13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiA Deputación transforma totalmente o núcleo de Ribadelouro en Tui

    A Deputación transforma totalmente o núcleo de Ribadelouro en Tui

    A parroquia de Ribadelouro, en Tui, celebrou este mércores por todo o alto a total transformación acadada coa actuación desenvolvida na estrada provincial que cruza o pobo que, de ser un viario que invadía o epicentro desta zona sen conceder espazo para a veciñanza, pasou a converterse nunha zona amable, sostible e segura para as persoas da man da Deputación e do Concello. A mellora efectuada na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro ao seu paso pola parroquia deu resposta, como subliñaron hoxe a presidenta provincial Carmela Silva e o alcalde Enrique Cabaleiro, “a unha demanda histórica da veciñanza”. De feito, o acto de apertura do viario congregou a numerosos veciños e veciñas  e representantes das asociacións e da Comunidade de Montes da parroquia.

    As obras de mellora da seguridade viaria centráronse na recuperación de espazo público para a veciñanza, tendo tamén en conta que se trata dunha zona de tránsito moi transitada por peregrinas e peregrinas, xa que forma parte do trazado do Camiño Portugués. Os traballos, que incluíron a creación dunha plataforma única con preferencia peonil, realizáronse nun treito de 200 m, dende o pq 1+950 ao 2+150, no tramo que discorre por diante do centro sociocultural de Ribadelouro, a igrexa de Santa Comba, o cemiterio e o adro da festa, amais da reurbanización de toda a contorna. A actuación tivo un orzamento de 468.243€ e a Deputación recibiu unha subvención de 120.000 euros de fondos europeos do Plan de Recuperación. O resto do investimento (348.243 €) foi financiado mediante un convenio a través do cal a institución provincial aportou o 70% (243.771€) e o Concello o 30% restante (104.472€).

    Para a presidenta provincial, Carmela Silva, “esta é unha obra que supón un cambio radical da contorna e un exemplo máis da transformación que está a experimentar esta provincia da man do modelo de mobilidade, un modelo do século XXI centrado nas persoas”. “Xa cando iniciamos as obras o pasado ano –sinalou- comentei que non ía haber quen recoñecese a zona e hoxe podemos comprobalo. Nesta actuación sae gañando a veciñanza, que agora dispón dunha zona segura, sostible e amable para transitar, e tamén as persoas que nos visitan, especialmente as peregrinas e peregrinos, porque non hai que esquecer que Tui é o corazón do Camiño Portugués”. Carmela Silva subliñou así mesmo que “a recuperación do espazo público para as persoas é para este Goberno a gran prioridade no eido da mobilidade”. “Temos moi en conta –engadiu- que este tipo de actuacións devólvenos a interacción social, a relación entre as persoas, e tamén propician logo a mellora de negocios ou a instalación doutros novos, en definitiva, permiten o crecemento cun modelo axeitado”. “Falamos, dixo, dunha actuación historicamente demandada que xa é realidade tamén polo empeño do alcalde de Tui que tiña claro que este lugar tan emblemático e patrimonial merecía un cambio total do modelo. Este xa non é un espazo para os vehículos, xa é un espazo para as persoas”. “Estas son as cousas que cambian un pobo, subliñou Carmela Silva, quen agradeceu ao alcalde “que non só actúen no centro urbano senón nas parroquias porque somos un pais de parroquias de moita identidade e que precisan deste tipo de transformacións”.

    Pola súa banda, o alcalde Enrique Cabaleiro sinalou que esta actuación “era unha prioridade e que ademais responde á aposta de transformar non só o centro urbano senón tamén as parroquias de Tui que deben ser obxecto de coidado e protección”. Insistiu en que “era necesaria unha actuación deste tipo tamén polo valor patrimonial da zona pola que descorre o Camiño de Santiago e polo seu peso social e económico”. Cabaleiro asegurou que “sentímonos moi orgullosos do resultado e agradecemos á presidenta da Deputación este esforzo porque que desde a súa chegada ao goberno está transformando esta provincia e esta obra é un exemplo de como recuperar estes espazos emblemáticos e destinalos á cidadanía”. Cabaleiro, que agradeceu o traballo tamén á veciñanza de Ribadelouro, ao persoal técnico, a empresa, ao deputado de infraestruturas e á corporación tudense, insistiu en que haberá máis proxectos nas parroquias do rural “que xa temos en marcha”

    A actuación

    O espazo obxecto de actuación en Ribadelouro converteuse nunha zona de tráfico compartido con preferencia peonil, coa creación dunha plataforma única para toda a calzada. Amais, acondicionouse o viario municipal que cruza a estrada provincial, mellorouse o trazado existente, ao ampliar o radio das curvas máis pechadas, e executouse unha beirarrúa máis ancha que a existente para separar o tráfico peonil do vehicular. As obras incluíron tamén a substitución da iluminación existente por novos equipos de tecnoloxía led e a incorporación de elementos físicos redutores de velocidade na calzada, optimizando deste xeito a eficiencia enerxética do espazo e a redución do CO2. Así mesmo, habilitouse unha zona verde e instaláronse bancos, co fin de promover a contorna como un lugar de interacción social entre a veciñanza. Tamén instalouse unha nova solución de drenaxe para dispor dun itinerario atractivo e seguro para os peóns.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.