Mércores, 6 Agosto de 2025

A Xunta adxudica vivendas de promoción turística no Porriño

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, adxudicou esta mañá por sorteo seis vivendas de promoción pública nos municipios pontevedreses de Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, O Porriño e Vila de Cruces.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial da Consellería, José Manuel González, e do notario Víctor Manuel Vidal, presidiu o sorteo celebrado na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) entre os 204 candidatos que cumprían os requisitos da resolución de inicio e figuran no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.

O representante autonómico trasladou os parabéns aos afortunados e informou de que, tras a validación do acto de hoxe, axilizaranse ao máximo os trámites administrativos para que poidan acceder aos seus novos fogares, en réxime de alugueiro ou de arrendamento con opción de compra, no prazo máis curto.

Os beneficiarios do sorteo foron María Teresa Salieto Rosales para a vivenda en liza no Bosque dos Desamparados de Vilagarcía de Arousa, Gimena Barragán Vasconcellos para a casa de tres dormitorios no municipio de Ribadumia, María Susana Alonso Alonso para a vivenda de 1-2 dormitorios e Adolfo Lorenzo González para a de 3-4 dormitorios no Concello do Porriño, e Banesa López Cortiñas e Luis Iglesias Blanco para as dúas casas baleiras situadas no poboado mineiro de Fontao, no municipio de Vila de Cruces.

Axudas da Xunta para vivenda

Por outra banda, o delegado territorial informou, ao remate deste sorteo, de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten abertas ou vai abrir ao longo deste ano unha trintena de liñas de axudas e de programas de incentivos para facilitar a compra, residencia en réxime de alugueiro ou rehabilitación de inmobles cun orzamento de máis de 150 millóns de euros.

Estas achegas, que están a ser explicadas a axentes políticos, sociais e do sector por todas as comarcas galegas no marco dos encontros informativos #ConstruíndoFogar, oriéntanse a particulares, concellos, promotores e comunidades de propietarios.

“A Xunta está a facer un gran traballo para facilitar o acceso á vivenda, tanto con adxudicacións como a de hoxe, que benefician principalmente a colectivos con maiores dificultades por cuestións de idade, renda ou situación social, como coas diversas liñas de axuda que abranguen practicamente todos os aspectos, réxime e cidadáns”, manifestou o representante autonómico.

O Rosal continúa ‘Educando en familia’ para acadar unha sociedade igualitaria

0

O Concello do Rosal continúa este venres 25 de marzo co seu programa ‘Educando en familia’, un espazo creado para que pais e nais poidan atopar resposta a moitas das inquedanzas que se dan no día a día da crianza. “Creamos un espazo onde escoitar e ter en conta as necesidades sobre educación que poidan ter as familias rosaleiras, servíndolles de guía e dándolle as ferramentas necesarias para poder afrontalas”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este venres a educadora social Angelina Gándara ofrecerá ás familias a charla ‘Cara a unha sociedade igualitaria: educar no feminismo’, unha temática que complementa a axenda cultural e de actividade programada polo Concello coincidindo coa conmemoración este mes de marzo do Día Internacional da Muller.

Durante o encontro Gándara reflexionará sobre se se educa por igual a nenas e nenos, sobre que axentes educan ademais da familia e a súa importancia no desenvolvemento das crianzas e, por último, dará as claves para educar no feminismo para ensinar a cativos e cativas a vivir en igualdade. “Elas e eles son o noso futuro e fundamentais para continuar revolucionando mentes. Viven unha etapa na que está libres de prexuízos e comezar a educalos en igualdade de xénero dende a infancia permitirá ter unha sociedade con adultas e adultos máis responsables e cívicos”, salienta a rexedora.

A charla celebrarase ás 19.00 horas no Centro Social Polivalente con entrada libre ata completar aforo, aínda que pode facerse inscrición previa para reservar praza. Para facilitar a asistencia, o Concello pon a disposición das familias un servizo de canguro para o que si é necesaria a inscrición previa. Este servizo terá lugar sempre que se cubran un mínimo de 5 prazas.

A rexedora anima a veciñanza a participar nestas actividades e “a trasladar todas as suxestións e dúbidas que xorden cando unha familia está en plena crianza, porque educar é unha tarefa complexa para a que non temos manual de instrucións e que pode xerar moita inseguridade e medos nos pais e nais”.

“Voando nas Rías Baixas” esgota en media hora as prazas da ruta polas ribeiras do Umia

“Voando nas Rías Baixas”, o programa da Deputación en colaboración con Seo BirdLife, segue a colleitar éxitos de participación tras esgotar en tan só media hora as 25 prazas dispoñibles para a próxima ruta ornitolóxica prevista para o domingo 3 de abril polas ribeiras do río Umia, ao seu paso por Cambados e Ribadumia. Con esta saída, a institución provincial volve a poñer o foco na importancia de contribuír á conservación e posta en valor dos recursos naturais da provincia así como de atraer un turismo sostible.

A ruta percorrerá as ribeiras do río Umia no seu último tramo protexido pola Rede Natura 2000. Esta zona conta con paisaxes moi atractivas para as aves como o bosque da ribeira onde se pode avistar á papuxa das amoras, o pimpín ou o ferreiriño, aves ás que lles gusta as árbores de sombrío. Ademais, o mosaico agrícola que rodea o bosque atrae a outras aves como xílgaros, tordos ou andoriñas. Augas abaixo, o Umia discorre entre xunqueiras e corriceiras onde se poden atopar outras especies como a lavandeira ou o picapeixe e xa na súa desembocadura convértese nun lugar idóneo no que observar aves acuáticas como garzas ou corvos mariños.

As saídas de “Voando nas Rías Baixas” están conducidas por persoal experto de SEO Birdlife, que axudarán as persoas participantes ao recoñecemento das aves. O programa pon á disposición de cada grupo prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves a distancia sen interferir na súa actividade. Tamén se facilita unha Guía de Aves, así como unha relación de paxaros para que cada integrante do grupo elabore a súa lista.

Trala ruta no Umia, o programa volverá o 8 de maio no Monte Aloia (Tui), o 19 de xuño nas Brañas de Xestoso (Forcarei, Silleda), o 10 de xullo na Serra do Suído (Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos, A Lama e Beariz), o 6 de novembro na Enseada de San Simón (Redondela) e, para finalizar, o 18 de decembro na desembocadura do río Lérez o a zona intermareal Combarro-Lourido (Poio, Pontevedra).

Arrancou a VI Semana das Ciencias con obradoiros para primaria e conferencias para a ESO

A sexta edición da Semana das Ciencias arrancou onte en Ponteareas baixo o título “Sostibilidade e Cambio climático”. A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández. Davila, abriu o programa de actividades visitando o CEIP Feliciano Barrera de Guláns onde ás dez da mañá o alumnado xogaba coas dimensións e a xeometría co profesor Xabier Prado. A media mañá a actividade trasladouse ao CEIP Santiago de Oliveira e ao longo da semana impartirase este obradoiro en todos os centros educativos de primaria.

Tamén en horario de mañá o alumnado do IES do Barral participou en “Ciencia e Poesía” e recitou poemas propios e do poeta Alfonso Pexegueiro, entre outros. A continuación, o catedrático do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, Pedro Pablo Gallego da Universidade de Vigo impartiu unha interesante e práctica conferencia na que o público puido aprender a importancia da tecnoloxía no desenvolvemento de técnicas e melloras para a nosa vida pero tamén os riscos. Os pros e os contras da transxenia foron explicados con claridade e sinxeleza e o alumnado do Barral puido conversar e consultar todas as súas dúbidas.

“Teño que felicitar a todo o alumnado participante nas actividades pola súa implicación e ganas de aprender, tamén ao profesorado por impulsar a participación e fomentar a curiosidade do alumnado”, comenta a alcaldesa.

O público en xeral tivo a ocasión de atoparse coa ciencia no ciclo de conferencias das tardes. A doutora arquitecta Patricia Muñiz expuxo o seu premiado proxecto “Vivendas prefabricadas en procesos de aloxamento de transición para refuxiados e desprazados internos”. “Desde o 2008 unha persoa cada segundo viuse obrigada a deixar o seu fogar e o cambio climático podería empuxar a outros 100 millóns de persoas á pobreza nos próximos 10 anos”, achegaba a doutora Muñiz Núñez durante a súa conferencia ,na que puidemos ver como a arquitectura ponse  ao servizo das necesidades sociais.

Ao longo desta semana haberá actividades específicas para alumnado de todas as idades, conferencias para o público en xeral, obradoiros, saídas didácticas, exposicións e seminarios para profesorado.

O Concello adianta que os obradoiros previstos para a tarde de mañá martes tense que adiar ante a previsión de choivas pero mantense de momento o obradoiro infantil do xoves 24 ás 17 horas na praza Maior, así como o resto da programación da Semana das Ciencias.

Mañá marte, o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, falará dos incendios forestais de sexta xeración ás 10:30 horas na sala multiúsos que volverá a acoller outra conferencias ás 19:30 co enxeñeiro da Universidade de Vigo David Patiño que exporá “A biomasa como recurso enerxético”.

Aos anteriores expertos súmanse o físico Jorge Mira, os investigadores José Varela, Xana Álvarez, Pilar Piñeiro, Sergio Quiroga de Ecocelta e Fernando Castro e Pablo Moure de Galinsect.

Como cada ano a Semana das Ciencias rematará coa celebración da Feira das Ciencias que este ano se desenvolverá na contorna da Casa do Concello. Máis de vinte stands amosarán as habilidades científicas da nosa comunidade educativa pero tamén será unha boa ocasión para asinar e mercar o libro da escritora Isabel Blanco “Galegas na ciencia” ou o libro da filóloga Dores Pereira e da artista e arquitecta Paula Lago “Herbas da noite”.

Ao longo da semana as familias poderán achegarse á ciencia gozando tanto das actividades de animación programadas en diferentes prazas do centro urbano como da exposición que acolle o hall do auditorio “A maleta dos océanos” da artista ferrolá María Lorenzo ou do ciclo de conferencias gratuítas.

“A Semana das Ciencias de Ponteareas supón unha oportunidade única de escoitar aos mellores expertos de Galicia abordar temas tan actuais como as crises humanitarias e o acollemento de refuxiados de guerra ou tan importantes para o noso futuro como as consecuencias do cambio climático e as múltiples formas de contelo”, explica a alcaldesa.

Cristina Fernández Davila explica ademais que esta iniciativa permite á mocidade de toda a comarca e de toda a área metropolitana coñecer aos nosos científicos e científicas e provoca un encontro case individual entre conferenciantes e público abríndose no peche de cada palestra unha quenda de participación.

O libro “Palmeiras, piueiros” de Anxo Angueira presentarase en formato conversas musicalizadas na Guarda

0

O vindeiro sábado día 26 de marzo a Praza de Avelino Vicente da Guarda será o escenario para un evento literario/musical no cal Anxo Angueira e Xoaquín Cadilla manterán unha conversa sobre o libro “Palmeiras, piueiros”. Este libro xa foi presentado previamente en concellos limítrofes e en diferentes lugares da xeografía galega e do norte de Portugal.

En palabras de Xoaquín Cadilla, presidente da Asociación Piueiro, “é unha honra ver como se tenta manter no noso léxico, na nosa literatura e na nosa fala, unha palabra como piueiro, que pouco a pouco se vai recuperando grazas a o traballo de persoas comprometidas como é o caso de Anxo Angueira”.

Este acto, que terá comezo ás 18:00h da tarde, contará cun acompañamento musical especial a cargo de Secho, que será o encargado de amenizar un coloquio no que Xoaquín e Anxo conversarán sobre poesía, sobre un libro que fai regresar ao autor á poesía e no que os seus poemas falan do seu lugar natal, da historia cultural da Galicia contemporánea, das súas emocións e dos praceres que produce a escritura.

Para pechar este acto contarase cunha actuación especial da gaiteira local Nadia Vázquez, quen entregará ao público asistente a súa espectacular paixón musical a través das melodías da súa gaita.

Anxo Angueira, nado en Manselle, Dodro, no ano 1961, deixou a súa pegada persoal na poesía galega dende a publicación do seu libro “Val de Ramirás” no ano 1989, seguiron a esta, outras publicacións coma “O valo de Manselle”, “Libro da Vertixe” ou “Fora do Sagrado”, entre outras.

Anxo Angueira foi membro fundador das Redes Escarlatas e desde xuño de 2012 preside a Fundación Rosalía de Castro.

Salvaterra de Miño fai entrega de novos composteiros

O Concello de Salvaterra de Miño volve a por a disposición dos seus veciños unha nova remesa de composteiros, dentro do programa de compostaxe doméstico para vivendas unifamiliares, grazas á adhesión ao programa de compostaxe de SOGAMA, que busca lograr unha xestión máis sostible do lixo.

Deste xeito, o Concello manterá a súa extensión das prácticas de autocompostaxe á novas vivendas unifamiliares para propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe, un proceso con importantes beneficios ambientais e sociais.

Dado que os residuos orgánicos representan aproximadamente o 42 % da composición media dunha bolsa tipo, se estos se reciclan en orixe e se evitan o seu depósito en contenedores verdes convencionais, o Concello entregará menos toneladas de lixo a SOGAMA, reducindo deste xeito os costes.

Os veciños que se incorporen a esta nova fase, recibirán igualmente manuais didácticos nos que se explica de maneira detallada a técnica a seguir para obter un compost de boa calidade.

A corporación de Nigrán acorda por unanimidade os galardoados dos Premios Nigrán 2022

0

A corporación de Nigrán acordou por unanimidade na Xunta de Portavoces os galardoados cos Premios Nigrán 2022, que regresarán coa súa tradicional gala o sábado 30 de abril despois de dous anos sen celebrarse por mor da pandemia. A selección foi realizada grazas ás propostas realizadas previamente polos diferentes partidos, colectivos sociais, culturais e veciñais do municipio, a quen o goberno local agradece a súa colaboración. Esta decisión será ratificada oficialmente no pleno do 28 de marzo.

Deste xeito, nesta décima edición serán homenaxeados no eido social as asociacións veciñais e culturais ‘A Camoesa’; no educativo, ‘CEIP Humberto Juanes’; no empresarial, Bar Camoes; no deportivo, Asociación de Escolas de Surf de Patos; e no Cultural, Teatro do Ar. Igualmente, por vez primeira establécense tres mencións especiais: ao maquetista Feliciano Figueiró e aos hostaleiros retirados Horacio Gomes e Gustavo Vidal, fundadores do Venus e El Refugio del Pescador respectivamente. O xa consolidado acto institucional pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á súa traxectoria. “Son entidades e persoas que co seu traballo, constancia e esforzo teñen contribuído a por en valor a Nigrán, facendo del un municipio máis amigable e do que sentirmonos orgullosos, por iso se merecen este recoñecemento, neste ano estamos ademais especialmente contentos por poder retomar a gala”, destaca Juan González, alcalde de Nigrán.

OS PREMIADOS

Cultural: TEATRO DO AR

Teatro do Ar é o soño dun grupo de mozos e mozas de Nigrán que, cando remataron a Educación Secundaria no CPI Arquitecto Palacios, decidiron crear unha compañía teatral onde expresarse libremente. Este ano cumpren 10 anos traballando pola cultura en Nigrán e cun futuro moi ilusionante. Ata o de agora xa levan case unha vintena de obras presentadas. Ademais, crearon este curso xunto ao Concello de Nigrán a primeira escola de teatro municipal. Acumulan varios recoñecementos destacados: finalistas dos premios Xuventude Crea 2020 e mención destacada nos Buero Vallejo de Teatro Joven 2021 que organiza Coca Cola. “Apostamos por un teatro propio para trasladar á toda a xente que nos ve a nosa forma de entender esta arte e o mundo que nos rodea”, explica o seu director e dramaturgo, Pedro Rodríguez. Traballan todos os xéneros e agora, ademais de preparar dúas obras novas para presentar durante este ano, están a organizar un forte programa de teatro social para facer a arte accesible. A súa gran calidade, iniciativa, compromiso e xuventude fainos máis que merecedores deste Premio Nigrán 2022.

Educativo: CEIP HUMBERTO JUANES

O CEIP Humberto Juanes é probablemente o centro educativo máis querido e popular do municipio por ter formado ao longo da súa Historia ao maior número de rapaces procedentes de todas as parroquias ao desaparecer as escolas unitarias nos anos 70. Actualmente compréndelle o termo de Nigrán e segue a ser o colexio máis numeroso cuns 400 alumnos. Este centro, ubicado no corazón do municipio, destaca sempre pola súa innovación pedagóxica pero, especialmente, pola súa apertura e compromiso coa sociedade que o rodea. Compre subliñar que o seu patio está aberto todas as tardes e fins de semana para aquel neno que desexe acudir a xogar, sendo realmente o gran parque de Nigrán. Igualmente, as súas instalacións acollen altruístamente actividades municipais como ximnasia acrobática e patinaxe ou o propio Banco de Alimentos do Concello. Grazas á iniciativa de toda a súa comunidade educativa conqueriron unha cociña municipal que o Concello ven de facer realidade para que así todos os colexios de Nigrán poidan beneficiarse dela prescindido do actual sistema de catering. E entre as súas múltiples actividades sobresae o tradicional intercambio con Manchester, sendo tamén pioneiros neste sentido.

O actual C.E.I.P. Humberto Juanes foi concebido, no 1971, no chamado “Plan de Urxencia de Galicia” co nome de colexio de ‘Vilameán’ por ser este o barrio de Nigrán onde se instalou. As obras comezaron o 1 de marzo do 1972 e remataron o 30 de setembro dese mesmo ano. A xustificación fundamental para a súa construcción foi a de agrupar diversas unitarias da zona nun só centro, enchendo as aulas desde o seu primeiro curso en 1973 alumnado de Camos, Nigrán, Panxón, Parada, Priegue e San Pedro. Humberto Juanes, de quen leva o nome, foi o seu primeiro director e quen exerceu o cargo ata 1996/1997 (agás un curso escolar). Actualmente exerce como directora Cristina Fernández Piñeiro.

Empresarial: Bar Camoes

O ‘Bar Camoes’, fundado nos anos 40 por Modesto Pérez Pena e Dolores Fernández Iglesias como taberna e tenda á vez na mesma localización actual na rúa dos Pazos, é o máis lonxevo da parroquia de Camos con tres xeracións xa ao fronte do mesmo. O seu neto Javier Figueiró Pérez colleu o testigo da súa nai en 1981, aínda que cando esta faleceu estivo uns anos sen funcionar. Durante moito tempo foi o único bar de todo Camos ao pechar outros tradicionais da zona como o de ‘Leopoldo’, o ‘Bodegón de Pepe’, ou o que tiña Copena (reaberto anos atrás). Por este motivo, o ‘Camoes’ servíu como auténtico centro social e recreativo da parroquia, sendo unha verdadeira tradición dos homes de Camos ir a xogar as partidas de cartas ou dominó na tarde dos domingos. “O ambiente desa época xa cambiou, non se xogan case, pero segue a ser un lugar de reunión dos parroquianos, sobre todo homes”, adimite Javier, quen confesa que, precisamente, o trato coa xente é o que máis lle gusta. “É un traballo ameno porque van pasando persoas ao longo do día que che contan as súas historias e tes unha sensación de ir cambiando de escenario”, resume sempre cunha sorrisa.

Social: A.Veciños Camos e Centro Cultural ‘A Camoesa’

O Concello de Nigrán quere recoñecer o traballo e bo facer destas dúas entidades da parroquia de Camos por ser verdadeiros núcleos vertebradores da súa vida social, cultural e comunitaria, así como de defensa dos dereitos e intereses da parroquia e os seus veciños, destacando sempre a súa actitude colaborativa.

A asociación veciñal foi constituída o 27/05/1979 co fin de defender os valores culturais, históricos, sociais, humanos, ambientais e urbanísticos, (rúas, camiños, saneamento e abastecemento, iluminación, transporte público). Igualmente, traballa para a mellora das condicións de vida dos seus parroquianos, promove o desenvolvimiento social, a participación veciñal e ofrece información de todo tipo. Ademais, a entidade organiza a fogueira de San Xoan con sardiñada gratuíta e colabora con diferentes eventos organizados por outras entidades de Camos, como festas patronais, magosto, festivais, eventos gastronómicos…

A Asociación Cultural ‘A Camoesa’ dirixe o centro cultural construído pola Cominidad de Montes Veciñais en Man común de Camos e inagurado o 20/08/1994. Nel organizan diferentes actividades, como Costura, Calceta, Ioga, Zumba, Pilates,Aerobic, Hip- Hop, Ballet infanti… Igualmente, en Decembro organizan a semana cultural con actuacións teatrais, musicais, humorísticas… Ademais, ofrecen excursións e participan sempre en outro tipo de actividades organizadas ben desde o propio Concello, ben desde outras asoacións de Camos. Centos de veciños se ven beneficiados do seu bo facer, contribuíndo a aumentar a unión, a amizade e o sentimento de pertenza á parroquia.

Deportivo: Asociación de Escolas de Surf de Patos

A Asociación de Escolas de Surf de Patos naceu no ano 2018 e reúne á totalidade de escolas que traballan neste areal: Patos Surf, Prado Surf, Point Break, La Conservera e Dacss. O obxectivo co que naceu é o de coordinarse entre todas elas para remar na mesma dirección en beneficio de todos os usuarios da praia e, ao mesmo tempo, promover a cultura surfeira desta área de Nigrán e os seus valores asociados. Esta unión de forzas fixo que actividades que anteriormente organizaban individualmente agora sexan comúns: Patos Surfing Day, Papa Noeles surfeiros ou xornadas de limpeza no areal. Ademais, a través delas o Concello ofrece desde este ano, e por vez primeira na súa Historia, Surf como actividade municipal a un prezo simbólico, o que permite abrir esta disciplina deportiva a toda a veciñanza e gañar afeccionados desde a infancia. Igualmente, grazas a asociación, os escolares de Nigrán puideron gozar de bautismos de mar gratuítos. Compre destacar que colaboran activamente en cada campaña do Banco Municipal de Alimentos e todas as causas solidarias que o requiran. A súa especial sensibilidade quedou plasmada o ano pasado organizando o Campionato de España de Surf Adaptado. Patos en Nigrán e Valdoviño na Coruña (municipios irmandados) son as dúas localidades pioneiras en Galicia na práctica do Surf, retrotraéndose a súa orixe a finais dos anos 60 e, en Patos, popularizándose xa por completo nos anos 90 coincidindo coa apertura da primeira tienda especializada en Vigo. Grazas a elas, o surf é actualmente o motor económico da zona de Patos, coa vantaxe de que é unha actividade totalmente desestacionalizada, beneficiosa para a saúde e que promove sempre os valores de máximo respeto medioambiental.

Mencións Especiais

Por vez primeira, o Concello de Nigrán establece tres mencións especiais: ao maquetista Feliciano Figueiró e aos hostaleiros retirados Horacio Gomes e Gustavo Vidal, fundadores do ‘Venus’ e ‘El Refugio del Pescador’ respectivamente.

Feliciano Figueiró, veciño de Camos, desenvolve incansablemente o seu traballo como maquetista afeccionado desde a súa xubilación. Polas súas mans pasaron a Sagrada Familia, as catedrais de Burgos ou León, La Peregrina, A Almudena, o propio Concello de Nigrán… Centos de obras que regala coa única condición de que sexan expostas nun lugar visible. A súa paixón xurdiu cando apenas contaba con trinta anos, durante a década na que estivo embarcado na mariña inglesa. Alí sobráballe o tempo e decidiu dar renda solta á súa habilidade sen ter ningún coñecemento previo de carpintería ou enxeñería. Cando regresou a terra, Feliciano abandonou unha afección que non volveu reaparecer ata a xubilación dando os seus maiores froitos.

Horacio Gomes e a súa esposa Rosario Iglesias, un matrimonio de emigrantes retornados de Francia, investiron en 1975 todos os seus aforros na compra dun espléndido solar fronte ao Concello de Nigrán para abrir a histórica “Cafetería Venus”. A estupenda acollida do negocio propiciou a súa rápida ampliación a Restaurante co famoso “ Bacalhau á Venus” como plato estrela, tan famoso que mesmo se chegou a mandar por mensaxería 24 horas a toda España. Nas súas mesas xestáronse moitas das negociacións que, durante a Transición, non ían adiante no Concello: “á miña casa entraban de todas as cores, e todos se saudaban e respectábanse”. Entre os seus clientes ilustres, todos os alcaldes do municipio da etapa democrática, os presidentes da Xunta Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, o ministro Javier Solaina, e outras moitas personalidades da vida social, económica e política local, que honraban a casa coa súa presenza. En 1982, impulsados polo éxito do restaurante e o notable auxe do turismo na zona, Horacio e Charo ampliaron de novo o seu servizo abrindo tamén no edificio un pequeno Hostal de 8 habitacións que, co tempo, pasaría a ser de 17 e a denominarse Pensión. En 1999, e despois 23 anos de servizo ininterrompido, retíranse da cafetería-restaurante, a cal -tras dous breves arrendamentos- pasa en 2004 a mans de Amador Domínguez, o seu xerente ata hoxe e propietario da pensión desde 2020.

Gustavo Vidal ‘Tavo’ pechou este ano as portas de ‘El Refugio del Pescador’ tras 40 anos adicados a este histórico restaurante do peirao de Panxón. En 1984 comenzou a súa andaina coa apertura dun pequeno establecemiento moi próximo ao Náutico nun local anexo á carpintería do seu pai Ricardo (nel se reunían os mariñeiros pero tamén os visitantes do verán) e que co paso dos anos se ampliaría con tres grandes salóns chegando a servir a 100 comensais ao día.

Con retiros destes dous hostaleiros péchase unha pequeña parte da historia sentimental no noso pobo: o patrimonio inmaterial de Nigrán está vinculado a súa hostalería y a súa su gastronomía, sendo os dous establecementos grandes embaixadores do municipio. Compre destacar e agradecer que esta xeración de hostaleiros sentaron as bases do desenvolvemento turístico actual.

O Celta presenta á Corporación Municipal e a Pereiras a futura Factoría do Deporte Galego

0

A tarde de onte celebrouse na Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras unha xuntanza entre o RC Celta, Concello e Comunidades de Montes e Augas de Pereiras, na que o clube celeste presentou o proxecto estratéxico e referente internacional: Galicia Sports 360.

Na reunión estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con máis membros da Corporación Municipal, o presidente do Celta, Carlos Mouriño, e representantes da Comunidade de Montes de Pereiras, e Comunidades de Aguas de Pereiras; onde se atopan os terreos dos que xa dispón o clube celeste para desenvolver este novo proxecto.

O proxecto exposto convertirase na Factoría do Deporte Galego, tratándose dun centro integral para a capacitación da industria do deporte, cun centro de tecnificación avanzada para o desenvolvemento das novas tecnoloxías e a súa aplicación ao mundo do deporte. Un centro que albergará ademais a Universidade do Deporte.

Sobre esta gran noticia a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou “a gran transformación en materia de novas dotacións e equipamentos que vai supoñer esta nova infraestrutura deportiva estratéxica e referente internacional”.

Así mesmo Arévalo salientou as características deste novo proxecto céltico “que contará cunhas instalacións de 299.000 m2 de superficie e no que o clube fará un investimento de 70 millóns de euros. Ao tempo que creará emprego no municipio con 200 novos postos de traballo”.

Deste xeito a Cidade Deportiva Afouteza continuará crecendo con esta Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que contará con campos de fútbol de herba natural e artificial, instalacións para os equipos de categorías profesionais e para a canteira, instalacións para a práctica doutros deportes, centro de ocio deportivo temático aberto ao conxunto da sociedade e residencia deportiva para a canteira e concentracións do primeiro equipo, así como para os programas de formación intensivos.

O programa deseñado contará co proxecto da Universidade do deporte, centros de ciclos formativos de Grado Superior vinculados á medicina e ao mundo deportivo e centro de alto rendemento médico.

A Xunta remata a creación de accesos e a mellora de lavadoiros en Oia

0

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de rematar a creación de accesos peonís e a mellora integral dos lavadoiros de Torroña e Bonaval, no Concello de Oia, cun investimento de 36.000 euros financiado, ao 85%, cunha achega da orde de infraestruturas turísticas para municipios de ata 10.000 habitantes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Oia, Cristina Correa, supervisou esta dobre actuación na parroquia de San Pedro de Burgueira que permitíu o embelecemento e recuperación de dous lavadoiros de indubidable valor turístico pola elevada cifra de visitantes que recibe o concello e os milleiros de peregrinos que percorren o Camiño Portugués pola Costa.

O acondicionamento destes lavadoiros consistíu na limpeza da área de intervención, a súa adecuación, a creación de sendas peonís, o pavimentado da contorna, a recondución das augas e a cubrición do propio lavadoiro.

“Estas actuacións son unha mostra máis da aposta transversal da Xunta de Galicia polo turismo, xa que actuamos en cuestións estratéxicas e de calado e tamén naquelas máis sinxelas, pero que contribúen ao embelecemento e que son moi valoradas polos visitantes. No caso de Oia, un concello cun enorme tirón turístico que está a facer un gran traballo neste sector e que aposta pola calidade, a colaboración do Goberno galego é constante e imos seguir nesta liña”, manifestou Luis López.

Ademais, o delegado territorial explicou que a Axencia Turismo de Galicia vai destinar novamente este ano un millón de euros a estas accións de embelecemento e recuperación de espazos con esta orde para concellos de ata 10.000 habitantes, que se enmarca no Plan Camiña.

Esta liña, que concederá un máximo de 30.000 euros por solicitude, oriéntase á posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes municipios con accións de embelecemento, accesos, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros, sendeiros e rutas, espazos de estacionamento de vehículos e incluso a mellora de Bens de Interese Cultural (BIC).

Aberta a inscrición para os establecementos hostaleiros que queiran participar nas ‘II Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela’

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Comercio que xestiona María Castro, anunciou a apertura do prazo inscrición para que os establecementos hostaleiros do municipio poidan participar nas II Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela que se desenvolverán dende o 29 de abril ao 8 de maio, unha iniciativa que na súa primeira edición tivo unha excepcional acollida e que busca poñer en valor o produto estrela da enseada de San Simón e contribuír á dinamización dos establecementos hostaleiros do municipio.

Ao igual que fixo nas xornadas do 2021, o Concello mercará directamente á Confraría de Pescadores o choco que, posteriormente será distribuído entre os establecementos participantes “para, dese xeito, promocionar o noso produto estrela e garantir a súa calidade, asegurándonos que, en realidade, sexa choco de Redondela”, asegurou a alcaldesa de Redondela Digna Rivas.

Nestas segundas xornadas poderán participar todos os establecementos de hostalaría, legalmente establecidos, que cumpran coas condicións de participación e acepten as bases do evento. O prazo de inscrición pecharase o vindeiro 8 de abril. Tanto as bases como o formulario de solicitude poden consultarse na páxina web do Concello, http://redondela.gal/. Para máis información as persoas interesadas poden poñerse en contacto co Concello de Redondela a través do teléfono 986 400 300 ou do enderezo de correo electrónico [email protected].

Segundo as bases publicadas, os establecementos hostaleiros que participen nestas II Xornadas deberán incluír na súa carta, “como mínimo, un menú, prato ou proposta gastronómica na que o produto principal sexa o choco”. Dito menú –que deberá ser descrito na solicitude de inscrición– queda á libre elección de cada establecemento que poderá participar co número de propostas que desexe e en formato salgado ou doce.

Durante a celebración das xornadas, os establecementos participantes comprométense a ofrecer o menú durante os días establecidos e, durante o evento, “non se poderá modificar nin o menú nin o prezo”.

A alcaldesa Digna Rivas subliñou a importancia deste evento “que na súa primeira edición tivo una enorme aceptación por parte do público e foi, ao mesmo tempo, un extraordinario escaparate no a nosa hostalaría puxo de relevo o seu altísimo nivel”.

Ponteareas duplica o número de árbores no centro urbano en catro anos

Ponteareas conmemora o Día Mundial da Árbore coas mans na terra. Co gallo desta data e acompañados da alcaldesa, Cristina Fernández Davila, alumnado de aulas do Colexio Rural Agrupado do municipio plantou estes días varios exemplares nunha actividade centrada en poñer en valor a natureza e dar relevancia ás árbores autóctonas.

O Concello de Ponteareas conmemora ademais este día cun balance do proceso de arborización do centro urbano iniciado hai catro anos coas obras de reforma urbana e recuperación de espazos públicos en diferentes lugares da vila.

En 2019 no centro urbano de Ponteareas existían 428 árbores distribuídas en parques, xardíns e rúas. Preto da metade destes exemplares foron plantados no seu día de xeito inadecuado debaixo de balcóns ou moi preto das fachadas de edificacións, o que provocaba que as árbores apenas tiveran copa para xerar sombra, xeraran molestias nas vivendas, obrigara a podas agresivas e frecuentes con malformacións no arborado e ocupara zonas de paso peonil en beirarrúas estreitas de por si.

Dende o ano 2019 as obras executadas ou en execución supuxeron a plantación de 331 árbores, todas elas cumprindo os estándares de separación a vivendas e espazos libres para os peóns o que posibilitará xerar grandes zonas sombreadas nunha vila que soporta altas temperaturas durante varios meses do ano. Esa cifra significa un incremento de case o 80% no número de árbores, preto do dobre do preexistente. O novo arborado sitúase na rúa Redondela, San Roque, Complexo Deportivo e Centro de Saúde, Praza Doutor Fernández Vega, Praza de Bugallal, primeiro tramo do Paseo Matutino e en Trobador Xoán García de Guillade, onde se plantarán novos exemplares nos vindeiros meses coas obras do camiño escolar seguro. As especies máis empregadas son os freixos, liquidambar, tilos, pereira de flor e bidueiros, todos de folla caduca para facilitar o paso do sol no inverno e o sombreado na primavera e verán. O proceso de arborización continuará avanzando cos novos proxectos de reforma urbana, algúns xa redactados como o da rúa Domínguez Benavides e Rúa da Braña e outros que se redactarán neste ano como Concha Brey, Constitución, Reveriano Soutullo primeiro tramo, Virxe dos Remedios, Senén Canido e dous tramos de Morales Hidalgo e Vidales Tomé.

Aberta a pre-inscrición para acceder ás escolas infantís de Tomiño e Goián

0

Aberto o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás 2 escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos de Tomiño (O Seixo e Goián), o único concello da comarca que conta con 2 centros de educación infantil públicos. A día de hoxe o padrón de habitantes contabiliza 350 nenos e nenas de 0 a 3 anos.

Ata o 8 de abril os pais e nais poden solicitar algunha das 102 prazas (61 en Goián e 41 en Tomiño) que se ofertan nas dúas escolas, tanto de renovación, como de novo ingreso.

Ademais, cada curso se reserva unha praza por aula para nenos e nenas derivados dende os Servizos Sociais previa aprobación do Consorcio.

A lista provisional de inscritos e lista de agarda será publicada o 6 de maio. O prazo de reclamación será do 9 ao 13 de maio e a publicación das listas definitivas o 31 do mesmo mes. Por último, do 1 ao 10 de xuño será o prazo de matrícula propiamente dito.

Unha das grandes novidades deste curso é que será gratuíta a atención educativa para todo o alumnado, con independencia do número de irmáns da unidade familiar (os servizos de comedor ou merenda terán que abonarse, como até o de agora).

A Escola infantil de Goián conta con 4 aulas e unha capacidade total de 61 prazas. Segundo os datos achegados polo director, José María Torres, este curso renovarán sobre 20 familias. As prazas libres son 7 no grupo 0-1 e dependendo das solicitudes recibidas, variará a configuración das outras 3 unidades da escola, podéndose establecer máis de un grupo para os niveis 1-2 e/ou 2-3.

A presentación de solicitudes pode ser presencial (nas escolas) ou telemática, recomendándose ás persoas interesadas pasarse polo centro a informarse previamente e coñecer as instalacións, para o que é preciso chamar antes.

No Seixo son 42 prazas en total, estando vacantes para este curso 7 na aula de 0-1; 5 na de 1-2 e 7 na de 2-3. “Eu recomendaríalle aos pais e nais que se animasen a vir, que os nenos e nenas veñen moi contentos e as familias teñen sempre as portas abertas”, explica a directora, Paula Oliveira.

O alumnado que entra novo cada ano pasa un período de adaptación para que os nenos e nenas non acusen tanto o cambio.

O impreso de matrícula pode recollerse nas propias escolas infantís ou baixalo de internet en sede.xunta.gal. Para máis información ou cita previa, pódese chamar ao 986 622 887 (Escola Infantil de Tomiño) ou 986 620 385 (Escola Infantil de Goián).

Asemade, toda a información relativa ao proceso, así como os formularios normalizados do procedemento, poderán consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís de Galicia A Galiña Azul.

Outro enlace de interese para ampliar a información é a https://www.escolasinfantisdegalicia.es/index.php/resolucion-da-xerencia-do-consorcio-pola-que-se-convoca-o-procedemento-de-adxudicacion-de-prazas-nas-escolas-infantis-0-3-para-o-curso-2022-23/

O Concello de Nigrán organiza un roteiro de sendeirismo gratuíto polas aldeas de Xisto

0

O Concello de Nigrán organiza este sábado 26 de marzo unha xornada gratuíta de sendeirismo de 6 km polas aldeas do Xisto (centro de Portugal). A dificultade do roteiro é media-baixa e está pensado para poder facerse en familia, pero evidentemente é necesario estar en boas condicións físicas para camiñar tres horas sen dificultade.

Os interesados en participar teñen de prazo para anotarse ata este xoves 24 de marzo a través dun formulario en www.nigran.es ou na Oficina de Información da Casa Consistorial. O Concello disporá dun autobús que sairá do Concello ás 9:00 horas para chegar de volta aproximadamente ás 22:30 horas, debendo levar cada un a súa propia bolsa co picnic para xantar de campo, asi como auga. Dada a natureza desta excursión, é imprescindible acudir debidamente equipado, con roupa cómoda e zapato axeitado.

En concreto, os asistentes percorrerán os sendeiros entre as aldeas de Lousa, Casal Novo e Talasnal, todas nesta Serra da Lousa da rexión centro de Portugal. Estas aldeas forman un dos conxuntos turísticos máis singulares do país, coa súa arquitectura a base de pedra de lousa (‘xisto’) e con gran atractivo para os amantes do turismo de natureza.

A música protagoniza o proxecto educativo “Benjamín de Sefarad” en 2022

0

A Red de Juderías de España lanza unha nova edición do seu proxecto educativo Benjamín de Sefarad, que ten como obxectivo o difundir entre os escolares a importancia e pervivencia do legado xudeu de España. Unha proposta educativa na que colabora o concello de Tui a través da concellería de Ensino e Cultura que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente Solla.

Nesta edición, o protagonismo recaerá na música como legado inmaterial, clave para a transmisión e conservación da esencia da cultura sefardí. Así, durante o que resta de curso escolar, a Rede de Juderías fornecerá aos colexios que desexen participar na iniciativa unha colección de materiais lectivos gratuítos, como unha master-class virtual sobre música sefardí a cargo da cantante de música antiga, medieval e sefardí Mara Aranda, e o especialista en instrumentos da tradición medieval española Xota Martínez, e un libreto que recolle ligazóns e letras de cancións moi representativas da música sefardí. Os colexios interesados en participar no proxecto poden solicitar información e os materiais remitindo un correo electrónico á dirección [email protected]

IV Edición Concurso de Microrrelatos

A música é tamén a protagonista da nova convocatoria do Concurso de Microrrelatos, no que poderán participar estudantes cursando 1º e 2º da ESO de calquera dos centros escolares españois. O certame foi convocado o xoves 24 de febreiro nun acto público en Lucena presidido por Juan Pérez, alcalde de Lucena e presidente da Rede de Xudarías de España, e que contou coa participación de Marta Puig, Xerente da Rede.

A temática sobre a que deberán versar os microrrelatos desta edición será a música, e o prazo de participación péchase o 10 de xuño de 2022. Cabe destacar que o certame contará cun xurado de excepción, presidido polo músico, actor e escritor Jimmy Barnatán, ao que acompañarán Coty Aserín, terapeuta, coach e preparadora xuvenil da Comunidade Xudía de Madrid e directora do programa de RTVE Shalom; Carmelo Jordá, xornalista e autor de varios dos Diarios de Viaxe da Rede de Xudarías; e Mara Aranda, intérprete, investigadora e Directora do Centro Internacional de Música Medieval.

Como nas anteriores edicións, os relatos gañadores recibirán como premio cheques de viaxe, e editarase un libro cos 30 relatos mellor valorados polo Xurado. Toda a información sobre o certame e as súas bases poden ser consultadas en www.redjuderias.org

Dende o Concello tudense animan aos centros educativos do noso municipio a participar nesta iniciativa que promove a valorización do legado cultural da presenza xudía na Península Ibérica, contribuíndo desde xeito ao coñecemento e respecto mutuos entre pobos, culturas e tradicións. Neste sentido, dende a concellería de ensino e cultura se lle enviou a todos os centros información sobre este proxecto, ofertando asesoramento para a súa posta en marcha.

A Xunta leva ao IES Alonso Ríos de Tomiño a campaña formativa sobre o uso seguro do tractor

0

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias para concienciar sobre o uso seguro do tractor. Hoxe foi o turno do IES Alonso Ríos de Tomiño ata onde se desprazaron os técnicos da Xunta para dar a coñecer as principais medidas de prevención e trasladar a necesidade de adoitar as precaucións necesarias.

A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.

Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais e a maioría, o 90% de tipo leve. Na provincia de Pontevedra anotouse un deses sinistros mortais, dun total de 11, dos que 9 foron leves e outro grave. 

Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou mala utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.

O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, no que se enmarca esta campaña, pretende concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.

A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.

Gondomar acolle a obra de teatro ‘O Péndulo’

0

Gondomar vai acoller este venres a obra de teatro ‘O Péndulo’ da compañía Inversa Teatro sobre a historia do fusilado Tirso Gómez e a única alcaldesa galega na II República. Trátase dunha representación incluída no ciclo de teatro ‘Barracas’ posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que tamén levará á escena outras obras relacionadas co golpe de Estado do 36, a ditadura e a represión franquista noutras localidades como Vilagarcía, Moaña, Silleda, Tomiño ou O Grove.

A deputada de Memoria María Ortega explica que coa programación de todo o ciclo teatral a Deputación pretende dous obxectivos:  garantir que as compañías do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

‘O Péndulo’ representarase este venres, xusto dous días antes da celebración do Día Mundial do Teatro, ás 21 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío con entrada de balde e sen reserva previa. Trátase dunha obra de teatro-documento que mostra como se desenvolveu a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia a través dun achegamento á historia colectiva desde o persoal, xa que a co-dramaturga e actriz Marta Pérez fala da experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez  Freijido, natural de Ribadavia e residente en A Cañiza.

Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da vila, Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Xusto Moure, Jesús Pérez e Antonio Mouteira. Outro veciño da localidade,  Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza, pertencente a Esquerda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. Esta última conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e acabou vivindo en Lugo coa anarquista  Urania Mella.

A propia Marta Pérez destacou na presentación da peza que é o “proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque  falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. (…) A obra é ‘O péndulo’ porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto”.

Ademais de participar como dramaturga e actriz, “debido á carga emocional que supón para min”, Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.

A Deputación alumea o Pazo Provincial con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down

Dende as 19.00 horas deste luns, 21 de marzo, e ata as 8.30 da mañá do martes día 22 o Pazo Provincial da Deputación tinguirase de azul e amarelo para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta acción, a institución súmase a “Down Galicia” para conmemorar esta efeméride promovendo a conciencia e a comprensión entre a opinión pública e poñendo en valor a dignidade, valía e contribucións das persoas con síndrome de Down.

En novembro de 2011 Nacións Unidas declarou o 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down como símbolo da triplicación do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome.  Durante este día, entidades de todo o mundo aproveitan a ocasión para resaltar a importancia da autonomía e independencia individual das persoas con Down, así como reivindicar as súas achegas e o dereito humano básico a que tomen as súas propias decisións. Tamén se reclama o acceso adecuado a atención á saúde, aos programas de intervención temperá, á ensinanza inclusiva, así como á investigación adecuada, vitais para o crecemento e desenvolvemento persoal. A combinación cromosómica específica de Down afecta en España a unhas 35.000 persoas, cunha incidencia a nivel mundial situada entre 1 de cada 1.000 recentemente nados.

Continúa a oferta de actividades da Omix da Guarda con obradoiros de Lettering e Comunicación

0

A Omix da Guarda informa da ampliación do prazo de inscricións do obradoiro de música e canto moderno para a mocidade: unha alternativa que pretende ser unha oferta diferente, moi orientada á xente máis nova cun repertorio actual e moi diverso. Con este obradoiro pretendemos crear unha canle de expresión que encaixe coa mocidade, que libere as súas emocións e que ademais non renuncien a unha formación musical de calidade. Traballarán técnica vocal, expresión e ritmos e escalas da música moderna.

O obradoiro impartirase os martes dende as 19:00h ata as 21:00h e é de balde para as persoas participantes.

Para o próximo mes de abril a OMIX da Guarda organiza dúas novas actividades formativas. A primeira, un obradoiro de iniciación ao lettering, en colaboración coa libraría Atlántica e que  impartirá Amasonia Tropical o día 1 de abril de 17:30 a 19:30.

A segunda acción será un Obradoiro de comunicación e oratoria que leva por título Canta claro coma o galo! que se desenvolverá os martes de 16:30 a 18:30 horas a partir do día 5 de abril e que en total terá unha duración de 12 horas. Neste obradoiro tratarase de introducir ás persoas participantes na vivencia da comunicación como unha experiencia agradable e de transformación persoal. Aclarar os puntos clave para dominar a comunicación en calquera contexto da vida. Conseguir que as persoas gañen en seguridade persoal.

Os obradoiros teñen prazas limitadas.

Inscrición e información na OMIX da Guarda, no mail [email protected] ou no teléfono 986610000 ext 7.

Oia acolle o VIII Trail Desafío do Club Marqués de Vizhoja-Cornelios

0

No día de onte tivo lugar o VIII TRAIL DESAFÍO DE OIA, nunha paraxe espectacular e, tras un ano no que non se puido realizar tal e como se fixo ata a data por motivos relacionados coa Covid, este ano volveron ás orixes.

Trail maratón de 37 km, un trail de distancia media de 21 km e o mini trail de 12 km, ademais dunha andaina de 13,5 km polos montes de Oia con saída desde o Mosteiro de Oia e meta no mesmo lugar.

O evento organizado polo Club Marqués de Vizhoja-Cornelios contou con 588 corredores repartidos nas catro categorías deportivas, volvendo así ás orixes e vendo que, a pesar de ser un ano diferente, volveuse a organizar un evento con multitude de corredores que queren gozar dunha carreira durísima, pero cunha satisfación enorme unha vez pasada a liña de meta.

Continúan mantendo todas as medidas Covid que se esixen a nivel organizativo e outras de sentido común, para iso a saída tivo lugar escalonadamente, ás 8:00 da mañá saíron os corredores do Trail de 37 km, posteriormente ás 9:00 saíron os corredores que se disputaron a vitoria no Trail de 21 km e por último saíron os corredores do Trail de 12 km e os participantes da andaina todos eles tomaron a saída desde O Mosteiro de Santa María de Oia.

Ás 08:00 horas tivo lugar a saída do Trail de 37km. Este ano volveuse a proponer un percorrido bastante duro polos máis altos e bonitos montes de Oia, como viña sendo habitual ata o pasado ano.

Finalizando o percorrido de 37km o pódium queda como segue:

MASCULINO

  • 1º POSTO: MARCOS ANTONIO PASCUAL FIDALGO do Club Castro Trail
  • 2º POSTO: JOSÉ MARTÍN FONTÁN ARNEJO do Club GMTA& CHUVONER
  • 3º POSTO: DANIEL PAZO GIRÁLDEZ DO Club Atletismo Baiona

FEMININO

  • 1º POSTO: OLALLA CONDE SEOANE do Club GTR-GALAICO TRAIL RUN
  • 2º POSTO: RAQUEL DOIRO GONZÁLEZ do Club GMTA& CHUVONER
  • 3º POSTO: CRISTINA COUTO GONZÁLEZ do Club GTR-GALAICO TRAIL RUN

Ás 09:00 horas tivo lugar a saída do Trail de 21km. Este ano volvemos recuperar todas as modalidades e por tanto a distancia de 21 km pasa a ser o percorrido medio, con gran parte do percorrido compartido cos corredores do Trail de 37Km.

Finalizando o percorrido de 21 km o pódium queda como segue:

MASCULINO

  • 1º POSTO: DANIEL MARTÍNEZ PUERTAS
  • 2º POSTO: FICO LOSADA CONDE do club Castro Trail
  • 3º POSTO: RUBÉN INSÚA DÍAZ, do club Vértice Club de Montaña

FEMININO

  • 1º POSTO: SILVIA CASAL do Club GMTA& CHUVONER
  • 2º POSTO: MARÍA FERREIRO PÉREZ do Club GMTA& CHUVONER
  • 3º POSTO: ALBA REY PENELAS do Club A.D. JARNACHAS

O Mini-Trail 12km toma a saída ás 10:00 cun percorrido deseñado para iniciarse no mundo da carreira de Montaña.

Finalizando o percorrido de 12km fórmase o seguinte pódium:

MASCULINO

  • 1º POSTO: DARÍO ARIAS COSTAS do club Athletics Fisioterapia San Lázaro
  • 2º POSTO: JAVIER RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ do club Aviva Sport
  • 3º POSTO: JOSÉ FELIPE GONZÁLEZ ÁLVAREZ

FEMININO

  • 1º POSTO: GLORIA GALIÑA PRADO do club Running Sport Trail Ourense
  • 2º POSTO: XANA RODRÍGUEZ GARCÍA
  • 3º POSTO: CAROL OTERO ALONSO

Este ano contouse coa presenza do Presidente da Federación galega de carreiras de Montaña así como da secretaria do mesmo organismo e coa alcaldesa de Oia e o concelleiro de Deportes para a entrega de premios, onde se premiaron independentemente dos trofeos entregados polo club as medallas correspondentes aos primeiros de cada categoría que puntuaba para a Copa Galega de Carreiras de Montaña.

Por todo iso o club quere dar as grazas a todos os participantes e rexistrados por non faltar á emblemática cita.

Tomiño celebra os días do bosque e da árbore entregando plantas forestais autóctonas

0

Hoxe luns 21 de marzo, con motivo do Día dos Bosques, e ata o 28 de xuño, Día da Árbore, o Concello de Tomiño lanzará a campaña “Enche o teu monte de vida autóctona”; unha campaña de entrega de planta forestal frondosa e autóctona, co obxectivo de contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require ás persoas propietarias unha xestión correcta da biomasa e onde se prohiben árbores como pino, eucalipto e acacia, seguindo sempre as indicacións da Lei de prevención de incendios forestais.

Para iso, cada titular dunha parcela en franxa secundaria, que estea ben xestionada, poderá solicitar plantas para a súa parcela, no departamento de Medio Rural do Concello. 

“Do que se trata é de concienciar á cidadanía sobre os beneficios de plantar especies frondosas autóctonas e, dado que  en moitos casos se lle obriga a cortar as que tiña, valore a opción de plantar árbores permitidas nestas franxas”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

O Concello de Tomiño, cunha superficie total de faixa secundaria de 797,51 hectáreas, investirá uns 3.000 euros na compra destas árbores: 1.600 unidades de 10 especies distintas: castiñeiro, carballo, sobreira, loureiro, cerdeira, nogueira, aciñeira, acivro, érbedo e bidueiro.

As persoas propietarias que teñan limpado as súas parcelas conforme á lei; especialmente nas dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño), poderán pasar pola oficina de Medio Ambiente para solicitar as árbores.

A técnica do departamento entregará vales para ir recoller as plantas a un lugar acondicionado, logo de comprobar, a través de fotografías, a limpeza realizada previamente.

O número de árbores entregadas a cada titular dependerá do tamaño da súa parcela, pois entregarase unha árbore por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias. “Se temos éxito, podemos repetir nos anos vindeiros”, avanza a concelleira.

Dende o departamento de Medio Rural lembran que as novas especies frondosas deberán plantarse a máis de 15 metros das vivendas; a 2m dos lindeiros e camiños públicos, e a 4m de estradas de máis de 5m de ancho.

SmartPeme ofrece esta semana tres novos obradoiros

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre Instagram profesional, redes sociais para establecementos turísticos e Intelixencia Artificial.

As actividades comezarán o martes 22 cun taller impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais coa especialdiade de márketing e dirección comercial, que baixo o título de “Instagram profesional para triunfar coa túa empresa II” seguirá a estela do obradoiro impartido a semana pasada.

O día seguinte, o mércores 23, terá lugar o taller “Redes sociais para establecementos turísticos” no que Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo con dez anos de experiencia no sector, afondará nas vantaxes e inconvenientes das redes sociais, cando usar cada unha e como usar Facebook, Instagram, Twitter e TikTok. Ademais, neste obradoiro daranse pinceladas doutras redes como TripAdvisor, Minube ou Pinterest.

Os obradoiros desta semana rematarán o xoves 24 cun taller titulado “Intelixencia Artificial II, clasificación e regresión” e impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, que ten como obxectivo que as e os usuarios sexan capaces de configurar unha rede neuronal para as tarefas de clasificación de imaxes, recoñecemento de expresións faciais e o movemento autónomo dun robot de adestramento.

Participar na Semana das Ciencias de Ponteareas ten premio

Premiar o interese pero tamén a curiosidade e a participación. Así resume a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, a decisión de sortear entre o alumnado dos centros educativos de Ponteareas un patinete eléctrico para adultos.

Pero non todos poderán optar a este novidoso e prezado agasallo: só poderán entrar no sorteo aquelas e aqueles que asistan ás catro conferencias que se celebrarán de luns 21 a xoves 24 na sala multiúsos do auditorio municipal ás 19:30 horas.

A doutora arquitecta Patricia Muñiz falará en Ponteareas de hábitat sostíbel e presentará o seu proxecto de vivendas para refuxiados e desprazados, o doutor enxeñeiro David Patiño de biomasa como recurso enerxético e o popular catedrático de física aplicada da Universidade de Santiago, Jorge Mira, tentará explicar por que está a cambiar o clima. Os emprendedores e investigadores locais Sergio Quiroga, Fernando Castro e Pablo Moure pecharán o ciclo de conferencias compartindo co público os seus proxectos e experiencias.

“Por sexto ano consecutivo a Semana das Ciencias volve ser unha oportunidade única de escoitar ao mellor persoal investigador e científico de Galicia, de conversar con eles e elas e de achegarnos á ciencia dun xeito sinxelo e comprensíbel”, comenta a rexedora. Engade tamén que o obxectivo é dar visibilidade á importancia da ciencia no noso día a día e poñer en relevo a necesidade de investir en investigación como ferramenta para a nosa sociedade de benestar.

Traballar o presente mellora o futuro, por iso para a alcaldesa é indispensábel que toda a poboación participe. Por este motivo, a Semana das Ciencias ofrece actividades para toda a cidadanía, dende contacontos na rúa para os máis pequenos, a seminarios para profesorado e saídas didácticas para alumnado.

Para apoiar á mocidade máis curiosa e comprometida da nosa vila, este ano a Semana das Ciencias agasallará aos máis curiosos cun patinete eléctrico de altas prestacións. Con modo ECO  e tripla sistema de freado de seguridade extrema, o “BONGO SERIE A CONNECTED” será sorteado no marco da Feira das Ciencias que este ano será o venres 25 de marzo de 17.00 a 20.00 horas na contorna do Concello. En caso de climatoloxía adversa a feira trasladarase ao patio cuberto do CEIP Fermín Bouza Brey.

A Deputación festexará con dúas funcións o “Día do Teatro con Mimo”

A Deputación de Pontevedra volve a poñerse a carón da cultura coa celebración do Día do Teatro, que cada ano se festexa o 27 de marzo. Para conmemorar esta data, apoiar ao colectivo profesional que traballa neste eido e dar visibilidade a un sector que tanto precisa da proximidade do público, a institución provincial celebrará o “Día do Teatro con Mimo”.  A cita terá lugar o venres 25 de marzo con dúas funcións dirixidas ao público familiar que se levarán a cabo na explanada dianteira do Pazo Provincial, onde se colocarán cadeiras para o seu desfrute. Alí poderán verse “A gran viaxe”, de Inventi Teatro, e “Ghop!”, de Teatro ó Cubo. Para gozar destas pezas, que en caso de chuvia se escenificarán no Salón de Plenos, tan só hai que inscribirse enviando un mail a [email protected].

Así, ás 17.00 horas sairán a escena as e os compoñentes de Inventi Teatro para amosar “A gran viaxe”, unha espectáculo de rúa visual que durará aproximadamente 45 minutos. A peza narra a historia da capitana Centella e o doutor Potasio, que chegan á Terra en busca de Ziscornio, o elemento necesario para salvar o seu planeta. Cando xa parece que o problema está resolto  comezan os problemas e Centella e Potasio non saben se poderán regresar á súa casa.

Teatro ó Cubo collerá o relevo ás 19.00 horas con “Ghop!”, un espectáculo participativo e cheo de humor que terá unha duración aproximada de 60 minutos. “Ghop!” levará á Avenida de Montero Ríos unha función coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas e chea de malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia.

O Mercado de Tomiño estrea un novo servizo de recollida de pedidos polas tardes

0

Comprar no Mercado Municipal de Tomiño é cada día máis fácil. O vindeiro martes 22 de marzo, a praza de abastos estreará un novo servizo de recollida de pedidos polas tardes que permitirá á veciñanza facer as súas compras pola mañá de forma telefónica e acudir ao mercado para retirala fóra do horario de apertura dos establecementos.

“Seguimos traballando para potenciar as compras na nosa praza de abastos cunha nova medida que sen dúbida facilitará a moitos tomiñeses e tomiñesas seguir consumindo local do noso mercado e a desfrutar da calidade dos nosos produtos sen estar limitados por cuestións de horarios”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Este servizo funcionará a través dun sistema gratuíto de consignas que permitirá gardar os pedidos durante horas garantindo a cadea de frío e con compartimentos diferenciados pola tipoloxía de produtos: carne, peixe e froitas e verduras. Os clientes e clientas só terán que facer o seu pedido de xeito directo ao establecemento que desexe, aboar a compra co método acordado co praceiro ou praceira e pasar a recoller a compra de 17.00 a 20.00 horas, no momento que máis lle conveña.

As consignas estarán situadas no primeiro andar no interior da Confitería Rogelio, que será o establecemento encargado de xestionar a recollida e facer a entrega dos produtos mercados debidamente etiquetados á clientela.

Un sistema pioneiro co que o Concello de Tomiño busca dar pulo ao consumo local e invitar a todos os tomiñeses e tomiñesas a vivir e gozar o seu mercado.

Aberto o proceso de admisión de alumnado na Galiña Azul do Rosal

0

A escola infantil A Galiña Azul do Rosal xa ten aberto o seu proceso de admisión de alumnado para o curso 2022/23. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro venres 8 de abril, como recolle a Resolución do 8 de marzo pola que se convoca este procedemento para as escolas infantís 0-3 dependentes do Corsorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia.

A franxa horaria establecida pola Xunta para elixir no caso da escola do Rosal é de 08.00 a 18.00 horas, aínda que é orientativa, xa que o horario definitivo do centro establecerase ao final do proceso dependendo do número de solicitudes recibidas e en función de criterios organizativos. Poderán presentarse tamén solicitudes fóra de prazo para nenos e nenas nadas despois do prazo de solicitude, cambios de domicilio ou traslado de traballo.

Estas solicitudes presentaranse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia a través dos formularios normalizados tanto opara a renovación de prazas como para a solicitude de novos ingresos. Toda a información relativa ao proceso, así como os impresos e a documentación complementaria poderá consultarse e descargarse na páxina web da rede de escolas infantís A Galiña Azul de Galicia.

Para todos aqueles casos nos que non sexa posible a presentación telemática, o persoal da escola infantil acompañará ás persoas solicitantes a través de atención telefónica, tanto para aclarar calquera dúbida ou axudar na cobertura dos anexos a presentar e na documentación xustificativa como para concretar hora de atención na escola no caso de ser preciso, sempre con cita previa. En caso de acudir ao centro deberá presentarse soamente unha persoa por familia. Poderán contactar coa escola a través do teléfono 986 625 121 ou no correo electrónico [email protected].

Baiona entrégase á poesía esta fin de semana

0

Mañá sábado, 19 de marzo, e o domingo, día 20, o Multiusos Mercado de Sabarís acollerá o I Festival Poético do Concello de Baiona “Baiverso”.

Os asistentes a este evento onde a poesía e a música serán as principais protagonistas, poderán gozar da variada oferta cultural programada para a ocasión pola Concellería de Cultura do Concello de Baiona.

O sábado a cita será ás 18:00 h coa escritora M.ª Xosé Queizán, coa poeta Cynthia Menéndez, e con Law + GazzFunkdation soará a unha enérxica e elegante fusión jazz- funk chea e frescura e sabor urbano a cargo do colectivo galego. Ás 19:00 h poderase gozar do concerto poético de “Cinta Adhesiva”.

O domingo ás 11:30 h haberá un taller de “Lettering” para o que é necesario facer reserva previa no 986385921 ou en [email protected] . Ás 12:30 h en sesión vermú a nota musical corre a cargo da actuación de “Xardín Desordenado” e “Graciela Baquero”.

O I Festival Poético do Concello de Baiona “ Baiverso” enmárcase dentro “O Mes da Poesía”, un programa de actividades que se desenvolve ao longo do mes de marzo para conmemorar o día 21 de marzo, Día Internacional de la Poesía, a data escollida pola UNESCO para conmemora unha das formas máis prezadas da expresión e identidade e lingüística da humanidade: A poesía.

A programación foi impulsada pola Biblioteca Municipal de Baiona e a Concellería de Cultura co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética.

A iniciativa, completarase coa Ruta Da Poesía no que poderase disfrutar da lectura de diversos poemas de autores actuáis máis representativos da sección de poesía do  catálogo da Biblioteca Pública Municipal de Baiona a través dun roteiro lieterario por visibles lugares da nosa Vila.

OUTAS ACTIVIDADES “MES DA POESÍA”

O vindeiro mércores 23 de marzo, ás 17H, realizarase o Obradoiro de Poesía: “Platero y Yo e outros poemas”, no que se xogará có léxico e as imaxes. Posteriormente, intentarase crear un texto orixinal con os cativos e cativas participantes.  O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 13

 años.

Asimesmo, o mércores 30 de marzo, ás 17 H, realizarase un obradoiro de Poesía para adultos. Leeranse poemas de diferentes autores con temática de Biografía. Explicaranse os autores, un breve contexto e os poemas, para que poidan ser entendidos e valorados. Tamén farase un obradoiro de escritura posterior. O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a un público  a partir de 14 anos. 

Para poder participar nos distintos obradoiros ofertados é necesaria a incripción previa ata completar o aforo na Bibioteca Pública Muinicipal ou a través do 986 35 59 43. 

Ribadetea reclama o proxecto de execución do saneamento “para a totalidade” da parroquia ponteareá

A plataforma polo saneamento de Ribadetea solicitou por Rexistro una reunión coa Directora de Augas de Galicia para insistir en reclamar a redacción do proxecto de execución da totalidade da parroquia. Cómpre salientar que actualmente estase a redactar un proxecto de execución parcial que abarca tal solo ó 20 % dos veciños de Ribadetea.

Dende a Plataforma consideran que a redacción do proxecto tiña que contemplar a totalidade da rede de saneamento de augas residuais, que dera servizo ó 100 % dos veciños, ainda que posteriormente as obras poidan ir adxudicándose por fases sucesivas.

Considera a plataforma veciñan que a forma de proceder de Augas de Galicia, vai demorar excesivamente no tempo que se poida completar e dar o servizo á totalidade da parroquia e lembran que Ribadetea está dentro da rede Natura 2000 e que por parte da Unión Europea existen actualmente fondos extraordinarios suficientes para obras de Medio Ambiente. “non vemos a necesidade de demorar artificiosamente a realización de proxecto de execución para posteriormente acometer as obras de saneamento de toda a parroquia de Ribadetea”, apuntan dende a Plataforma.

Por tanto solicitan unha reunión con Teresa Gutiérrez “para expoñerlle as nosas demandas, convencidos de que a administración autonómica as comprenderá e poderemos chegar a un acordo plenamente satisfactorio”.

Covelo arranca coa promoción turística da vila

0

Por segundo ano consecutivo o goberno de Covelo aposta pola promoción turística do concello na cidade de Vigo. Captar a ollada da área metropolitana e posicionarse na axenda do turismo de proximidade son os obxectivos desta estratexia segundo explica a concelleira de Turismo, Lourdes Enes.

Tres valos publicitarios de grandes dimensións e un monoposte recórdanlle á cidadanía que ten plans para a fin de semana no concello de Covelo. Lourdes Enes adiántanos que nestes días Covelo lucirá nunha valla situada na avenida de Madrid nunha zona comercial á altura das gasolineiras e na entrada da cidade tamén nesta mesma avenida pero á altura do seminario. Ademais, na estrada VG-20, na saída da circunvalación e rotonda da Zona Franca-Bouzas, os condutores e acompañantes poderán descubrir “Covelo é Natureza Vívea” e na avda. Ricardo Mella-cruce praia Vao “Covelo é Sabor Víveo”.

“Trátase de captar ao turismo de proximidade pero tamén de ofertar unha proposta para as vacacións da Semana Santa. Eliximos puntos de paso de alta densidade de tráfico pero que a vez fose un punto de parada como semáforos ou de ralentizar a velocidade, como as rotondas e saídas de estradas, para que dea tempo a contemplar os contidos publicitarios”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Turismo verde, sostible e para todos os petos

Sen ter que percorrer grandes distancias e cunha oferta baseada na riqueza paisaxística, gastronómica e patrimonial, o concello de Covelo oferta de xeito estable ao longo do ano rutas de sendeirismo e visitas guiadas ao serradoiro dos Carranos totalmente de balde cada primeiro e segundo domingo de mes. Completa a oferta as rutas do Museo Pazo da Cruz e a experiencia de observación de estrelas dende o observatorio do Alto do Castelo do Faro, que é un dos puntos mais altos da provincia de Pontevedra. A súa gastronomía e a oferta hostaleira con prezos económicos son outros dos atractivos xunto á riqueza dos seus bosques e ríos.

“As visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes.

As xornadas de portas abertas do serradoiro dos Carranos terán lugar cada primeiro domingo de mes. As inscricións abren o luns desa semana ata esgotar as prazas. Do mesmo xeito, os roteiros guiados e interpretados terán lugar o segundo domingo do mes e as inscricións abren o luns da mesma semana ata esgotar prazas”.

As rutas do Museo Pazo da Cruz

Pero ademais o concello de Covelo ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernández Sendín.  Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro do Santísimo Cristo dos Aflixidos obra do escultor José Cerviño,  a continuación visita  ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, a Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús e repartiranse agasallos aos participantes.

Observar as estrelas

Para os interesados nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata o alto da Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Castelo do Faro, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos da Asociación Galega de Astronomía.

Nigrán pecha este sábado o entroido co enterro do Kiko

0

O Concello de Nigrán pecha o seu entroido este sábado 19 de marzo co tradicional enterro do kiko, evento realizado sempre coa colaboración co Centro Cultural Parada do Miñor. Así, este terá lugar a partir das 18:30 horas coa saída desde o Auditorio Municipal do ‘kiko’ tirado por un carro de bois e acompañado por un cortexo fúnebre composto pola comparsa de Parada, a charanga ‘Cantos Somos’, “autoridades” e demais asistentes.

A continuación, a partir das 19:30 horas, será velado no Torreiro de Parada, onde o pregoneiro Antonio oficiará un funeral no que non faltarán as coplas que con moita sorna elabora cada ano para a ocasión. Despois terá lugar a procesión polo barrio da Igrexa e a queima.  A xornada rematará á noite co concerto de D´Lider (Prosy e María Rúa) previsto para as 21:30 horas.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai seis anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.

O Porriño será este domingo a capital da danza urbana

O polideportivo municipal do Porriño será ese domingo epicentro da danza urbana. Uns 150 bailaríns e bailarinas chegados de toda a xeografía galega disputarán o I Trofeo Concello do Porriño de Hip-Hop, unha competición puntuable no ranking nacional da Federación Española de Baile Deportivo.

No evento, organizado polo CBD Pasos-BaileGalicia, en colaboración co Concello do Porriño, os deportistas competirán en trece categorías, con premio para os tres primeiros de cada unha delas.

Os xurado está composto por tres bailaríns do máis alto nivel na modalidade: Max One, que chega dende Barcelona, Lidia Rioboo, de Madrid e Julia Laport, que ven dende A Coruña.

Dende a organización destacan o nivel dos participantes e a vistosidade do evento. “Entre os deportistas que competirán no Porriño están grupos que son campións nacionais, do máis alto nivel da Federación de Baile Deportivo”, explicou Miguel Abreu, “Convido a todo o mundo a disfrutar deste evento, que non defraudará pola súa espectacularidade”.

Cabe destacar que a danza urbana é unha modalidade relativamente nova dentro da Federación de Baile Deportivo. O Breaking, será por primeira vez deporte olímpico en París 2024 tras ser recoñecido dende hai pouco como deporte polo Comité Olímpico Internacional.

A gran noite do turismo racha coas expectativas nunha gala espectacular que puxo en valor a capacidade e forza das Rías Baixas

“Temos demostrado unha grande fortaleza para enfrontarnos a retos que nin imaxinábamos”. Con estas palabras, unha emocionada Carmela Silva enxalzou o destino turístico de Rías Baixas na esperada Gala Provincial de Turismo, na gran noite do turismo en Galicia, conducida pola actriz Jazmín Abuín. A presidenta da Deputación, xunto ao alcalde de Vigo Abel Caballero, alcaldesas e alcaldes e representantes do sector turístico, da cultura e da sociedade da provincia déronse cita esta tarde nun ateigado Mar de Vigo no que se concentraron preto de 350 persoas para enxalzar a “forza”, a “maxia” e a “capacidade” do destino Pontevedra Provincia. No sorprendente evento audiovisual, no que o público vibrou coa música de Tanxugueiras e co espectáculo de vertixe, de son, iluminación e acrobacias de Pablo Méndez, presentouse a campaña “Love Rías Baixas”, nomeouse á Ruta do Viño Rías Baixas como nova embaixadora da provincia e entregáronse os distintivos SICTED ás 163 novas empresas de 27 concellos que veñen de conseguir esta acreditación de calidade.

Carmela Silva: “Vivimos nun lugar privilexiado e con moitas potencialidades para as novas demandas. Somos xa unha referencia turística galega, estatal e internacional”

“Temos un lugar privilexiado, con moitas potencialidades para responder ás novas demandas turísticas, á vangarda da dixitalización e cohesionado, recoñecido, ben coidado e promocionado, con atención de calidade, interconectado, moderno e competitivo” presumiu Carmela Silva enriba dun espectacular escenario, con pantalla curva de 17 metros de longo na que se visualizaron os atractivos turísticos que fan única á provincia. Precisamente por todos estes motivos asegurou que “estamos en boa posición para ser unha referencia turística a nivel galego, estatal e internacional. Temos forza para seguir crecendo e capacidade para facelo”. A presidenta resaltou a “fortaleza” do destino e afirmou que “seremos capaces de superar as dificultades para seguir sendo un sector forte e con garra, traballando xuntas e xuntos para tomar medidas que permitan superar as incertezas, os temores, a inflación ou os gastos enerxéticos que dificultan o progreso económico”. Carmela Silva non esqueceu o contexto no que se atopa o mundo ante a invasión de Ucraína. “Mantemos unha forma de estar no mundo onde a hospitalidade vénnos de nacemento –recordou a presidenta para facer chegar a solidariedade da provincia ao pobo ucraíno-. A campaña “Love Rías Baixas” leva por símbolo un corazón que representa os nosos valores como pobo aberto, acolledor e solidario. As mulleres e homes de Ucraína contan co noso apoio. Desexamos que máis pronto que tarde poidan reconstruír a súa vida en paz”. Foi nese momento cando o corazón vermello de “Love Rías Baixas” transformouse na pantalla nun grande e vibrante corazón coas cores azul e amarelo da bandeira ucraína.

Na súa intervención, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén presumiu de recursos turísticos e lembrou dende o Nadal ata as “Illas Cíes, a festa da Reconquista, as festas, gastronomía, o desenvolvemento cultural, cidade de cor, un Vigo distinto”. Abel Caballero remarcou que a cidade “estase constituíndo no proxecto de turismo emerxente máis importante de Europa” e amosou a vontade de “seguir implicándonos para atraer máis e máis visitantes á cidade. Vigo é xa unha grande cidade turística e esta é a pata económica que nos faltaba”.

[su_image_carousel source=”media: 55022,55020,55021,55017,55019″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As actuacións de Tanxugueiras e Pablo Méndez Peformance

O carisma e o desafío á gravidade de Tanxugueiras e Pablo Méndez Performance, respectivamente, marcaron o evento. Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, xunto a Iago Pico e Isaac Palacín, que recordaron a estreita relación entre o grupo e a Deputación -que leva apostando e contando con elas dende fai tempo a través do seu programa Musigal- foron as encargadas de abrir coa peza “Midas” nunha Gala na que tamén interpretaron “Figa” e o himno “Terra”, que puxo o colofón ao evento ante un auditorio entregado.

Sen alento deixou tamén ao público o espectáculo de Pablo Méndez centrado na auga como fío argumental para poñer en valor o mar, as rías e ríos da provincia e para cuxa montaxe foi necesaria unha grúa de máis de cinco metros. O equipo de Méndez burlouse das alturas con movementos acrobáticos e voos de media ducia de persoas sobre unha enorme burbulla –que emulaba unha gota de auga- e un gran paraugas suspendidos sobre o escenario, mentres na pantalla se proxectaban imaxes do mar embravecido e pegadas nos ríos.

O éxito do destino Pontevedra Provincia é un traballo colectivo

Xunto aos recursos do destino, o sector turístico tivo tamén un papel fundamental na Gala, cun audiovisual propio para “enxalzar o seu bo facer”. O evento foi todo un recoñecemento á súa calidade. “O éxito deste destino é un traballo colectivo -remarcou a presidenta- e nós somos a provincia con máis distintivos SICTED de España”. Neste contexto, foron galardoadas as 163 entidades que acadaron este ano o diploma de calidade do SICTED e aproveitouse para poñer en valor a súa profesionalidade, “clave na experiencia das viaxeiras e viaxeiros e que con máis de 300 empresas da provincia adheridas supuxo que Rías Baixas fose escollido en Fitur como o mellor destino de calidade de todo o Estado”.

Amais, durante a Gala, a Deputación tamén nomeou nova “Embaixadora Rías Baixas” á Ruta do Viño Rías Baixas, que obtivo en Fitur o recoñecemento á mellor Ruta de Viño de España. “Este ano –asegurou a presidenta- as nosas embaixadoras e embaixadores serán todas as empresas que forman parte da Ruta. Creo que é un xusto recoñecemento e que non poderíamos ter mellores representantes porque temos na provincia un potente sector do viño, moi internacionalizado, que soubo unir calidade con experiencias turísticas. Ideas así son as que nos fan avanzar”. O presidente da Ruta do Viño, Juan Gil, tamén incidiu no potencial do enoturismo “con enormes posibilidades de crecemento”. Cheo de orgullo agradeceu á Deputación este recoñecemento. “Estase a recoñecer o traballo de moita xente: adegueiras, viticultoras, concellos, museos, restaurantes e hoteis. A todas elas o meu agradecemento e felicitación”. Tamén aproveitou para recordar o traballo que desenvolve a diario a Ruta para “aumentar o número de visitantes, mellorar a calidade da oferta e atractivo das instalacións, a formación do persoal e crear un ambiente favorable ao desenvolvemento do turismo de calidade, o que permitirá impulsar un turismo atractivo, sostible e capaz de xerar riqueza e distribuíla entre a poboación do territorio no que nos asentamos”.

Love Rías Baixas

Na Gala proxectouse o audiovisual “Love Rías Baixas. Unha historia de amor coa provincia de Pontevedra”, co que a Deputación está a promover a provincia neste 2022. A través das e dos seus protagonistas Mari Hashimoto (de Osaka, Xapón), Kate Singer (de Chicago, EUA), Perret e Diego Ríos (de Santiago, Chile), Kevin Weatherill (de Rocher, Inglaterra), Virgina Gil (de Aranda de Duero, España), Daniela Savic (Eslovenia), Violeta Mi Tan (Shanghai, China) e Saliou Ndongo (Senegal), repasáronse diferentes recursos de Pontevedra Provincia.

Trala foto de familia coa presidenta da Deputación, as alcaldesas e alcaldes, empresas distinguidas co SICTED e representantes da Ruta do Viño, o broche de ouro á Gala Provincial de Turismo veu da man das Tanxugueiras que con “Terra” pecharon o evento “nunha terra sen fronteiras”.

Entra en vigor a nova ordenanza de mobilidade e utilización do espazo público de Ponteareas

Imaxe de arquivo

Hoxe entrou en vigor a nova Ordenanza de Mobilidade e Utilización do Espazo Público de Ponteareas, logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia o pasado 24 de febreiro sen que se presentaran alegacións. A ordenanza foi aprobada no pleno do 30 de novembro con tan só 4 votos en contra (ACIP), a abstención do PP e o voto favorable do goberno (BNG-PSOE).

A Ordenanza de Mobilidade Amable substitúe á anterior de tráfico de 2003 e configúrase como a ferramenta xurídica necesaria para implementar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e o Plan de Accesibilidade así como todo o proceso de reforma urbana posto en marcha polo goberno municipal, dirixido a recuperar o espazo público para a mobilidade e estancia das persoas, fomentar os desprazamentos saudábeis e sustentábeis a pé e en bicicleta, e reducir o tráfico a motor e, polo tanto, a contaminación e a inseguridade viaria.

A nova normativa regula a utilización do espazo público atendendo a todas as actividades e usos, garantindo o dereito das persoas a gozar destes espazos, rematando coa monopolización dun único uso, o do automóbil, e substituílo polo de tráfico de necesidade e que engloba o acceso de residentes con ou sen garaxe, a carga e descarga de profesionais, as persoas con mobilidade reducida, ou o acceso de comerciantes e clientes para recoller ou deixar mercadorías non transportábeis a pé, así como os servizos públicos e de emerxencias.

A nova ordenanza regula as zonas de preferencia peonil, contempla que os pasos de peóns deberán ser sempre elevados coa mesma rasante que as beirarrúas que á súa vez deberán ter unha anchura mínima de 2,50 metros. Onde non sexa posíbel acadar esas dimensións a vía será de plataforma única con preferencia peonil. A ordenanza regula tamén a mobilidade das bicicletas e vehículos de mobilidade persoal coma os patíns eléctricos, así como a tonelaxe dos vehículos que poden circular por zonas urbanas. En canto ás velocidades máximas en vías urbanas a norma xeral é a dos 20 km/h, limitación que tamén se aplica agora en todas as pistas do rural que carezan de beiravía mínima de 1,5 metros de anchura e nas que, en presenza de persoas, se debe reducir a 10 km/h. Ademais, a velocidade máxima é de 10 km/h nas rúas de preferencia peonil ou plataforma única.

O Concello de Ponteareas denuncia a negativa da Xunta a pagar a súa débeda pola Estación de Autobuses

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, lamentou a negativa da Xunta de Galicia a pagar ao Concello de Ponteareas a cantidade debida pola xestión da Estación de Autobuses dende 2011. Nun escrito remitido á alcaldesa, a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade alega que as perdas da Estación a pagar se limitan ao período 2011-2016 e se compensan coa ocupación de parte das instalacións por parte de colectivos sociais como Ponte Solidario. Cristina Fernández afirmou que a Consellaría “falta á verdade e, afortunadamente, está documentado o compromiso da Xunta de pagar as perdas asumidas por Ponteareas nestes once anos e sen ningunha clase de compensación por ocupación das instalacións”.

Ademais, a Xunta advertiu que reclamará ao Concello o pago dun canon pola xestión da Estación. Cristina Fernández Davila lembra que “dito canon era de aplicación até 2011 coa concesión. De ser certo que non se pagou, os gobernos daquel entón deberán explicar porqué non se fixo e a Xunta debe aclarar porque se acordan agora, once anos despois, de reclamalo”. A alcaldesa solicitou xa un informe xurídico para defender os intereses municipais, “se é preciso nos tribunais. Non imos aceptar que a Xunta con mala fe institucional prexudique a Ponteareas e a súa veciñanza nunha reacción claramente vingativa e contra un Concello que, sen ter obriga, lle solucionou durante once anos a súa incapacidade para xestionar unha Estación que é de exclusiva competencia da Xunta”.

A rexedora lamentou que a Xunta decidise poñer fin ás negociacións para cofinanciar a remodelación do edificio, ao non aceptar a oferta municipal. “O Concello ofertou unha colaboración moi clara, cifrada en 370 000 euros, para confinanciar as obras de remodelación; a Xunta pretendeu plasmar no convenio unha forma de pagamento inviábel xuridicamente e a Consellaría non aceptou outras formas de pago viábeis propostas polo Concello como o pagamento fraccionado”. A alcaldesa revelou que nas negociacións o Concello tamén propuxo adquirir a propiedade da primeira planta do edificio, unha fórmula que si permitiría o pagamento único, pero a Xunta tamén rexeitou esa posibilidade.

Nunha resposta enviada hoxe á Conselleira, a alcaldesa sinala que “se esta vai ser a liña de actuación e de relación da súa Consellaría co Concello de Ponteareas adiántolle que a deste goberno municipal seguirá sendo a do respecto institucional, pero dende a firmeza da defensa dos dereitos e intereses de Ponteareas e sempre co amparo do ordenamento xurídico, recorrendo, se é necesario, á tutela dos tribunais de xustiza”.

Escolares de Redondela transmiten ao Goberno local as súas propostas para tres proxectos de espazos de lecer que están en marcha

0

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Redondela celebrou esta semana a súa segunda reunión plenaria do curso, xuntanza que estivo centrada na realización de propostas para tres proxectos de creación e remodelación de espazos de lecer que o goberno local vai levar a cabo nos próximos meses.

Voceiros e voceiras dos CEIP Alexandre Bóveda, Porto Cabeiro, Quintela, Reboreda e Santa Mariña e mais os IES Chapela, Illa de San Simón, Mendiño e Pedro Floriani, celebraron un pleno onde expuxeron as súas propostas e suxestións para a futura zona deportiva e de lecer de San Pedro de Cesantes, para a remodelación da zona deportiva de Chapela coñecida como “Campito” e mais para a zona deportiva que se vai construír anexa á Senda Verde, tamén en Chapela.

A alcaldesa Digna Rivas, na súa función de presidenta do Consello, xunto coa concelleira de Xuventude e Ensino, Olga García, así como representantes das ANPAS e máis dos grupos políticos da oposición –na súa condición de vogais adultos–, asistiron a este pleno para escoitar as voces da rapazada de Redondela. Dende os centros de ensino traballaron para propoñer as mellores ideas para o aproveitamento destes espazos públicos.

Ideas como dotar de fontes de auga os tres espazos, crear zonas de descanso con arboredos de especies autóctonas, instalacións pensadas para a infancia e a terceira idade, dotacións deportivas, parques caninos e aparcamentos para bicicletas son algúns exemplos das propostas que foron trasladadas durante esta xuntanza ao goberno local.

Tanto dende a representación do goberno, como dende os partidos da oposición e mais das ANPAS trasladaron a súa admiración e o seu agradecemento aos nenos, nenas e adolescentes alí presentes, e mais aos seus centros de ensino polo traballo realizado.

Digna Rivas asegurou que “Redondela pode estar orgullosa de contar cunha mocidade implicada, responsable e traballadora” e lembrou a importancia de “que mozos e mozas sexa os que decidan sobre aqueles proxectos que lles afectan directamente”.

A alcaldesa de Redondela lembrou que, dende a súa chegada ao Concello, “os Plenos da Infancia e Adolescencia deixaron de ser algo que se facía para ‘cubrir o expediente’ a constituírse en órganos activos de intercomunicación entre a mocidade e o Goberno local para facer chegar á Administración as necesidades do sector máis novo da poboación”.

As propostas da mocidade e a infancia, afirma a rexedora local redondelá, “son escoitadas con atención, tidas en conta e plasmadas en proxectos reais para uso e desfrute dos nenos e nenas”.

Cómpre salientar que neste Consello, a UNICEF tamén estivo presente e a súa representante amosou interese e mais satisfacción “polo traballo que está a realizar o Concello de Redondela a prol do dereito dos nenos e das nenas a participar na vida pública”. Esta preocupación do goberno local por escoitar a voz da infancia materialízase na celebración destes Plenos infantís, ao tempo que no apoio ao grupo de representación infantil e xuvenil do municipio, constituído baixo o nome de Axentes do Cambio. Redondela goza dende o ano 2018 da condición de Cidade Amiga da Infancia, distintivo concedido por UNICEF na súa valoración do deseño das políticas municipais para a mellora da vida dos nenos e das nenas.

Arbo recupera a tradicional Marcha BTT da Lamprea

0

Dentro dos eventos que o Concello de Arbo organiza no mes de abril para promocionar a LXII Festa da Lamprea, que este ano terá lugar os días 22, 23 e 24 de abril, volve a organizar despois de dous anos de parón por culpa da pandemia a VI Marcha BTT da Lamprea o 10 de abril.

As persoas que queiran participar nesta actividade, deberán inscribirse online na áaxina web da Festa da Lamprea www.festadalamprea.gal,  sendo o prazo máximo de inscripción o día 6 de abril.

Os participantes contarán con seguro, avituallamento, agasallo e o rematar a proba deportiva poderán degustar a lamprea e viño das adegas de Arbo, para levar un bo sabor de boca.

Arbo está íntimamente ligado á lamprea e ao viño. Tal é a súa relevancia que, nesta localidade, o peixe e as uvas forman parte do escudo e da bandeira do municipio. Unha unión que tamén se mantivo na gastronomía coa transmisión, de pais a fillos, de receitas como lamprea en empanada, lamprea á prancha, fritida e rebozada, guisada con fideos, entre outras, informa o edil de o Concello de Arbo, e que mellor maneira de quentar motores que achegarse a esta ruta que cada ano atrae a máis participantes.

100 docentes da comunidade educativa mosense formáronse en primeiros auxilios

0

A concellería de Educación mosense e o equipo de enfermeiras do Centro de Saúde de Mos, integrantes da Mesa Local da Saúde, organizaron unhas xornadas formativas no Multiusos das Pozas sobre primeiros auxilios dirixidas a docentes da comunidade educativa mosense: Escolas Infantís, CEIPs e IES.

As enfermeiras que impartiron a formación son Lorena Comesaña, Macarena Chacón e Inés Alonso. Que tamén contaron con la presenza do Médico Ángel Pichel Loureiro.

30 mestres e mestras pertencentes ao profesorado do IES e ás 3 Escolas Infantís A Galiña Azul de Mos participaron na iniciativa a semana pasada. E esta semana fíxérono 70 docentes dos 5 Colexios de Educación Infantil e Primaria. En total un cento de profesores da comunidade educativa mosense formáronse en primeiros auxilios.

Esta iniciativa emprendeuse dado que na contorna escolar poden acontecer, con maior ou menor frecuencia, situacións de emerxencia ou accidentes, onde os profesionais deben actuar rapidamente xa que o prognóstico ou evolución das lesións derivadas pódese ver relacionado coa inmediatez e calidade dos primeiros auxilios prestados.

Nos plans de emerxencia dos centros inclúen na súa redacción orientacións acerca das actuacións precisas nos primeiros auxilios (PPAA) e urxencias, establecendo pautas básicas de actuación. Por iso, a comunidade educativa debe adquirir uns coñecementos básicos para proporcionar de forma correcta estes coidados e para o manexo básico de complicacións de enfermidades crónicas, como pode ser unha hipoglucemia nun neno diabético ou unha crise asmática, entre outras.

Chega ao auditorio de Goián “A Herdanza”, a última longametraxe do Grupo San Roquiño

0

Chega a vindeira fin de semana “A HERDANZA”, última película do Grupo San Roquiño de Goián.

A longametraxe, cuxa primeira proxección tivo que adiarse por mor da pandemia, está feita con moito humor e o argumento xira ao redor de tres irmáns cunha inmensa fortuna pero sen descendencia a quen deixala. Os veciños e veciñas tentan axudalos a resolver o problema.

Adiantan que haberá alfombra vermella, 40 personaxes en escena e chegada dos actores e actrices en varios tractores.

“A Herdanza”, filmada nos anos 2019 e 2020, é a quinta película do Grupo San Roquiño, que xa está a preparar a sexta.

  • Datas e horarios: sábado 19 de marzo (primeiro pase ás 19 h e segundo pase ás 21 h) e domingo 20 de marzo (primeiro pase ás 18h e segundo pase ás 20 h)
  • Idade: todos os públicos
  • Lugar: Auditorio de Goián
  • Prezo: GRATIS (para entrar deberá levarse 1 Kg. de comida non perecedoira, para entregar a asociacións asistenciais da zona)
  • Duración: 1.25 h
  • Uso obrigatorio de máscara
  • Colabora Concello de Tomiño

Os “Groms” galegos competirán esta fin de semana en Patos

0

Este domingo 20 celébrase na Praia de Patos a primeira proba da liga Galega de Surf Junior e Grom na que competirán as categorías Sub 10 mixto, Sub 12/14 masculino e feminino. A proba está organizada pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán.

Hai dúas semanas que se celebrou en Patos a primeira parte desta primeira proba do ano da liga Galega de Surf Junior e Grom, na que non puideron competir as categorías inferiores por coincidir en datas coa Fesurfing Junior Series Kids 2022 de Murcia. O pasado martes a Federación Galega de Surf e Bodyboard deu luz verde para celebrar este domingo 20 esta segunda parte da proba, na que competirán as categorías Sub 14/12 masculina e feminina e Sub 10 mixto, esta última é unha nova categoría introducida este ano por primeira vez.

A previsión de ondas para esta fin de semana é boa e por iso espérase ver un alto nivel na competición das novas promesas do surf galego. O evento está organizado pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Ademais, a proba conta co apoio dos patrocinadores Alumisel, Auga Sa e Clínica Dental Fontán & DeBrito, e coa colaboración especial de Waira Surf, We are Walcott, Xunta de Galicia e Deporte Galego.

Ademais, con motivo do día do pai este próximo sábado Prado Surf Escola regala un bono aos pais dos seus alumnos para facer un bautismo de surf gratis en calquera das súas escolas: Patos, A Lanzada e Bastiagueiro. Esta iniciativa comezou xa o ano pasado co día da nai na que se apuntaron máis de 20 nais de alumnos en todos os centros.

O Porto da Guarda acolle este sábado a regata XXI Bandeira Concello da Guarda

0

O mércores 16 de marzo presentouse ante os medios de comunicación a regata XXI Bandeira Concello da Guarda – Memorial Antonino Torrón, acto ao que asistiron Antonio Lomba Baz, alcalde da Guarda; Montserrat Magallanes, concelleira de Deportes; Fernando Rodríguez Freitas, representante da Xunta Directiva do Clube de Remo Robaleira e Jesús Manuel Pérez Martínez, representante de ORPAGU – patrocinador principal do Clube de Remo Robaleira.

A regata XXI Bandeira Concello da Guarda – Memorial Antonino Torrón disputarase na xornada do sábado día 17 de marzo a partires das 16:00h no Porto da Guarda. Trátase dunha regata de bateis encadrada na liguilla da zona sur e na que participan diversos equipos do Grove, Bueu, Cangas, Moaña, Vigo e Redondela.

Na proba, aberta para todas as categorías dende alevín ata senior, ademais de medallas para os tres primeiros de cada categoría, dispútase a Bandeira, o premio máis relevante, á que se concursa por puntos, sendo o equipo con máis e mellores postos o gañador da bandeira.

A Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, valorou moi positivamente a celebración deste evento deportivo na vila, un evento que congregará a máis de 350 deportistas en 70 tripulacións nas diferentes categorías de competición.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, confirmou a súa asistencia á entrega de premios, que terá lugar a partires das 18:30h no Paseo Marítimo do Porto da Guarda

Dende o Concello da Guarda e dende o Clube de Remo Robaleira, convídase a toda a cidadanía guardesa e visitantes a animar aos deportistas nesta xornada no Porto da Guarda.

A VI Semana das Ciencias conecta Ponteareas coa comunidade científica

Visibilizar a importancia da ciencia no noso día a día e conectar á cidadanía ponteareá coa ciencia é o obxectivo da Semana das Ciencias, así o resume a alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila, que dende hai seis anos organiza e desenvolve esta exitosa programación.

Actividades específicas para alumnado de todas as idades, conferencias para o público en xeral, obradoiros, saídas didácticas, exposicións e seminarios para profesorado son algunhas das propostas que ofrece o programa do 2022.

Profesores e investigadores das tres universidades galegas achegaranse ata a sala multiúsos do auditorio municipal para compartir os seus coñecementos sobre sustentabilidade e cambio climático, temática elixida para a edición deste ano.

Pilar Piñeiro, Pedro Pablo Gallego, Juan Picos, Xana Álvarez e Enrique José Varela son algúns dos profesores da Universidade de Vigo que ofrecerán conferencias na quenda de mañá para o alumnado.

Aos anteriores expertos e expertas súmanse as e os conferenciantes da tarde que, a partir das 19:30 horas, exporán na sala multiúsos do auditorio. A arquitecta Patricia Muñíz, os profesores e investigadores Raquel Pérez-Orozco e David Patiño e o físico Jorge Mira serán os encargados de achegarnos cada tarde a ciencia abordándoa dende diferentes sectores e puntos de vista. Como non podía ser doutro xeito, a Semana das Ciencias tamén quere destacar e poñer en valor aos nosos científicos locais e teremos a ocasión de escoitar a Sergio Quiroga, de Ecocelta, e Fernando Castro e Pablo Moure, de Galinsect.

Como cada ano a Semana das Ciencias rematará coa celebración da Feira das Ciencias que este ano se desenvolverá na contorna da Casa do Concello. Máis de vinte stands amosarán as habilidades científicas da nosa comunidade educativa pero tamén será unha boa ocasión para asinar e mercar o libro da escritora Isabel Blanco “Galegas na ciencia” ou o libro da filóloga Dores Pereira e da artista e arquitecta Paula Lago “Herbas da noite”.

Ao longo da semana as familias poderán achegarse á ciencia gozando tanto das actividades de animación programadas en diferentes prazas do centro urbano como da exposición que acolle o hall do auditorio, “A maleta dos océanos”, da artista ferrolá María Lorenzo ou do ciclo de conferencias gratuítas.

“A Semana das Ciencias de Ponteareas supón unha oportunidade única de escoitar aos mellores expertos de Galicia abordar temas tan actuais como as crises humanitarias e o acollemento de refuxiados de guerra ou tan importantes para o noso futuro como as consecuencias do cambio climático e as múltiples formas de contelo”, explica a alcaldesa.

Cristina Fernández Davila explica ademais que esta iniciativa permite á mocidade de toda a comarca e de toda a área metropolitana coñecer aos nosos científicos e científicas e provoca un encontro case individual entre conferenciantes e público abríndose no peche de cada palestra unha quenda de participación.