10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasComezan as obras do Centro Cívico de Ponteareas

    Comezan as obras do Centro Cívico de Ponteareas

    O Concello de Ponteareas iniciou esta semana as obras do futuro Centro Cívico da localidade, que se situará nun edificio histórico situado na Praza Maior. As obras que xa se están a executar consisten na rehabilitación integral de todo o inmoble, de tres plantas e con máis de 900 m2 de superficie. O prazo de execución das obras é de seis meses e o investimento acada case 1 millón de euros, concretamente 956.941 euros, financiado ao 80% polo FEDER, a través da Estratexia EDUSI ‘Ponteareas Hábitat Saudable’, e nun 20 % polo Concello a través da súa asignación no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

    Para poder dotar ao centro urbano dun Centro Cívico o goberno municipal do BNG-PSOE acordou no ano 2020 mercar o edificio cun investimento de 250.000 euros asumidos ao 100% con fondos propios, “nun exemplo da boa saúde económica da que goza o noso Concello”, como sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández, quen xunto ao primeiro e segunda tenente de alcaldesa, Roberto Mera e Chus Garrote; ao concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó; a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil; e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, visitou as obras.

    Cristina Fernández salientou que a diferenza da maioría das parroquias que contan cun Centro Cultural, a vila carecía dun espazo desas características fundamental para a dinamización social e cultural. A alcaldesa afirmou que “con esta actuación o centro urbano contará por primeira vez cun espazo para exposicións, cursos e actividades culturais ou de ocio, servizos públicos e reunións veciñais ou de colectivos, nunhas instalacións modélicas e a través da recuperación e rehabilitación dun edificio histórico”.

    Pola súa banda, Chus Garrote explicou que “a creación do Centro Cívico xunto co novo Centro de Dinamización Empresarial a piques de rematarse no edificio da Seguridade Social, pretenden revitalizar a zona antiga de Ponteareas, na mesma liña que a Área de Rehabilitación Integral que aprobamos e que axudará á veciñanza a rehabilitar e mellorar as súas vivendas nesta zona”.  Unha revitalización que, como sinalou a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, “permitirá tamén dar pulo á dinamización económica do centro urbano, converténdoo tamén nun punto forte do desenvolvemento económico e social de Ponteareas”. O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, engadiu que “o Centro Cívico será un espazo activo, flexíbel e de amplo horario no que a mocidade poderá desfrutar das súas instalacións e actividades e desenvolver as súas propias iniciativas como teñen demandado”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, destacou “o papel inclusivo deste novo espazo no que non só terán tamén cabida actividades sociais, senón tamén servizos municipais como o de atención temperá, que conta cunha gran demanda por parte da veciñanza”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.