Luns, 9 Decembro de 2024

Covelo inicia as obras de humanización do nucleo urbano

Plataforma única, aparcamento disuasorio gratuíto, zonas de estar con vexetación e mobiliario urbano son algunhas das apostas desta actuación

O Concello de Covelo inicia a humanización do núcleo urbano coas obras de Establecemento de itinerarios continuos con implantación de corredores verdes que recuperarán o espazo público para os péons na Praza Mestre Cerviño e na súa contorna. En palabras do seu alcalde, Pablo Castillo, “con este novo proxecto apostamos pola mellora da mobilidade interna e pola calidade urbana da vila, ademais de dar un paso máis na conservación e mellora dos espazos públicos e avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)”.

As obras, incluídas no Plan de Mobilidade Urbano Sostible (PMUS), actuarán en algo máis de 2.789 m2 para promover a mobilidade peonil, para mellorar a zona de estacionamento e humanizar os espazos a través de corredores verdes. Ademais, suporán a creación de prazas de aparcamento disuasorias e a mellora das existentes, así como a mellora da conexión entre o Concello (Praza Mestre Cerviño), o Centro de Maiores (Praza dos Troveiros) e o Centro Social (Travesía de Vigo), integrándoos na estratexia de mobilidade e facilitando o acceso sen problemas a estes centros.

O obxectivo das accións é reducir o consumo final de enerxía e as emisións de dióxido de carbono.

Transformación

O centro urbano experimentará unha transformación, haberá unha plataforma única con sentido único descendente desde o Concello ata o Centro de Maiores aliviando o tráfico da praza Mestre Cerviño. Disporase un carril para aparcamento en liña para prazas de aparcamento gratuítas, aparcadoiro adaptado e outras prazas de aparcamento restrinxidas no ámbito do Concello e, diante do supermercado, prazas de aparcamento para a carga e descarga. O proxecto completarase coa apertura dunha nova rúa que unirá a carballeira do Campo da Feira coa travesía de Vigo, prevista xa no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O tráfico calmarase mediante a dotación dunha plataforma única para o uso compartido de vehículos e peóns, con pavimento de lousa de granito silvestre na beirarrúa e adoquín nas beirarrúas de aparcamento e calzada, a excepción do tramo da travesía de Vigo, que se pavimenta con formigón por esixencia da administración autonómica, titular da estrada.

O proxecto complétase coa instalación de elementos amortiguadores da velocidade como pasos de peóns elevados. Ademais, de forma complementaria, proxéctase a dotación de zonas verdes e zonas de estar con mobiliario urbano e vexetación.

Tamén se incrementará o ancho das beirarrúas na travesía de Vigo e está prevista a dotación de zonas verdes e zonas de estar con mobiliario urbano e vexetación.

Cun custo total de 396 985,85 € e un prazo de execución de catro meses, o proxecto conta co apoio de Rede ÁGORA da Deputación de Pontevedra e do Instituto de Diversificación y Ahorro Energético (I.D.A.E.) dentro da Medida 8. Implantación de plans de mobilidade urbana sostible do Programa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.