A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou onte que o Concello de Redondela “non ten ningún tipo de notificación, informe ou comunicación oficial” sobre a instalación dos aeroxeneradores que a Xunta pretende situar nos montes da parroquia de Reboreda, no límite co veciño concello de Pazos de Borbén.
Para a rexedora local redondelá “non é de recibo que, a estas alturas, a Xunta de Galicia manteña ao Concello nunha situación de absoluta falta de información” e os poucos datos cos que conta o consistorio redondelá “son a través de pescudas e informacións conseguidas a través de canles non oficiais”.
O Goberno local remitiu xa un oficio á Xunta de Galicia no que se esixe “información detallada sobre o proxecto” para saber como afectará aos montes de Reboreda, tanto pola instalación dos propios aeroxeneradores en si como polos danos que poden causar ao entorno natural a apertura de pistas e tránsito de vehículos pesados para a colocación dos aparellos.
En todo caso, Digna Rivas adiantou que o seu Goberno presentará alegacións á instalación destes aeroxeneradores “no momento en que a Consellería teña a ben poñer o proxecto en coñecemento do Concello, cousa que ata o momento non fixo porque, asemella que non informar ao Concello de Redondela de temas que lle atinxen directamente, está a converterse nunha costume por parte da administración autonómica”.
A alcaldesa redondelá expresou o seu rexeitamento “á instalación dun parque eólico de dubidosa eficacia enerxética e que, por contra, tería un impacto negativo sobre o medioambiente”.
“O escurantismo do proceso con que a Xunta está levando a cabo este proceso, mantendo ao Concello totalmente desinformado, fai dubidar sobre a utilidade pública do mesmo”, explica a alcaldesa quen avanza que o Goberno adoptará todas as medidas “para protexer o fráxil equilibrio medioambiental dos nosos montes e para garantir que a veciñanza de Redondela sexa escoitada e teña peso á hora de decidir sobre temas que lle afectan directamente”.