10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Grupo Socialista denuncia a inacción da Xunta para cumprir a proposta...

    O Grupo Socialista denuncia a inacción da Xunta para cumprir a proposta do PSdeG para redefinir os xeodestinos turísticos

    Leticia Gallego afirma que a “inacción total” sobre este tema, aprobado por unanimidade pola Cámara, demostra que o goberno de Feijoo “non quere resolver o problema” porque ten que consultar con moitos concellos

    A deputada socialista Leticia Gallego denunciou onte que a Xunta de Galicia leva case un ano sen dar cumprimento á proposta aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia para redefinir os xeodestinos turísticos. Esta iniciativa, presentada no seu día polo PSdeG, contou co respaldo de todos os grupos políticos en marzo de 2021 pero, a día de hoxe, o goberno galego “non fixo absolutamente nada para atender esta petición”.

    Leticia Gallego subliñou que esta actitude demostra a “moita deixadez” por parte da Axencia Galega de Turismo e evidencia que “o goberno do señor Feijoo ten un problema grave cos xeodestinos”. De feito, acusou á Xunta de “non querer resolvelo” porque para iso “ten que sentarse con moitos alcaldes e alcaldesas e está claro que non o quere facer”.

    Así, lamentou a “falla de planificación e diálogo” cando existen conflitos cos municipio, “que non son escoitados polo goberno galego” á hora de elaborar o mapa. “Esta é outra mostra máis do que á Xunta de Galicia o turismo non lle importa absolutamente nada”, censurou.

    Tras volver reclamar no Parlamento que se cumpra esta iniciativa, a deputada do PSdeG lamentou “a confusión xerada polo goberno galego en torno ao concepto xeodestino”, algo que “lle resta eficacia á hora de converterse nun verdadeiro instrumento impulsor do turismo”. Esta circunstancia resulta “especialmente grave neste momento de crise sociosanitaria, no que o sector turístico precisa claridade e políticas de estimulo para sobreporse ó efecto da covid”.

    Deste xeito, Leticia Gallego considerou imprescindible, “porque así o recolle a lei”, que a Xunta “abra un proceso de diálogo” cos concellos e coas deputacións para estudar e redefinir os posibles cambios no devandito mapa actual de xeodestinos. O mapa resultante dese proceso, unha vez escoitadas as suxestións dos concellos e feitos os cambios oportunos, “deberá adquirir un verdadeiro carácter oficial coa a súa publicación no Diario Oficial de Galicia”.

    Nesta liña, incidiu en que o goberno galego debe proceder ao desenvolvemento do marco normativo para definir con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como os seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa.

    Para iso resulta obrigado, remarcou, “que a Xunta cumpra a resolución aprobada por unanimidade nesta Comisión o día 17 de marzo de 2021” a iniciativa do PSdeG. “Non serve de nada aprobar e que despois non se cumpra”, lamentou antes de engadir que esa actitude “demostra o que significa o Parlamento para o goberno de Feijoo”.

    Por último, Leticia Gallego sinalou que “todas estas suxestións que facemos desde o Grupo Parlamentario Socialista son para mellorar o turismo en Galicia porque o turismo necesita un pulo por parte da administración autonómica”. “E agora máis que nunca”, concluíu.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.