12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasArrancou a VI Semana das Ciencias con obradoiros para primaria e conferencias...

    Arrancou a VI Semana das Ciencias con obradoiros para primaria e conferencias para a ESO

    A alcaldesa e concelleira de Ensino destaca a alta implicación do alumnado

    A sexta edición da Semana das Ciencias arrancou onte en Ponteareas baixo o título “Sostibilidade e Cambio climático”. A alcaldesa e concelleira de Ensino, Cristina Fernández. Davila, abriu o programa de actividades visitando o CEIP Feliciano Barrera de Guláns onde ás dez da mañá o alumnado xogaba coas dimensións e a xeometría co profesor Xabier Prado. A media mañá a actividade trasladouse ao CEIP Santiago de Oliveira e ao longo da semana impartirase este obradoiro en todos os centros educativos de primaria.

    Tamén en horario de mañá o alumnado do IES do Barral participou en “Ciencia e Poesía” e recitou poemas propios e do poeta Alfonso Pexegueiro, entre outros. A continuación, o catedrático do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, Pedro Pablo Gallego da Universidade de Vigo impartiu unha interesante e práctica conferencia na que o público puido aprender a importancia da tecnoloxía no desenvolvemento de técnicas e melloras para a nosa vida pero tamén os riscos. Os pros e os contras da transxenia foron explicados con claridade e sinxeleza e o alumnado do Barral puido conversar e consultar todas as súas dúbidas.

    “Teño que felicitar a todo o alumnado participante nas actividades pola súa implicación e ganas de aprender, tamén ao profesorado por impulsar a participación e fomentar a curiosidade do alumnado”, comenta a alcaldesa.

    O público en xeral tivo a ocasión de atoparse coa ciencia no ciclo de conferencias das tardes. A doutora arquitecta Patricia Muñiz expuxo o seu premiado proxecto “Vivendas prefabricadas en procesos de aloxamento de transición para refuxiados e desprazados internos”. “Desde o 2008 unha persoa cada segundo viuse obrigada a deixar o seu fogar e o cambio climático podería empuxar a outros 100 millóns de persoas á pobreza nos próximos 10 anos”, achegaba a doutora Muñiz Núñez durante a súa conferencia ,na que puidemos ver como a arquitectura ponse  ao servizo das necesidades sociais.

    Ao longo desta semana haberá actividades específicas para alumnado de todas as idades, conferencias para o público en xeral, obradoiros, saídas didácticas, exposicións e seminarios para profesorado.

    O Concello adianta que os obradoiros previstos para a tarde de mañá martes tense que adiar ante a previsión de choivas pero mantense de momento o obradoiro infantil do xoves 24 ás 17 horas na praza Maior, así como o resto da programación da Semana das Ciencias.

    Mañá marte, o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, falará dos incendios forestais de sexta xeración ás 10:30 horas na sala multiúsos que volverá a acoller outra conferencias ás 19:30 co enxeñeiro da Universidade de Vigo David Patiño que exporá “A biomasa como recurso enerxético”.

    Aos anteriores expertos súmanse o físico Jorge Mira, os investigadores José Varela, Xana Álvarez, Pilar Piñeiro, Sergio Quiroga de Ecocelta e Fernando Castro e Pablo Moure de Galinsect.

    Como cada ano a Semana das Ciencias rematará coa celebración da Feira das Ciencias que este ano se desenvolverá na contorna da Casa do Concello. Máis de vinte stands amosarán as habilidades científicas da nosa comunidade educativa pero tamén será unha boa ocasión para asinar e mercar o libro da escritora Isabel Blanco “Galegas na ciencia” ou o libro da filóloga Dores Pereira e da artista e arquitecta Paula Lago “Herbas da noite”.

    Ao longo da semana as familias poderán achegarse á ciencia gozando tanto das actividades de animación programadas en diferentes prazas do centro urbano como da exposición que acolle o hall do auditorio “A maleta dos océanos” da artista ferrolá María Lorenzo ou do ciclo de conferencias gratuítas.

    “A Semana das Ciencias de Ponteareas supón unha oportunidade única de escoitar aos mellores expertos de Galicia abordar temas tan actuais como as crises humanitarias e o acollemento de refuxiados de guerra ou tan importantes para o noso futuro como as consecuencias do cambio climático e as múltiples formas de contelo”, explica a alcaldesa.

    Cristina Fernández Davila explica ademais que esta iniciativa permite á mocidade de toda a comarca e de toda a área metropolitana coñecer aos nosos científicos e científicas e provoca un encontro case individual entre conferenciantes e público abríndose no peche de cada palestra unha quenda de participación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.