16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Goberno de redondela denuncia que "a irresponsabilidade" do PP deixa á...

    O Goberno de redondela denuncia que “a irresponsabilidade” do PP deixa á veciñanza sen servizo de emerxencias

    "O Grupo municipal popular, que criticaba con dureza na prensa e redes sociais 'a inactividade do Goberno', votou onte en contra da aprobación do GES Redondela-Mos proposto pola propia Xunta de Galicia"

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, cualificou hoxe de “absoluta irresponsabilidade” a negativa do PP, plasmada no seu voto en contra no pleno do pasado xoves, á posta en marcha do GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipal) Redondela-Mos, iniciativa que partía da Xunta de Galicia e que o Concello de Mos xa aprobara no seu respectivo pleno municipal.

    “O PP local demostrou onte, e xa con total claridade, que lle importa máis desgastar a este Goberno por calquera medio, aínda que sexan falsidades, que a propia seguridade das veciñas e veciños de Redondela ás que deixa sen un servizo de emerxencias”.

    Rivas considera “unha paradoxa” que logo de meses de críticas sobre este asunto “en prensa e nas redes sociais acusando ao Goberno de inactividade, cando o teñen sobre a mesa voten en contra”. A negativa de onte do PP ao GES, di a rexedora local “non so contradí un plan do seu propio partido na Xunta senón, que é o máis grave, prexudica a toda a cidadanía que, pola súa irresponsabilidade, queda desprotexida ante un sinistro”.

    O Goberno socialista que encabeza Digna Rivas lembra, que dende a súa chegada ao Concello “a creación dun servizo de emerxencias que cubrira as necesidades de Redondela foi, e segue a ser unha prioridade”. Tanto é así que, a pesar de que o convenio proposto “ten irregularidades, coñecidas sobradamente pola Xunta de Galicia e non é un convenio ideal, antepuxemos os intereses das veciñanza ao levalo a pleno para súa aprobación”.

    Doutra banda, continúa a alcaldesa, “o PP coñece perfectamente que o atraso na contratación de persoal viu dada pola impugnación do CSIF as bases de contratación e a petición da suspensión cautelar das mesmas, coa conseguinte paralización dos trámites”. Malia a impugnación sindical, a xuíza que levaba o proceso de Mos, optou polo levantamento das medidas cautelares antes de ditar sentencia, polo que o Concello mosense puido levar a cabo a contratación de persoal.

    Por contra, o xulgado encargado de resolver o asunto en Redondela, optou pola non suspensión das medidas cautelares ata que se ditou sentencia o 23 de decembro do 2021, o que impediu que o Concello redondelán puidera contratar o persoal antes. “Todo isto o coñece perfectamente o PP que, durante estes meses, optou por ocultar a verdade á veciñanza e utilizar todos os medios ao seu alcance para desgastar e desprestixiar ao Goberno local, a sabendas que estaban terxiversando a realidade e enganando á cidadanía”.

    O Goberno socialista de Redondela “en dous anos, leva feito máis por dotar ao municipio dun servizo de emerxencias, que o PP nos oito anos que gobernou con anterioridade”, afirma a alcaldesa. Agora, dentro da súa clara liña de “obstrucionismo e poñer paus nas rodas”, votan incluso en contra dun proxecto da Xunta de Galicia que goberna o seu propio partido.

    Digna Rivas asegurou á veciñanza que “o Goberno utilizará todos os medios que ten ao seu alcance para que Redondela teña o Servizo de Emerxencias do que o PP os privou nos últimos anos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.