11.8 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSmartPeme ofrece esta semana tres novos obradoiros

    SmartPeme ofrece esta semana tres novos obradoiros

    O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre Instagram profesional, redes sociais para establecementos turísticos e Intelixencia Artificial

    A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre Instagram profesional, redes sociais para establecementos turísticos e Intelixencia Artificial.

    As actividades comezarán o martes 22 cun taller impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais coa especialdiade de márketing e dirección comercial, que baixo o título de “Instagram profesional para triunfar coa túa empresa II” seguirá a estela do obradoiro impartido a semana pasada.

    O día seguinte, o mércores 23, terá lugar o taller “Redes sociais para establecementos turísticos” no que Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo con dez anos de experiencia no sector, afondará nas vantaxes e inconvenientes das redes sociais, cando usar cada unha e como usar Facebook, Instagram, Twitter e TikTok. Ademais, neste obradoiro daranse pinceladas doutras redes como TripAdvisor, Minube ou Pinterest.

    Os obradoiros desta semana rematarán o xoves 24 cun taller titulado “Intelixencia Artificial II, clasificación e regresión” e impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, que ten como obxectivo que as e os usuarios sexan capaces de configurar unha rede neuronal para as tarefas de clasificación de imaxes, recoñecemento de expresións faciais e o movemento autónomo dun robot de adestramento.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.