Mércores, 23 Abril de 2025

O Celta presenta á Corporación Municipal e a Pereiras a futura Factoría do Deporte Galego

A tarde de onte celebrouse na Cidade Deportiva Afouteza en Pereiras unha xuntanza entre o RC Celta, Concello e Comunidades de Montes e Augas de Pereiras, na que o clube celeste presentou o proxecto estratéxico e referente internacional: Galicia Sports 360.

Na reunión estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con máis membros da Corporación Municipal, o presidente do Celta, Carlos Mouriño, e representantes da Comunidade de Montes de Pereiras, e Comunidades de Aguas de Pereiras; onde se atopan os terreos dos que xa dispón o clube celeste para desenvolver este novo proxecto.

O proxecto exposto convertirase na Factoría do Deporte Galego, tratándose dun centro integral para a capacitación da industria do deporte, cun centro de tecnificación avanzada para o desenvolvemento das novas tecnoloxías e a súa aplicación ao mundo do deporte. Un centro que albergará ademais a Universidade do Deporte.

Sobre esta gran noticia a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou “a gran transformación en materia de novas dotacións e equipamentos que vai supoñer esta nova infraestrutura deportiva estratéxica e referente internacional”.

Así mesmo Arévalo salientou as características deste novo proxecto céltico “que contará cunhas instalacións de 299.000 m2 de superficie e no que o clube fará un investimento de 70 millóns de euros. Ao tempo que creará emprego no municipio con 200 novos postos de traballo”.

Deste xeito a Cidade Deportiva Afouteza continuará crecendo con esta Factoría do Deporte Galego-Galicia Sports 360 que contará con campos de fútbol de herba natural e artificial, instalacións para os equipos de categorías profesionais e para a canteira, instalacións para a práctica doutros deportes, centro de ocio deportivo temático aberto ao conxunto da sociedade e residencia deportiva para a canteira e concentracións do primeiro equipo, así como para os programas de formación intensivos.

O programa deseñado contará co proxecto da Universidade do deporte, centros de ciclos formativos de Grado Superior vinculados á medicina e ao mundo deportivo e centro de alto rendemento médico.