Martes, 29 Abril de 2025

O libro “Palmeiras, piueiros” de Anxo Angueira presentarase en formato conversas musicalizadas na Guarda

Será este sábado día 26 de marzo ás 18:00h na Praza Avelino Vicente da Guarda

O vindeiro sábado día 26 de marzo a Praza de Avelino Vicente da Guarda será o escenario para un evento literario/musical no cal Anxo Angueira e Xoaquín Cadilla manterán unha conversa sobre o libro “Palmeiras, piueiros”. Este libro xa foi presentado previamente en concellos limítrofes e en diferentes lugares da xeografía galega e do norte de Portugal.

En palabras de Xoaquín Cadilla, presidente da Asociación Piueiro, “é unha honra ver como se tenta manter no noso léxico, na nosa literatura e na nosa fala, unha palabra como piueiro, que pouco a pouco se vai recuperando grazas a o traballo de persoas comprometidas como é o caso de Anxo Angueira”.

Este acto, que terá comezo ás 18:00h da tarde, contará cun acompañamento musical especial a cargo de Secho, que será o encargado de amenizar un coloquio no que Xoaquín e Anxo conversarán sobre poesía, sobre un libro que fai regresar ao autor á poesía e no que os seus poemas falan do seu lugar natal, da historia cultural da Galicia contemporánea, das súas emocións e dos praceres que produce a escritura.

Para pechar este acto contarase cunha actuación especial da gaiteira local Nadia Vázquez, quen entregará ao público asistente a súa espectacular paixón musical a través das melodías da súa gaita.

Anxo Angueira, nado en Manselle, Dodro, no ano 1961, deixou a súa pegada persoal na poesía galega dende a publicación do seu libro “Val de Ramirás” no ano 1989, seguiron a esta, outras publicacións coma “O valo de Manselle”, “Libro da Vertixe” ou “Fora do Sagrado”, entre outras.

Anxo Angueira foi membro fundador das Redes Escarlatas e desde xuño de 2012 preside a Fundación Rosalía de Castro.