8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarGondomar acolle a obra de teatro 'O Péndulo'

    Gondomar acolle a obra de teatro ‘O Péndulo’

    A representación inclúese no ciclo de teatro ‘Barracas’ do departamento de Memoria Histórica da Deputación

    Gondomar vai acoller este venres a obra de teatro ‘O Péndulo’ da compañía Inversa Teatro sobre a historia do fusilado Tirso Gómez e a única alcaldesa galega na II República. Trátase dunha representación incluída no ciclo de teatro ‘Barracas’ posto en marcha polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que tamén levará á escena outras obras relacionadas co golpe de Estado do 36, a ditadura e a represión franquista noutras localidades como Vilagarcía, Moaña, Silleda, Tomiño ou O Grove.

    A deputada de Memoria María Ortega explica que coa programación de todo o ciclo teatral a Deputación pretende dous obxectivos:  garantir que as compañías do país conten con respaldo económico que as anime a proxectar textos referentes á memoria e espallar entre a cidadanía a memoria con perspectiva de país, xénero e clase.

    ‘O Péndulo’ representarase este venres, xusto dous días antes da celebración do Día Mundial do Teatro, ás 21 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío con entrada de balde e sen reserva previa. Trátase dunha obra de teatro-documento que mostra como se desenvolveu a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia a través dun achegamento á historia colectiva desde o persoal, xa que a co-dramaturga e actriz Marta Pérez fala da experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez  Freijido, natural de Ribadavia e residente en A Cañiza.

    Membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da vila, Tirso foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Xusto Moure, Jesús Pérez e Antonio Mouteira. Outro veciño da localidade,  Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza, pertencente a Esquerda Republicana, a única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. Esta última conseguiu salvarse do fusilamento no último momento, alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e acabou vivindo en Lugo coa anarquista  Urania Mella.

    A propia Marta Pérez destacou na presentación da peza que é o “proxecto máis especial do que levo desenvolvido ata agora porque  falo dende a memoria histórica pero tamén dende o persoal. (…) A obra é ‘O péndulo’ porque eu estou constantemente buscando que facer, que dicir, e vendo ata onde podo chegar. Intentarei facela co máximo cariño e respecto, non só pola miña familia, senón polo resto das familias implicadas e coas que teño contacto”.

    Ademais de participar como dramaturga e actriz, “debido á carga emocional que supón para min”, Pérez precisou de axuda na coescrita de Ernesto Eis e na dirección Carlos Álvarez Osorio, En escena están tamén Rosa Puga Davila e Nerea Brey.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.