12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiLete Lasa destaca o "excelente nivel" do deporte tudense

    Lete Lasa destaca o “excelente nivel” do deporte tudense

    O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de onte o concello de Tui, acompañado do alcalde Enrique Cabeleiro, onde mantivo unha xuntanza de traballo cos principais clubs deportivos tudenses na que se trataron os temas relativos ás principais axudas e subvencións deportivas da Xunta para o exercicio 2022. Lete Lasa destacou o “excelente nivel” das 70 entidades deportivas inscritas no Rexistro e, nomeadamente, os 16 clubs asistentes á reunión: o Club Kayak Tudense, a Sociedade Deportiva Tui, o Club Remo do Miño, o Club de Remo de Tui, o Club de Piragüismo Penedo, o Club Balonmán Tui, A Quinta de Tui Futsal, o Club Bádminton Tui, o Tyde F.C., o Club Deportivo Caldelas, o Club Náutico San Telmo, o Club Patinaxe Artística Ribex, o Club Deportivo Ribadelouro, o Club Pádel 8, o Club Ximnasia e Auga e o Club Deportivo Tui Fútbol Sala. 

    O mandatario galego destacou a “reciprocidade da Xunta de Galicia co gran traballo que se está a facer no deporte tudense” e cifrou en preto de 150.000 euros os recibidos ao longo de 2021 polos clubs do municipio nas distintas liñas de axuda da Secretaría Xeral para o Deporte como as subvencións de actividade, contra a Covid-19, os Fondos de Consenso para a reactivación, patrocinio de eventos, equipamento, patrocinios aos equipos de alto nivel e becas DGAN. Neste sentido, Lete Lasa animou aos clubs tudenses e aos seus dirixentes para “continuar traballando neste 2022 por moitos máis éxitos deportivos para o que contades”, dixo, “co apoio incondicional do Goberno galego”. Neste sentido, o secretario xeral analizou cos clubs as principais liñas de axudas para o exercicio en curso.

    Vídeo marcador para o pavillón e material para o Centro ‘Quique Míguez’

    Instantes antes da reunión cos clubs, Lete Lasa supervisou a instalación dun vídeo marcador no polideportivo municipal así como o equipamento concedido para instalacións municipais de piragüismo grazas aos convenios de colaboración entre ambas administracións.

    No pavillón municipal compiten os clubs tudenses Club Balonmán Tui, A Quinta de Tui F.S., C.D. Tui F.S., Club Baloncesto Tui, C.P.A. Ribex de Tui, así como alberga eventos deportivos do Judo Club Tudense, do Club Deportivo DiSom Tui e de distintas federacións deportivas. Lete Lasa destacou a importancia para todos eles de contar cun “vídeo marcador de última xeración cun orzamento de máis de 25.000 euros”. Cómpre salientar que, dos 25.803,71 euros desta actuación, a Xunta de Galicia achegou o 77,5% (20.000 euros), mentres que o concello, o 22,5% restante.

    O vídeo marcador deportivo LED ten un tamaño duns 10 m2, con tecnoloxía de última xeración para uso en interiores, cunha resolución pixel pitch 4,8 mm e de tecnoloxía led SMD. Conta cun ordenador de control con software específico para procesador led e software específico para uso de marcador; superficie gráfica da pantalla led deportiva de 10 m2; consola deportiva para manexo de marcador; estrutura para fixación da pantalla; bocina; xogo de dous marcadores de posesión, homologados por FIBA e consola de posesión.

    Ademais, Lete Lasa supervisou o material para o Centro Municipal de Piragüismo ‘Quique Míguez’, subministrado grazas a outro convenio de colaboración entre ambas administracións e que contou cun orzamento de máis de 26.000 euros, o 80% deles (21.105,05 euros) achegados pola Xunta. Nesta instalación municipal adestra o Club Kayak Tudense. Ademais alberga eventos deportivos como o Descenso Internacional do Río Miño, proba de interese turístico Galego.

    Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.