14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño celebra os días do bosque e da árbore entregando plantas forestais...

    Tomiño celebra os días do bosque e da árbore entregando plantas forestais autóctonas

    O obxectivo da campaña é contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require unha correcta xestión da biomasa para a prevención de incendios

    Hoxe luns 21 de marzo, con motivo do Día dos Bosques, e ata o 28 de xuño, Día da Árbore, o Concello de Tomiño lanzará a campaña “Enche o teu monte de vida autóctona”; unha campaña de entrega de planta forestal frondosa e autóctona, co obxectivo de contribuír a repoboar zonas de franxas secundarias nas que se require ás persoas propietarias unha xestión correcta da biomasa e onde se prohiben árbores como pino, eucalipto e acacia, seguindo sempre as indicacións da Lei de prevención de incendios forestais.

    Para iso, cada titular dunha parcela en franxa secundaria, que estea ben xestionada, poderá solicitar plantas para a súa parcela, no departamento de Medio Rural do Concello. 

    “Do que se trata é de concienciar á cidadanía sobre os beneficios de plantar especies frondosas autóctonas e, dado que  en moitos casos se lle obriga a cortar as que tiña, valore a opción de plantar árbores permitidas nestas franxas”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

    O Concello de Tomiño, cunha superficie total de faixa secundaria de 797,51 hectáreas, investirá uns 3.000 euros na compra destas árbores: 1.600 unidades de 10 especies distintas: castiñeiro, carballo, sobreira, loureiro, cerdeira, nogueira, aciñeira, acivro, érbedo e bidueiro.

    As persoas propietarias que teñan limpado as súas parcelas conforme á lei; especialmente nas dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño), poderán pasar pola oficina de Medio Ambiente para solicitar as árbores.

    A técnica do departamento entregará vales para ir recoller as plantas a un lugar acondicionado, logo de comprobar, a través de fotografías, a limpeza realizada previamente.

    O número de árbores entregadas a cada titular dependerá do tamaño da súa parcela, pois entregarase unha árbore por cada 25 metros cadrados, ata esgotar existencias. “Se temos éxito, podemos repetir nos anos vindeiros”, avanza a concelleira.

    Dende o departamento de Medio Rural lembran que as novas especies frondosas deberán plantarse a máis de 15 metros das vivendas; a 2m dos lindeiros e camiños públicos, e a 4m de estradas de máis de 5m de ancho.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.