A veciñanza de Redondela poderá desfrutar dunha gran transformación do espazo público na rúa da Picota, que integrará no seu trazado as prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña para crear unha zona continua, segura, accesible e onde o tránsito peonil será protagonista. Esta grande actuación será posible co Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, cuxo convenio asinaron hoxe a presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. O proxecto, que conta cun ambicioso orzamento de 850 000 euros, do que a Deputación achega 636 940 € e o Concello 212 313, recuperará así unha zona actualmente pensada para os coches e que con este proxecto se converterá nun punto de convivencia para as persoas.
A presidenta, Carmela Silva, sinalou a importancia deste proxecto “moi potente”, situado dentro do Camiño Portugués, “polo que non estamos a falar unicamente de recuperación do espazo público para as persoas, senón que forma parte dun itinerario primordial para a provincia, polo que circulan moitísimas persoas e debe estar nas mellores condicións”. Grazas a este proxecto do ReacPon “a xente será a dona deste espazo e estamos moi felices de que a veciñanza de Redondela teña novos lugares para desfrutar deles con todas as garantías”, afirmou. Carmela Silva asegurou que “Redondela ten moitos valores para converterse nunha vila amable e desexable para a veciñanza e visitantes, pero para que isto aconteza hai que investir para que sexa cada vez máis atractiva”. “Con actuacións como esta, Redondela estase a poñer os seus mellores traxes, fermosa e cun modelo claro de transformación”.
A presidenta lembrou que ReacPon obedece á necesidade de “fondos extraordinarios para financiar grandes actuacións que non poden ser asumidas co Plan Concellos”. Un plan extraordinario, dotado de máis de 26 millóns de euros, con criterios obxectivos que unicamente valora as cuestións técnicas dos proxectos presentados polos concellos. “É inconcibible e intolerable que outras administracións practicamente só asinen convenios con concellos gobernados polo seu partido político, como acontece coa Xunta, á quen lle pedimos que faga o mesmo que facemos nós: plans claros e obxectivos aos que se poidan presentar todos os concellos”, engadiu. Ademais, Carmela Silva tamén reclamou “máis recursos para os concellos se de verdade queremos transformar Europa, España, Galicia e a provincia”. A presidenta recordou que “os concellos son capaces de presentar e executar proxectos maduros con axilidade, xestionan moi ben. Só imos ser capaces de facer unha transformación urbana, dixital, transición ecolóxica e cohesión territorial se os concellos teñen capacidade e recursos”. Co Plan ReacPon, asegurou, “aliñámonos coa Axenda 2030, os Next Generation e o Plan de Resiliencia para sermos unha referencia en transformación”.
Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, deu as grazas á Deputación “porque, grazas ao modelo que tivo desde o primeiro día da chegada deste goberno, os concellos temos a oportunidade de transformar as nosas vilas”. Rivas trasladou as “grazas, grazas e máis grazas por parte das veciñas e veciños de Redondela por poder transformar o que por dereito é seu”. A rexedora asegurou que “a Deputación non deixa de lado as nosas veciñas e veciños, que é a quen temos que primar, e grazas a que os seus plans teñen criterios obxectivos Redondela poderá transformar unha rúa –a da Picota– que levaba anos esquecida, pola que pasan milleiros de persoas, cuxas veciñas e veciños levaban tamén anos solicitando a súa humanización”. Digna Rivas engadiu que a esta actuación se lle suma “a transformación da rúa Santa Mariña, que está xusto ao carón desta zona, e que será levada a cabo con recursos do Plan Concellos”.
O proxecto
Coa actuación do Plan ReacPon na Picota darase o protagonismo ao tránsito peonil, aplicando en toda a vía unha plataforma única para garantir a seguridade e a accesibilidade. Igualmente, mellorarase o aspecto visual e funcional da rúa (desde o cruce coa rúa Fumeiros ata a N-550), integrando as dúas prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña no seu trazado, que tamén se vai regularizar, dotando a rúa dunha nova identidade relacionada co adoquinado existente na vila e tamén con novos pavimentos empregados nas prazas. Amais, revalorizaranse a Capela e a Fonte do Mouro, crearanse zonas de estancia en ambas as dúas prazas e eliminarase o feísmo mellorando os accesos ás vivendas, bares e aparcadoiros.
Amais de zonas axardinadas, entre os materiais que se empregarán destacan o aceiro galvanizado gris para escaleiras, límites entre pavimentos e varandas, o formigón para beirarrúas e chanzos, o adoquín para franxas de beirarrúas e pavimento base na área rodada.