Xoves, 17 Xullo de 2025

Un concurso de filloas pechará o Entroido de Salceda

Por segundo ano, o Concello de Salceda de Caselas, en colaboración con ACISA, pon en marcha o concurso de filloas “Saborea o Entroido” os días 24, 25 e 26 de febreiro na hostalería local, dentro do Programa de Dinamización Comercial #ConSalceda.

Os establecementos participarán no concurso a través das dúas categorías existentes, filloa doce e/ou filloa salgada como na anterior edición.

Participarán os seguintes establecementos: O Recuncho, A Tixola Salceda, La Marujita, La Vinoteca Salceda, Asador O Fogar da Rosa, La Jala, A Calustra, Bodeguilla Z9 e  Café Arruda.

A alcaldesa da vila, Verónica Tourón, convida “a achegarse a Salceda e participar nesta ruta gastronómica na que a nosa hostalería local nos ofrecerá distintas opcións de preparación deste manxar que porá sabor ao peche do Entroido salcedense”.

Ademais dos premios á hostalería, as persoas que gocen das filloas e voten a mellor filloa salga e a mellor filloa doce nestas datas participarán no sorteo dun agasallo. Sorteo que se realizará no momento da entrega dos distintivos aos establecementos gañadores.

O horario no que cada establecemento participante servirá a súa filloa estará exposto no propio local, no resto do comercio local así como nas redes sociais do concello e na páxina web.

Chega ao Rosal ‘Santoalla’, o crime que conmocionou Galicia e inspirou ‘As bestas’

0

O cine toma o relevo da axenda cultural no Rosal esta fin de semana e faino cunha proposta na que documental, terror e suspense se mesturan para ofrecer unha nova forma de contar este tipo de historias. Este sábado 25 de febreiro, a Asociación Ghorghalado organiza en colaboración co Concello a proxección de ‘Santoalla’, un thriller de terror rural que narra os feitos do crime real que conmocionou a Galicia no ano 2010 e que inspirou á galardoada película de Rodrigo Sorogoyen ‘As bestas’.

O centro cultural de Tabagón acollerá a partir das 18.30 horas a historia de Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses que deciden abandonar a abarrotada e estresante cidade para retirarse no recóndito pobo de Santoalla despois de percorrer Europa. Teñen un sono en común: poder vivir do que lles ofreza a natureza. Porén, unha vez que chegan a este remoto pobo ourensán a convivencia coa única familia que queda na aldea fará que desemboque nun misterioso conflito e na desaparición e morte de Martin. A entrada será de balde.

Esta actividade forma parte da ampla axenda cultural programada para encher O Rosal de actividades e lecer durante os meses de febreiro e marzo. Unha programación cunha morea de propostas de balde para todos os públicos “coa que seguir dinamizando a cultura no noso municipio, levándoa tamén aos nosos barrios e apostando por unha ampla variedade coa que chegar a toda a veciñanza”, sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Banco de Alimentos busca voluntarios para o 10 e 11 de marzo

A Fundación Provincial Banco de Alimentos necesita uns 500 voluntarios para poder levar a cabo a súa primeira recollida de comida en supermercados de prácticamente toda a provincia, o Zampakilos Solidario organizado, unha vez máis, por parte de Vegalsa-Eroski.

Será os vindeiros 10 e 11 de marzo (venres e sábado) e para que se leve a cabo de maneira óptima, a ONG mobilizará a un bo número de voluntarios que estarán presentes nun total de 33 establecementos da cadea de alimentación galega.

Haberá persoal da ONG, perfectamente identificados co tradicional peto azul, nun total de 33 tendas: 18 de Vigo (150 voluntarios); 2 de Redondela (50 voluntarios); 1 de Mos (25 voluntarios); 1 de Porriño (25 voluntarios); 1 de Baiona (25 voluntarios); 1 de Nigrán (25 voluntarios); 1 de Pontevedra (25 voluntarios); 1 de Lalín (25 voluntarios); 2 de Vilagarcía (50 voluntarios); 2 de Marín (50 voluntarios); 1 de Arcade (25 voluntari@s); e, 1 de Bueu (25 voluntarios)

Para participar como voluntario nesta Operación Quilo só requírese contar con catro horas libres o venres ou o sábado, 10 e 11 de marzo, ser unha persoa empática e xenerosa coa realidade social máis próxima e darse de alta na web: https://bancoalimentosvigo.org/hazte-voluntari/.

Esta nova edición do Zampakilos Solidario terá unha fórmula mixta, é dicir, os doantes poderán entregar alimentos físicos aos voluntarios ou realizar achegas económicas ao pasar pola caixa do supermercado. Vegalsa-Eroski abrirá un saldo ao favor do Banco de Alimentos con todo o diñeiro recadado para traducilo directamente na compra de alimentos.

Tanto o Zampkalos Solidario como o resto de Operacións Quilo a desenvolver supoñen un gran impulso no que a provisión inmediata de produtos de primeira necesidade refírese, co correspondente abastecemento dos almacéns de Vigo e Pontevedra.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu preto de 2 millóns de quilos alimentos durante 2022, un ano no que mellorou substancialmente a denominada cesta básica, adquirindo e repartindo alimentos máis saudables. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atenden a unhas 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade da provincia ás que chegan a través de máis 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.

Mos implicará a miles de mulleres na programación para conmemorar o 8M

0

Onte pola tarde presentouse, no auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso, a programación que o Concello de Mos organiza para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e na que desde a administración local mosense prevese que participen máis de 1.000 mulleres.

Na presentación estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e integrantes dos colectivos femininos mosenses: as Palilleiras de Mos, a Asociación de Mulleres Rurais, e o Grupo de Teatro Mulleres en Igualdade.

A programación do 8M en Mos comezará o 1 de marzo coa MESA REDONDA: REFORMA DOS DELITOS CONTRA A LIBERDADE SEXUAL coa colaboración das Mulleres en Igualdade de Vigo e a participación da Xuíza do Xulgado Penal nº4 de Pontevedra, especialista en violencia de xénero, Belén Rubido de la Torre. Celebrarase no Pazo de Mos ás 18:00 h.

O día 4 de marzo, ANDAINA POLA MULLER organizada polas Mulleres Rurais Val da Louriña. Terá lugar polo Paseo do Louro con saída desde o Pazo de Mos ás 10:00 h.

O propio 8M farase unha HOMENAXE ÁS MULLERES EMPRENDEDORAS no Pazo de Mos ás 19:00 h.

O 11 de marzo celebrarase a  CEA – BAILE DE MULLERES no Pavillón Óscar Pereiro ás 21.30 cun prezo de 30 €.

O día 12 o Pavillón Óscar Pereiro acollerá o FESTIVAL DE PATINAXE POLA IGUALDADE no que participarán as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club Rosaleira, o Club Xiramos. Dará comezo ás 18:00 h.

O 18 de marzo impartirase un SEMINARIO DE AUTOPROTECCION FEMININA – WOMAN DEFENSE no Pavillón Patricia Martínez en horarios de mañá (de 9 a 14h) e de tarde (de 16 a 21h).

O día 29 de abril realizarase unha VIAXE A CIES PARA MULLERES con saída desde o Multiusos das Pozas ás 9:30h e hora aproximada de chegada a Mos ás 19:00h. A actividade será de balde para todas as participantes ata dispoñibilidade de cupo na Illa. Por este motivo cómpre que as interesadas se incriban canto antes, atopándose xa o prazo aberto, que finalizará o propio día 8 de marzo. As interesadas en obter máis información de todas as actividades poden dirixirse ás Oficinas do Multiusos das Pozas ou chamar ao teléfono 986 33 94 04. As inscricións deberán formalizarse no rexistro do Concello.

Ponteareas tendrá una sesión dobre de contacontos para bebés de 0 a 3 anos co programa Apego

O programa Apego volve traer a Ponteareas unha nova actividade na que os nenos gozarán dunha tarde de lecer e descubrimentos en lingua galega. O vindeiro luns 27 de febreiro a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá unha sesión dobre de contacontos sensorial destinados especialmente a bebés de 0 a 3 anos, a primeira ás 17.30 horas e a segunda ás 18.30 horas.

Nesta actividade, a cargo de Eduvía, bebés e persoas adultas acompañantes compartirán unha experiencia feliz da man das palabras, as emocións que acompañan as palabras, as cancións, a lectura, os libros… Todo acompañado de obxectos manipulábeis para chamar a atención deste público inquieto e, á vez, ávido de experimentar e de gozar xunto aos seus seres queridos.

Estes contacontos serán de balde, aínda que para poder asistir é necesaria a inscrición previa, xa que hai prazas limitadas. As persoas interesadas poden reservar a súa a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 640 000, extensión 1010.

Este espectáculo de Eduvía forma parte das actividades que fomentan a vinculación das familias co galego dentro do programa Apego, “un proxecto colectivo pensado para fomentar e facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e nenas de entre 0 a 6 anos no noso idioma”; como explica Fernando Groba, concelleiro de Lingua. Groba convida a todas as familias con bebés de 0 a 3 anos a gozar desta actividade que fomenta compartir experiencias únicas entre a cativada e os seus pais, avós…

A “Asociación de Cidades Colombinas”, da que forma parte Baiona, traballa nun proxecto internacional

0

A ‘Asociación de Cidades Colombinas’ quedou hoxe constituída oficialmente en Madrid, nun acto celebrado na Casa de América no que participou o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, un dos impulsores do proxecto.

Tras a sinatura do ‘Manifiesto de Baiona’ o ano pasado, o acto de hoxe serviu para a posta en marcha oficial da asociación, que traballa xa na creación da Ruta dos Pobos Colombinos ‘Encontro entre Tres Mundos’.

No acto de hoxe participaron Ciprián Rivas, director xeral de Ordenación e Promoción Turística do Goberno de Canarias; Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona; Patricia Carrasco, alcaldesa de Santa Fe de Granada; Carmelo Romero, alcalde de Palos de La Frontera; Angélica Padilla, vicepresidenta segunda do Cabildo da Gomera; Adasat Reyes, alcalde de San Sebastián da Gomera, e Enrique Ojeda, director da Casa de América.

“Xa traballamos na creación dun Proxecto Turístico Internacional que conecte os Pobos Colombinos de España, Sudamérica e África. Con este proxecto tan ambicioso dotaremos de contido real ó irmandamento”, afirma o alcalde de Baiona.
 
Gómez Prado adianta que “haberá máis institucións implicadas, os concellos das Palmas e o de Granada xa mostraron interese neste proxecto tan ambicioso, e pretendemos que a Deputación de Huelva, a de Granada e a de Pontevedra aúnan forzas connosco adheríndose á iniciativa, onde o seguinte paso será involucrar tamén ás administracións autonómicas e ao goberno central”.

Entre as pretensións dos alcaldes asinantes atópase que “o proxecto sexa tratado co maior rigor histórico e cultural que se merece”, polo que contarán coa colaboración das universidades de La Laguna, Las Palmas, Granada, Vigo e Santiago de Compostela.

En palabras do rexedor baionés, “falamos dun proxecto o suficientemente ambicioso e co obxectivo de converternos en Patrimonio da Humanidade da Unesco. Os Pobos Colombinos meréceno, do mesmo xeito que o fito histórico de hai 529 anos, que cambiou a historia da humanidade e do que Baiona foi o primeiro lugar do mundo en ter coñecemento”.

“Todo iso suporá para Baiona novos investimentos, a creación e adaptación de novas infraestruturas tanto públicas como privadas, emprego e retorno económico, ademais de axudar a conseguir a desestacionalización do turismo na vila, un dos nosos grandes obxectivos”, finalizou.

A Deputación transforma totalmente o núcleo de Ribadelouro en Tui

0

A parroquia de Ribadelouro, en Tui, celebrou este mércores por todo o alto a total transformación acadada coa actuación desenvolvida na estrada provincial que cruza o pobo que, de ser un viario que invadía o epicentro desta zona sen conceder espazo para a veciñanza, pasou a converterse nunha zona amable, sostible e segura para as persoas da man da Deputación e do Concello. A mellora efectuada na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro ao seu paso pola parroquia deu resposta, como subliñaron hoxe a presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Enrique Cabaleiro, “a unha demanda histórica da veciñanza”. De feito, o acto de apertura do viario congregou a numerosos veciños e veciñas  e representantes das asociacións e da Comunidade de Montes da parroquia.

As obras de mellora da seguridade viaria centráronse na recuperación de espazo público para a veciñanza, tendo tamén en conta que se trata dunha zona de tránsito moi transitada por peregrinas e peregrinas, xa que forma parte do trazado do Camiño Portugués. Os traballos, que incluíron a creación dunha plataforma única con preferencia peonil, realizáronse nun treito de 200 m, dende o pq 1+950 ao 2+150, no tramo que discorre por diante do centro sociocultural de Ribadelouro, a igrexa de Santa Comba, o cemiterio e o adro da festa, amais da reurbanización de toda a contorna. A actuación tivo un orzamento de 468.243€ e a Deputación recibiu unha subvención de 120.000 euros de fondos europeos do Plan de Recuperación. O resto do investimento (348.243 €) foi financiado mediante un convenio a través do cal a institución provincial aportou o 70% (243.771€) e o Concello o 30% restante (104.472€).

Para a presidenta provincial, Carmela Silva, “esta é unha obra que supón un cambio radical da contorna e un exemplo máis da transformación que está a experimentar esta provincia da man do modelo de mobilidade, un modelo do século XXI centrado nas persoas”. “Xa cando iniciamos as obras o pasado ano –sinalou- comentei que non ía haber quen recoñecese a zona e hoxe podemos comprobalo. Nesta actuación sae gañando a veciñanza, que agora dispón dunha zona segura, sostible e amable para transitar, e tamén as persoas que nos visitan, especialmente as peregrinas e peregrinos, porque non hai que esquecer que Tui é o corazón do Camiño Portugués”. Carmela Silva subliñou así mesmo que “a recuperación do espazo público para as persoas é para este Goberno a gran prioridade no eido da mobilidade”. “Temos moi en conta –engadiu- que este tipo de actuacións devólvenos a interacción social, a relación entre as persoas, e tamén propician logo a mellora de negocios ou a instalación doutros novos, en definitiva, permiten o crecemento cun modelo axeitado”. “Falamos, dixo, dunha actuación historicamente demandada que xa é realidade tamén polo empeño do alcalde de Tui que tiña claro que este lugar tan emblemático e patrimonial merecía un cambio total do modelo. Este xa non é un espazo para os vehículos, xa é un espazo para as persoas”. “Estas son as cousas que cambian un pobo, subliñou Carmela Silva, quen agradeceu ao alcalde “que non só actúen no centro urbano senón nas parroquias porque somos un pais de parroquias de moita identidade e que precisan deste tipo de transformacións”.

Pola súa banda, o alcalde Enrique Cabaleiro sinalou que esta actuación “era unha prioridade e que ademais responde á aposta de transformar non só o centro urbano senón tamén as parroquias de Tui que deben ser obxecto de coidado e protección”. Insistiu en que “era necesaria unha actuación deste tipo tamén polo valor patrimonial da zona pola que descorre o Camiño de Santiago e polo seu peso social e económico”. Cabaleiro asegurou que “sentímonos moi orgullosos do resultado e agradecemos á presidenta da Deputación este esforzo porque que desde a súa chegada ao goberno está transformando esta provincia e esta obra é un exemplo de como recuperar estes espazos emblemáticos e destinalos á cidadanía”. Cabaleiro, que agradeceu o traballo tamén á veciñanza de Ribadelouro, ao persoal técnico, a empresa, ao deputado de infraestruturas e á corporación tudense, insistiu en que haberá máis proxectos nas parroquias do rural “que xa temos en marcha”

A actuación

O espazo obxecto de actuación en Ribadelouro converteuse nunha zona de tráfico compartido con preferencia peonil, coa creación dunha plataforma única para toda a calzada. Amais, acondicionouse o viario municipal que cruza a estrada provincial, mellorouse o trazado existente, ao ampliar o radio das curvas máis pechadas, e executouse unha beirarrúa máis ancha que a existente para separar o tráfico peonil do vehicular. As obras incluíron tamén a substitución da iluminación existente por novos equipos de tecnoloxía led e a incorporación de elementos físicos redutores de velocidade na calzada, optimizando deste xeito a eficiencia enerxética do espazo e a redución do CO2. Así mesmo, habilitouse unha zona verde e instaláronse bancos, co fin de promover a contorna como un lugar de interacción social entre a veciñanza. Tamén instalouse unha nova solución de drenaxe para dispor dun itinerario atractivo e seguro para os peóns.

O Porriño mellora o saneamento para poñer fin ás inundacións dun inmoble

O Concello do Porriño, xunto ao Consorcio de Augas do Louro, acomete estes días obras de mellora da rede de saneamento da Avda. de Galicia para poñer fin ao problema de inundacións que os veciños dun dos inmobles, ubicado na transversal rúa Ourense,  viñan padecendo dende hai case unha década.

“A rede de colectores existente neste tramo da Avda. de Galicia presentaba unha sobrecarga que causaba graves inundacións nos garaxes do edificio durante os episodios de fortes choivas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A veciñanza viña denunciando reiterada o prexuízo que esta situación lle estaba a causar, unha situación límite para eles tras moitos anos de incidencias,  polo que acordamos executar estes traballos de maneira urxente con medios propios do Concello e do Consorcio”.

Os traballos consisten na execución dun desvío da rede que poñería fin ao problema de distribución que caudais que provocaba esta sobrecarga, co obxectivo de que a rede de colectores nese punto sexa capaz de absorber os caudais recollidos

A tal fin executarase un desvío do colector e un novo tramo, cunha lonxitude de 55 m que unirá a o outro pozo de rexistro máis próximo correspondente outro ramal. Ademais, substituíronse 30 m de canalización da rede de abastecemento que se atopaba en mal estado.

O Concello de Oia inaugura o sábado a nova Praza do Campo, en Burgueira

0

O Concello de Oia convida á veciñanza a asistir, este sábado, ao acto de inauguración da renovada Praza do Campo. A institución local convoca esta cita para compartir e celebrar coa veciñanza a transformación deste espazo situado no corazón da parroquia Burgueira.

O acto inaugural comezará ás 12.00 horas e contará coa asistencia de representantes da Corporación Municipal e da Deputación de Pontevedra, institucións que financiaron os traballos. Os grupos locais Tra-lo Mosteiro e As Caramuxas serán os encargados de amenizar a xornada festiva co seu repertorio de música tradicional e, a maiores, ofrecerase un pequeno aperitivo. En caso de choiva o acto será aprazado a unha nova data.

As obras na Praza do Campo teñen por obxectivo renovar este espazo público e dotalo dunha identidade propia. Estes traballos conseguiron transformar o lugar converténdoo nun espazo polivalente, accesible e respectuoso coa paisaxe e o patrimonio. O custe total da actuación foi de 267.867 euros, financiados con cargo ao programa REACPON da Deputación de Pontevedra cunha achega de 241.080 euros e asumindo o Concello a parte restante, de 26.786 euros.

A nova senda peonil en Dornelas será circular

0

Desde o Concello de Mos, a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, informa do próximo inicio dun dos grandes proxectos incluídos no Plan Mos Humanizado da presente lexislatura: a senda de Dornelas ou senda Porselo-Brea, que vai desde As Pozas (zona do IES e o multiusos) ata ASODIFISI, dando continuidade á senda de Torroso en 1.800 metros máis e converténdoa nunha ruta circular de preto de 3 quilómetros de lonxitude.

O pleno do Concello de Mos ten xa aprobada, por maioría dos seus membros, a dotación de crédito para o expediente de expropiación da nova senda peonil Porselo-Brea desde o ano 2021, e a partida con fondos propios municipais reservada para a acometida da obra desde o pasado 2022. Desde a administración local mosense estase á espera de permiso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para iniciar o procedemento de expropiación e posteriores trámites.

O orzamento da obra ascende a 599.415,57 euros. A nova senda transcorrerá polas parroquias de Dornelas, Petelos e Torroso. A nova senda peonil Porselo-Brea, que enlazará coa xa existente senda peonil de Torroso (que vai desde o Multiusos das Pozas ata ASODIFISI) formando unha senda circular de máis de 3 quilómetros de lonxitude.

Deste xeito, tal e como declarou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “transformaremos o traxecto Porselo-Brea desde o IES ata ASODIFISI nunha vía de circulación máis cómoda que inclúa tamén unha senda peonil que enlace coa senda de Torroso creando un itinerario circular”. A actual senda peonil de Torroso ten unha lonxitude de 1.370 metros que, sumada aos 1.800 metros da futura senda Porselo-Brea, dará unha senda circular cun percorrido total de 3.170 metros.

A senda peonil en Dornelas, desde o I.E.S. de Mos ata ASODIFISI, transcore, como se dixo polas parroquias de Petelos, Dornelas e Torroso co obxectivo de completar, en forma de anel, a senda xa construída desde o Edificio Multiusos ata ASODIFISI, dando ao viario sobre o que se actuará, unha maior seguridade para os peóns, que na actualidade mesturan os seus itinerarios cos vehículos a motor.

Este proxecto desenvolve unha actuación fundamental no viario do municipio, Estrada das Pozas, Camiño de Pedreira, Camiño do Porselo e Rúa da Gándara, ampliando a capa de rodadura e construíndo unha senda específica para os peóns. Acadarase un ancho máximo de 8,00 metros que dá a esta zona unha mellora substancial para o fluxo do tráfico e de persoas.

Preténdese desenvolver unha actuación fundamental no viario do municipio, Estrada das Pozas, Camiño de Pedreira, Camiño do Porselo e Rúa da Gándara, nas parroquias de petelos, Dornelas e Torroso, que a día de hoxe encóntranse cunhas limitacións físicas á hora de acoller o tráfico de vehículos e peonil que por elas transita. Conseguirase deste xeito dar continuidade a estas rúas cunha sección axeitada cara a resolver e minorar os problemas circulatorios, agravados en momentos puntuais pola entrada e saída de alumnos nos equipamentos educativos emprazados nas Pozas. Estes son os motivos da necesidade de ocupar e executar a maior brevidade posible a infraestrutura proxectada (que permitirá unha mellora salientable do tráfico nun dos principais viarios do municipio).  A delimitación do ámbito de expropiación comprende un total de 3.352,56 m² repartidos entre 126 predios segundo a realidade catastral identificada sobre o terreo, establecéndose a través dos seguintes lindeiros: ao norte, con rúa Brea e rúa Costiña, ao leste, en Seixabre coa estrada do Adrovello, ao sur, nace nas Pozas, na rotonda da estrada das Pozas; e ao oeste, camiño de Pedreira e camiño de Bouzos.

A autovía A-55 sufrirá un corte de tráfico a noite de mañá polas obras da VAC Tui-A Guarda

0

A Xunta segue a avanzar na execución das obras do treito da VAC Tui-A Guarda entre os enlaces da autovía A-55 e de Areas, uns traballos que farán preciso un corte de tráfico nocturno mañá xoves, día 23.

Esta afección ao tráfico, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 29+100 e 30+600 da autovía A-55, levarase a cabo desde as 22:00 horas deste xoves e ata as 06:00 horas do venres 24, cando quedará restablecida a circulación.

Neste momento estase traballando a ritmo intenso na zona e o obxectivo das actuación que obrigan a facer este corte puntual no tráfico é proceder á montaxe das vigas metálicas do paso superior en forma de glorieta sobre a autovía, para poder dar servizo aos ramais da autovía, ao tronco da VAC e á conexión coa estrada N-551.

Para a realización destes traballos en condicións de seguridade e minimizar ao máximo posible a afección ao tráfico, cómpre o corte total de ambas as calzadas da autovía.

Co obxectivo de poder dar servizo a ambos os sentidos de circulación polo itinerario alternativo, desde a saída 29, sentido Portugal, usarase a estrada autonómica PO-340, incorporándose á N-550 e posteriormente á N-551, discorrendo polo termo municipal de Tui; sendo o mesmo percorrido en sentido O Porriño, pero á inversa. Este itinerario implica un tempo de percorrido de entre 8 e 10 minutos.

A Xunta segue a avanzar nos traballos  de execución da VAC Tui- A Guarda, entre os enlaces da A-55 e Areas, que se prevé poñer en servizo a mediados deste mesmo ano, tras un investimento autonómico de 21 M€.

Vigo acollerá un dos dous concertos que Guns N’ Roses ofrecerá en España no 2023

Só dous concertos dará a mítica banda de rock Guns ‘N Roses na súa xira Live Nation e un deles será, o 12 de xuño en Vigo no estadio Abanca Balaídos, tal e como o confirmou o propio grupo nas súas redes sociais.

O de Vigo será o terceiro concerto que ofreza Guns ‘N Roses nunha xira que comezará o 5 de xuño en Tel Aviv (Israel) para rematar o 22 de xullo no Estadio Olímpico de Atenas nunha serie de concertos nos que, a bo seguro, temas como November Rain ou Wellcome to the Jungle deixaránse escoitar.

Dende 1985 en que comezou a súa andaina, a banda que aínda mantén a Axel Rose, Slash e Duff McKagan da súa formación orixinal, é considerado como un dos grupos de hard rock mais exitosos de todos os tempos e o seu primeiro album, Appetite for Destuction, vendeu case que 30 millóns de copias.

Co concerto dos Guns ‘N Roses e tralo paso no 2022 de Muse –tamén no Abanca Balaídos–Vigo recupera, pouco a pouco, sen prisas pero sen pausa, o seu lugar nas xiras dos grandes grupos e o nome propio que lle fixo ser, aló polos anos 80 do pasado século, centro da movida e exemplo cultural e musical a seguir por outras cidades.

Maxia familiar con Ian&Elisa no Centro Cultural de Celeiros ao abeiro do programa Cultura24

Ponteareas pecha o mes de febreiro cunha nova sesión de lecer ao abeiro do Cultura24, un programa posto en marcha “para achegar a actividade cultural a cada recuncho da nosa vila, enchendo de máis vida as nosas parroquias e poñendo en valor e promocionando a arte das asociacións musicais, teatrais e culturais de Ponteareas ”, como sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

Esta fin de semana a axenda do Cultura24 chega con ‘Maxia familiar’ da man de Ian&Elisa ao Centro Cultural de Celeiros. Será un espectáculo no que maxia e ilusionismo mesturaranse con outras técnicas para mergullar a nenos, nenas e maiores nun mundo imaxinario no que nada e imposíbel. A actuación será o domingo 26 de febreiro ás 17.30 horas de balde e con entrada libre ata completar aforo.

Groba convida a todas e todos os ponteareáns “a achegarse ata Celeiros para vivir unha nova tarde de lecer ao abeiro do programa Cultura24, que ofrece un amplo abano de actuacións gratuítas coas que ao mesmo tempo dinamizamos as nosas 24 parroquias”.

Covelo promove a compostaxe

0

Co obxectivo de que as persoas poidan aproveitar os restos orgánicos que xeneran nos seus domicilios e reducir con isto a cantidade dos mesmos que decotío rematan no contedor verde ou xenérico. o Concello de Covelo está adherido ó Programa de compostaxe doméstica da Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA).

O alcalde, Pablo Castillo, continúa na súa aposta por promover hábitos de vida máis respectuosos co medio natural, sendo este unha das principais riquezas do Concello. “O axeitado aproveitamento dos residuos orgánicos non só supón unha acción máis na protección do noso patrimonio natural ao substituir aos produtos químicos tamén pode ser un bo recurso para facer máis produtiva a terra. Somos conscientes do noso importante papel a nivel medioambiental, sobre todo, na área metropolitana e na súa contorna, sendo un dos concellos de referencia para o desfrute da natureza, un motivo máis para fomentar o seu coidado e a súa posta en valor”.

Neste sexto programa SOGAMA, en colaboración co Concello, facilitará ás persoas interesas un total de 25 composteiros, un manual de compostaxe doméstica e un pequeno curso de formación dunha hora de duración para procurar o maior éxito na implantación da experiencia composteira.

A cidadanía interesada en participar nesta iniciativa debe residir en vivendas unifamiliares que dispoñan de horta ou xardín, estar empadroados, non ter participado nos programas anteriores e solicitar a participación nas oficinas do Concello ata o luns 3 de Abril de 2023.

A selección dos 25 participantes que cumpran os requisitos farase por orde de solicitude, respectando as inscricións sen atender da quinta fase, e quedando os demais inscritos para unha posible fase posterior do programa.

O mercores día 5 de Abril ás 18:30 h. impartirase, no edificio de usos múltiples de Covelo, o curso de formación para a correcta técnica de compostaxe e entregaránse os 25 composteiros previstos ás persoas solicitantes.

A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica xerada no fogar, como son os restos de comida e podas, obtendo un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode utilizar na súa horta, xardín e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais.

Para solventar dúbidas e realizar a solicitude poden dirixirse ás oficinas do Concello (teléfonos 986650027/47).

O meco de Redondela marcado pola mensaxe de “Non á guerra”

0

Este ano durante o  Entroido de Redondela, o Meco –figura representativa desta festa e que da forma á crítica mordaz sobre temas que durante o ano teñan sido actualidade–, representa unha mensaxe de unidade ante o conflicto xerado pola invasión de Ucraína por parte de Rusia. Na figura pódese ver ao mandatario ruso Putin sen pantalóns subido a un tanque no que aparecen mensaxes de “Non á guerra” e de loita pola democracia. 

Un fragmento do audio que dará paso ao Meco do Entroido expresa o espírito deste de xeito tan claro como significativo: “Soan as sereas, alertan á poboación, dun novo ataque  da aviación no que só quedará destrucción, morte e desolación. Putin quere guerra, ten moitas bombas na despensa, máis lle valería enchela de comida en vez de tanques que só deixan miseria”.

Nunha invasión que nunca acaba, todo son escombros e cidades devastadas. Nenos e nenas quedan sen avós, sen pais, sen nais, non quedan en pé escolas, vivendas ou hospitais….. Lume á guerra – Lume aos tanques- Lume aos malos gobernantes – Lume, lume, lumeeee!”.

O meco deste Entroido 2023 que marca un tema de actualidade e de gran importancia mundial volve a estar feito, ao igual que o ano pasado, por Rubén Casal especializado en este tipo de representaicóns artísiticas, así como en artes escénicas e que leva traballando de forma habitual co Concello para estas datas.

Durante a celebración haberá un espectáculo da mán de Pablo Méndez Performance cunha creación artística adaptada para a queima do Meco de Redondela. O concurso de disfraces, no que cada quen tira de imaxinación, tamén se celebrou este ano co seu formato habitual e premios.

O noso Entroido é un xeito de dicir “que xuntos e xuntas sairemos desta situación de crise ao igual que o fixemos en todas as situacións difíciles que atopamos ao longo da nosa historia” apunta a alcaldesa de Redondela que engade que “a mensaxe de NON Á GUERRA une aos redondeláns nun momento difícil no que tamén estamos afectados directamente pola crise de prezos derivada deste conflicto. No pregón tratamos de reflexar as consecuencias da guerra nas perdas humanas innecesarias, únindonos pola democracia”.

Ademais a discoteca móbil  (Duendeneta) comezou a percorrer as rúas en Alfonso XII e a primeira fanfarria galega 100% composta por mulleres animou á xente a bailar coa Batucada Brassica Rapa. Pero se todo isto fora pouco, cinco meigas percorreron a vila acompañadas dunha cacerola de feitizos xigante. Todo un espectáculo para xerar ambiente onde non faltaron os obradoiros infantís no Multiúsos da Xunqueira.

Humanización do camiño San Benito de Arbo

0

O Concello continúa, no seu afán de optimizar a súa rede municipal de estradas, mellorando así a seguridade viaria, tanto para vehículos como para peóns. Para conseguir este obxectivo está reparando as estradas e pistas asfaltadas, ampliando os viais e mellorando os trazados actuais.

Dada a amplía superficie do concello, e o gran número de estradas existentes, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicada, sendo necesarios proxectos de ampliación da plataforma que melloren a seguridade viaria na súa circulación.

O obxecto do presente proxecto consiste na ampliación e pavimentación do camiño de San Benito. As obras desenvólvense nun camiño de acceso a varias vivendas paralelo á rúa San Benito. O camiño presenta unha anchura moi reducida, o que provoca problemas para o acceso ás vivendas.

Coas obras que se expoñen neste proxecto preténdese optimizar o servizo que ofrece o camiño e mellorar a seguridade viaria do mesmo, xa que, na actualidade, é un vial moi estreito e perigoso.

As obras que realizaranse consisten en demolicións e traballos previos; descrición de sección; mellora na rede de telecomunicacións, enerxía eléctrica e alumeado público. O orzamento base de licitación  do contrato ascende á cantidade de 35.881,35 euros (IVE 21% incluído).

Coas obras proxectadas preténdese optimizar o servizo que ofrece o camiño e mellorar a seguridade viaria do mesmo, xa que, na actualidade, é un vial moi estreito e perigoso.

A Cañiza entrega premios polo concurso de comparsas de entroido

0

Este 19 de febreiro, domingo de entroido, as comparsas da Cañiza se achegaron ata a Carballeira do Cacharado para participar no concurso que, un ano máis, luciu cun grande nivel de orixinalidade, humor e posta en escea na rúa Antonio Facorro.

Grazas á tarde soleada, os compoñentes das 8 comparsas puideron exhibirse diante dos veciños e do xurado, para competir polos premios que en total estaban dotados con 2300 euros repartidos en 500 €, 300 €, 200 € e 150 € para os primeiros, segundos, terceiros e cuartos premios respectivamente de cada categoría de infantil e adultos.

Coa participación de 4 comparsas infantís e 4 comparsas na categoría de adulto, o entroido volveu a celebrarse na Cañiza despois de 2 anos de parón debido á crise sanitaria provocada pola Covid-19.

O alcalde da vila, Luis Piña, agradeceu na súa intervención a participación de todos os membros das comparsas e os felicitou por contribuir a facer máis grande esta festa. Tamén agradeceu a presenza do público e a colaboración dos empregados do Concello na tarde do domingo, especialmente ao departamento de cultura e de obras. Ademais, agradeceu o traballo realizado polo Xurado desta nova edición formado polos deseñadores cañicenses Cristobal Vidal e José Castro, polo Director da Escola de Teatro Patricio Mango e o Director da Escola de Música Diego Paín.

O xurado, presidido por Cristobal Vidal, acordou entregar os premios ás seguintes comparsas:

  • 1º Premio adultos: CLASSIC CIRCUS (composta por mulleres procedentes do Centro Esclavas Dolorosas de Crecente que participaban dentro dun programa de integración social e que coa súa  alegría e desenvoltura emocionaron a todo o público)
  • 2º Premio adultos: JHUASAP DE BARRIO
  • 3º Premio adultos: MISIÓN ESPACIAL CHUSQUIÑO 23
  • 4º Premio Adultos: AS ESTRELAS DE JALISIA
  • 1º Premio Infantil: MAKBUT, A FORZA RESIDE EN NÓS
  • 2º Premio Infantil: NOS VAMOS DE PARY
  • 3º Premio infantil: PROCURA DOS EXTRATERRESTRES
  • 4º Premio infantil: PODRIDAS PERO SABROSAS.

[su_image_carousel source=”media: 67987,67986,67985,67984,67983,67981,67980,67979,67978″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nigrán completa a obra de abastecemento de auga no barrio da Mámoa

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para completar o abastecemento público de auga no barrio de A Mámoa, na parroquia de Priegue. Os traballos, que estarán rematados nunha semana, consisten en ampliar en 450  metros a tubaxe para chegar preto dunha vintena de casas que carecían de este servizo e que se viran seriamente prexudicadas pola seca deste verán, motivo polo que demandaban especialmente o abastecemento. 

Unha vez rematadas as obras, os interesados en conectarse ao servizo deben acudir á oficina de Aqualia, empresa concesionaria, sita en Avda. Val Miñor, no 2 baixo, en horario de atención ó público (de luns a venres de 09:00 a 13:00) ou ben solicitalo por correo electrónico a [email protected] facilitando nome, DNI, dirección, referencia catastral (recibo oral) e teléfono.

“A situación era preocupante na zona porque aquí non hai traídas veciñais e os pozos particulares chegaron a secarse este verán, por iso precisaban do abastecemento municipa. Foron os veciños da Mámoa os que trasladaron a necesidade de conrectarse ao abastecemento público en previsión de futuras secas como a que sufrimos en 2022”, explica o alcalde, Juan González.

“2023 A Odisea Tudense” gañadora do desfile concurso de Entroido en Tui

0

Miles de persoas ateigaron onte pola tarde as rúas novas de Tui para presenciar o desfile-concurso de Entroido que volveu con todo o seu esplendor nunha tarde na que o corido, a imaxinación, a sátira, o humor, as coreografías luciron ao longo do percorrido.

“2023 A Odisea Tudense” da charanga Cantos Somos foi a gañadora na categoría absoluta cunha parodia sobre as obras actuais en Tui e os problemas de circulación.  Outra sátira local neste caso sobre a lentitude das obras que unen Malvas e Tui da comparsa “Construccións Mal-Vas” da Asociación Cultural e Recreativa Arume de Malvas levou o segundo premio na categoría absoluta. O terceiro premio foi para a recreación do campo eléctrico do século XIX realizado pola Asociación Cultural de Mañufe, Gondomar, titulada “Pouca Corrente”.

A “Picoñasa” da Asociación Cultural En Loureiro coma Sempre cunha recreación da Nasa foi a gañadora do cuarto premio, e “Rock In Soutelo – Las leyendas nunca mueren” da Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo  foron levaron o quinto premio. Tamén na categoría absoluta foron premiadas a comparsa “Yo no soy tu reina. Esto es Esparta” da Asociación Comparsa Terra de Condes co sexito premio, e “Egypto” da Asociación Cultural de Pontellas co sétimo.

En carrozas as gañadoras foron “Pouca Corrente” da Asociación Carnavales de Mañufe co primeiro premio, “Picoñasa” da Asociación En Loureiro coma sempre” co segundo, “2023 Odiesa Tudense” da Charanga Cantos Somos co terceiro, “Egypto” da Asociación Cultural de Pontellas co cuarto, “Hindús” da Asociación Pandilla” co quinto, e por último “Xeada en Parada” da Asociación Cultural Parada do Miñor levou o sexto premio.

En acompañamento musical “2023 Odisea Tudense” levou o primeiro premio, seguda de “Construccións Mal-Vas” co segundo e “Picoñasa” co terceiro.

Por último, na categoría de fantasía, a gañadora foi a comparsa Terra de Condes de Gondomar con “Yo no soy tu reina. Esto es Esparta”.

Amais, o xurado concedeu unha mención especial á Asociación Cultural Paradela pola participación interxeneracional na comparsa “Grease”.

O Entroido despedirase en Tui o vindeiro domingo co Enterro do Bacallau.

Gañadores Absolutos

  1. “2023 A Odisea Tudense” da Charanga Cantos Somos
  2. “Construccións Mal-Vas” da Asociación Cultural Arume de Malvas
  3. “Pouca Corrente” da Asociación Carnavales de Mañufe
  4. “Picoñasa” da Asociación En Loureiro coma Sempre
  5. “Rock in Soutelo.  Las leyendas nunca mueren”  da Asociación Cultural O Borralliño-Soutelo
  6. “Yo no soy tu reina. Esto es Esparta” da Asociación Comparsa Terra de Condes
  7. “Egypto” da Asociación Cultural de Pontellas

Gañadores Carrozas

  1. “Pouca Corrente” da Asociación Carnavales de Mañufe
  2. “Picoñasa” da Asociación En Loureiro coma Sempre
  3. “2023 A Odisea Tudense” da Charanga Cantos Somos
  4. “Egypto” da Asociación Cultural de Pontellas
  5. “Hindús” da Asociación A Pandilla
  6. “Xeada en Parada” da Asociación Cultural Parada do Miñor

Gañadores Acompañamento Musical

  1. “2023 A Odisea Tudense” da Charanga Cantos Somos
  2. “Construccións Mal-Vas” da Asociación Cultural Arume de Malvas
  3. “Picoñasa” da Asociación En Loureiro coma Sempre

Gañadores Fantasía

  1. “Yo no soy tu reina. Esto es Esparta” da Asociación Comparsa Terra de Condes

Mención especial

  1. “Grease”  da Asociación Cultural Paradela.

Ponteareas descobre aos ‘Facedores de imaxes’

O Concello de Ponteareas organiza o vindeiro xoves 23 de febreiro a presentación do libro Facedores de imaxes. Fotografía e sociedade en Vigo. 1870-1915, unha novela de Vítor Vaqueiro na que recolle o paradoxal relato das vidas e da obra da parella formada por Filippo Prosperi e Cándida Otero.  

Vaqueiro afondará na traxectoria deste home e desta muller que publicaron fotografías nas mellores revistas galegas e estatais, que foron premiados en multitude de concursos e que participaron en numerosas exposicións. Ademais, o libro recolle tamén a súa faceta fotografando a personaxes como Curros Enríquez, José Elduayen ou Cánovas del Castillo ou feitos históricos de primeira magnitude, como as pegadas da guerra colonial cubana ou os alicerces do Vigo moderno.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta presentación na que o autor estará acompañado polo ilustrador e deseñador ponteareán Pablo Prado. A presentación será ás 20.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal con entrada libre ata completar aforo.

A Xunta celebra o Día Internacional da Lingua Materna con música para os máis cativos

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na Escola Infantil de Vite de Santiago de Compostela nos actos organizados pola Xunta de Galicia para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna e nos que o alumnado do centro gozou do concerto de música infantil Gatuxo a cargo de Magín Blanco e María Faltri. Ademais, co gallo desta efeméride, o Goberno galego tamén pon a disposición da cidadanía novos recursos dixitais elaborados para dinamizar o uso do galego.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé na importancia deste tipo de iniciativas “para que a cativada se relacione coa súa contorna e no seu día a día usando a lingua galega”. “O obxectivo é fomentar o uso do galego tanto nos máis pequenos como na sociedade en xeral para que a nosa lingua estea presente en todos os ámbitos”, engadiu.

Ademais desta actividade musical, a Administración autonómica puxo a disposición das familias novos recursos dixitais elaborados no marco da convocatoria TeCeRedes. Así, no Portal da Lingua están xa dispoñibles o xogo interactivo Ti es a chave da primavera, de Ronsel de Ideas, e os audiovisuais Ñam, Criando lingua e Calcetís e paxarín. Neste mesmo espazo tamén pode verse o vídeo elaborado con motivo desta efeméride pola Rede para Promover a Diversidade Lingüística, da que forma parte a Xunta de Galicia xunto a outros gobernos, entidades e universidades europeas.

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. Nesta edición o tema arredor do que xira a conmemoración é Educación Multilingüe, a necesidade para transformar a educación.

Esquerda Unida e Podemos Ponteareas debaten o programa para as eleccións de maio

Na última xuntanza, que tratou sobre Servizos Sociais, Vivenda e Saúde Pública, decidiuse crear un parque de vivenda pública como eixo das políticas de protección social, aumentar o persoal dos Servizos Sociais e crear postos de profesionais inexistentes ata agora como Educación Social, Integración Social e Animación Sociocultural, esta última sería un posto a cabalo entre os departamentos de Servizos Sociais e Cultura e reducir as listas de agarda. Na xuntanza tamén se acordou apostar pola mellora do regulamento de Emerxencia Social e converter a Ponteareas unha vila sen cortes de electricidade, auga e subministros básicos.

A cuarta xuntanza celébrase na sede de Esquerda Unida (Rúa Amado Garra, 12) o sábado 25 de febreiro ás 10h co gallo de acordar o programa de goberno nas áreas de feminismo, educación e dereitos LGTBI. A número dous da lista, Patricia Pardo, declara que “As propostas en materia de feminsimo son fundamentais para construír un programa de goberno que loite por erradicar a situación de desigualdade que seguimos sufrindo as mulleres e que o actual goberno parece ter esquecido.

Este xeito de abrir o debate a calquera persoa do pobo que queira colaborar na elaboración do programa electoral, alén da súa militancia e simpatizantes, responde a ideoloxía social e colaborativa dos dous partidos, que queren que os seu programa sexa cen por cen transparente, escoite á cidadanía e presente solucións tanxibles e reais os problemas da vila, deixando de lado os panfletos cheos de promesas baleiras que soamente serven para facer campaña con fins populistas.

Dende o espazo político que forman Esquerda Unida e Podemos en Ponteareas recalcan a importancia das políticas en materia educativa desde o eido municipal, o candidato á alcaldía, Manoel Ucha destaca que “o noso espazo político aposta pola educación pública e temos claro que dende o concello debemos crear proxectos que consoliden a defensa dos dereitos educativos para toda a cidadanía. Imos colocar a experiencia profesional como docentes ao servizo da cidadanía. É moi bonito contar con tres docentes do ensino público nos seis primeiros postos da lista, con iso queda claro cales son as nosas prioridades”.

Recoñecemento ao taekwondo da provincia

A Deputación de Pontevedra vén de realizar hoxe un recoñecemento á Federación Galega de Taekwondo e aos e taekwondistas da provincia tralos excepcionais resultados que continúan a obter a nivel nacional e internacional, os últimos acadados no Campionato de España celebrado en La Nucía (Alacante), onde se proclamaron campións e campioas de España na modalidade de Técnica e acadaron un segundo posto na modalidade de Combate por equipos na clasificación xeral en categoría feminina. O deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, recibiu no Edificio Administrativo a corenta taekwondistas liderados pola vicepresidenta da Federación, Noelia Pérez, e felicitounos/nas polos seus logros que, como subliñou, “converten a esta provincia nunha potencia mundial”. Gómez enxalzou o labor da federación, dos clubs, das familias e dos e das deportistas que co seu esforzo están a acadar todos estes éxitos e destacou que actos como o de hoxe buscan “visibilizar” desde a Administración provincial o relevante papel que están a ter os e as taekwondistas, “que non sempre ocupan o espazo mediático que merecen”, no marco do “decidido apoio da Deputación ao deporte inclusivo e  igualitario”. “É un orgullo para Pontevedra –engadiu- que representedes tan ben á vosa provincia, aínda que o máis importante é que desfrutedes do deporte”.

Pola súa banda, Noelia Pérez agradeceu o acto de recoñecemento da Administración provincial, “porque é importante visibilizar a todos e todas os/as campións e campioas e que se vexa que somos unha gran potencia” e felicitou tamén aos e ás taekwondistas, lembrando que esta “é unha das disciplinas con máis deportistas DepoDan e DepoPromesa na provincia, xunto aos deportes náuticos”. Nese senso agradeceu estas axudas provinciais, “que son moi importantes xa que no deporte de alta competición cada vez temos máis gastos”.   

Música e poesía no Porriño pola celebración do Día de Rosalía

O Concello do Porriño súmase un ano máis á conmemoración do Día de Rosalía de Castro para render tributo á poetisa galega máis referente, desta vez da man dos centros educativos de secundaria do municipio.

O vindeiro venres, 24 de febreiro, a praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá o festival musical e poético organizado polos equipos de dinamización da lingua galega do IES Pino Manso, IES Ribeira do Louro, CPR Santo Tomás e CPR Hermanos Quiroga en colaboración coa concellería de Dinamización Lingüística e Igualdade, que dirixe Carolina González. A programación conmemorativa inclúe tamén a performance participativa  “Que pasa ao redor de min?” da compañía Os Quinquilláns e un remate de festa por todo o algo cun “Caldo de gloria” para todos.

Festival musical e poético a cargo do alumnado de secundaria

Os mozos serán os verdadeiros protagonista desta homenaxe. Ás 10:30 h iniciarán unha ruada que ambientará á vila coas letras da autora e rematará aos pés do concello onde procederán á lectura do manifesto elaborado por cada centro para reivindicar a figura de Rosalía.

Sucederanse actuacións de cada centro con lecturas de poemas musicados da escritora e tamén textos de Manuel Murguía.

Igualdade e liberdade a partir de textos de Rosalía de Castro

Que mellor maneira de celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro que reivindicando a igualdade e a liberdade a partir dos seus textos. Para iso, a concellería de Normalización Lingüística suma á programación a performance participativa de Os Quinquilláns, “Que pasa arredor de min?”, un espectáculo no que o músico Luis “O Caruncho” , xunto a Lucho Penabade no papel de Manuel Soto Freire, reivindican a obra de Rosalía máis retranqueira, máis emocionante e moitas veces máis descoñecida. A actuación dará comezo ás 11 h.

O caldo de Rosalía, a épica dos humildes

Como fin de festa, O Porriño sumarase á iniciativa impulsada pola Fundación Rosalía de Castro, denominada o “Caldo de gloria” que lembra o poema “Miña casiña, meu lar” de “Follas novas”,  no que unha muller pobre conta un capítulo da súa épica diaria: a de sobrevivir.  Para iso, os mozos e mozas participantes poderán degustar na praza unha cunquiña de caldo.

Ponteareas e Mentes Novas traballan nunha campaña de prevención de consumo de drogas

O Concello continúa mantendo a súa estreita colaboración co grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas, Mentes Novas, implicando así á infancia e mocidade da vila en múltiples aspectos do devir do municipio. A alcaldesa, Cristina Fernández; o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; e a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera, mantiveron un encontro a pasada semana con varios integrantes de Mentes Novas para afondar nunha nova proposta na que mozos levan traballando varios meses.

Trátase da posta en marcha dunha campaña de prevención do consumo de drogas entre a xente nova na que se aborden ademais os efectos nocivos que estas producen nas persoas. Como sinala a rexedora, o obxectivo que Mentes Novas quere conseguir con esta campaña é “concienciar á poboación máis nova sobre os efectos que produce este tipo de consumos tanto a nivele físico como mental”.

Para conseguilo, este grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas gravará un vídeo no que implicarán a persoas de ámbitos moi diferentes para que expliquen ou expoñan os seus coñecementos arredor desta temática. Con esta campaña, Concello e Mentes Novas “porán a disposición dos centros de ensino unha ferramenta única que permitirá achegar ao maior número de xente nova posible información veraz e de calidade sobre esta temática dun xeito ameno e directo”, como sinalaron Bouzó e Carrera.

Esta colaboración é unha mostra máis da importancia que ten para o Concello de Ponteareas a infancia. A vila do Tea está recoñecida dende o ano 2021 como Cidade Amiga da Infancia polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e Unicef España. Trátase dun recoñecemento ao exercicio de responsabilidade feito polo Goberno municipal do BNG-PSOE para poñer no centro das decisións políticas a un grupo de poboación que é presente e futuro da sociedade: aos nenos e adolescentes.

A volta ciclista a Galicia pasará por Baiona o venres 24 ao mediodía

0

A segunda edición de “O Gran Camiño”, o novo formato da volta ciclista a Galicia que se disputará do 23 ao 26 de febreiro en catro etapas, unha por provincia, atravesará Baiona o vindeiro venres día 24  ao mediodía.

Os baioneses poderán gozar do paso deste gran escaparate do ciclismo na súa marcha pola nosa vila, atravesando a súa travesía litoral desde Santa Cristina da Ramallosa en dirección Baredo,para seguir pola PO-552 ata a saída cara a Oia.

Corte de tráfico da PO-552 pola volta ciclista a Galicia que cruzará Baiona o venres 24 de febreiro ao mediodía.

O Concello de Baiona, a través da Xefatura da Policía Local, foi informada pola organización dos horarios de paso e as necesidades loxísticas e preparou dispositivos especiais que inclúen o peche da circulación rodada desde a súa chegada por Ramallosa a través da PO-552 ata a saída cara a Oia. O corte efectivo absoluto do tráfico realizarase ao pase de carreira previsto entras as 13:45 h e 14:15 h.

Garantirase a seguridade viaria nos medios necesarios para realizar a cápsula de seguridade en colaboración entre a Policía Local do Concello de Baiona, a agrupación de tráfico da Garda Civil e o persoal habilitado de Protección Civil.

A Deputación repartirá axudas para reparar embarcacións tradicionais e patrimonio marítimo fluvial

A Deputación, a través do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico, vai repartir neste 2023 outros 150.000 euros de axudas para rehabilitar embarcacións tradicionais e instalación de patrimonio marítimo fluvial. As subvencións, cuxas bases foron aprobadas xa en Xunta de Goberno e sairán publicadas en breve no BOPPO, cumpren a súa cuarta anualidade e cada vez espertan máis interese entre os colectivos da provincia, polo que a deputada María Ortega confía en que este ano se chegue a unha nova cifra récord e se esgote o crédito.

As subvencións desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, pretenden poñer en valor un patrimonio singular do país. Entre as actuacións que poderán recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento.

As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización. Entre as actuacións subvencionadas están as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial.

Así mesmo, inclúense nas axudas as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. As intervencións deberán referirse a unha única construción ou instalación en terra.

Todas as actuacións subvencionadas deberán ter empregado solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.

O importe máximo para cada actuación non poderá exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil euros, se ben no caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite por proxecto.

En 202o, a liña de axudas para a recuperación e posta en valor do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 14 colectivos; en 2021 chegou a dezaseis asociacións, e en 2022 foron un total de 21 colectivos os interesados.

O alcalde de Baiona pecha o mandato cun amplo calendario de ocio e cultural

0

O alcalde e candidato socialista á alcaldía de Baiona, Carlos Gómez Prado, destaca que “pechamos o mandato municipal cumprindo un dos nosos obxectivos prioritarios en 2019: que a vila tivese un calendario cultural e de ocio desestacionalizado durante os doce meses do ano”.

Consciente da importancia do sector servizos e o turismo para a economía local, o goberno socialista traballou este mandato para “dinamizar a vila durante todo o ano, en estreita colaboración con ACEBA, os empresarios e comerciantes locais”, engade Gómez Prado.

Para acadar este obxectivo, o concello impulsou estes catro anos novas actividades como o Festival La Recta, o Festival Poético e a chegada de congresos en outono como o Blue Atlantic Fórum (BAF), ampliando ademais a duración das programacións de Nadal ou verán.

Este ano 2023, tras unha programación de Nadal de cinco semanas, as actividades de Entroido se adiantaron e se prolongarán ata finais de febreiro, mentres que no mes de marzo Baiona celebrará a Arribada.

“Quixemos tamén impulsar a Semana Santa e este ano 2023 será de novo un éxito, colaborando e agradecendo o traballo da Irmandade da Santa Casa”, explica o alcalde e candidato socialista.

O concello considera tamén moi importantes as romarías e as citas máis vinculadas co folclore local, polo que asinou numerosos convenios de colaboración con entidades do tecido asociativo de Baiona.

Este completo calendario cultural e de ocio, xunto á diversificación da tempada turística, deu os seus froitos no 2022, xa superadas as restricións da pandemia de coronavirus. A vila pechou o ano con datos históricos de ocupación, que superou o 80% no período de maio a setembro.

“O mellor de todo é que aínda queda moito por facer, hai potencial de mellora e temos moitas iniciativas en mente para consolidar Baiona como referencia de ocio e turística durante os doce meses do ano”, remata Carlos Gómez Prado.

A Deputación de Pontevedra recibe o Club Natación Ponteareas tralo seu ascenso á 1ª división estatal

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o deputado de Deportes, Gorka Gómez, saudaron ás nadadoras do club (unha delas, Carla Carrón, non puido asistir por atoparse concentrada coa selección española) e ao presidente e director técnico da formación, Andrés Carrera, aos que felicitaron por ter conseguido ascender á primeira división do Estado.

“Somos-sinalou o deputado de Deportes- unha institución abandeirada do apoio ao deporte feminino, para darlle o espazo que merece por xustiza: desde igualar as axudas aos clubs ata dar os mesmos premios económicos nas competicións”. Gorka Gómez lembrou que a Deputación impulsa outras accións como as bolsas para estudos de adestramento, das que precisamente unha das xogadoras presentes se ten beneficiado. “Temos que facer todo o posible e tamén dar visibilidade aos seus éxitos, porque non ocupa o espazo que merece nos medios malia que son elas quen están a colleitar os maiores logros”, reflexionou.

A nadadora Alba Ortiz de Guinea agradeceu a Deputación polo apoio e asegurou que “formar parte dos 24 mellores clubs do Estado é un honor e non unha sorte, xa que é o froito de horas de traballo moi duro na piscina”, e máis “para un club tan pequeno, con menos axudas e opcións para poder chegar”. A deportista, en clave de broma, afirmou que tralo ascenso a formación vai “levar o escudo do club e o nome de Ponteareas e plantarse en fronte de clubs de renome e moi recoñecidos para dicirlles que se lles acabou o choio”.

Pola súa banda, o presidente e director técnico Andrés Carrera puxo o foco na necesidade de “formar un equipo que poida manter un alto nivel cando moitas das nosas xogadoras están en época universitaria, para que o club siga medrando”. Carrera tamén agradeceu o apoio da Deputación “cuxas axudas son imprescindibles para nós” e tomou a remuda do deputado ao falar das aparicións en medios porque “son un reclamo para patrocinadores privados, os que nos permiten chegar máis alto nos nosos proxectos”.

A Xunta restaura a igrexa de Santa Baia en Mos

0

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobou nestes días, acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, o resultado das obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Mos, que a Xunta apoiou cun investimento de máis de 65.000 €. O obxectivo das actuacións, realizadas na segunda parte do ano 2022, foi restaurar parte do interior do tempo como acometer a limpeza dos paramentos exteriores.

Na primeira das fases executouse a conservación do presbiterio, en concreto das pinturas murais no arco triunfal e bóvedas. Ademais, nesta intervención acometeuse a recuperación das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos.

A segunda fase consistiu na rehabilitación das fachadas, evitando posibles filtracións de auga, e volvendo ao aspecto inicial das mesmas. Para isto, procedeuse á súa limpeza xeral e desinsectación. Tamén se procedeu ao rexuntado de muros e á eliminación de antigos morteiros.

O responsable do departamento de Cultura da Xunta de Galicia puxo en valor esta restauración, “tanto polo valor da igrexa desde o punto de vista cultural como pola implicación da veciñanza na súa conservación”. De feito, na visita do conselleiro participou, ademais da rexedora local e membros da Corporación Municipal, o párroco, David López, e numerosos veciños.

Arbo abre as inscricións da VII Marcha BTT da Lamprea

0

O vindeiro domingo, 23 de abril de 2023, volve a Marcha BTT da Lamprea ao Concello de Arbo. Unha proba non competitiva, tanto para ciclistas federados como para afeccionados, duns 45 km aproximadamente, que ten como obxetivo principal promocionar a gastronomía (lamprea e viño) e a LXIII Festa da Lamprea que terá lugar os días 28, 29 e 30 de abril.

As persoas que desexen participar nesta actividade, deberán inscribirse online na páxina web da Festa da Lamprea  https://festadalamprea.gal/evento/vii-marcha-btt-da-lamprea/   sendo o prazo máximo de inscripción o día 19 de abril.

A saida da proba será dende o Praza do Concello ás 9:30 horas, o prezo por participar ascende a 10 euros e inclúe seguro, avituallamento, degustación de viño, lamprea de Arbo e un agasallo conmemorativo da marcha BTT.

“Arbo está íntimamente ligado á lamprea e ao viño. Tal é a súa relevancia que, nesta localidade, o peixe e as uvas forman parte do escudo e da bandeira do municipio. Unha unión que tamén se mantivo na gastronomía coa transmisión, de pais a fillos, de receitas como lamprea en empanada, lamprea á prancha, fritida e rebozada, guisada con fideos, entre outras”, informa o edil do Concello de Arbo, Horacio Gil, “e que mellor maneira de quentar motores que achegarse a esta ruta que cada ano atrae a máis participantes”.

Tui encheranse hoxe de colorido e de festa co Desfile Concurso

0

O Concello de Tui volve este ano a celebrar o Entroido na súa máxima expresión, coa celebración da trixésimo cuarta edición do Concurso Desfile de Entroido que terá lugar mañá, Martes de Entroido, xornada festiva na localidade.

As 12 comparsas participantes desfilarán con 15 carrozas, onde participarán máis de 900 persoas e 45 músicos amenizarán o percorrido polo centro urbano de Tui aos milleiros persoas que se acheguen a vivir o Entroido tudense. A comitiva percorrerá, dende as 17:30, as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda.

Tres son as categorías nas que competirán as comparsas neste desfile. Na de Fantasía participarán a Asociación Comparsa Terra de Condes de Redondela e tamén a Asociación Cultural Paradela de Gondomar. Na categoría sen acompañamento musical desfilarán a Asociación Cultural Parada do Miñor de Nigrán, a Asociación Cultural O Borralliño de Soutelo en Salceda, a Asociación A Pandilla de Pontecaldelas, a Asociación Cultural de Pontellas do Porriño e a Asociación Carnavales de Mañufe de Gondomar. Por último, na categoría con acompañamento musical, participarán a Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei, a charanga tudense Cantos Somos, a Asociación Cultural Arume de Malvas, a Asociación en Loureiro coma sempre de Salceda e a Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño.

En total, haberá 5.600 euros en premios máis os trofeos aos que poderán optar todas estas asociacións festivas. Logo do seu desfile, e mentres o xurado delibera estes sete premios en liza, seguirá amenizando a festa a Orquestra Miramar.

A despedida do Entroido tudense terá lugar o próximo domingo día 26 co Enterro do Bacallau.

Debido á celebración deste desfile, haberá un dispositivo especial de tráfico. Deste xeito estará prohibido o estacionamento e a circulación nas rúas do percorrido na tarde de hoxe entre as 14:00 e as 21:00. Amais, as rúas Augusto González Besada e Calvo Sotelo serán de dobre sentido de circulación entre as 14:00 e as 21:00, polo que estará prohibido o estacionamento dende as 10:00 até as 21:00 nestas rúas. Por último, no aparcamento municipal, na traseira do edificio Francisco Sánchez, haberá unha zona delimitada onde non se poderá estacionar dende hoxe até as 8:00 do mércores día 22 debido á colocación do escenario da orquestra que amenizará a festa.

Nigrán bonifica cun 95 % do IBI a todas as entidades socio culturais

0

O Concello de Nigrán bonificará nun 95 % o IBI de seis entidades socio-culturais da localidade despois de que se aprobe no pleno ordinario do 28 de febreiro unha moción do goberno para consideralas de interese ou utilidade municipal. Esta declaración permitirá que o imposto sexa rebaixado no vindeiro exercicio no máximo permitido por lei.

A declaración beneficiará ao “CRC O Torreiro de Priegue”, a “Asociación Cultural As Angustias”, o “Centro Cultural y Deportivo Bolos da Carrasca”, a “A.V.A.C A Unión de San Pedro da Ramallosa”, “Asociación de Veciños A Camoesa” e “AVCD O Castro” de Chandebrito, todos eles colectivos que, doutro xeito, pagarían o 100 por cento. “Supón un aforro para eles de preto de 1.500 euros ao ano, unha cantidade moi cuantiosa se temos en conta que levan adiante un traballo fundamental de promoción da cultura e das relacións veciñais”, suliña o alcalde, Juan González, quen recalca  que a contribución pública destas entidades á cultura ten sempre unha inequívoca función social, “polo que é de xustiza eximilas do 95% do IBI, máximo que nos permite a lei”.

Tanto a lei de Mecenado coma o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais 2/2004 catalogan como exentos de IBI a aqueles inmobles que teñen como uso principal actividades de carácter público. Por elo, o goberno de Nigrán acordou no 2016 a modificación da ordenanza “para favorecer así a todas aquelas asociacións que perseguen o ben común e que axudan a complementar e dinamizar sempre a programación cultural feita dende o consistorio”. Estas circunstancias culturais danse nestes seis colectivos porque o suxeito pasivo está inscrito no rexistro de asociacións do municipio e o inmoble está a disposición do Concello. 

Comezan as obras do Centro Cívico de Ponteareas

O Concello de Ponteareas iniciou esta semana as obras do futuro Centro Cívico da localidade, que se situará nun edificio histórico situado na Praza Maior. As obras que xa se están a executar consisten na rehabilitación integral de todo o inmoble, de tres plantas e con máis de 900 m2 de superficie. O prazo de execución das obras é de seis meses e o investimento acada case 1 millón de euros, concretamente 956.941 euros, financiado ao 80% polo FEDER, a través da Estratexia EDUSI ‘Ponteareas Hábitat Saudable’, e nun 20 % polo Concello a través da súa asignación no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Para poder dotar ao centro urbano dun Centro Cívico o goberno municipal do BNG-PSOE acordou no ano 2020 mercar o edificio cun investimento de 250.000 euros asumidos ao 100% con fondos propios, “nun exemplo da boa saúde económica da que goza o noso Concello”, como sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández, quen xunto ao primeiro e segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote; ao concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil; e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, visitou as obras.

Cristina Fernández salientou que a diferenza da maioría das parroquias que contan cun Centro Cultural, a vila carecía dun espazo desas características fundamental para a dinamización social e cultural. A alcaldesa afirmou que “con esta actuación o centro urbano contará por primeira vez cun espazo para exposicións, cursos e actividades culturais ou de ocio, servizos públicos e reunións veciñais ou de colectivos, nunhas instalacións modélicas e a través da recuperación e rehabilitación dun edificio histórico”.

Pola súa banda, Chus Garrote explicou que “a creación do Centro Cívico xunto co novo Centro de Dinamización Empresarial a piques de rematarse no edificio da Seguridade Social, pretenden revitalizar a zona antiga de Ponteareas, na mesma liña que a Área de Rehabilitación Integral que aprobamos e que axudará á veciñanza a rehabilitar e mellorar as súas vivendas nesta zona”.  Unha revitalización que, como sinalou a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “permitirá tamén dar pulo á dinamización económica do centro urbano, converténdoo tamén nun punto forte do desenvolvemento económico e social de Ponteareas”. O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, engadiu que “o Centro Cívico será un espazo activo, flexíbel e de amplo horario no que a mocidade poderá desfrutar das súas instalacións e actividades e desenvolver as súas propias iniciativas como teñen demandado”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, destacou “o papel inclusivo deste novo espazo no que non só terán tamén cabida actividades sociais, senón tamén servizos municipais como o de atención temperá, que conta cunha gran demanda por parte da veciñanza”.

Tui lembra a Rosalía de Castro con diversas actividades

0

Un obradoiro, a difusión da obra poética de Rosalía de Castro, e o Caldo de Gloria en restaurantes locais centran a celebración do Día de Rosalía en Tui.

O Concello de Tui súmase un ano máis a esta conmemoración, tal e coma recolle o acordo plenario adoptado pola corporación en 2013.

Así entre as actividades preparadas dende a Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal, está este xoves, 23 de febreiro, ás 18.30 h na Biblioteca Municipal o proxecto “Rosalía total” a cargo da artista miñorana Irene Silva cun obradoiro cun xogo poético con versos de Rosalía interpretaremos poemas a ritmo de rap, música tradicional, rock… A actividade vai dirixida a público infantil. As persoas que desexen participar deben inscribirse previamente na propia Biblioteca Municipal ou no correo [email protected].

Poemas de Rosalía recóllense nas lonas que esta semana se colocaran na fachada do edificio Francisco Sánchez, e na Praza da Inmaculada, contribuíndo así a difusión da obra poética da autora.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explica que nunha nova ocasión dende o Concello foméntase a participación na iniciativa  impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada o “Caldo de gloria”. Esta actividade xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz. Dende a Fundación Rosalía de Castro sinalan que “Queremos que Galicia, lembre a Rosalía no seu día compartindo en lugares públicos ou no ambiente familiar este “caldo de gloria” dos humildes, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular”.

Así en Tui nas datas arredor do xoves, 23 de febreiro, súmanse á iniciativa de ofrecer este “Caldo de Gloria” o Restaurante El Molino e o Restaurante Cruceiro do Monte.

O xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, conmemórase o 186 aniversario do nacemento da escritora máis representativa e reivindicativa de Galicia pola súa defensa do pobo e da lingua. O seu libro Cantares Gallegos sinala o inicio da restauración do uso escrito da nosa lingua e o final dos Séculos Escuros de silencio e esquecemento. A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade.

Covelo implica ao alumnado do CEIP Antonio Rodríguez Blanco no coñecemento da súa riqueza medioambiental

0

O concello de Covelo amplía a súa proposta de actividades de desfrute e coñecemento do medio natural ao alumnado do CEIP Antonio Rodríguez Blanco. Deste xeito, ao longo de varios anos desenvolverá o proxecto “Ríos, aldeas e montañas” grazas ao que o alumnado poderá realizar saídas didácticas da man do guía de montaña Julio Eiroa.

O Concello, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, desenvolverá excursións interpretativas dende este ano 2023 ata o 2028 co obxectivo de acompañar ao alumnado dende que cursa 1º de primaria ata 6º. Deste xeito, durante o curso escolar realizarase unha saída por ciclo. 1º e 2º primaria sairán xuntos, 3º e 4º polo seu lado e 5º e 6º de primaria tamén. Un neno ou nena que neste ano curse 1º de primaria terá a oportunidade de realizar 6 excursións, totalmente de balde, de diferente temática nas que descubrir a riqueza natural do seu concello.

“Cremos que a través do coñecemento conseguimos unha maior posta en valor e por iso pensabamos que é imprescindible que os máis pequenos e pequenas dos fogares e do colexio de Covelo coñezan o seu patrimonio natural e cultural porque eles e elas serán os que prolonguen este legado”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Un deseño previsto para desenvolver en varios anos consecutivos de excursións interpretativas de educación ambiental e patrimonial e que completa a oferta estable anual que xa viña desenvolvendo nos últimos anos o Concello dirixida a visitantes e público adulto en xeral.

O nome do proxecto recolle os conceptos que unifican esta formación. Así os alumnos de 1º e 2º de primaria participarán en actividades no ecosistema fluvial do fondo dos vales que percorre Covelo. Os alumnos de 3º e 4 de primaria participarán en actividades ligadas á vida na aldea e parroquias e os alumnos de 5º e 6º de primaria visitarán as serras e montañas do concello de Covelo.  “A idea é realizar un percorrido dende o fondo do val cara os cumios das serras que permitan o territorio no que estes nenos e nenas viven”, explica Julio Eiroa.

As saídas terán lugar en horario de mañá do día lectivo, con desprazamentos en autobús dos alumnos e alumnas ata lugares icónicos do territorio, onde realizar un pequeno percorrido a pé e actividades de interpretación. Entre os contidos a desenvolver podemos destacar para o primeiro ciclo: O río Tea, o bosque de ribeira, o salmón atlántico e os muíños. Para o segundo ciclo: O serradoiro de Carranos, o lagar de cera, as levadas e as eiras. Para o terceiro ciclo: A tradición gandeira, as chozas, chozos, currais e sesteiros, os foxos dos lobos, os camiños arrieiros e as turbeiras de montaña. Ademais, existen conceptos que se repetirán en todas as saídas como é o coñecemento das parroquias.

Os beneficios de que o alumnado se integre no territorio son claros. Xera coñecemento da dimensión, xeografía, orientación e valores do territorio que habitan. Crea identidade no pobo e a conciencia de pertencer a un lugar valioso, ademais de aportar valores de respecto polo medio ambiente e o patrimonio.

As ‘Subvencións Ágora’ impulsarán proxectos en toda a provincia

As ‘Subvencións Ágora’, axudas do departamento de Mobilidade e Espazo Público para que os concellos redacten proxectos para recuperar a súa contorna urbana e núcleos rurais potenciando as mobilidades activas sobre as motorizadas, teñen impulsado 43 propostas de mellora no Baixo Miño en apenas dous anos e medio. Rosal, Tomiño, Tui, A Guarda e Salceda son os concellos que teñen apostado polo novo modelo de mobilidade e beneficiado do maior número de inxeccións económicas en toda a provincia.

Para o deputado de Mobilidade Uxío Benítez a alta implicación do Baixo Miño é un éxito. Segundo asegura é fundamental que os concellos aposten pola redacción de proxectos e a planificación, xa que isto permite que teñan unha carteira de propostas listas para financiar tanto coas axudas para obras da Deputación a través do Plan Concellos, ReacPon ou outras liñas, así como con outras axudas externas, por exemplo as europeas, para cuxa consecución tamén hai asesoramento por parte da Rede Ágora. “Unha vez cos proxectos xa redactados os gobernos locais poden priorizar que obras poñen en marcha”, destacou.

Segundo Benítez, as subvencións Ágora teñen alcanzado o 77% dos concellos e inxectado máis de 5,3 millóns de euros  en apenas dous anos e medio na provincia. “A recuperación do espazo público está na axenda política local da provincia”, dixo o nacionalista, quen destaca que os números amosan unha tendencia moi clara dos gobernos locais por planificar a recuperación do seu espazo público.

Na terceira e última convocatoria das subvencións, de feito, en toda a provincia solicitáronse axudas para redactar 93 proxectos por parte de 37 concellos Ágora, unha cifra que esgota o orzamento de 900.000 dispoñible polo que Benítez destacou que se ampliará a partida noutros 550.000 euros para atender todas as peticións.

Como datos globais, Benítez explicou que grazas ás axudas Ágora nos últimos dous anos estanse a impulsar 207 actuacións en 47 concellos da provincia sumando todas as convocatorias. As subvencións, así, chegaron ao 77% dos concellos da provincia, unha cifra que sube ata o 80% ao ter en conta que hai que deixar de lado a Pontevedra e Vigo por ter máis de 50.000 habitantes e non ser potenciais beneficiarios.

En canto ao tipo de proxectos subvencionados, Benítez resaltou que moitos concellos apostaron por grandes actuacións (que recibían a contía máxima da subvención) e outros por actuacións máis modestas en pequenas prazas ou contornas rurais nas que se crearon espazos de convivencia, algo que demostra, segundo dixo, “que o modelo Ágora non é só de aplicación urbana”.

Subliñou que, en todos os casos, os proxectos solicitantes cumpren cos requirimentos de supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista  (sendas) todas teñen unha superficie mínima de 100 metros lineais e un largo mínimo de 2,5 metros.

Os proxectos en carteira para o Baixo Miño

No Baixo Miño, o Concello de Tomiño é o que maior número de axudas recibe, cun total de once. A primeira foi para as obras de mellora de mobilidade entre equipamentos da rúa República Arxentina na primeira convocatoria. Xa para proxectos, na segunda as axudas foron para o acondicionamento do torreiro de Taborda e Vilameán, para a mellora da mobildade peonil e ciclabe entre os equipamentos na avenida da República Arxentina e na avenida Ordóñez e para unha senda peonil no camiño do Alivio. Na terceira e última convocatoria, o concello socilitou axuda para proxectar un itinerario peonil na alameda de Goián, a mellora da comunicación peonil entre varios equipamentos na parroquia de Sobrada, a recuperación do espaxo público para as persoas na contorna da igrexa de Santa María de Tebra, para amobilidade peonil entre a rúa Daniel Calzado e a avaenida Baixo Miño e a recuperación e mellora da rúa Gondomar.

No Rosal, a primeira axuda Ágora das dez totais foi para o proxecto de remodelación da Praza do Calvario, xa executada. Na segunda convocatoria as subvencións destináronse a proxectos de mellora urbana en San Miguel de Tabagón: estrada vella e rúa Santiago, recuperación da rúa Estrada e integración dos camiños de San Gregorio, mellora da calidade viaria na contorna das pozas das Pesqueiras, senda peonil en Fornelos (PO353-PO354), e rúas Jesús Noya e travesía do Casal e integración do camiño da Vila Vella. Na terceira convocatoria as peticións foron para proxectos de mellora do núcleo de San Xián, Fucheiros-A Lomba, núcleo de Pancenteo, e contorna de igrexa de San Bartolomeu.

O Concello de A Guarda recibiu na primeira convocatoria axuda para o proxecto de humanización da rúa Joaquín Alonso; na segunda, para a urbanización da rúa Malteses, coa súa mellora de accesibilidade e seguranza viaria, e para a mellora da contorna do CEIP As Solanas. No caso da última convocatoria, as solicitudes son para proxectos de senda en Aloqueiro, no camiño Traslajo, na pista da Xunqueira, na rúa Cavacos, e para outra senda no camiño de Fonteboa dende Sextas a Baliños.

O Concello de Tui recibiu unha primeira axuda para o proxecto para a mellora e rexeneración na Corredera e contorna; na segunda convocatoria para os proxectos de acondicionamento da igrexa de O Sagrario de Pazos de Rei, para a reforma de rúa en A Guía, na parroquia de Randufe, para a contorna da igrexa de Santiago de Baldráns, para a contorna do balneario de Caldelas, e o acondicionamento da Rúa da Barca, no Camiño Portugués a Santiago. Na terceira convocatoria, para o acondicionamento dun treito da avenida da Concordia e da conexión entre o río Miño e a PO-552 a través da igrexa de Santa Mariña.

Os proxectos en carteira para a área de Vigo

Na área de Vigo concedéronse axudas na segunda convocatoria ao Concello de Redondela (9 SUBVENCIÓNS), que se incorporou á Rede Ágora nos últimos meses, para o proxecto de creación dunha área de espazo público na contorna do CEIP Porto Cabeiro, para o proxecto de recuperación de espazo amable no centro de servizos de Cedeira e para a contorna do Torreiro do Vigo. Na terceira convocatoria Redondela solicitou axudas para seis proxectos: reurbanización da rúa Prego de Montaos, camiño escolar de subida a Portocabeiro, recuperación da contorna da Igrexa de Tramaño, reurbanización da rúa Muro, creación dun espazo peonil na contorna da igrexa de Ventosela e a reurbanización da rúa das Cardosas, a rúa Salgueiral e a súa continuación pola avenida.

No Porriño (10),  o Concello recibiu unha subvención para a humanización da rúa Manuel Rodríguez na primeira convocatoria. Na segunda a axuda foi para cinco proxectos: o acondicionamento do viario paralelo á vía férrea nas proximidades do paseo do Louro, a humanización da rúa Antonio Palacios (treito rúa Cruceiro-colexio), a humanización da Rúa San Sebastián, das rúas Tarela e Navuxil, e da rúa Parque infantil no treito rúa Salgueira-Avenida Domingo Bueno. Na última convocatoria as subvencións van destinadas aos proxectos de acondicionamento da senda peonil en Centeáns (Pontellas), ao acceso peonil ás paradas do bus na zona de polígonos, á humanización da rúa Navuxil e a primeira e segunda travesía de Antonio Palacios, e a dotación de beirarrúa  (fase I) A Mota –Torneiros.

Salceda de Caselas recibiu axuda para a reurbanización da rúa Ador na primeira convocatoria. Para a mobilidade amable da rúa Vigo, da Rúa Victoriano Pérez Vidal e o treito final da Rúa Coruña na segunda convocatoria, e ten solicitado na terceira axuda para os proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís da rúa Brasil e Rosalía de Castro.

No caso do Concello de Mos, adherido á rede apenas hai unhas semanas, a subvención da terceira convocatoria de Axudas Ágora será para a mellora da contorna da igrexa de Sanquiñeda, no barrio de Piñeiro.

O Porriño acolle hoxe a gran festa do fútbol base

O campo municipal do Lourambal acolle hoxe a primeira fase do Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol 11 e fútbol 8 organizado pola Federación Galega de Fútbol. Unhas xornadas de fútbol en estado puro nas que se darán cita máis de medio milleiro de futbolistas chegados e chegadas de toda Galicia que disputarán o campionato masculino no Porriño e o feminino en Mos.

Os partidos sucederanse durante toda a xornada de hoxe. En Fútbol 8 dispútanse catro na primeira fase e dous na segunda, un total de seis encontros, outorgándose tres puntos por vitoria e un por empate. A suma de puntos totais obtidos nas dúas fases ditaminará as catro seleccións clasificadas para as semifinais.

En Fútbol 11, pola súa banda, dispútanse dous partidos na primeira fase e un partido na segunda fase, outorgándose tres puntos por vitoria e un por empate. A suma de puntos totais obtidos nas dúas fases ditaminará as catro seleccións clasificadas para as semifinais

O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, sinalou que “desde que a Federación nos presentou a iniciativa vimos que debíamos estar ao lado deste evento e estamos moi orgullosos de poder acoller ás dezaseis seleccións galegas que van. Será seguro un torneo inesquecible para todos eles”. Salientou tamén “o traballo do Porriño Industrial” e o feito de “compartir esta organización co Concello de Mos”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, reiterou o agradecemento ao club anfitrión, o Porriño Industrial FC “a súa aposta polo fútbol base, que non se limita só á súa contribución a eventos como este senón a un traballo constante coa canteira ao longo do ano” e destacou a importancia deste torneo no que “participan deportistas cunha gran proxección no fútbol galego”.

Expectativas e realidade da maternidade, este xoves nos ‘Cafés en igualdade’ do Rosal

0

O Concello do Rosal prepara para este xoves a segunda sesión dos seus ‘Cafés en igualdade’, un espazo de reunión íntima entre mulleres para falar de temas de interese, unha burbulla de lecer persoal dunha hora ao mes na que poder conversar como se se estivera cun grupo de amigas. “Xa está todo listo para abordar unha nova temática neste encontro que permitirá a todas as asistentes desfrutar un pequeno balón de osíxeno nesa loita diaria para manter o equilibrio entre a conciliación familiar, laboral e persoal real”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Nesta segunda sesión, a educadora social Angelina Gándara abordará con todas as participantes o proceso da maternidade, dende as expectativas xeradas fronte á realidade ata a frustración que pode xerar, os embarazos desexados e non cumpridos e a maternidade como unha elección e non como unha obriga. Cunha ampla experiencia na formación a familias e coordinadora do programa ‘Somos familia, somos equipo’, Gándara guiará a todas as asistentes polo camiño dunha maternidade sen xuízos, sen prexuízos e sen culpabilidade. Será este xoves 23 de febreiro de 17.30 a 18.30 horas na cafetería Nenza Xida, na Praza do Calvario.

Con esta iniciativa, o Concello programa para cada último xoves de mes ata maio interesantes encontros dirixidos a mulleres nun horario diferente, moitas veces aproveitando os tempos mortos de obrigas cotiás como poden ser as esperas mentres fillos e fillas están nas actividades extraescolares. Serán sempre de tarde en establecementos hostaleiros do Rosal e durarán 60 minutos en horario de tarde creando, como salienta a rexedora, “un ambiente íntimo compartido entre mulleres mo que a relatora máis que unha persoa que expón un tema sexa quen de acompañar e interactuar coas persoas asistentes, creando un espazo de confianza cómodo e agradable”.

O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Ponteareas anima aos novos pais a transmitir o galego co gallo do Día Internacional da Lingua Materna

Co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, o Concello de Ponteareas quere convidar aos novos pais e nais a transmitir o galego ás novas xeracións dende o berce. A Concellaría de Lingua, dirixida por Fernando Groba, enviou unha carta convidando ás familias a formar parte activa desa herdanza tan prezada, única e útil que posúen galegos e galegas: o seu idioma. “Como galegos e galegas, temos unha lingua propia que nos chegou, na inmensa maioría dos casos, a través das nosas nais e pais”, salienta o concelleiro.

Ademais, para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna, este ano o Concello de Ponteareas porá en marcha unha nova actividade dirixida especialmente a nenos e nenas e ás súas familias. Para que non coincida en plena celebración do Entroido, o vindeiro luns 27 de febreiro organizará unha nova sesión do programa Apego, que busca “fomentar o mantemento da transmisión xeracional e a creación de ámbitos de uso da lingua galega para nenos e nenas de 0 a 6 anos e nos que se fomenta o uso entre as familias”.

A actividade estará protagonizada por un contacontos sensorial destinado a bebés e persoas adultas acompañantes con ganas de compartir unha experiencia feliz da man das palabras, as emocións que as acompañan, as cancións, a lectura, os libros… “Todo acompañado de obxectos manipulábeis para chamara a atención deste público inquieto e, á vez, ávido de experimentar, de gozar, xunto aos seus seres queridos”, destaca Groba.

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase cada 21 de febreiro dende o ano 2002 co obxectivo de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.