos que primar, e grazas a que os seus plans teñen criterios obxectivos Redondela poderá transformar unha rúa –a da Picota– que levaba anos esquecida, pola que pasan milleiros de persoas, cuxas veciñas e veciños levaban tamén anos solicitando a súa humanización”. Digna Rivas engadiu que a esta actuación se lle suma “a transformación da rúa Santa Mariña, que está xusto ao carón desta zona, e que será levada a cabo con recursos do Plan Concellos”.

O proxecto

Coa actuación do Plan ReacPon na Picota darase o protagonismo ao tránsito peonil, aplicando en toda a vía unha plataforma única para garantir a seguridade e a accesibilidade. Igualmente, mellorarase o aspecto visual e funcional da rúa (desde o cruce coa rúa Fumeiros ata a N-550), integrando as dúas prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña no seu trazado, que tamén se vai regularizar, dotando a rúa dunha nova identidade relacionada co adoquinado existente na vila e tamén con novos pavimentos empregados nas prazas. Amais, revalorizaranse a Capela e a Fonte do Mouro, crearanse zonas de estancia en ambas as dúas prazas e eliminarase o feísmo mellorando os accesos ás vivendas, bares e aparcadoiros.

Amais de zonas axardinadas, entre os materiais que se empregarán destacan o aceiro galvanizado gris para escaleiras, límites entre pavimentos e varandas, o formigón para beirarrúas e chanzos, o adoquín para franxas de beirarrúas e pavimento base na área rodada.

Concentración en Ponteareas en defensa da sanidade pública

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, que se amplía á comarca da Paradanta despois da incorporación de membros de Covelo e de Arbo, convoca a unha nova concentración diante do centro de saúde de Ponteareas este xoves 27 de xaneiro ás 20 h.

Dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública co Condado buscan facer chegar á Xunta de Galicia”a clara determinación de seguir loitando contra o deterioro da sanidade pública”. Considera a plataforma que este deterioro “non é casual”, se non que é o produto dunha política, “a practicada polo PP na Xunta de Galicia, orientada a fomentar a sanidade privada e converter o que é un servizo público e un dereito fundamental nun negocio para as grandes empresas do sector sanitario”.

De seguir adiante esta política, apunta a Plataforma, “limitará o acceso a unha sanidade de calidade soamente a quen a poida pagar. Isto é algo que dende a plataforma non podemos consentir polo que xa poden esquecerse o presidente da Xunta de Galicia e os seus conselleiros de que nos aburramos e abandonemos as mobilizacións”.

As explicacións da actual situación na que se atopa a sanidade pública en xeral e a atención primaria en particular dadas polo Presidente da Xunta de Galicia dicindo que hai unha falta de médicos “non son máis que escusas”, engade a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado, xa que son “moitos anos de maltratar ás profesionais da saúde con condicións da máis absoluta precariedade no sector público galego o que provocaron que profesionais formadas na nosa comunidade víranse obrigadas a buscar mellores condicións laborais noutros lugares. Non queremos un sistema sanitario no que os e as profesionais da saúde teñan que ser heroes nin mártires pola causa, se non profesionais cualificadas con unhas boas condicións laborais”, aseguran.

Por iso a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta fai un chamamento á veciñanza a sumarse unha vez máis a esta concentración “para que dende a Xunta de Galicia tomen nota e non pensen que nos esquecemos do que están a facer”.

O Concello de Redondela segue sen ter información oficial da Xunta de Galicia sobre o parque eólico en Reboreda

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou onte que o Concello de Redondela “non ten ningún tipo de notificación, informe ou comunicación oficial” sobre a instalación dos aeroxeneradores que a Xunta pretende situar nos montes da parroquia de Reboreda, no límite co veciño concello de Pazos de Borbén.

Para a rexedora local redondelá “non é de recibo que, a estas alturas, a Xunta de Galicia manteña ao Concello nunha situación de absoluta falta de información” e os poucos datos cos que conta o consistorio redondelá “son a través de pescudas e informacións conseguidas a través de canles non oficiais”.

O Goberno local remitiu xa un oficio á Xunta de Galicia no que se esixe “información detallada sobre o proxecto” para saber como afectará aos montes de Reboreda, tanto pola instalación dos propios aeroxeneradores en si como polos danos que poden causar ao entorno natural a apertura de pistas e tránsito de vehículos pesados para a colocación dos aparellos.

En todo caso, Digna Rivas adiantou que o seu Goberno presentará alegacións á instalación destes aeroxeneradores “no momento en que a Consellería teña a ben poñer o proxecto en coñecemento do Concello, cousa que ata o momento non fixo porque, asemella que non informar ao Concello de Redondela de temas que lle atinxen directamente, está a converterse nunha costume por parte da administración autonómica”.

A alcaldesa redondelá expresou o seu rexeitamento “á instalación dun parque eólico de dubidosa eficacia enerxética e que, por contra, tería un impacto negativo sobre o medioambiente”.

“O escurantismo do proceso con que a Xunta está levando a cabo este proceso, mantendo ao Concello totalmente desinformado, fai dubidar sobre a utilidade pública do mesmo”, explica a alcaldesa quen avanza que o Goberno adoptará todas as medidas “para protexer o fráxil equilibrio medioambiental dos nosos montes e para garantir que a veciñanza de Redondela sexa escoitada e teña peso á hora de decidir sobre temas que lle afectan directamente”.

A OMIX de Tomiño comeza a oferta da súa programación de 2022

0

O Concello de Tomiño, a través da OMIX, oferta, como cada ano, unha variada programación para que a mocidade teña acceso a diferentes obradoiros, cursos e actividades formativas e ou lúdicas. Así, o vindeiro mércores 2 de febreiro de 18.45 a 20.15 horas, comezará na Aula Ensaio do Auditorio de Goián un curso de iniciación á guitarrra que durará ata o 20 de abril cunha clase semanal. As persoas interesadas poden realizar a inscrición a través da web do Concello. O prezo total do curso é de 20 euros.

Unha parte do contido da formación está baseada no método Rock School of London, coa autorización de dZetta Music Center Vigo, escola á que pertence o tomiñé Andres “Tito” (Heissel), o docente. Este métodoestá deseñado para aprender un instrumento moderno e á vez ir conseguindo, mediante exames. O método Rockschool cos seus 8 graos equivale a un grao profesional do Conservatorio Clásico. A través del o alumnado recibirá formación sobre acordes, modos, harmonía moderna aplicada ao instrumento, técnica… Malia que este método está máis pensado para guitarra eléctrica, tamén se pode adaptar á clásica ou acústica.

Ademais, ofértase tamén en febreiro un curso básico de xaponés A1 en formato online que ten como obxectivo adquirir coñecementos básicos comunicativos na lingua xaponesa: comprensión auditiva, lectora, expresión verbal e escrita poden tamén inscribirse na páxina web municipal. Comezará o sábado 5 de febreiro e será en horario de 19 h a 21 h, tendo unha duración total de 40 h e un custe de 15 euros.

Informamos que nos vindeiros días, a OMIX de Tomiño abrirá o prazo de inscrición dos vindeiros cursos que comezarán no mes de marzo, un online; inicio á cociña vegana e o outros dous presenciais; autodefensa feminista e monitor/a de tempo libre con título oficial homologado pola Xunta de Galicia.

O Concello licita a adecuación da planta baixo cuberta do edificio consistorial

0

O Concello da Guarda ven de sacar a licitación as obras de adecuación da planta baixo cuberta do edificio sede do Concello, cun orzamento de execución de 141 610,00 € sen IVE e cun prazo de execución de 60 días.

Toda a información sobre esta licitación, pregos e demais informacións de interese, están a disposición dos interesados no perfil do contratante da sede electrónica municipal en www.aguarda.es

Nestas obras rematarase definitivamente o edificio do Concello da Guarda, nunha planta na que está previsto aloxar o Departamento de Servizos Sociais e Urbanismo.

O prazo para a presentación de propostas remata o vindeiro 22 de febreiro de 2022.

Leticia Gallego cualifica de “ataque á sanidade pública” a restrición de actividade en 14 centros de Atención Primaria da área de Vigo

A deputada socialista Leticia Gallego tachou hoxe de “ataque á sanidade pública, gratuíta e universal” a decisión da Xunta de restrinxir a actividade en 14 centros de atención primaria da área sanitaria de Vigo, facendo que os facultativos só atendan urxencias e casos de Covid. Trátase, en palabras da parlamentaria do PSdeG, dunha “decisión nefasta” xa que “toda a cidadanía ten dereito a acudir ao seu médico por calquera enfermidade”.

Leticia Gallego sinalou que esta medida afecta ás unidades de Primaria do Rosal, A Guarda, Tomiño, Oia, Cangas, Moaña, Ponteareas, O Porriño e, en Vigo, aos centros de saúde de Navia, Nicolás Peña, Beiramar, Casco Vello, Matamá e Teis.

Así, alertou de que “a situación da atención primaria na área de Vigo é gravísima” e fixo especial fincapé nos prexuízos que se están a ocasionar aos pacientes do Baixo Miño e do Morrazo, unha situación asistencial “indigna e indecente” e con protestas de diferentes colectivos sanitarios todas as semanas. Solicitou tamén ambulancias medicalizadas para estas dúas comarcas porque “están xogando vostedes coa saúde dos galegos e galegas”.

En calquera caso, Leticia Gallego indicou que “non se pode tolerar que se estea desatendendo a poboación en xeral e atendendo tan só ás urxencias e ás persoas con COVID”. Por iso, reclamoulle á Xunta que “incorpore de maneira inmediata máis persoal facultativo nestes catorce centros de saúde aos que lles restrinxiu a actividade”.

Leticia Gallego lembrou que esta medida xustificouse en que había moitos profesionais de baixa, outros de vacacións  e prazas vacantes por xubilacións que non se cobren. Porén, lembrou que “esta situación non é nova” e que, de feito, o grupo parlamentario socialista estivo a denunciar esta situación e “o colapso da atención primaria” ao longo de todo o ano pasado.

“Esta é”, subliñou, “unha mostra máis desa saturación no sistema galego de saúde da que vimos alertando os socialista durante toda esta lexislatura”. Por iso, manifestou que “resulta necesario poñer de xeito urxente á dispor dos centros de saúde os recursos humanos suficientes para atender as necesidades de cada municipio conforme a súa poboación, para deste xeito garantir a correcta e plena asistencia sanitaria na Atención Primaria”.

Ao fío disto, tamén lamentou que a Xunta renunciase a formar a 151 médicos de familia na última década, outra circunstancia que afonda no abandono e o deterioro da sanidade pública galega.

En definitiva, as restricións na área sanitaria de Vigo enmárcanse nun contexto no que “a atención primaria está totalmente desbordada, con xornadas de ata 190 pacientes nalgúns PAC, cuns profesionais esgotados, con cada vez máis cadros de depresión e ansiedade entre os médicos e médicas e cun total desánimo”. Nesta liña, Leticia Gallego advertiu que “o goberno do señor Feijoo “está acabando coa sanidade pública e de calidade en Galicia e cos profesionais da sanidade non poden máis e así o están denunciando”.

Tras destacar “a gran profesionalidade e o compromiso de todos os facultativos da nosa comunidade”, Gallego demandoulle ao goberno galego “que melloren os contratos de médicos, médicas e enfermeiras”, xa que moitos deles están a marchar a Portugal, onde “as condicións laborais son mellores”.

Miguel Guerrero ‘Carolo’ incorporase ao proxecto do Pontebike Team-Sportskids

O club ponteareán Pontebike Team, vén de dar a coñecer a fichaxe de Miguel Guerrero Piñeiro para o seu equipo de competición Pontebike Team- Sportskids, co que participará nas probas de Bmx-Freeestyle.

Ao recente proxecto de potenciación do seu equipo co anuncio da fichaxe de Marcos Avendaño para Trial, agora súmase Miguel Guerrero, alias Carolo, para a modalidade de Bmx.

Miguel Guerrero ‘Carolo’ e sobradamente coñecido no mundo do Mtb Dirt Jump, onde é un habitual do FMB Word Tour, colocándose entre o Top-10 a nivel mundial.

Este ano Carolo seguirá competindo no Dirt Jump, pero compaxinarao co Bmx Freestyle, Enduro e Dh, a nivel Nacional, desde logo albergará grandes espectativas entre os asistentes ás probas.

Miguel se incorporá despois dunha Tempada marcada polo Covid-19 e por unha recente lesión da que se atopa recuperando e espera chegar ás primeiras competicións ao máximo nivel.

Con este anuncio, o club afianza o seu proxecto de axudar aos ciclistas con gran futuro, das modalidades de ciclismo menos recoñecidas.

Colisión entre dous turismos en Ponteareas

Dúas persoas resultaron feridas e unha delas necesitou ser excarcerada polo GES-SPEIS de Ponteareas despois de que chocasen dous coches no punto quilométrico 650 da N-120, á altura de Ponteareas.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos voluntarios de Protección Civil do Porriño, os dous condutores dos vehículos implicados no accidente foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Os feitos sucederon ao fío das dez. Foi, a esa hora, cando varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar da colisión.

De xeito inmediato, o persoal do CIAE 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES-SPEIS de Ponteareas, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil.

En Ponteareas gozar da exposición do mestre Castelao ten premio

Ponteareas rende estes días homenaxe ao escritor, ilustrador e pensador Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co gallo do seu aniversario dando visibilidade á parte da súa obra. Ata o vindeiro 7 de febreiro seis edificios municipais e máis de 40 establecementos comerciais da vila acollen unha exposición de láminas das Cousas de Castelao coas que o público poderá gozar da obra deste intelectual comprometido, narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político que chegou a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX.

Os ponteareáns e ponteareás poderán gozar das láminas no Concello, na biblioteca municipal, no conservatorio, no auditorio, en Servizos Sociais e na residencia Santa Ana. Pero ademais poderán descubrir a Castelao coas 42 láminas repartidas polo comercio local e conseguir un premio. Con cada compra os establecementos repartirán rascas que poden resultar premiados cunha camiseta ilustrada cunha Cousa de Castelao. Os agasallos recolleranse na biblioteca municipal.

Dende o Concello agradécese a colaboración de todos os establecementos implicados, que tamén repartirán entre o público folletos explicativos da obra de Castelao. Nesta ocasión participan na iniciativa AdobiArte, Agrícola Comercial Carrera, Anova Cociña, Atlanticolor, Asesoría Carballido,  Audífonos Escoita Ponteareas, Auto Recambios Tea, Boinscon Ponteareas, Casal Cocinas, Castroteco , Centro de Fisioterapia Andrea Vila, Clos Zapatería, Coketas peluquería y belleza, Cuña y Caeiro, D’Anna Moda, Dandara Ponteareas, El Escondite de Montse, Elena Pérez Vestuario Laboral, Énchete, Farmacia Ferreira, Fiatc Seguros, Lambonadas, Librería Casa Pepe – Oficap, Librería Ledo, Librería Milfollas, Lourocor, Maripili, Mas-1, Melfran, Mundo Agro, Noelia Uñas y Belleza Ponteareas, Óptica Alemana, Otero Peluqueros, Peluquería 3M, Pipilota Ponteareas, Querubín, Segurtea, Señorita Rocuca, Simaq, SML Ponteareas, Sueños de Bolboretas e Thatiss Peluquerías.

A Concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba convida a toda a veciñanza a gozar desta orixinal exposición, así como das diferentes actividades que se realizarán en Ponteareas en homenaxe a Castelao. O vindeiro venres 28 de xaneiro (18.00 h) o ilustrador afincado en Ponteareas Pablo Prado impartirá un obradoiro de iniciación ao humor gráfico galego aberto a público a partir de 11 anos, mentres que o domingo 30 haberá unha ofrenda floral ás 12.00 h na Avenida Castelao acompañada polo grupo de gaitas Naima.

Covelo solicita á Consellería de Sanidade medidas urxentes para a mellora da atención no centro de saúde local

0

O goberno de Covelo urxe a inmediata actuación da Consellería de Sanidade para a mellora da atención sanitaria no centro de saúde local.

O alcalde, Pablo Castillo, logo de solicitar no mes de novembro un encontro co conselleiro Julio García Comesaña, solicita que se cubra de inmediato a praza da médica xubilada de Maceira de xeito que a poboación estea atendida con dous médicos de atención en consulta e domicilios.

Ademais, urxe na necesidade da inaprazable restitución do servizo de atención de pediatría no centro de saúde local, e recorda que así lles foi comunicado en diversas reunións mantidas cos responsables da direccíon da área sanitaria de Vigo.

No mes de novembro o goberno local xa instara á Xunta de Galicia a incluir nos orzamentos do 2022 as partidas necesarias para acometer as obras de reforma e acondicionamento integral do Centro de Saúde de Covelo.

“Sendo plenamente consciente de que é necesario buscar a racionalidade e a eficiencia nos gastos de sanidade, consideramos que non se deben aplicar os mesmos criterios de media e cuotas de cartillas por médico aos profesionais que exercen no rural que aos que o fan na cidade”, explica Castillo.

Ademais, o rexedor local insiste en que non se pode comparar as distancias que recorren os médicos do rural cos das cidades nin o estado das estradas polas que transitan. “Nin tampouco podemos comparar o nivel de rendas, a densidade, nin a idade media ou o índice de avellentamento da poboación que atenden. Todos sabemos que a poboación do rural ten maior necesidade de servizos de atención médica en consulta e en domicilios que a poboación da cidade”.

Por último, reclama o compromiso da Consellería de Sanidade na execución de obras de reforma e acondicionamento integral da totalidade do inmoble axeitándoo aos novos usos e servizos demandados tanto polos facultativos como polos usuarios/as. Por este motivo, o Pleno da Corporación aprobou recentemente a cesión á Consellería de Sanidade, para o uso sanitario, da totalidade dos inmobles e parcelas afectadas.

No pleno ordiario de decembro, o goberno apoiou a moción presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que se completou coa inclusión dun punto que demandara as peticións específicas para a mellora integral do Centro, a incorporación dun novo médico/a e a recuperación do servizo de pediatría en Covelo.

A Deputación lanza unha nova web máis accesible e intuitiva

“Hoxe abrimos unha ventá moito máis moderna, áxil e intuitiva para que a cidadanía contacte con nós e realice calquera trámite con esta Administración de forma rápida e cómoda”. Carmela Silva presentou hoxe no Pazo Provincial a nova web institucional da Deputación de Pontevedra, que cumpre cos máis innovadores estándares de accesibilidade e afonda na aposta da institución pola “máxima transparencia comunicativa e as boas prácticas de xestión. Queremos que as persoas coñezan a que dedicamos os recursos públicos e obteñan información valiosa e actualizada de todo o que se fai”, subliñou.

A presidenta provincial explicou que o novo portal mantén a URL antiga (depo.gal), polo que non implica ningún cambio para as persoas usuarias. É froito dun intenso traballo de colaboración realizado durante o último ano entre os servizos de Novas Tecnoloxías e Comunicación Institucional e busca ante todo “ofrecer un mellor servizo público á cidadanía, aos concellos e ás empresas da provincia de Pontevedra”. O obxectivo da reestruturación é ofrecer “máis e mellor información de forma máis sinxela”, mantendo os estándares de calidade e transparencia informativa que xa sitúan a Deputación e a súa presidenta no top 10 do ranking de transparencia das deputacións e gobernos insulares do estado e dos seus presidentes e presidentas. Carmela Silva lembrou que fai sete anos a institución “partía de posicións moi baixas a nivel de transparencia, e situarse en cabeza requiriu un inxente esforzo interno. Pero non nos conformamos, o noso compromiso é seguir traballando para ocupar a primeira posición”.

Cifras récord de actividade

O redeseño da web corporativa acométese nun momento no que a comunicación dixital é transcendental para calquera administración pública, e coincide despois dun ano no que o portal da Deputación de Pontevedra bateu todos os récords: máximo histórico de actividade con 409.009 persoas usuarias en 2021 e 2,4 millóns de páxinas vistas nos últimos doce meses. Estes datos “estratosféricos”, en palabras de Carmela Silva, demostran que a web da Deputación “é unha ferramenta fundamental de comunicación, un instrumento tremendamente útil para a veciñanza e un recurso cada vez máis empregado pola cidadanía e as entidades para contactar coa institución ou realizar trámites administrativos”. “Queremos ser unha administración moderna e implicada coas novas tecnoloxías”, avanzou a presidenta, que incidiu na “vocación de servizo público” que subxace e impulsou o proxecto. “Esta non é unha web para a Deputación, é un portal para todos e todas que se enmarca na nosa estratexia de transparencia e boas prácticas e que permitirá que as persoas saiban de forma máis rápida e en todo momento a que se dedican os recursos públicos”.

Os cambios fundamentais que percibirán as persoas usuarias son o redeseño integral do portal, máis minimalista, accesible e utilizable a partir de agora, a reestruturación do contido para ofrecer información de forma máis sinxela e clara e a aplicación de tecnoloxía de vangarda para mellorar a experiencia de navegación e axilizar o tempo de carga das páxinas. “Acádanse tempos de resposta moitísimo máis rápidos”, puntualizou o portavoz do equipo técnico encargado de actualizar o portal, que incidiu en que “o cambio tecnolóxico, de deseño e de contidos é integral”.

Grazas á implementación de tecnoloxías modernas e vangardistas, mellórase a accesibilidade da web e a experiencia das persoas usuarias. “Implantamos un novo e robusto xestor de contidos de última xeración que permite a creación de fluxos de traballo personalizados e a publicación dinámica de contidos, ademais de adaptarse a todos os dispositivos: ordenadores de sobremesa, smart TV, tablets ou smartphones”, detallou Carmela Silva. O portal conta tamén cun novo xestor de base de datos e un novo servidor de busca para que as persoas atopen a información moito máis rápido. A información tamén se mostra dun xeito moito máis sinxelo e claro e está organizada ao redor de 13 grandes áreas temáticas: Cohesión Social, Cooperación Transfronteiriza, Cultura, Deportes, Emprego, Formación, Igualdade, Infraestruturas e Mobilidade, Lingua, Medio Natural, Turismo e Xuventude e Memoria Histórica.

Prioriza as seccións máis demandadas

Muda a imaxe xeral da web cunha nova portada con accesos directos aos bloques temáticos máis consultados, o que demostra unha vez máis que se adapta ás demandas da cidadanía e ás empresas facilitando a localización da información e os trámites que máis se procuran: Sede electrónica, Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), Perfil de Contratación, Licitación Electrónica, Oficina Virtual Tributaria do ORAL, redes sociais e boletín de noticias. Tamén se visualizan de forma máis ordenada os grandes eixos de actuación da Deputación, como o Plan Concellos, ReacPon ou Compostaxe, e cobra novo protagonismo a Axenda de Actividades, unha área moi consultada pola cidadanía para informarse de eventos culturais, deportivos ou formativos e acceder directamente á solicitude de prazas.

Para rematar, a presidenta da Deputación agradeceu o traballo da deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana Mejías, e do persoal da institución que leva meses traballando no proxecto.

Nova viaxe do Concello de Mos para maiores pola Maragatería e O Bierzo

0

Desde a Concellería de Participación Cidadá do Concello de Mos organízase unha nova excursión para maiores incluída no programa municipal ‘É tempo de volver viaxar’. Trátase dunha ruta pola Maragatería e O Bierzo durante os días 11 e 12 de marzo, visitando Sahagún (casco histórico e Praza Maior), León (Catedral e Barrio Húmido) e Balboa e a Serra dos Ancares.

A hospedaxe será en hotel con pensión completa e os beneficiarios desta iniciativa son maiores de 65 anos ou pensionistas maiores de 55 anos.

Os servizos incluídos nesta viaxe son pensión completa en hotel, almorzo na Palloza, trasporte e seguro de viaxe.

Prazo e lugar inscrición: desde hoxe martes 25 de xaneiro ata o 14 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello, na OMIX ou a través da sede electrónica. Ata cubrir prazas e por rigoroso orde de entrada.

Prezo: 130 € por persoa, en habitación dobre. Suplemento por habitación individual 20 €.

Os obxectivos da iniciativa son dar resposta á demanda da cidadanía veciña de Mos que desexa volver a viaxar, facer visitas culturais e artístico históricas, favorecer o coñecemento doutras cidades e provincias, promover o turismo como ferramenta de lecer, aprendizaxe e socialización, impulsar a participación e integración social das persoas na comunidade, e previr a soidade.

Un aspecto moi importante a destacar deste tipo de saídas, é que fortalece os lazos entre os veciños e veciñas fomentando a súa vez a autonomía persoal, as habilidades de socialización e o aprendizaxe, entendéndoo este como aspecto imprescindible a desenvolver ó longo da vida. 

Os interesados en obter máis información sobre esta viaxe poden chamar por teléfono ao número 986 33 94 04.

SmartPeme imparte esta semana cinco novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións tratarán temas como o inbound márketing, contramedidas de ciberseguridade ou a creación e optimización de webs.

Os obradoiros desenvolveranse entre hoxe martes e o xoves. Nesta primeira xornada, o deseñador gráfico Guillermo Nass impartirá ás 12 horas o curso Guía para crear e optimizar a túa páxina web, unha guía básica para comezar calquera proxecto en liña.

O mércores 26 celebraranse outros dous cursos, o primeiro ás 12 horas titulado  Ciberseguridade, contramedidas básicas 2021 II, da man de Manuel Freire, experto universitario en robótica para explicar os posibles riscos de Internet e as  contramedidas que lles axudarán a estar máis protexidos na rede. E o segundo, ás 18 horas, abordará a Introdución ao inbound márketing I, a metodoloxía non intrusiva, baseada en técnicas do márketing e a publicidade dixital, que ten como obxectivo comunicarse cunha persoa usuaria desde que coñece unha marca ata a venda final. Ofrecerá este obradoiro Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual.

Para o xoves 27 están programados Planifica os propósitos de 2022: mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións, ás 12 horas, que tratará o teletraballo e a produtividade e será impartido por Fátima Faílde, posgraduada en Comuniación e Industrias Creativas; e Infografías, representa a información de maneira visual (18 horas), no que a deseñadora gráfica Laura Taboada amosará ás persoas participantes os tipos de infografías e as súas vantaxes par ao negocio, así como tamén como crealos.

O Concello das Neves municipaliza a recollida de envases plásticos

0

Dando un paso máis na xestión do lixo, dende primeiros de 2022 o Concello das Neves asumiu directamente a xestión do servizo de recollida de envases plástico, que ata agora prestaba a empresa privada Urbaser.

Nos últimos anos a dotación de contedores, a mellora das frecuencias, a concienciación e o Plan Revitaliza triplicaron as toneladas de envases recollidas. En cifras, no ano 2015 foron tan só 15 toneladas, mentres que no 2021 o total achegouse ás 55 toneladas de envases plásticos.

“O Concello aposta pola redución antes que a recollida” por iso, ao igual que no plan Revitaliza, o residuo orgánico vai ao composteiro e xa non se recolle; no tocante aos envases quere concienciar da redución necesaria dos plásticos dun único uso apostando por outras formas de consumo, subliña o segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio AMbiente,Óscar González.

Mesmo así, dende xa o Concello das Neves comezou a recoller os envases con persoal e medios propios, o cal, entende o Goberno local, redundará nunha maior eficiencia do servizo e economicamente tamén beneficiará ás veciñas e veciños das Neves, ao quedar o beneficio da empresa privada nas arcas municipais para seguir a mellorar o servizo.

Salceda incorpora a dúas novas persoas como auxiliares de Policía

O Concello de Salceda de Caselas incorporou dúas persoas como auxiliares de Policía Local, que formarán parte da plantilla inicialmente ata mediados do mes de abril, coa posibilidade de ampliación de contrato por tres meses máis.

Ditas incorporacións axudarán a reforzar a plantilla da Policía Local e súmanse aos cambios levados a cabo nos últimos tres meses como a recente toma de posesión do oficial xefe da Policía Local e a cobertura prevista da vacante de oficial que quedaría pendente e que se é posible levarase a cabo durante este ano 2022.

Segundo declaroy a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, “é unha prioridade garantir a seguridade da veciñanza todos os días e a incorporación de dous novos auxiliares suporá un reforzo nos servizos da nosa policía”.

Nesta liña o concello de Salceda de Caselas ten asinado un convenio dende o ano 2018 coa Xunta de Galicia para acollerse ás convocatorias centralizadas a través da Academia Galega de Seguridade Pública o que lle permite acelerar o prazos de contratación do persoal ao máximo para incorporar á plantilla da súa Policía Local.

Lucía Pereira concelleira de Réxime Interior, Seguridade e Tráfico: “Estas incorporacións xunto co recente nomeamento do Oficial Xefe de Policía Local permítenos seguir levando a cabo accións tan importantes como a adhesión ao Protocolo VioGen no que a policía intervén de forma activa na loita contra a violencia de xénero, ou a estreita colaboración en diferentes campañas levadas a cabo pola Garda Civil e as demais forzas de seguridade do Estado, xa que a colaboración mútua entre as diferentes forzas de seguridade é fundamental, e ten demostrado dar bos resultados”.