14.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza unha nova web máis accesible e intuitiva

    A Deputación lanza unha nova web máis accesible e intuitiva

    Carmela Silva destacou que o redeseño do portal institucional “aposta pola transparencia, ten vocación de servizo público e mellora a experiencia de navegación”

    “Hoxe abrimos unha ventá moito máis moderna, áxil e intuitiva para que a cidadanía contacte con nós e realice calquera trámite con esta Administración de forma rápida e cómoda”. Carmela Silva presentou hoxe no Pazo Provincial a nova web institucional da Deputación de Pontevedra, que cumpre cos máis innovadores estándares de accesibilidade e afonda na aposta da institución pola “máxima transparencia comunicativa e as boas prácticas de xestión. Queremos que as persoas coñezan a que dedicamos os recursos públicos e obteñan información valiosa e actualizada de todo o que se fai”, subliñou.

    A presidenta provincial explicou que o novo portal mantén a URL antiga (depo.gal), polo que non implica ningún cambio para as persoas usuarias. É froito dun intenso traballo de colaboración realizado durante o último ano entre os servizos de Novas Tecnoloxías e Comunicación Institucional e busca ante todo “ofrecer un mellor servizo público á cidadanía, aos concellos e ás empresas da provincia de Pontevedra”. O obxectivo da reestruturación é ofrecer “máis e mellor información de forma máis sinxela”, mantendo os estándares de calidade e transparencia informativa que xa sitúan a Deputación e a súa presidenta no top 10 do ranking de transparencia das deputacións e gobernos insulares do estado e dos seus presidentes e presidentas. Carmela Silva lembrou que fai sete anos a institución “partía de posicións moi baixas a nivel de transparencia, e situarse en cabeza requiriu un inxente esforzo interno. Pero non nos conformamos, o noso compromiso é seguir traballando para ocupar a primeira posición”.

    Cifras récord de actividade

    O redeseño da web corporativa acométese nun momento no que a comunicación dixital é transcendental para calquera administración pública, e coincide despois dun ano no que o portal da Deputación de Pontevedra bateu todos os récords: máximo histórico de actividade con 409.009 persoas usuarias en 2021 e 2,4 millóns de páxinas vistas nos últimos doce meses. Estes datos “estratosféricos”, en palabras de Carmela Silva, demostran que a web da Deputación “é unha ferramenta fundamental de comunicación, un instrumento tremendamente útil para a veciñanza e un recurso cada vez máis empregado pola cidadanía e as entidades para contactar coa institución ou realizar trámites administrativos”. “Queremos ser unha administración moderna e implicada coas novas tecnoloxías”, avanzou a presidenta, que incidiu na “vocación de servizo público” que subxace e impulsou o proxecto. “Esta non é unha web para a Deputación, é un portal para todos e todas que se enmarca na nosa estratexia de transparencia e boas prácticas e que permitirá que as persoas saiban de forma máis rápida e en todo momento a que se dedican os recursos públicos”.

    Os cambios fundamentais que percibirán as persoas usuarias son o redeseño integral do portal, máis minimalista, accesible e utilizable a partir de agora, a reestruturación do contido para ofrecer información de forma máis sinxela e clara e a aplicación de tecnoloxía de vangarda para mellorar a experiencia de navegación e axilizar o tempo de carga das páxinas. “Acádanse tempos de resposta moitísimo máis rápidos”, puntualizou o portavoz do equipo técnico encargado de actualizar o portal, que incidiu en que “o cambio tecnolóxico, de deseño e de contidos é integral”.

    Grazas á implementación de tecnoloxías modernas e vangardistas, mellórase a accesibilidade da web e a experiencia das persoas usuarias. “Implantamos un novo e robusto xestor de contidos de última xeración que permite a creación de fluxos de traballo personalizados e a publicación dinámica de contidos, ademais de adaptarse a todos os dispositivos: ordenadores de sobremesa, smart TV, tablets ou smartphones”, detallou Carmela Silva. O portal conta tamén cun novo xestor de base de datos e un novo servidor de busca para que as persoas atopen a información moito máis rápido. A información tamén se mostra dun xeito moito máis sinxelo e claro e está organizada ao redor de 13 grandes áreas temáticas: Cohesión Social, Cooperación Transfronteiriza, Cultura, Deportes, Emprego, Formación, Igualdade, Infraestruturas e Mobilidade, Lingua, Medio Natural, Turismo e Xuventude e Memoria Histórica.

    Prioriza as seccións máis demandadas

    Muda a imaxe xeral da web cunha nova portada con accesos directos aos bloques temáticos máis consultados, o que demostra unha vez máis que se adapta ás demandas da cidadanía e ás empresas facilitando a localización da información e os trámites que máis se procuran: Sede electrónica, Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), Perfil de Contratación, Licitación Electrónica, Oficina Virtual Tributaria do ORAL, redes sociais e boletín de noticias. Tamén se visualizan de forma máis ordenada os grandes eixos de actuación da Deputación, como o Plan Concellos, ReacPon ou Compostaxe, e cobra novo protagonismo a Axenda de Actividades, unha área moi consultada pola cidadanía para informarse de eventos culturais, deportivos ou formativos e acceder directamente á solicitude de prazas.

    Para rematar, a presidenta da Deputación agradeceu o traballo da deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Ana Mejías, e do persoal da institución que leva meses traballando no proxecto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.