18.5 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasEntra en vigor a nova ordenanza de mobilidade e utilización do espazo...

    Entra en vigor a nova ordenanza de mobilidade e utilización do espazo público de Ponteareas

    A nova regulación, que non tivo alegacións, coloca ás persoas no centro da mobilidade e aposta polo uso compartido do espazo, a redución do tráfico e unha maior seguridade

    Imaxe de arquivo

    Hoxe entrou en vigor a nova Ordenanza de Mobilidade e Utilización do Espazo Público de Ponteareas, logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia o pasado 24 de febreiro sen que se presentaran alegacións. A ordenanza foi aprobada no pleno do 30 de novembro con tan só 4 votos en contra (ACIP), a abstención do PP e o voto favorable do goberno (BNG-PSOE).

    A Ordenanza de Mobilidade Amable substitúe á anterior de tráfico de 2003 e configúrase como a ferramenta xurídica necesaria para implementar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e o Plan de Accesibilidade así como todo o proceso de reforma urbana posto en marcha polo goberno municipal, dirixido a recuperar o espazo público para a mobilidade e estancia das persoas, fomentar os desprazamentos saudábeis e sustentábeis a pé e en bicicleta, e reducir o tráfico a motor e, polo tanto, a contaminación e a inseguridade viaria.

    A nova normativa regula a utilización do espazo público atendendo a todas as actividades e usos, garantindo o dereito das persoas a gozar destes espazos, rematando coa monopolización dun único uso, o do automóbil, e substituílo polo de tráfico de necesidade e que engloba o acceso de residentes con ou sen garaxe, a carga e descarga de profesionais, as persoas con mobilidade reducida, ou o acceso de comerciantes e clientes para recoller ou deixar mercadorías non transportábeis a pé, así como os servizos públicos e de emerxencias.

    A nova ordenanza regula as zonas de preferencia peonil, contempla que os pasos de peóns deberán ser sempre elevados coa mesma rasante que as beirarrúas que á súa vez deberán ter unha anchura mínima de 2,50 metros. Onde non sexa posíbel acadar esas dimensións a vía será de plataforma única con preferencia peonil. A ordenanza regula tamén a mobilidade das bicicletas e vehículos de mobilidade persoal coma os patíns eléctricos, así como a tonelaxe dos vehículos que poden circular por zonas urbanas. En canto ás velocidades máximas en vías urbanas a norma xeral é a dos 20 km/h, limitación que tamén se aplica agora en todas as pistas do rural que carezan de beiravía mínima de 1,5 metros de anchura e nas que, en presenza de persoas, se debe reducir a 10 km/h. Ademais, a velocidade máxima é de 10 km/h nas rúas de preferencia peonil ou plataforma única.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.