Mércores, 23 Abril de 2025

Nigrán pecha este sábado o entroido co enterro do Kiko

O Concello de Nigrán pecha o seu entroido este sábado 19 de marzo co tradicional enterro do kiko, evento realizado sempre coa colaboración co Centro Cultural Parada do Miñor. Así, este terá lugar a partir das 18:30 horas coa saída desde o Auditorio Municipal do ‘kiko’ tirado por un carro de bois e acompañado por un cortexo fúnebre composto pola comparsa de Parada, a charanga ‘Cantos Somos’, “autoridades” e demais asistentes.

A continuación, a partir das 19:30 horas, será velado no Torreiro de Parada, onde o pregoneiro Antonio oficiará un funeral no que non faltarán as coplas que con moita sorna elabora cada ano para a ocasión. Despois terá lugar a procesión polo barrio da Igrexa e a queima.  A xornada rematará á noite co concerto de D´Lider (Prosy e María Rúa) previsto para as 21:30 horas.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai seis anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.