16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño, un clamor en defensa da Atención Primaria de calidade

    Tomiño, un clamor en defensa da Atención Primaria de calidade

    Centenares de persoas saíron a rúa en Tomiño para exixir a apertura do consultorio de Goián e a cobertura das baixas, xubilacións e vacacións para responder “a situación crítica que pon en risco a saúde de todos e todas”

    Centenares de persoas saíron saíron o mércores 26 de xaneiro a rúa en Tomiño para denunciar a grave situación da atención primaria no concello e en toda a comarca. A alcaldesa, Sandra González, reclamou “solucións urxentes para unha situación crítica que pon en risco a saúde de todos e de todas”. A atención primaria en Tomiño e no Baixo Miño padece unha carencia de persoal sanitario que case limita a atención ás urxencias, relegando as consultas ordinarias, con esperas moi prolongadas, e provocando o exceso da atención telefónica que tamén xera que a centralita dos centros de saúde chegue a saturarse.

    A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, afirma que a situación crítica xa existía antes da pandemia e que a COVID amplificouna. “Na manifestación reclamamos que se volva abrir o consultorio de Goián e a cobertura das baixas, xubilacións e vacacións”, afirma a edil, ao tempo que lembra que “a resposta non é restrinxir servizos, senón buscar solucións a curto e medio prazo”.

    A manifestación de Tomiño foi a segunda dunha rolda de concentracións que organiza a Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño para denunciar o deterioro que está a sufrir a atención primaria nos centros de saúde da comarca. A primeira foi no Rosal e as seguintes son o 9 de febreiro en Tui (ás 19.00 horas na Praza da Inmaculada) e o 23 de febreiro na Guarda (ás 19 h na Praza Avelino Vicente). Con estas concentracións búscase poñer de relevo “unha situación transversal que afecta a toda a veciñanza, que compromete e pon en risco a nosa saúde actual e futura, e que con unidade temos máis forza para reivindicar”.

    A médica do Centro de Saúde de Tui, Laura Silva, natural de Tomiño, resumiu a situación con cifras. “Non hai mais que ver o caso do noso concello. Por ratio de poboación nos corresponderían 10 equipos de atención primaria, é dicir, 10 médicas e 10 enfermeiras. Na actualidade temos unha dotación de 8 médicos e 7 enfermeiras e a día de hoxe só 5 médicas prestan consulta. En resumo: 5 facendo o traballo de 10. Pero esta situación está igual ou peor en todos os concellos da comarca e a resposta do Sergas ante esta precaria situación limitouse a mobilizar o escaso persoal de Tomiño ao centro de saúde do Rosal”.

    O Concello de Tomiño tamén quere mostrar o seu apoio aos profesionais da saúde e garantir que continuarán loitando para que poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza. Por todo isto, “queremos que os veciños e veciñas da Mancomunidade saían a rúa para demostrarlle a Xunta que xa estamos fartos e fartas de poñer en risco a nosa saúde”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.