21.6 C
Pontevedra
Mércores, 7 de Xuño de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasConcello de Ponteareas, Estado e Xunta asinan o convenio para a ampliación...

    Concello de Ponteareas, Estado e Xunta asinan o convenio para a ampliación e reforma da Depuradora da Moscadeira

    As obras, cun investimento de 11,7 millóns de euros, permitirán solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural

    Fito histórico para Ponteareas, que acada o maior investimento da súa historia nun equipamento municipal. O Concello, a Xunta de Galicia e o Estado asinaron este venres 28 o convenio de colaboración que permitirá levar a cabo en 2023 as obras de ampliación e reforma da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Moscadeira. Estas obras son imprescindíbeis para solucionar dous graves problemas históricos de Ponteareas, a contaminación do Tea e a falta de saneamento no rural.

    A actual depuradora construíuse en 1995 e polas súas reducidas dimensións veu recibindo dende a súa entrada en funcionamento máis augas residuais das que pode tratar. Esa incapacidade de depuración provoca vertidos habituais ao río Tea e sancións económicas e impide, ademais, que o Concello poda facer novas obras de saneamento, xa que a súa conexión á depuradora provocaría maiores vertidos ao río.

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, participou no acto de sinatura celebrado en Santiago de Compostela xunto á Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e Mª Rosa Cobo, directora de Acuaes (Aguas de las Cuencas de España), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

    “Para nós é un momento histórico. O convenio permitirá levar a cabo en 2023 o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal, case 12 millóns de euros. Como goberno marcámonos como obxectivo recuperar o río Tea e convertelo nun gran espazo natural protexido para o desfrute da veciñanza. E ademais propuxémonos chegar canto antes co saneamento ao 100 % da poboación das parroquias. Este acordo fará realidade esas dúas aspiracións: termos un río excepcional e todas as parroquias con saneamento”, destacou a alcaldesa.

    Fernández Davila lembrou que “as negociacións co Estado para acadar este grande investimento foron iniciadas polo anterior alcalde, Xosé Represas. Tras varios anos de conversas e innumerábeis xestións, o Concello logrou o compromiso doutras dúas administracións, Estado e Xunta, nun exemplo de colaboración institucional e entendemento en beneficio de Ponteareas. Esa capacidade de xestión permitiu que poidamos acometer unha obra cun investimento millonario que nunca estaría ao noso alcance”.

    A alcaldesa tamén salientou o grande esforzo que realizará o Concello e, polo tanto, a veciñanza, ao achegar 3,5 millóns de euros, o 30 % do custo da obra, mentres que o Estado con fondos europeos se fai cargo do 50 % e a Xunta do 20%. Segundo o acordo, a ampliación da depuradora e dos colectores xerais de nova creación que rodearán o centro urbano deberán estar rematados en 2023.

    Ademais da ampliación da EDAR da Moscadeira, o acordo tamén contempla obras de mellora do saneamento, reducindo as filtracións e separando as augas procedentes da choiva que até o de agora aumentaba o caudal que recibía a depuradora. Isto suporá un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareán, deseñado para pouco máis de 10 000 habitantes e que na actualidade recibe o equivalente a 16 000, traballando por riba da súa capacidade.

    A execución destas obras permitirá ampliar a capacidade de tratamento a 20 000 persoas e rematar así con vertidos e sancións e ampliar a rede de saneamento a máis parroquias.

    O Goberno municipal está traballando de xeito paralelo no proxecto de nova depuradora para atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que non poden empregar a depuradora da Moscadeira.

    COLABORACIÓNS

    Pilar Pallarés, «Unha boa gatucada!»

    A primeira incursión de Pilar Pallarés na literatura infantil e xuvenil resultou ser unha grata sorpresa, unha colección de poemas (en realidade un longo poema narrativo fragmentado), que ten como protagonistas un grupo de gatos que conviven cunha humana.

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    84 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS