O Concello de Salceda de Caselas incorporou dúas persoas como auxiliares de Policía Local, que formarán parte da plantilla inicialmente ata mediados do mes de abril, coa posibilidade de ampliación de contrato por tres meses máis.
Ditas incorporacións axudarán a reforzar a plantilla da Policía Local e súmanse aos cambios levados a cabo nos últimos tres meses como a recente toma de posesión do oficial xefe da Policía Local e a cobertura prevista da vacante de oficial que quedaría pendente e que se é posible levarase a cabo durante este ano 2022.
Segundo declaroy a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, “é unha prioridade garantir a seguridade da veciñanza todos os días e a incorporación de dous novos auxiliares suporá un reforzo nos servizos da nosa policía”.
Nesta liña o concello de Salceda de Caselas ten asinado un convenio dende o ano 2018 coa Xunta de Galicia para acollerse ás convocatorias centralizadas a través da Academia Galega de Seguridade Pública o que lle permite acelerar o prazos de contratación do persoal ao máximo para incorporar á plantilla da súa Policía Local.
Lucía Pereira concelleira de Réxime Interior, Seguridade e Tráfico: “Estas incorporacións xunto co recente nomeamento do Oficial Xefe de Policía Local permítenos seguir levando a cabo accións tan importantes como a adhesión ao Protocolo VioGen no que a policía intervén de forma activa na loita contra a violencia de xénero, ou a estreita colaboración en diferentes campañas levadas a cabo pola Garda Civil e as demais forzas de seguridade do Estado, xa que a colaboración mútua entre as diferentes forzas de seguridade é fundamental, e ten demostrado dar bos resultados”.