Un detido por agresión a axentes, unha denuncia por duplicar a taxa de alcohol permitida, e outras por non usar a máscara foron parte das actuacións esta fin de semana da Policía Local de Tui.
O venres, axentes da Policía Local, deron o alto ao condutor dun vehículo que circulaba de forma errática, procedendo a denuncialo en vía administrativa ao dar resultado positivo na proba de alcoholemia en aire expirado realizada co etilómetro de precisión debidamente homologado. O resultado final foi de 0,58 mg/l en aire expirado, superando o dobre da taxa permitida regulamentariamente.
Por outra parte, o sábado pola noite a Policía Local detivo a un home por un delito de atentado contra os axentes da autoridade e negativa a identificarse en reiteradas ocasións. Os axentes foron requiridos por un particular debido a unha pelexa na que se viu involucrado do detido. Esta persoas, presuntamente baixo os efectos de bebidas alcohólicas, debido aos síntomas de embriaguez que presentada, arremeteu contra os axentes causándolles lesións aos dous policías locais que practicaron a detención.
Tamén o sábado pola noite a Policía Local denunciou a dous clientes dun establecemento hostaleiro por incumprimento da nova obrigatoriedade do uso da máscara. Amais á última hora da noite desaloxaron un establecemento de ocio nocturno debido ao incumprimento do horario de peche. O local estaba en plena actividade, con gran afluencia de persoas no seu interior, nalgúns casos sen manter a distancia de seguridade.
Por último, durante a fin de semana, os axentes da Policía Local tiveron que intervir ante a comisión de distintos actos vandálicos en distintos puntos do termo municipal. Así rexistráronse pintadas na estatua de Calvo Sotelo, rexistrou un pequeno incendio nunha arqueta logo de que prenderán lume a uns papeis no interior, e que os axentes sufocaron cun extintor, e tiraron vallas ao río no Paseo Fluvial que se empregaran para delimitar a zona do cinema ao aire libre.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, ven de remitir unha misiva á Conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, na que se adxunta o anteproxecto da Senda de Circunvalación ao Monte Santa Trega da Guarda, encargado dende o propio consistorio ante a necesidade deste vial, que permita unha circulación segura de vehículos motorizados, bicicletas e peóns.
Nesta misiva tamén se solicita novamente unha xuntanza coa conselleira para definir as actuacións que é necesario acometer en relación á senda, posto que na última xuntanza que mantivo o rexidor guardés co Director de Infraestruturas, Francisco Menéndez, en decembro de 2018, se comunicou a publicación dunha liña de subvencións para sendas para o ano 2019, liña que nunca se habilitou e tamén en outubro de 2019 se enviou un escrito solicitando unha nova xuntanza sobre a senda, xuntanza que nunca tivo lugar.
Antonio Lomba reclama unha actuación por parte da Xunta de Galicia na Guarda, para por unha solución o antes posible a unha vella demanda que se ten reclamado dende fai moitos anos, “falamos dun problema de mobilidade que afecta á seguridade vial nunha vía competencia da Xunta de Galicia, polo que se ten que realizar esta actuación á maior brevidade”, indicou o rexidor.
A PO-352 é sen dúbida algunha unha das principais arterias de comunicación da Guarda, basta dicir que é a única conexión entre o casco urbano da Guarda e a Parroquia de Camposancos, tanto polo Oeste como polo Este, amén de subliñar que conduce a todas as praias fluviais da nosa vila.
Con estas referencias resulta fácil entender que o tráfico rodado que soporta, sobre todo en época estival, é moi considerable. Ao mesmo tempo, e dado que a paisaxe pola que discorre é moi fermosa, atrae a multitude de peóns que pasean por ela.
O referido anteproxecto contempla unha actuación na totalidade da PO-352 que non conta con beirarrúas, tanto polo lado oeste, Cruzada-Camposancos como no lado este Camposancos ata intersección PO-355(que conduce á Pasaxe) consistente en un ancheamento da calzada de rodadura, a construción dunha senda, para facela máis segura para os peóns e os vehículos.
O Concello de Nigrán ten aberto o prazo de inscrición no mail [email protected] para participar no seus roteiros guiados desta semana dentro da súa programación #NigránEquilibrioNatural. O primeiro terá lugar este xoves día 23 polo litoral de Nigrán, con saída ás 10:00 horas da mañá desde a oficina Alameda de San Campio (A Ramallosa). O segundo será o tramo do Camiño de Santiago pola Costa en Nigrán e terá lugar o sábado 25 con saída ás 10:00 horas desde a ponte de A Ramallosa. En ambos casos as prazas están limitadas por indicacións sanitarias e se cubrirán por rigorosa orde de solicitude.
O Concello de Salvaterra de Miño presentou, da man das Asociación de Comerciantes Unes e Aces, a plataforma subvencionada de apoio ao comercio local dbarrio.com.
A intención das asociacións e do Concello é modernizar o sector e potenciar as ventas online a domicilio de comercios e restaurantes locais.
A esta iniciativa sumáronse máis de 35 establecementos de todo tipo: xoierías, supermercados, carnicerías, zapaterías, restaurantes, tendas de informática, pinturas ou telefonía, entre outros.
O propósito de todos os sectores de comercio é ter todas as webs operativas en menos de dúas semanas e poder continuar vendendo ao marxe de futuros rebrotes do Coronavirus, nun intre no que moitos dos seus clientes prefiren saír o menos posible das súas vivendas.
Os taxistas de Salvaterra de Miño tamén se puxeron ao servicio do proxecto, axudando cos repartos dos pedidos a unhas tarifas moi competitivas. Ademais de axudar ao pequeno comercio e ás persoas en risco coas súas compras, pensan que pode ser unha fonte extra de ingresos que tanto precisa o sector.
Dbarrio ofrece aos negocios asociados unha web de venta online con TPV e publicidade por 80 €/ano. No caso de Salvaterra de Miño, este custo é asumido polo Concello na súa totalidade dentro da liña de apoio ao comercio local.
O Concello e as Asociacións de Comerciantes apostan por esta plataforma xa que se pode comprobar o éxito do seu emprego noutras localidades galegas, a súa recente expansión a outras comunidades autónomas e pola súa labor social, tanto no mencionado apoio ao comercio local coma a doazón do 5% da súa facturación ás asociacións sen ánimo de lucro elixidas polas tendas e restaurantes asociados.
Dbarrio comezou a súa actividade en Vigo, dende a que cedo colleu impulso a outras cidades galegas, como é o caso de Salvaterra de Miño, da man das asociacións de comerciantes e concellos preocupados pola situación do pequeno comercio. Tamén se atopan nesta situación concellos como Gondomar, Nigrán, Baiona, Salceda, Vimianzo… Dende Dbarrio afirman que chegaron tamén a acordos con concellos de Madrid, Catilla e León e ter moi avanzadas as negociacións con outros de Cataluña e Cantabria. Contan con máis de 8000 usuarios e 600 negocios rexistrados.
O seu obxectivo é mellorar a actividade socioeconómica dos nosos barrios, pondo en contacto aos negocios e repartidores locais con clientes solidarios que prefiren aos pequenos comercios e restaurantes locais fronte ás grandes superficies e multinacionais de venta online. Semella que o están a conseguir. Dende hoxe é máis doado mercar a domicilio en Salvaterra de Miño.
Unha maqueta cos petróglifos máis representativos do Baixo Miño, e un mapa visual onde se plasman máis de 70 elementos do patrimonio situado nas parroquias tudenses son dous dos elementos que forma para da exposición “Pérdete polo rural” que dende hoxe se pode visitar na Oficina Municipal de Turismo, na praza de San Fernando en Tui. Permanecerá aberta até mediados de agosto.
Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Cultura, Laureano Alonso, participaron na apertura da mostra canda aos promotores da mesma Telmo Alfaya e Antonio Lago.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o seu agradecemento ao polifacético Telmo Alfaya nunha iniciativa que pon en valor todo o patrimonio existente ao longo do termo municipal de Tui. Pola súa parte o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, destacaba esta iniciativa de Telmo Alfaya e Antonio Lago á que dende o Concello de Tui foron sensibles dende o primeiro ante o interese que ten recompilar e recuperar o patrimonio existente nas distintas parroquias.
Diferentes pezas prehistóricas con talla lítica, os bosquexos dos que partiu o mapa visual, unha maqueta da conca do Miño cos petróglifos máis representativos en cada municipio, conforman esta mostra, que pretende tamén servir de guía para que o visitante poida despois realizar o roteiro polas parroquias tudenses. Así pódense coñecer os petróglifos, as fontes, as igrexas, os cruceiros, os muíños… que forman parte do noso legado patrimonial. O pintor Antonio Lago percorreu este lugares do rural tudense, ao longo de case un ano, para logo poder plasmar este elementos no mapa visual.
Amais o domingo 26 realizarán a “Ruta das Augas”, un percorrido guiado por Cristian Lago para o que se ofertan 25 prazas. Comezarán ás 18 h cunha charla a cargo de Alberto Romero, e logo a ruta guiada. Contarán con todas as medidas de seguridade. Os interesados poden anotarse no 636 82 26 02.
Telmo Alfaya ideou esta exposición “Percorrendo o rural” dentro do proxecto que ten de crear un Museo da Prehistoria e un Museo do Rural Galego, no entorno do Pancho Cultural na Guía en Randufe.
A programación de verán do Rosal continúa esta semana co arranque das visitas guiadas aos petróglifos do concello. Esta actividade ten programadas tres saídas totalmente gratuítas ao longo dos meses de xullo e agosto para visitar diferentes puntos do municipio no que se conservan estes gravados rupestres e coñecer máis detalles sobre a súa historia. As visitas guiadas terán un aforo máximo de 10 persoas e para poder participar é necesaria inscrición previa chamando ao teléfono 986 625 000. A inscrición poderá facerse ata o mesmo día da actividade ás 14:00 horas.
Primeira saída
A primeira visita guiada será este mércores 22 de xullo (21:30 h) aos petróglifos do Novello. Ao longo de aproximadamente dúas horas, as persoas participantes farán un percorrido circular a pé doado e de pouca lonxitude para visitar catro puntos con petróglifos e, se a noite o permite, facer unha observación do ceo nocturno. O punto de encontro será a Casa do monte de Novás (Camiño da Salgosa, 43) e os desprazamentos serán a pé. Ademais, para garantir a saúde de todos e todas, as persoas participantes deberán cumprir as medidas de prevención, levando máscara e gardando as distancias interpersoais de seguridade.
O vindeiro 5 de agosto (21:30 h) a visita guiada será polos petróglifos da Portela, unha saída na que se combinarán percorridos a pé e desprazamentos nos coches particulares dos participantes para visitar cinco puntos con petróglifos e, se a noite o permite, rematar a visita de novo cunha observación do ceo nocturno. Nesta ocasión o punto de encontro será o Alto da Portela (Camiño da Costeira, Coordenadas: 41.945878, -8.876238). Tratarase dun percorrido de dificultade baixa no que as persoas participantes deberán tomar tamén todas as medidas de prevención necesarias ante a COVID-19, levando máscara e respectando as distancias de seguridade.
O último percorrido terá lugar o 26 de agosto cunha ruta aínda por determinar. Os petróglifos elixidos para esta visita anunciaranse con anterioridade á data de celebración.
A concellería de Voluntariado de Ponteareas, que dirixe Miguel Bouzó, vén de abrir o prazo de inscrición para a celebración dun curso básico de fototrampeo, no marco das actividades do voluntariado ambiental xuvenil.
O fototrampeo é unha técnica de observación de fauna que causa moito interese entre a sociedade, dado que achega a fauna dun xeito diferente, con interesantes imaxes e vídeos.
O curso, que ten un prezo de 20 €, celebrarase os vindeiros días 21 e 22 de xullo no auditorio municipal, para maiores de 14 anos en horario de 16:30 a 20:30h. Servirá para coñecer o funcionamento das cámaras de fototrampeo, os métodos para a súa colocación e como observar o medio natural para escoller os mellores lugares para conseguir resultados.
Miguel Bouzó anima ás persoas interesadas a que se inscriban e participen neste curso, que combinará a formación teórica coa saída a realizar unha parte práctica no medio natural. As inscricións estarán abertas ata o luns 20 de xullo no enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 986660765.
O Concello de Nigrán e o cineclub Val Miñor-Alice Guy continúan este luns co seu primeiro ciclo de cinema ao aire libre ás 22:30 na Praza do Concello proxectando ‘La quimera del oro’ coa gran particularidade de que a banda sonora estará musicada en directo polo guitarrista nigranés Felipe Villar, director do Nigranjazz e quen lle dará a súa propia versión. Este filme está considerado como a comedía más perfecta de Chaplin. En 1925, na súa estrea en Berlín, a ovación do público asistente ao finalizar foi tan grande que volveron a poñela desde o principio.
O ciclo finaliza o luns 3 de agosto con ‘La playa de los ahogados’, longametraxe de Gerardo Herrero baseada no libro do vigués Domingo Villar e que ten moita vinculación con Nigrán ao desenvolverse boa parte da trama (da novela e da película) no municipio.
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.
Este luns 20 impartirase “Consideracións á hora de crear o meu modelo de negocio”, a cargo do enxeñeiro informático José Luis Taboada. Para o martes 21 SmartPeme ten programado un obradoiro titulado “LinkedIn para empresas”, que contará coa licenciada en Publicidade e Relacións Públicas María Aller. O mércores 22 será a quenda de “Promociona a túa empresa a través dos stories de Instragram”, impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual.
Ao día seguinte, o xoves 23, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, falará sobre “Infografías: representa a información de maneira visual”. Para finalizar a semana, o venres 24, Esther Garciñuno, diplomada en Ciencias Empresariais, ensinará ás e aos participantes o funcionamento de “Google Analytics para a toma de decisións”. Os cinco obradoiros desta semana serán impartidos en horario de 12:00 a 13:00 horas.
A mochila da luz, que chegou ao Pazo de Mos, portada por Milucha e que foi recibida polo tenente alcalde, Camilo Augusto e pola concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro; saíu o día 10 de xullo de Porto coa bendición da mochila na catedral.
Desde Conchas do Camiño: Susy de Pontevedra, Ana de Toledo, Oihana de Irlanda e Guillerme de Lisboa, animados pola iniciativa xurdida no Camiño Francés, co proxecto «A Luz do Camiño», puxeron en marcha unha iniciativa “a mochila da luz”.
Trátase de facer o Camiño Portugués levando unha mochila entre todos. Saíron de Porto o día 11 de xullo e continúan camiñando ata Santiago de Compostela. Portan unha mochila, dentro da cal levan unha luz acesa durante todo o Camiño. Cada peregrino que o desexa, pode levar a mochila un tramo de cada etapa ata a entrada en Santiago de Compostela.
O obxectivo é que a mochila coa Luz do Camiño Portugués non pare ata Santiago. Esperan chegar a Santiago o día 24 de xullo, xunto coa mochila que partiu o 19 de xuño desde Roncesvalles, no Camiño Francés, para pasar alí o día da conmemoración do Apóstolo. A idea é que ambas mochilas (a do camiño portugues e a do camiño francés) cheguen á Praza do Obradoiro coa súa luz acesa.
A Vieira que transportan na mochila de «A Luz do Camiño Portugués» foi pintada por Julia, unha pequena gran artista galega de 7 anos.
Esta concha nace como unha homenaxe ás vítimas da Covid-19, a todas as persoas falecidas durante o confinamiento por outras causas, que non puideron ser despedidas polos seus familiares, aos enfermos e a todos os profesionais de todos os ámbitos, que nos coidaron e axudado co seu traballo ou de forma altruísta.
Todas as persoas maiores, as grandes vítimas desta pandemia, foron ao principio nenos, por iso esta iniciativa pretende, a través de Julia, tenderlles unha man que sirva como recordo cara a eles e de esperanza ante o que nos depara o futuro.
O Castelo de Santa Cruz da Guarda será o escenario para a realización de “Ioga de Verán”, un encontro de ioga ao aire libre para todos os públicos que se vai desenvolver o domingo 26 de xullo ás 10:30h.
Cada participante deberá traer unha esteira ou toalla, un cinto ou un foulard.
Os interesados en participar poden ampliar información no Departamento de Deportes do Concello da Guarda chamando ao 690928751 ou contactando en [email protected].
O Concello de Nigrán, a través da concesionaria Aqualia, investirá 26.282.38 € na instalación dun novo grupo de presión no SAU de Monteferro que permitirá desde o mércores submnistrar auga sen problemas a cen vivendas que, nos momentos de maior demanda, non era posible.
As obras executadas consistiron na instalación e conexión á rede de abastecemento existente dun grupo de presión con 2 electrobombas trifásicas de 3 kw, cos seus correspondentes variadores, o que permitirá incrementar a presión en función da cota.
A maiores, no cadro eléctrico instalouse un sistema de transmisión de alertas para que calquera posible incidencia sexa comunicada de forma inmediata ao retén de garda da Concesionaria Aqualia e así garantir un óptimo funcionamento.
Desde o Concello e Aqualia realizouse un bando que se deixou en cada buzón da zona recordando a conveniencia de revisar o sistema de distribución de auga de cada vivenda, recomendando a instalación dunha redutora despois de cada contador para evitar posibles incidencias debidas ao incremento da presión.
De momento el verano se está portando muy bien en nuestras comarcas, y con este calor lo que más apetece es algo fresco y rápido de elaborar. Y lo que menos, pasarnos horas con el horno encendido.
Fresca y sin horno, así es la tarta de queso que os traigo hoy. Se hace en un momento, pero, eso sí, hay que contar con unas horas para que enfríe.
¡Vamos allá!
Ingredientes
(ojo, si hay algún celíaco, aseguraos de que todos los ingredientes sean aptos)
80 g galletas sin gluten tipo María
25 g mantequilla
30 g pistachos pelados
6 Petit suisses (o 300 g de yogur griego o de requesón batido)
1 tarrina de 200 g de queso crema tipo Philadelphia
4 hojas de gelatina
150 g mermelada de arándanos (o de frutos rojos, fresa, frambuesa… al gusto)
Preparamos la base
Empezamos triturando las galletas con un molinillo o dentro de una bolsa pasando por encima un rodillo.
Trituramos también los pistachos, dejando algún trocito un poco más grande, para que se note.
Derretimos a baja potencia la mantequilla y la mezclamos con las galletas y los pistachos molidos.
Cubrimos la base de un molde desmontable con papel de horno y extendemos sobre él la mezcla anterior, apretando bien para que quede compacto. Metemos en la nevera para que enfríe y mientras tanto preparamos el relleno.
Hacemos el relleno
Empezaremos hidratando las hojas de gelatina en agua, siguiendo las indicaciones del fabricante.
Una vez hidratadas las escurrimos y las batimos con el queso crema y los petit suisses.
Yo añadí a esta mezcla unas cucharadas de mermelada de arándanos, que le da sabor y un color precioso al relleno; si lo preferís, podéis dejarlo sin nada o añadirle otra mermelada: frutos rojos, fresa, mora… Repartimos la mezcla sobre la base de galletas alisando bien, y dejamos enfriar en la nevera durante unas horas, hasta que la gelatina haga su función de solidificar la tarta. Si queréis decorar con frutas alrededor, forrad con film los bordes del molde, cortad por la mitad arándanos, o fresas, y repartidlos alrededor del molde; a continuación rellenad con mucho cuidado para que no se caigan las frutas.
Una vez fría, la desmoldamos con delicadeza, y la decoramos como más nos guste: con mermelada o con frutas rojas frescas y trocitos de pistacho, como en este caso.
De la tarta de queso sin horno hay miles de versiones; esta en concreto es la que en mi casa se conoce como ‘Tarta de queso de Pepe’ porque fue mi amigo Pepe quien me dio la receta hace un montón de años y os aseguro que es de las que más triunfan siempre que la hago. Podéis sustituir los petit-suisses por 300 g de yogur griego, o por requesón batido, o por una mezcla de ambos (la de la foto lleva esta combinación), teniendo en cuenta que, si no son azucarados, deberéis añadir azúcar para endulzar un poco la mezcla (id probando hasta obtener el grado de dulzor que os guste).
Os deseo que paséis un buen verano; y, por favor, no bajéis la guardia, así entre todos conseguiremos que el próximo sea un verano al 100 %.
O último Premio O Facho de teatro infantil acaba de ver a luz. «Unha estrela para Amina» é unha historia breve escrita por Celia Díaz Núñez que, logo de dar ao prelo dúas novelas para adultos, retorna ás súas orixes no eido da literatura infantil e xuvenil con esta obra. Falamos dunha peza nunha unica escena, en tempo real, e con só dúas personaxes que levan todo o peso da trama: unha nena, Amina, e a súa boneca, Sally.
Amina é unha nena de idade imprecisa pero que podemos supoñer pequena. Está encerrada nun campamento de refuxiados, ou nun centro de detención de migrantes ou similar, en calquera punto do planeta. Fuxíu do seu país natal xunto coa súa familia por mor da guerra, da fame ou de calquera outra razón de peso. Todas estas imprecisións, lonxe de desvirtuar a historia, conseguen dotala dun carácter universalista que resulta ser o auténtico celme do relato, no que os detalles concretos pasan a un claro segundo plano fronte á situación de aillamento e de falla de enraizamento ao que a nena se ve sometida. Un arame de espiños no fondo do escenario fai que non o esquezamos en ningún momento.
Unha noite, Amina sae da tenda de campaña na que a súa familia dorme para buscar a súa boneca de trapo, que se convertirá para ela nunha nena de carne e óso, a amiga, compañeira de xogos e confidente de Amina. E a partir de aí, e coa mentalidade infantil, a nena e máis a súa boneca pasan boa parte da noite xogando, lembrando e, sobre todo, cantando. Teñen especial relevancia estas cantigas infantís, extraídas do folclore de diversos países, para redundar nesa idea de universalismo que máis arriba apuntamos. E como perfecto colofón da historia e tendo en conta que moitas destas cantigas serán descoñecidas para a maioría de lectores, a autora engade unha listaxe cos enlaces para poder disfrutalas na rede.
Resulta, ao meu entender, moi relevante o tratamento da historia, preñada de fraternidade e de irmanamento nun perfecto símbolo da infancia castigada polas manobras políticas dos adultos. Sempre son os máis débiles os que padecen as consecuencias de decisións que non os teñen en conta e, neste caso, tal premisa vén simbolizada por Amina e a súa boneca de trapo. A necesidade dun enraizamento sobre o que o neno alicerce a súa vida, vén expresado non só pola selección de cancións populares, senón tamén por unha serie de historias de trazas evidentemente míticas, tamén nacidas –con toda probabilidade– na tradición oral de distintos pobos e cos que a boneca entretén a Amina na soidade da noite.
Tamén chama a atención o achegamento á linguaxe (e á mentalidade) infantil do que a autora fai gala ao longo de toda a peza. Non semella doado para un adulto viaxar no tempo ata a infancia máis remota para recrearse nunha personaxe de ficción tal e como o faría un neno ou unha nena, nin asumir o seu pensamento e a súa expresividade coma propias, polo que resulta un mérito engadido a este traballo.
Cultura, música e patrimonio botan a andar na provincia da man da Deputación de Pontevedra coas prazas esgotadas nas dúas primeiras actividades de ‘Re-acción nos Castelos’. Tan só fixeron falta catro días para colgar o cartel de “completo” nas Noites do Castelo de Sobroso e Soutomaior os días 23 e 24 de xullo. Amais, tamén se esgotaron as prazas para participar noutras tres accións programadas para o 30 de xullo, o 6 de agosto e o 11 de setembro: o obradoiro ‘Creando no xardín’ con Román Corbato, ‘Nin príncipes nin princesas’ con Bea Campos e ‘O teatro ven de visita!’ da man dos Quinquilláns. Todas as actividades contarán coas medidas de seguridade pertinentes e protocolos Covid e o uso da mascarilla será obrigatorio para as persoas asistentes.
‘Re-acción nos Castelos’ arranca con cheo absoluto en ‘Noites no Castelo’. En Sobroso o xoves 23 ás 22 horas terá lugar a acción multidisciplinar de música, danza, videoproxeción e instalación artística ‘Zona de límites’ e ao día seguinte en Soutomaior, á mesma hora, celebrarase ‘As Hurdes’ de Vertixe Sonora, unha acción multidisciplinar de música clásico-electrónica, poesía e cinema. Amais, tamén coas prazas esgotadas, o 30 de xullo entre as 17 e 19 horas o Castelo de Soutomaior acollerá o obradoiro ‘Creando no xardín’, dirixido á rapazada, que consiste nunha instalación artística colaborativa. Despois destas tres primeiras actividades que xa están completas, o prazo segue aberto para inscribirse nas demais actuacións de ‘Re-acción nos Castelos’ (excepto no contacontos ‘Nin príncipes nin princesas’ o 6 de agosto e en ‘O teatro ven de visita’ o día 11 de setembro), así como nos concertos de ‘Música no Ar’ que se celebran nos propios recintos de Soutomaior e Sobroso (as demais accións estarán abertas ao público ata completar aforo).
Deste xeito, a programación continúa o 30 de xullo en Soutomaior, ás 19:30 horas terá lugar un concerto dirixido ao público infantil denominado ‘A banda das apertas’. Para pechar o mes, o venres 31 entre as 17:00 e as 19:00 horas o castelo de Sobroso acollerá unha actividade artística de arquitectura dirixida a nenas e nenos enmarcada en ‘Creando no xardín’ Xa no mes de agosto, as actividades comezan o xoves 6 ás 18:00 horas en Soutomaior co contacontos ‘Nin príncipes nin princesas’ a cargo de Bea Campos. Ese mesmo día, tamén en Soutomaior pero ás 19:30 horas, terá lugar a acción de danza contemporánea ‘Conmoveres da Memoria’ da man de ‘Perdomus’, enmarcada en ‘Danza no Castelo’. O 7 de agosto ás 19:30 horas chega a Sobroso ‘Música no Castelo’ cun concerto de ‘Falúa’ e, tamén en Sobroso pero o mércores 12 ás 17:30 horas terá lugar o contacontos ‘Nin príncipes nin princesas’ con Cristina Collazo. A última actividade do mes de agosto celébrase en Soutomaior o xoves 13 ás 19:30 horas e será a acción escénica ‘Té con Kant’, enmarcada en ‘O teatro ven de visita’”. Xa en setembro haberá dúas accións, o venres 11 ás 19 horas ‘s Quinquilláns’ farán unha acción escénica no Castelo de Sobroso e o xoves 17 ás 19 horas terá lugar en Soutomaior o concerto de ‘Vero Rilo & Sonsoles Penadique’. Para todas estas actividades hai que inscribirse enviando un correo a [email protected]
En canto a ‘Música no Ar’, os concertos para os que é necesaria a inscrición serán o martes 28 de xullo ás 19:30 horas no Castelo de Soutomaior, coa Orquestra Clásica de Vigo, e o martes 11 de agosto ás 19 horas no Castelo de Sobroso, coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Amais, ata o mes de setembro ‘Música no Ar’ desenvolverá outros 12 concertos abertos ao público ata completar aforo, o primeiro será o xoves 30 de xullo ás 21 horas no Estaleiro de Bueu da man de ‘Son Trío’.
En agosto, a programación continúa o mércores 5 ás 20 horas na Praza do Reló da Guarda coa Orquestra 430 de Vigo; o xoves 6 ás 20 horas no Pazo de Liñares de Lalín con Alejo Amoedo & Iria Cuevas; o venres 7 ás 21 horas estará na Fábrica de Salga do Grove a Orquestra Clásica de Vigo; o domingo 9 ás 20 horas a Orquestra Filharmónica de Pontevedra chega ao Aserradeiro dos Carranos en Covelo; no Mosteiro de Poio o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra será o venres 14 ás 19:30 horas; e, para pechar o mes de agosto, a Carballeira de Caldas de Reis acolle o domingo 16 ás 20 horas á Orquestra Clásica de Vigo.
Xa en setembro, terán lugar dous concertos da Orquestra 430 de Vigo, un no Mosteiro de Aciveiro en Forcarei o sábado 12 de setembro ás 19 horas e outro nos Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública de Baiona o venres 18 tamén ás 19 horas; a Orquestra Clásica de Vigo chega o sábado 19 ás 19 horas ao Castelo Dona Urraca de Salvaterra; o domingo 20 ás 18 horas actuarán Brais González & Beatriz Arenas no Mosteiro de Carboeiro de Silleda; e, por último, o sábado 26 ás 18 horas terá lugar o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra na Praza do Concello de Agolada.
Os Sambenitos atopados nos anos 80 na Catedral de Tui, pezas destacadas do patrimonio xudeu tudense, poden visitarse de novo este verán no Museo Diocesano. No terceiro andar do edificio expóñense cinco lenzos cos 14 sambenitos dos que 10 son os orixinais e 4 son copias, xa que os orixinais atópanse agora no Museo Catedralicio.
O Museo Diocesano, situado no antigo Hospital de Pobres e Peregrinos, na praza do Concello, custodia valiosas pezas do patrimonio tanto de Tui coma da comarca do Baixo Miño. Este verán pode visitarse de luns a venres en horario de 11 a 14 h e de 18 a 20 h, cun donativo de 1€ polo acceso.
Na visita podemos realizar un percorrido pola historia a través de pezas coma o casco celta do século III-II a.c atopado en Caldelas, xunto a outros achádegos de escavacións realizadas na zona expostas na planta baixa.
O Museo Diocesano acolle tamén outras pezas vinculadas á cultura xudía coma é o caso da cruz parroquial do Porriño do século XVII do prateiro converso Joâo de Sousa. Forma parte da colección de pratería onde destaca tamén a cruz parroquial de Mos.
Posúe o Museo Diocesano unha importante colección de arte sacro procedente das igrexas da Diocese de Tui-Vigo, destacando a pintura renacentista de Juan de Juni da “Virxe co neno”. Tamén conta cunha colección de cadros con retratos de bispos, entre eles Rosendo Salvado.
Cómpre lembrar que Tui é unha das cidades que forman parte da Red de Juderías de España. Amais dos Sambenitos do Museo Diocesano outros elementos destacados deste patrimonio sefardí son a menorá gravada no claustro da Catedral, a Casa de Salomón ou a sinagoga. A Ruta Xudía está sinalizada dende a Praza da Inmaculada podendo seguirse a través de códigos QR por todo o conxunto histórico.
O persoal e goberno do Concello de Nigrán renderon este mediodía unha homenaxe a cinco funcionarios municipais recentemente xubilados e que marcan a historia do consistorio cunha media de 35 anos adicados á administración local. Así, o persoal municipal e o goberno asistiron a unha comida na Carrasca inviatos polos cinco xubilados, aos que o alcalde entregou unha placa de recoñecemento.
Os novos retirados son María Luísa Barros, administrativa de Recadación durante 33 anos; Álvaro Reinado, técnico de xestión durante 40 anos; Marcelino Giráldez, peón de Vías e Obras e conserxe posteriormente durante 41 anos; Florentino Martínez, peón de Vías e Obras e conserxe do Pavillón Municipal durante 17 anos; e Ricardo Casás, peón de Vías e Obras durante 46 anos. Xuntos suman 177 anos traballando para o Concello.
“Forman parte da Historia do Concello de Nigrán e son persoas moi queridas entre os veciños e os traballadores, polo que é un día especialmente emotivo para todos. Estamos moi agradecidos polo seu traballo neste tempo e desexamos que gocen ao máximo a súa merecida xubilación”, sinalou o alcalde, Juan González, antes de entregarlles cadansúa placa conmemorativa.
As Comunidades de Montes de Ponteareas e Arcos están organizando quendas de vixilancia na Picaraña desde o martes pasado, e seguirán con elas mentres o risco de incendio sexa alto, como acontece nestes días con altas temperaturas e con frecuentes ventos fortes.
Estas previsión fan que o operativo de vixilancia comezase, este ano, antes do habitual. Comuneiros e persoas voluntarias controlan os vehículos que suben e baixan ao monte en diferentes puntos estratéxicos.
Os comuneiros e comuneiras levan tempo traballando arreo para recuperar A Picaraña e convetela no que é hoxe en día, un lugar de ocio e espallamento e un pulmón verde para Ponteareas
Non se pode esquecer que o monte Picaraña está catalogado como Parque Forestal e nestes últimos anos estanse facendo importantes obras de mellora da contorna, como eliminación de acacias e eucaliptos, plantación de frondosas, mellora das pistas, etc. Obras que contribúen a diminuír o risco de incendios.
As comunidades de montes agradecen a colaboración de todas as persoas que se suman a este proxecto.
O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra celebrou onte a xuntanza da súa Executiva para valorar o resultado das últimas Eleccións Autonómicas, nas que o Partido Socialista obtivo 104.296 votos no territorio provincial, o que supuxo un crecemento de preto de 14.000 votos e case un 5 % máis sobre a convocatoria do ano 2016. A partir destes datos provinciais, “máis que aceptables” en palabras do secretario xeral provincial, David Regades, hoxe comezou “un proceso de profunda reflexión” sobre as razóns que explican o resultado global en Galicia.
David Regades destacou que o sucedido nestes comicios autonómicos é unha clara invitación á autocrítica dun partido que “cometeu erros” e que debe analizar as razóns polas que os números de Pontevedra son tan distintos aos das outras provincias. “Feijoo non sería presidente se os resultados da provincia de Pontevedra se tiveran dado no conxunto de Galicia”, recalcou. Aínda así, engadiu, tralo escrutinio “ao PP fáltanlle dous deputados na provincia de Pontevedra, dous deputados que lle seguirán faltando o próximo luns”.
O secretario xeral provincial transmitiu o seu agradecemento a tódalas mulleres e homes do partido na provincia “que deron un paso adiante e achegaron o seu esforzo”. Fixo tamén un recoñecemento a Paula Fernández, coordinadora de campaña e a todo o seu equipo. “Volvemos gastar moitas zapatillas e celebramos máis de 80 actos por toda a provincia, actos abertos nos que tivemos moi boa asistencia e nos que vimos como a xente que pasaba pola rúa paraba a escoitarnos”.
Regades subliñou que o PSdeG está “máis forte que nunca na provincia de Pontevedra” e por iso “cumpriu obxectivos” achegando o 40% dos deputados que o PSdeG-PSOE terá no novo Parlamento e un 41,3 % dos votos socialistas totais. “E non foi só o resultado de Vigo, porque no resto da provincia tamén avanzamos e foron unha rara excepción aqueles concellos onde empeoramos”. Os datos indican que o socialismo avanzou en 53 dos 61 concellos pontevedreses. Mención especial tivo para a Illa de Arousa e Fornelos de Montes, onde o socialismo foi primeira forza.
Ao respecto do conxunto de Galicia, Regades lembrou que o Partido Socialista concorría a esta cita electoral co impulso que supón dirixir tres das catro deputacións, gobernar en 5 das sete grandes cidades e ostentar 111 alcaldías, ademais das presidencias das federacións española e galega de Municipios e Provincias (a FEMP e a FEGAMP), un poder institucional que, en circunstancias normais, unha organización madura e forte, como a socialista, debe ser quen de trasladar ás Eleccións Autonómicas. “Toca unha reflexión profunda porque temos vocación de ser primeira forza e de gobernar e estivemos moi lonxe”. “Só cun PSdeG-PSOE determinante, Galicia terá unha alternativa real ao PP, é necesario que recuperemos canto antes a confianza da cidadanía”. Ao seu xuízo o “modelo de éxito” é o da provincia de Pontevedra “porque en Pontevedra gañamos dentro e tamén gañamos fóra; temos a confianza da militancia e tamén, elección tras elección, a das/os votantes”.
O secretario xeral provincial anunciou que a provincia de Pontevedra xa comezou ese proceso de “profunda reflexión” e por elo vai convocar un Comité Provincial extraordinario e diferente para o próximo mércores, día 22. A intención é que poida asistir a totalidade da militancia e que quen queira poda falar para transmitir a súa opinión. “É o momento de escoitar moito”, subliñou, “e o Comité Provincial, o máximo órgano entre congresos, é un bo lugar”.
O camiño para os próximos meses pasa por “construír un proxecto transversal no que non sobre ninguén e lograr a máxima unión, unha reflexión que temos que facer entre todos e entre todas e todos”. “Toca recompoñernos e penso que na provincia de Pontevedra temos moito que dicir”. “Nesta provincia a nosa forza é a forza da militancia, pero non nos conformamos coa forza orgánica; sempre aspiramos á forza institucional porque somos un partido para cambiar a sociedade, un partido para gobernar”.
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que reporta unha situación bastante tranquila do mildio nas viñas, debido ás condicións ambientais maioritarias destes días, con tempo estable, solleiro e ventos moderados. Non obstante, ante a probabilidade de mudanza das condicións meteorolóxicas, o centro recomenda continuar vixiando as viñas e non descoidar as prácticas culturais que permitan alixeirar a vexetación e favorecer a aireación.
En canto ó oídio, Areeiro avisa que as condicións destes días están a ser relativamente favorables á enfermidade. Ademais, as previsións coinciden en que o aumento da humidade relativa do aire estará acompañada por un leve descenso térmico, o que xerará un maior risco. Por isto, Areeiro recomenda manter a vixilancia, en especial das viñas que xa teñan presenza do fungo. Nas viñas tamén se comezaron a observar ataques de trips de forma moi espallada, polo que se debe manter a alerta con respecto a estes insectos.
Ademais, sobre os cicadelidos o centro de Areeiro observou resultados que distan do limiar de intervención. En relación aos ácaros, esta semana o centro observou un maior número de viñas con síntomas de erinose de verán. No que respecta ás avelaíñas do acio, aínda que polo momento o risco é baixo, na estación observaron algúns ovos esporadicamente, polo que lembran que a realización de intervencións fronte a esta praga debe realizarse razoadamente para evitar a eliminación dos inimigos naturais desta e doutras pragas.
Ovos, ninfas e adultos de Trioza
No que respecta aos cítricos, Areeiro sinala que se observou a presenza de Psila africana en todas as comarcas con poboacións bastante elevadas nas diferentes formas de desenvolvemento. A recomendación habitual de retirar estes órganos e a instalación de trampas segue a ser válida, pero hai que lembrar que no caso de árbores grandes pode ser conveniente tamén intervir cun insecticida autorizado para o control dos psílidos. Sobre as maceiras, o centro da Deputación avisa que antes de decidir realizar un tratamento fronte ó pulgón laníxero debe comprobarse a aparición de formas parasitadas, xa que a temperatura destes días beneficia ó parasitoide Aphelinus mali.
Por último, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro informa do incremento da presenza e do tamaño das eirugas de Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) nas plantas dos buxos. No que atinxe ó black-rot e á botrite o centro explica que a incidencia dos síntomas se mantivo estable durante o transcurso da semana, se ben no caso do segundo o tempo solleiro e os ventos poderían favorecer ó patóxeno.
O Concello de Ponteareas presenta a programación cultural para os meses de verán e retoma a normalidade da oferta de lecer cunha proposta estable, ampla e para tódolos públicos. Como viña sendo habitual nos últimos cinco anos a cidadanía poderá desfrutar de novo dunha variada oferta cultural sen saír da súa vila.
A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, e a concellería de Eventos, que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández, presentaron xunto ao alcalde Xosé Represas, as diferentes actividades que teñen como finalidade recuperar a actividade cultural e festiva na rúa, ao tempo que se garantizan as medidas de seguridade sanitarias frente ao Covid-19.
A recuperación das actividades permitirá volver a vivir espectáculos de rúa que se desenvolerán en diferentes espazos do núcleo urbano e tamén das parroquias. “Repensamos a programación prevista e adaptamos á realidade actual moitas das actividades que xa se celebraban outros anos como a Feira do Libro ou o Festival Internacionl de Teatro de Rúa e o Festival Groba, entre outros”, manifestou a concelleira de eventos, Cristina Fernández.
Todos os eventos realizaranse con cadeiras onde o público permanecerá sentado e gardando a distancia de seguridade esixida en cada momento, ao tempo que se evitan as aglomeracións no entorno.
O alcalde, Xosé Represas indicou que “a actividade cultural e festiva tamén axuda a ter un retorno positivo no comercio e hostalería local, ciontribúe a creación de emprego e riqueza, ao tempo que se apoia aos creadores culturais”
A programación de verán mantén os eventos máis salientables da vila e incorpora novidades como as “Noites ao vivo” con espectáculos para tódolos públicos ao aire libre.
Fernando Groba e Cristina Fernández explican que a oferta cultural de verán, iniciada xa o pasado día 9 coa Feira do Libro suma, ata finais de agosto, máis de 40 actividades, na liña dos últimos veráns cunha oferta ampla e variada na que tódolos grupos de idade poidan atopar eventos do seu agrado combinándoas con actividades que poñan en valor a nosa cultura e o noso patrimonio artístico.
O Rock in Río visitará en agosto as rúas de Ponteareas e a praza Bugallal acollerá as clases de pintura. Na Feira Vella haberá xogos tradicionais, o Festival de Circo ofrecido en colaboración con AGADIC e cine, entre outros. Ademais, manteranse as actividades de “Coñece Ponteareas” e as de “Cultura 24” que garanten programación estable en todas as parroquias así como a celebración do Día da Infancia con actividades divertidas o día 9 de agosto.
O goberno de Pontearas solicita a colaboración do público no cumprimento da normativa, usando sempre máscaras, xeles desinfectantes e mantendo as distancias de seguridade. Nos distintos eventos regularanse as entradas e saídas dos mesmos para que se produzan de xeito organizado, motivo polo que recomendan que se asista aos actos co tempo suficiente para entrar.
A alcaldesa Digna Rivas recibiu onte na Casa do Concello de Redondela novos auxiliares de Policía Local así como aos axentes que estaban en prácticas e que, unha vez rematadas estas incorpóranse ao seu posto.
Rivas subliñou o “importante esforzo económico” que estas contratacións supoñen e que amosan claramente “a aposta deste Goberno pola seguridade dos veciños e veciñas e dos seus bens”.
Amais dos cinco auxiliares, o pasado día 11 reincorporábanse 6 axentes que estaban realizando as súas prácticas e que permanecerán en activo ata o 30 de agosto, momento en que voltarán a Academia Galega de Seguridade Pública para completar a súa formación e reincorporarse definitivamente ao cadro de persoal da Policía Local de Redondela o día 30 de novembro.
A incorporación destes efectivos supón, segundo o Goberno local, “un reforzo á hora de controlar o cumprimento das medidas de seguridade da COVID-19” e, nese sentido, a alcaldesa de Redondela fixo un chamamento á Xunta “á hora de ser solidaria cos concellos e subvencionar as contratacións en materia de seguridade como medio de loitar contra a pandemia que nos afecta”.
Durante o confinamento e o estado de alarma, lembrou Rivas, “os concellos fixemos esforzos extraordinarios para protexer e dar servizo aos nosos veciños e veciñas, algúns deles competencia da Xunta, polo que non estaría demais que esta amosase o seu agradecemento axudando ás administracións locais”.
O Concello da Guarda, a través da Concellería de Deportes que dirixe Montserrat Magallanes, quere facer un recoñecemento público ao Clube de Xadréz Albatros por ter acadado un importante logro deportivo como é o ter logrado o ascenso á Primeira división autonómica.
O Xadrez Albatros ten a súa orixe hai case vinte e cinco anos nunha cafetería que lle deu nome, nun autobús que lle deu forma e dunhas persoas inquietas por este deporte. A cafetería é o Albatros, o autobús e o que sae tódolos días da Guarda cara Citroën e os xogadores, uns amigos entorno un café.
Posteriormente, estes veciños da vila decidiron formar un club de xadrez. Tiñan ideas, tiñan desexos, pero o que máis lles sobraba era ilusión e ter a sorte de aparecer un xogador que emigrou dende Rusia ata Galicia por motivos laborais. Iso foi o espoldrarao definitivo ó proxecto. Dita persoa aportou uns coñecementos que descoñecían os seus fundadores. Coñecementos que hoxe quedarían obsoletos e de nivel incipiente, pero deu certa credibilidade a idea e permitiu o desenvolvemento do proxecto coa aprobación duns estatutos, creación dunha xunta directiva e a incorporación e alta nos organismos competentes. Acababa de nacer a Asociación Cultural e Deportiva Albatros de mans do seu presidente Vladimir Stoujinski (ano 1995).
No ano 2000 créase a Escola de Xadrez Albatros, despois de varios intentos previos que non acadaron continuidade no tempo. Comeza o ensino do xadrez a partir dun pequeno grupo de rapaces onde se promove o aprendizaxe do xogo e a participación en Torneos infantís. Torneos que foron o embrión de todo o que hoxe acontece. Constituísen uns equipos federados que participarán na Liga de Clubs Galegos na Terceira División Rexional, e Cuarta División. Tamén debemos subliñar que a Escola de Xadrez Albatros tivo a súa evolución; Novos profesores aportaron estudos e estratexias na concepción de aperturas e unha mellora substancial neste deporte.
Hoxe, estes “nenos” teñen preto de vinte e cinco anos, xogaban en segunda división que tras tocar cos dedos varias veces esa categoría terminaban fracasando na derradeira xornada, agora con certa “facilidade” ascenderon á primeira División autonómica. Un éxito sen dúbida máis que salientable. Nestes intres, rapaces que “naceron” no club, son os responsables de ditas clases que xestionan baixo a súa responsabilidade trala supervisión da xunta directiva.
Tódolos responsables do fito histórico de ascender á Primeira División Autonómica ó club Albatros son os mesmos nenos que comezaron a xogar ó xadrez a principios do novo século, iso hai que salientar porque son da vila, non fichaxes exteriores.
Ter un equipo en primeira división autonómica para una poboación coma a da Guarda debe ser motivo de envexa e orgullo porque non moitas vila poden dicilo, e se enriba todos os xogadores son antigos alumnos do Club, formados polo Albatros, e por extensión da Guarda, soamente se pode dicir : GRACIAS !!!
Hoxe este club ten máis de corenta nenos en clase, máis de sesenta fichas federativas, e desenvolve cinco torneos anuais no contorno do Baixomiño cunha gran participación.
XOGADORES QUE FIXERON ISTO POSIBLE: Javier Castillo, Sergio lomba, Germán Vilaplana, Daniel Lomba e Antonio Castro.
“O 2020 vai ser un ano de música e o 2021 un ano de máis música”. Deste xeito describiu hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a “reinvención” dos festivais das Rías Baixas en tempos da Covid. Silva referendou durante a presentación oficial da nova edición dos Rías Baixas Fest o “absoluto respaldo da institución á esta industria cultural, turística e estratéxica da provincia” e agradeceu aos promotores e promotoras destes eventos que fosen quen de abrir novos formatos e propostas para manter a súa continuidade neste ano, cara á recuperación total dos seus contidos e o seu “rexurdir” no vindeiro 2021.
“Estou emocionada despois de que todos decidiran non renderse ante unha situación tan complexa derivada dunha pandemia, con todo o que isto significa para a industria musical en Galicia e na nosa provincia -sinalou a presidenta provincial no acto que se celebrou baixo o icónico magnolio dos xardíns do Pazo Provincial-. Sabiamos que eramos un pobo guerreiro, pero trala Covid non hai dúbida de que non hai nada que poida con nós, que poida cos nosos soños, coas nosas ideas e o noso desexo de non parar de crear. Vivimos nunha provincia onde a nosa cultura, o noso patrimonio e a nosa gastronomía é unha forma de estar no mundo que todos estes festivais representan como moi poucas cousas”.
Deste xeito, este ano PortAmérica (Caldas), Revenidas (Vilaxoán, que este ano se chama Revenidas en Conserva), Atlantic Fest (Vilagarcía), SonRías Baixas (Bueu), Sinsal (Redondela) e Vive Nigrán apostarán por novas actividades, entre as que figuran iniciativas turísticas, promocións, concertos en liña ou de pequeno formato que, como destacou a presidenta, irán anunciando nos vindeiros días, cara a poder recuperar para o ano que vén a esencia dos festivais. “O público atoparase con festivais renovados, feitos con máis ilusión que nunca e que neste ano se teñen reinventado coas novas tecnoloxías -apuntou-, que nos permiten seguir facendo concertos e contactando coa cidadanía”. “Vai ser un ano particular, pero con moitísimas iniciativas, cada unha cun lema para identificar o que vai acontecer”.
Consciente da súa importancia para a supervivencia do sector cultural trala crise da pandemia e tamén da repercusión económica que estes festivais teñen para a provincia, a Deputación decidiu este ano manter a consignación xa prevista para estes eventos e garantir a do 2021, cun investimento total de 450.000 euros (225.000 por cada anualidade). “Temos unha industria musical moi potente e estes festivais son unha referencia que amais xera actividade económico e moito emprego e non podiamos deixar de apoiala; non facemos outra cousa que o que temos que facer como administración”, indicou Carmela Silva, que resaltou tamén a forte ligazón de cada un destes eventos co territorio no que se celebra, “e coa súa paisaxe, a súa gastronomía, co seu comercio de proximidade, as nosas produtoras e produtores e produtoras e co turismo sostible”. “Son festivais -engadiu- que amais da música son igualdade, son aposta polo territorio, pola diversidade, unha aposta polo medio ambiente e respecto a todas as persoas, algo que os identifica”.
Tanto a presidenta da Deputación como as e os responsables dos festivais amosaron tamén o seu agradecemento ao público, “moi fidelizado” e que en gran número segue a manter as súas entradas para o ano que vén. No transcurso do acto, ao que asistiron tamén representantes dos distintos concellos, proxectouse o vídeo da nova campaña turística da institución, “Ven”, “para que a xente siga a vir”, así como un audiovisual que recolleu imaxes da anterior edición dos festivais. Baixo o enorme magnolio dos xardíns do Pazo, “que é o símbolo da terra e fortaleza da nosa terra e dun pobo que ten unhas raíces profundas”, Carmela Silva garantiu o éxito desta nova etapa e remarcou que “este proxecto dos Rías Baixas Fest é un proxecto de todos e todas -agregou- , unha suma de vontades pola que temos que apostar os concellos, as industrias e a administración provincial. Imos saír desta e imos saír moi fortes”.
Pola súa banda, Susana Laya, responsable do Atlantic Fest, lembrou que “o sector cultural enfrontouse a diversas crises e amosou que é loitador. Esta crise é diferente porque non coñecemos o inimigo e está sendo especialmente dura connosco” pero, asegurou, “a nosa vocación é a música e especialmente a música en directo, por iso seguimos apostando de forma firme e nos adaptamos para adaptamos con accións culturais que garanten a seguridade de todas as persoas implicadas”. A reinvención dos #RíasBaixasFest pasa por “reducir os formatos en horas e capacidade e por protocolos adaptados á nova normalidade”. Laya sinalou a importancia da “continuidade de todos os festivais, non só dalgúns, porque formamos parte cun tecido que sustenta en gran parte a cultura e do que viven moitas familias”. Ademais, os festivais, asegurou, son “conscientes da nosa responsabilidade en cuestións sanitarias: estamos traballando para que en 2021 teñamos os mellores festivais posibles, que se xa eran bos agora coa ilusión que temos serán incribles”. Esta adaptación e supervivencia dos festivais é posible “grazas ao apoio da Deputación e dos concellos neste momento tan crítico: permitiunos desenvolver a nosa actividade este verán e manternos vivas e vivos para volver con máis forza”, asegurou Laya, que tamén resaltou que o apoio da Deputación é de longo percorrido, xa que “levamos anos traballando nunha marca, os #RíasBaixasFest, baixo a que compartimos o obxectivo de ser eventos de calidade que representan con fidelidade o territorio onde se desenvolven”.
Pola súa banda, o representante de SonRías Baixas, Jordi Lauren, asegurou que “xa superamos moitos retos e xeramos moitas ilusións, pero os retos son diarios e iso fai que aínda non saibamos como nos enfrontaremos á nosa nova normalidade. Estando no mesmo barco, ímolo conseguir”. Lauren lembrou que “os festivais de música con ecosistemas complexos de manexar e de facer subsistir”, e a única maneira de logralo, sinalou, é “convivindo catro factores: territorio, administracións públicas, patrocinios privados e público”. Respecto a este último, Lauren asegurou que “sabemos que confían en nós, porque nos apoiaron desde o principio, e sen el non poderiamos aguantar”. En canto ás perspectivas de futuro, “agardamos que sexa unha paréntese o máis pequena posible, pero aínda que dure máis do desexado seremos quen de construír algo semellante e de superalo. Guerreiro, galego, territorio e emoción, son palabras que nos definen porque cando nos empeñamos en algo podémolo conseguir”.
Co obxectivo de ofrecer á mocidade a oportunidade de gozar, aprender e mellorar a vinculación coa súa contorna, a concellería de Voluntariado, que dirixe Miguel Bouzó, puxo en marcha unha nova edición do programa de voluntariado ambiental xuvenil.
Esta edición ofrece formación en espazos abertos e amplos no medio natural, incorporando as aprendizaxes teóricas nunha formación práctica que garanta a actividade das participantes. Neste sentido, o programa engloba formacións sobre a Rede Natura 2000 no río Tea e a biodiversidade da contorna, identificación da flora e da fauna, a problemática das especies exóticas invasoras, as especies protexidas ou o uso público nos espazos naturais.
Entre as actividades formativas, realizaranse diferentes saídas para realizar unha mostraxe da flora e da fauna, identificándoa mediante rastros e pegadas, para a posterior realización dun inventario florístico e faunístico da nosa contorna. Ademais, levaranse a cabo actividades como a limpeza de lixo en montes e ríos, ou novidosas accións como a limpeza do Tea dende kayak. Estas actividades serán abertas ao público con prazas limitadas.
O concelleiro de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, sinalou que “o programa lévase a cabo por persoal con formación e titulacións relacionadas coa educación ambiental, e supervisadas por un Licenciado en Bioloxía, logrando así o máximo rigor na aprendizaxe das participantes”. Así mesmo, as actividades realizaranse seguindo os protocolos e as medidas de seguridade establecidas ante a Covid-19.
O alcalde Horacio Gil, asinaba no día de onte, a proposta para o pleno de declarar aos veciños e veciñas de Arbo, a condecoración de Arbense Distinguido 2020 ao “Pobo de Arbo” por ser capaces entre todos de superar xuntos a crise sanitaria que afectou a Galicia, a España e a toda a humanidade en agradecemento e recoñecemento a súa exemplar actitude e comportamente nesta situación de excepción provocada pola pandemia do coronavirud e o Estado de Alarma.
Dende o primeiro momento da declaración desta pandemia, o goberno municipal de Arbo, puxo todos os seus esforzos e recursos humanos e económicos en tratar de salvagardar a seguridade e a saúde da veciñanza, sobre todo dos colectivos máis vulnerables, e amortecer o impacto económico provocado polo confinamento e a consecuente inactividade laboral.
“Apostamos por unha xestión da crise sanitaria baseada na colaboración de todos os servizos dos que dispomos, colaborando coas forzas e corpos de seguridade, co exército e co persoal sanitario na procura de superar esta situación” afirma o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
Dende o o goberno municipal, sempre se foi conscientes do esforzo que supuña para todos e todas o mantemento das duras medidas que condicionaron de maneira extraordinaria o noso día a día, polo que dende o Concello queren agradecer a todos os que durante estes difíciles momentos ofreceron a súa axuda, aos voluntarios, ás adegas, que puxeron a disposición do Concello os seus traballadores e a maquinaria precisa para poder desinfectar e limpar as rúas, as prazas, os parques…; aos costureiros e costureiras que participaron no programa “Tecendo Solidariedade en Arbo” que teceron máscaras reutilizables que se repartiron entre todos os arbenses; ao persoal dos supermercados e tendas de alimentación, das farmacias, dos quioscos, aos panadeiros, aos carniceiros, aos transportistas, aos taxistas, ao persoal das oficinas bancarias, aos agricultores, a toda a corporación municipal, ao persoal municipal dos diferentes servizos, aos servizos sociais e do SAD que desenvolveron as tarefas necesarias para que os colectivos máis vulnerables e as persoas maiores do noso concello dispuxeran das mellores condicións e non saíran das súas vivendas, facendo que para eles este confinamento fora o máis tranquilo e o máis levadeiro posible, ao persoal sanitario, a Garda Civil, aos veciños e veciñas de Arbo que permaneceron nas suas vivendas cumprindo as recomendacións sanitarias, os máis cativos polo seu esforzo e comprensión, e tamén a todos aqueles traballadores e traballadoras de todos os sectores que conseguiron que co seu esforzo, responsabilidade e espírito de sacrificio, que esta crise sanitaria fora máis soportable para todos.
Como alcalde, considero que desta nefasta epidemia de coronavirus poden extraerse moitas leccións e me gustaría destacar e por en valor o exercicio de responsabilidade e solidariedade dos veciños e veciñas de Arbo, que mesmo foi difícil de xestionar, un compromiso orientado cara á axuda desinteresada, arriscando moitas veces a súa propia saúde para poñerse a disposición das necesidades dos seus con veciños – manifesta o rexedor, que remata dicindo que “por todo isto, pola situación vivida, polo traballo realizado, pola responsabilidade á hora de acatar as normas e as restricións, pola dedicación, polo cariño mostrado, polo esforzo e valentía mostrado durante a pandemia o “Pobo de Arbo” merece o recoñecemento de “Arbense Distinguido” por ser capaces entre todos de superar xuntos a crise sanitaria que afectou a Galicia, a España e a toda a humanidade en agradecemento e recoñecemento o exemplar comportamento e actitude que tiveron durante toda esta situación de excepción provocada pola pandemia do COVID-19”.
A declaración de Arbense Distinguido é o maximo recoñecemento que outorga a Vila de Arbo, Horacio Gil, quere render homenaxe a todo o esforzo que realizaron os arbenses tanto os que traballaron polas circunstancias profesionais, aos que estiveron en primeira linea para desenrrolar traballos de primeira necesidade, como os que se quedaron na casa, aos voluntarios e voluntarias…. un esforzo desmostrado durante todas as semanas de cofinamento, donde se demostrou estar a altura das dificiles circunstancias, unha Vila unida, forte e comprometida, iso demostrarono todos os arbenses.
No pleno que se realizará na vindeiras semanas, procederase á felicitación e recoñecemento polo plenario aos veciños e veciñas de Arbo por ser capaces entre todos de superar xuntos a crise sanitaria que afectou a Galicia, a España e a toda humanidade.
O goberno do Concello de Arbo procedera en virtude de dito recoñecemento a facer un acto público o vindeiro día 8 de Agosto, durante a Gala da Lamprea, para todos os veciños e veciñas de Arbo, donde ademais se colocara unha placa en recoñecemento da súa actitude e bo facer durante esta situación de crise sanitaria, que aínda a día de hoxe seguen mantendo.
Mos dispon xa durante o verán dun dispositivo local de loita contra incendios formado por 12 persoas. As contratacións do persoal foron posibles grazas ao convenio asinado coa Consellería de Medio Rural e estará formado por 4 operarios integrantes dunha brigada forestal, un xefe de operativo e 7 condutores para os vehículos motobomba.
O servizo estará operativo ata o mes de outubro para realizar funcións de prevención e defensa forestal, reforzando o xa existente Servizo Municipal de Urxencias e contando en todo momento coa colaboración dos integrantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos.
O concelleiro de Medio Ambiente e Urxencias, Leo Costas, destacou a importancia deste dispositivo de loita contra incendios que cualificou de “vital”, aínda que tamén incidió en que é preciso “concienciar á cidadanía para reducir desde o primeiro momento o risco dun lume, xa que o monte é patrimonio de todos”. Neste sentido insistiu en potenciar a prevención, a vixilancia e disuasión para que os montes mosenses non sexan vítimas dos incendios forestales nun verán que se prevé moi seco.
Desde o Concello insisten en transmitirlle á cidadanía a importancia que ten que se manteñan os montes e as leiras limpas de maleza e de especies de árbores prohibidas en devanditas zonas.
O Goberno de Baiona que preside Carlos Gómez, leva ao Pleno deste vindeiro venres a aprobación definitiva da ordenanza reguladora do aparcadoiro do Aral, un documento que, entre outras novidades, inclúe unha rebaixa das taxas para os seus aboados e aboadas nun 40 %.
Con esta medida, sinala o alcalde de Baiona, búscase “favorecer a mobilidade dos veciños e veciñas que non dispoñan de garaxe nas súas vivendas e que poidan, desta forma, dispoñer dun estacionamento amplo e moderno a un prezo moi razoable”.
Doutra banda, e dentro do proxecto de modernización do paking que desenvolverá o Concello de Baiona, unha vez que remate o período estival abrirase o proceso de licitación para a renovación da maquinaria, de cara a optimizar o seu funcionamento. Un proxecto que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.
Finalmente e de cara a facilitar a utilización deste aparcadoiro nestas datas de verán, dende o venres 18 de xullo, o parking do Aral abrirá as súas portas durante as 24 horas, o que engade maiores vantaxes para as e os usuarios á hora de usar este servizo.
Tanto a ordenanza reguladora do aparcadoiro do Aral, como os diferentes traballos de mellora das instalacións, forman parte das medidas que o Concello de Baiona desenvolve “en todos aqueles eidos que afecten directamente ao día a día da veciñanza e que poidan contribuír a mellorar a súa calidade de vida”.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, asistiu na tarde de onte á demostración práctica do sistema de control aforo de praias e espazos abertos ‘Intelligent Watchful Vision’ que o Concello de Baiona utilizará como medida de prevención e protección fronte á COVID-19.
O sistema, desenvolvido pola empresa DGH, ingeniería y mantenimiento industrial, situada en Porto do Molle, combina a versatilidade dos drons para a gravación de imaxes en grandes superficies xunto á potencia e a fiabilidade da intelixencia artificial no conteo de persoas”. É, sinalaron, “un software de análise intelixente que consegue un reconto moi preciso en tempo real”.
O alcalde de Baiona subliñou a importancia de que o sistema teña sido creado por unha empresa “que apostou por establecerse no Val Miñor e nun polígono industrial que está a ser un referente en empresas de I+D+i ”.
Carlos Gómez adiantou que agora, persoal muncipal “realizará un curso de aprendizaxe para a utilización do sistema” e subliñou a importancia que terá, unha vez posto en marcha, “para o control de aforo de persoas nun municipio que, como Baiona, conta con numerosos eventos considerados como de ‘participación masiva’ como as Festas da Anunciada ou A Arribada”.
Do mesmo xeito, engadiu o rexedor local baionés, “o sistema permitirá controlar o aforo de espazos, como as praias, nos que ata o momento era pouco máis que imposible facelo ou, cando menos, facelo cun sistema rápido e con garantías”.
Baiona demostra unha vez máis, rematou Gómez, “que mantén unha forte aposta pola modernización do municipio en todos os sentidos e por garantir a seguridade e saúde tanto dos nosos veciños e veciñas como das persoas que nos visitan”. Nese sentido, Carlos Gómez recalcou que “á excelencia turística que xa ofrecemos, temos que engadir a seguridade que faga que, todos e todas as que nos visitan, poidan facelo con toda clase de garantías”.
Máis sobre DGH
A empresa DGH leva máis de 40 anos deseñando e executando proxectos e servizos integrais en contornas industriais cunha ampla cobertura nacional e internacional. Comezou a súa andaina nun dos sectores máis complexos e esixentes como é a automoción para, máis tarde, ampliar o seu abano de traballo a sectores como a alimentación, aeronáutica, construción e novas tecnologías.
Na actualidade conta cun cadro de persoal de máis de 500 persoas e, ademais das súas centrais de Valladolid e Portugal, conta con delegacións en varios puntos de España, entre eles dúas naves industriais no Polígono de Porto do Molle que dan emprego a máis de 50 persoas.
O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández cruza o río Miño da man da Eurocidade Cerveira-Tomiño, por segunda vez.
Este certame, que chega á súa oitava edición, celebrarase o domingo 16 de agosto de 2020, cunha novidade moi importante: ábrese a participación a menores de 18 anos, con dúas novas categorías: xuvenil (de 13 a 17 anos) e infantil (de 6 a 12 anos).
Un ano máis, o tema do certame será calquera paisaxe do percorrido establecido no plano que cada participante deberá descargar ao realizar a súa inscrición en https://eurocidadecerveiratomino.eu/actividades. O procedemento e a técnica de pintura serán libres. A obra deberá realizarse in situ, ao aire libre, e do natural (non se permite a utilización de fotografías).
A inscrición será gratuíta e farase ata o 12 de agosto (inclusive), a través dos formularios habilitados na web e por rigorosa orde de inscrición. Debido as actuais circunstancias derivadas da COVID-19 a inscrición este ano só poderá facerse de maneira online. Non se permitirán as inscricións presenciais o día do certame.
Outra novidade é que por primeira vez haberá limitación de prazas, dispoñéndose dun centenar de lugares, repartidos da seguinte maneira: 25 prazas modalidade infantil (6 a 12 anos); 25 prazas modalidade xuvenil (13 a 17 anos), e 50 prazas categoría adulta (a partir de 18 anos).
As persoas inscritas deberán presentarse o día do certame entre as 9:30 e 11:30 horas (8:30 e 10:30h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández na praza Pintor Antonio Fernández de Goián – Tomiño, co obxecto de que a organización sele e numere o soporte. Os participantes deberán manter en todo momento a distancia de seguridade e cumprir coas normas sanitarias establecidas para a prevención da COVID19.
Todas as persoas participantes poderán crear as súas obras nos espazos situados na contorna da parroquia de Goián (Tomiño) e Cerveira (Portugal).
O xurado, composto por personalidades vinculadas co mundo das artes e por membros das entidades patrocinadoras dos premios, emitirá o fallo ás 18:30 horas (17:30hPT).
Premios
Establécense os seguintes premios:
Categoría adultos:
1º Premio: 1.500 euros.
2º Premio: 500 euros.
3ª Premio: 500 euros.
Categoría infantil:
1º Premio: Diploma e bono por valor de 50€ para gastar na Bienal de Cerveira.
2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 25€
Categoría xuvenil:
1º Premio: Diploma e bono por valor de 100€ para gastar na Bienal de Cerveira.
2º Premio: Diploma e material de debuxo e pintura por valor de 50€
Na categoría adultos o 1º premio será con cargo ao orzamento do Concello de Tomiño, o 2º Premio correrá a cargo da Comunidade de Montes de Goián, e o 3º, a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira. Nas categorías infantil e xuvenil os primeiros premios correrán a cargo da Fundação Bienal de Arte de Cerveira e os segundos do Concello de Tomiño.
As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade:
A concelleira de Eurocidade, Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, explica que este certame forma parte das actividades desenvolvidas pola Eurocidade ao abeiro da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presidiu hoxe a xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega na que se avaliaron os resultados electorais do pasado domingo e na que se acordou unha folla de ruta para “abrir o partido á sociedade” e “rexenerar o proxecto e as ideas” no camiño de reconectar coa maioría progresista.
“Estamos reflexionando sobre como revitalizar o partido e sobre como abrir as portas da organización con maior intensidade”, explicou o líder dos socialistas galegos en declaracións aos medios durante o transcurso da reunión, ao tempo que avanzou “unha oposición leal e crítica” ao PP de Feijóo unha vez arranque a lexislatura.
Despois de sinalar que cumprirá coa súa responsabilidade á fronte do PSdeG e no Parlamento de Galicia, Gonzalo Caballero indicou que abordará en primeira persoa “os retos de futuro” coa militancia a través dunha rolda de visitas ás agrupacións.
Do mesmo xeito, avanzou unha potenciación do laboratorio de ideas do PSdeG para “coller ideas” e establecer un maior vencello co tecido social e “conectar coa realidade do país do mellor xeito”. “Temos que traballar a carón dos galegos e das galegas, abertos á cidadanía”, engadiu o máximo dirixente do PSdeG.
A maiores, Gonzalo Caballero afondou en que “temos que trasladar o noso perfil galeguista con maior nitidez e claridade” para amosar o noso “compromiso con Galicia” e “conectar co electorado moderado”. “O avance que conseguimos o domingo non o foi na medida que queríamos, e hai que seguir traballando”, remachou.
Ao respecto, o secretario xeral do PSdeG sinalou que esa é a liña de acción acordada pola Comisión Executiva Nacional Galega para “dar forza ao partido en momentos de dificultade”.
O Concello de Nigrán reabríu esta semana o seu centro de Panxón para ofrecer presencialmente o seu servizo municipal de atención a persoas con alzhéimer ou outras demencias adaptándoo a todas as circunstancias sanitarias e reforzandoo para tratar de recuperar as patoloxías asociadas ao confinamento. Desde marzo a atención era telefónica ou diretamente nos domicilios. Así, o centro, ubicado no recinto do CEE de Panxón, aumenta de dúas a tres as súas sesións semanais (martes, mércores e venres) e non pechará en agosto por vacacións, como ven sendo habitual. Este foi dotado con 20.000 € anuais no recén aprobado orzamento, un 33% por cento máis do que tiña consignado (15.000 €).
“Desde que se decretou o estado de alarma en marzo o centro permanecía pechado aínda que ofrecían atención telefónica ou domiciliaria, pero os 12 usuarios e os seus familiares non se beneficiaban das vantaxes do propio centro desde hai case 5 meses, asi que consideramos prioritario abrilo en canto a Xunta o autorizou. É moi importante que os pacientes retomen canto antes a terapia, xa que ademais poden se poden tratar síntomas asociados ao confinamento, paralelamente, as familias precisan o servizo para poder conciliar”, indica o alcalde, Juan González, quen incide no aumento orzamentario realizado neste ano.
Así, as instalacións tiveron que ser acondicionadas para poder retomar a actividade grupal, xa que ademais se trata de persoas de alto risco ao superar todos os 70 anos. Deste xeito, separáronse as mesas mediante metacrilatos gardando as distancias de seguridade e na entrada ubicouse un dispensador de xel hidroalcólico, paralelamente, os terapeutas lles toman e anotan a temperatura a súa chegada, ademais de empregar máscaras ata estar ubicados nos seus postos (os traballadores a levan en todo momento).
O Concello de Nigrán iniciou este programa xestionado por Afaga no ano 2016, sendo un referente público na atención das persoas con demencias, xa que se trata dun servizo 100% municipal. O Centro foi dotado polo Concello con novas tecnoloxías e equipamentos tecnolóxicos para o seu uso terapéutico, como unha sala snoezelen ou sala de estimulación e software Gradior de rehabilitación neuropsicolóxica na que o Concello investiu 17.155 €.
O Concello da Guarda informa dos prazos para a consulta pública na que se solicitará a opinión dos suxeitos e as organizacións mais representativas afectados pola futura norma, con carácter previo á aprobación do Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións do Concello da Guarda.
A consulta pública estará aberta dende o día 20 de xullo de 2020 ata o día 31 de xullo de 2020, os eventuais interesados poderán participar remitindo as súas contribucións na sede electrónica do concello: https://aguarda.sedelectronica.gal/
Se trata de establecer o marco xurídico regulador do Rexistro Municipal de Asociacións, como instrumento que permita recoller documentalmente a realidade do tecido asociativo e de participación colectiva, dentro do marco territorial do Concello da Guarda, para coñecer a situación real das asociacións existentes, definir as liñas que impulsen a consolidación dun tecido social organizado e moderno que busque vías e se axuste mellor aos intereses dos cidadáns de hoxe, para participar e actuar nos asuntos que lles preocupan.
Para a creación do Rexistro Municipal de Asociacións no Concello da Guarda fai necesaria a aprobación dun regulamento que estableza o seu contido, finalidades, dereitos e obrigas das asociacións que soliciten a súa inscrición, así como fixar o seu obxecto, que será permitirlle ao Concello da Guarda coñecer o número de entidades existentes no municipio, os seus fins, representatividade e incidencia, para os efectos de posibilitar unha política municipal adecuada que contribúa a fortalecer o tecido asociativo do noso Concello.
Respecto da súa oportunidade, a ausencia dunha regulación municipal sobre a materia fai recomendable o inicio da tramitación do procedemento de aprobación do regulamento, para regularizar a situación obxecto do mesmo e que se poida cumprir a finalidade do Rexistro Municipal de Asociacións.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, e o Presidente da Comunidade de Montes de Parderrubias, Jose Estévez, veñen de asinar o acordo de cesión de 13.100 m2 de terreo comunal na zona do Penedo Redondo que lle permitirá ao Concello a construción dun novo campo de fútbol 8 así como dunha área de adestramento de porteiros/as, para dar cabida deste xeito ás case 400 persoas que se prevé que fagan uso das instalacións a vindeira tempada. A cesión do dereito de superficie terá unha duración de 30 anos, durante os cales a Comunidade de Montes percibirá unha contraprestación de 5.229,37 € anuais por parte do Concello de Salceda.
O obxectivo fundamental do grupo de goberno de Salceda é o de proporcionar unhas instalacións acordes coa demanda existente na actualidade. O fútbol base no municipio está a ser xestionado polas Escolas de Fútbol Denis Suárez, que na pasada tempada acolleron a 202 nenos e nenas, con previsión de chegar aos 246 a partires de setembro co inicio do novo curso, polo que se fai imprescindible a creación de novas instalacións que dean cobertura á totalidade de nenos e nenas do municipio que se decanten polo fútbol. Tamén o Caselas fai uso das instalacións para os seus adestramentos, ademais doutros clubes como o Parderrubias A e B, o Veteranos Caselas ou as Escolas Deportivas de Salceda que acollen a modalidade de fútbol feminino.
O Concello de Salceda ven de rematar as obras da primeira fase do proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais de Penedo Redondo, coa construción dunha sala de usos múltiples á que se accederá dende a fachada sur do edificio actual, na que se contará con un vestiario. Ademais creouse unha cantina con acceso dende o lateral do propio campo, xerando así percorridos diferenciados para espectadores/as e xogadores/as. Esta cantina contará ademais cun almacén e dous aseos accesibles. O proxecto, cun orzamento de 87.688,13 €, executouse con cargo ao Plan Concellos 2018/2019.
Rubén González, Concelleiro de Deportes: “Vimos de asinar un acordo moi importante para poder dotar de mais infraestructuras á veciñanza de Salceda que disfruta desta modalidade deportiva, na liña que este goberno vai a ter nos vindeiros anos para as múltiples disciplinas que temos no noso concello”.
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “Apostamos polo proxecto da Escola de Fútbol Denis Suárez, que supón unha oportunidade de ouro para os nosos nenos e nenas, con unha comunidade educativa que non só se centra no aspecto deportivo, senon que chega aos eidos social e educativo”.
Co obxectivo de manter e incrementar a aposta tecnolóxica para a modernización dos servizos nos concellos, a Deputación de Pontevedra acordou hoxe coas 53 entidades locais da provincia adheridas á plataforma da administración electrónica, renovar ata finais de ano o contrato do servizo, e iniciar para o próximo 2021 un novo concurso para dar cobertura a todas as melloras que foron implementándose, cun investimento de máis de medio millón de euros.
O plan provincial da Deputación naceu en 2016 para ofrecer soporte técnico informático aos municipios que carecían de administración electrónica e que tiñan que dar resposta legal a novas normativas que, unha vez máis, se aprobaron sen que os concellos tiveran recursos para elo. Entendendo que a modernización da administración local era fundamental para atender á cidadanía, a Deputación puxo en marcha este proxecto que dotou deste instrumento tecnolóxico aos concellos.
Catro anos despois, a plataforma, ate agora gratuíta, ten sido unha ferramenta fundamental para que o 100% das entidades locais da provincia conten coa capacidade de ofrecer a súa veciñanza unha administración máis próxima e moderna, que hoxe conta con 53 concellos e mancomunidades adheridas, e que presenta un balance sobresaínte con máis de 15 millóns e medio de documentos electrónicos creados e máis de 2,5 millóns que foron tramitados con firma electrónica. Amais, tan só nesta etapa da Covid 19, grazas a esta plataforma da Deputación, máis de 6.000 traballadoras e traballadores dos concellos puideron facer teletraballo; e os gobernos locais puideron celebrar Plenos e Xuntas de Goberno, sesións telemáticas, reunións ou mesas de contratación a distancia. Amais, para que os municipios asumiran con total garantía a atención cidadá nas novas circunstancias, a Deputación implantou a través da sede electrónica o sistema de cita previa nos concellos para contactar coas oficinas municipais de xeito presencial ou por videoconferencia.
Hoxe, no encontro telemático celebrado entre a Deputación e ata 47 concellos e entidades locais, acordouse que a institución ampliará ata finais de ano o contrato do servizo e, ante a finalización do contrato coa empresa Gestiona, iniciará para o próximo 2021 a tramitación dun novo concurso. O obxectivo, tal e como trasladou o deputado Carlos Font, é a intención do goberno de seguir apostando polo mundo local e manter o plan provincial en vez de que cada concello costee en solitario a contratación da administración electrónica. Así a Deputación asumirá o 75% do novo contrato que acollerá as melloras que foron implementándose, e que suporá un investimento de máis de medio millón de euros (560.500€). Pola súa banda, os concellos costearán o 25% que se repartirá con criterios obxectivos por tramos de poboación. Así, os de menos de 3.000 habitantes terán unha aportación anual de 1.000 euros; os de 3.000 a 5.000 habitantes, 1.500 euros; os de 5.000 a 10.000, 2.500 euros; os de 10.000 a 15.000, 3.500 euros; os de 15.000 a 20.000, 4.500 euros e os de 20.000 a 30.000, 5.500 euros.
Entre as novas prestacións do novo contrato figuran a integración coa Plataforma de Contratación do Estado (PLACE); a xestión documental do arquivo electrónico único; e a a integración cos servizos da Plataforma de Intermediación de Datos. Amais, a nivel tecnolóxico, a administración electrónica dá actualmente soporte a unha maior carga de usuarios/as (tanto persoal técnico como a cidadanía que accede á sede electrónica); a mellora do rendemento e da seguridade, e funcionalidades coma a sinatura na nube a través de servidores HSM. En canto a nivel de almacenamento, tendo en conta os documentos electrónicos creados e firmados nestes anos que gárdanse na nube, crearase un servizo adicional de almacenamento e de reselado xa que cada certo tempo debe renovarse o selo de tempo asociado á firma electrónica.
Así, coa decisión de manter o plan provincial e co apoio económico do 75% do coste do novo contrato, a Deputación volve a mostrar o seu modelo de garantir os servizos en todo o territorio, con proxectos globais repartidos con criterios obxectivos e a utilización do diñeiro público para asegurar os mesmos dereitos ao conxunto da cidadanía, viva onde viva e goberne quen goberne.
Esta semana estará rematada a colocación do mobiliario e o traslado do material á nova Escola Infantil das Neves. A mesma foi entregada ao Concello a finais do pasado mes de xuño e empezará as súas clases o vindeiro mes de setembro.
Este novo centro, ao que acudirán 20 nenas e nenos, está situado a carón do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. Dispón de 490 metros cadrados, máis de 161 deles construídos, con dúas aulas de usos múltiples, almacén, zona de descanso, despacho, zona de hixiene, cociña e baños.
No exterior conta con espazo para xogos, hortas, un xardín e a acceso para as familias, tal e como acordaran no seu día o Goberno municipal, a comunidade escolar, e a Asociación de Nais e Pais da Alumas e Alumnos (ANPA), a través do Consello Escolar Municipal. O orzamento total das obras foi duns 300.000€.
Unha prioridade do Goberno das Neves
Esta nova Escola Infantil, é unha das prioridades do Goberno municipal e da resposta a unha demanda moi reiterada e agardada polas veciñas e veciños das Neves.
Acordo Xunta-Concello
A mesma é unha realidade logo do convenio asinado co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Dito convenio establecía que o Concello das Neves tiña que realizar e pagar o proxecto da escola infantil, como así se fixo; poñer a dispor un solar municipal, que é no que estaba a antiga casa do conserxe do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e, por último, achegar o 25% do custo total das obras, 75.000€ en total, con cargo aos orzamentos municipais.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, achegou o 75% do custo total dos traballos, 225.000€, ademais da compra e colocación do mobiliario e a limpeza e desinfección do nova Escola.
A librería Atlántica da Guarda acollerá, o vindeiro sábado 18 de xullo ás 12:30 horas, a presentación de ‘Infelices’ primeira novela do xornalista Javier Peña (A Coruña, 1979), un acto que ten para o autor “un especial significado” pola estreita vinculación que mantén coa Guarda.
A primeira edición de ‘Infelices’ foi publicada o 2 de outubro de 2019 pola editorial Blackie Books, unha das empresas editoriais que máis creceu nos últimos anos e que, entre as súas publicacións figuran Instrumental, de James Rhodes ou Los Asquerosos de Santiago Lorenzo.
Pese a ser unha novela que marcaba o debut literario dun autor ata entón descoñecido, Infelices vendeu ata o momento 8.000 exemplares e vai xa pola súa terceira edición. De feito, medios como a SER, RNE nos seus apartados de cultura ou a publicación dixital Zenda, especializada en literatura, a escolleron entre as mellores novelas do 2019.
Logo dunha xira de presentación en Galicia, –na que Javier Peña e o seu Infelices percorreron Santiago, A Coruña, Vigo, Lugo, Ourense e Pontevedra– chegaba o momento de dar o ‘salto’ e presentouse en Madrid, (Librería Alberti) e Barcelona (La Central), enchendo ambos espazos. A pandemia da COVID-19 que afectou todo e a todos, fixo que o groso da xira nacional tivera que ser suspendido cando xa se tiñan confirmadas presentacións en Málaga, Valencia, Las Palmas, no Sant Jordi e na Feira de Madrid.
Chega agora a época post COVID e Javier Peña elixía A Guarda, municipio natal da súa muller, residencia da súa familia política e lugar no que casou… no Santa Trega, para ser máis precisos. “Así que, dende 1998, visito A Guarda sen parar”, afirma Javier Peña. De feito, na vila costeira escribiu gran parte da súa novela e tamén alí realizou a maior parte do traballo de corrección e editing de Infelices.
O feito que as constantes estancias na Guarda traducíranse tamén en visitas habituais á librería Atlántica, explica os motivos que levaron a Javier Peña a ‘reaparecer’ trala pandemia “nun lugar tan especial para min e para a novela”, apunta.
O Concello de Tomiño, tras redeseñar a programación cultural de verán por mor do Coronavirus, arrancou a súa axenda o pasado día 3 de xullo co concerto do grupo “De Vacas”. As actividades continúan este venres, 17 de xullo, con cinema ao aire libre na praza do Seixo e a proxección de “El Parque Mágico”, ás 22:30 h.
O venres seguinte, 31 de xullo á mesma hora e lugar, nova sesión de cine familiar, con “El regreso de Mary Poppins”.
Xa en agosto, o sábado 8, ás 21 horas, o público infantil poderá gozar co pallaso Peter Punk, no espectáculo “Punkdemia”, o novo espectáculo da compañía Peter Punk Pallaso, pensado e creado para todas as normalidades. Un espectáculo viral e divertido adaptado a todas as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.
O venres 14 ás 22.30h, concerto de Brassica Rapa, un grupo de ventos e percusión formado integramente por rapazas, que ten como finalidade a visibilización da muller no mundo do espectáculo, a través dun repertorio variado de diferentes estilos que van dende grandes éxitos do pop a bandas sonoras de películas ou cancións reivindicativas.
O sábado 22, chegarán os Monicreques con música, na obra “Acuario” (21.00h). Baseado no libro de poemas de María Canosa, esta obra ten coma propósito que a xente miúda, se achegue á poesía en lingua galega, á vez que aprende os nomes dos peixes e descobre a riqueza biolóxica (e gastronómica) do noso litoral. Acuario é un conxunto de versos doados e musicais que en ningún momento esquecen o seu propósito didáctico: amosar a maxia do noso patrimonio lingüístico e mariño.
E pechando a programación, o venres 28 de agosto, a Agrupación Musical de Goián, ofrecerá un concerto, ás 22.30 horas.
Todos os espectáculos serán na Praza do Seixo, gardando as distancias e demais medidas de seguridade para previr contaxios.
Pecha o mes de agosto a Agrupación Musical de Goián, cun gran concerto na praza do Seixo, a partir das 22.30h.
IMPORTANTE: todas as actividades culturais son de balde pero é necesario reservar entrada chamando previamente ao 986622001 (máximo 5 lugares por persoa).
A OMIX Tomiño, pola súa banda, organiza dous obradoiros, orientados a mozas e mozos do municipio:
OBRADOIRO SILVESTRE DE PRENSADO DE FLORES (6 horas)
Neste obradoiro realizarase un paseo no exterior, recolectando flores e prantas da nosa contorna, e aprenderase todo o proceso de secado das flores cunha prensa de madeira que se ensinará a construír. Traballarase tamén na selección e composición das flores para crear o propio mini xardín nun bastidor. É unha moi boa ocasión para traballar a mirada e a creatividade mentres se goza dunha actividade ao aire libre.
Datas de realización: xoves 16 e 23 de xullo, de 10 a 13h
CURSO DE FOTOGRAFÍA (8 horas)
O curso de fotografía estará baseado na iniciación á fotografía, onde se aprenderá a utilizar a cámara en modo manual para sacarlle o máximo partido e realizar as mellores fotografías. Todas as clases serán no exterior para que o alumnado practique coa cámara en todo momento.
Datas de realización: luns 27 e mércores 29 de xullo, e luns 3 e mércores 5 de agosto, respectivamente, de 10 a 12h.
As inscricións deben facerse na web municipal (www.tomino.gal) e pódese solicitar máis información no whatsapp 604 062 369 ou nos correos electrónicos [email protected] e Toda a programación que se ofrece cumpre cos requisitos necesarios para garantir a seguridade, protexer a saúde e minimizar o risco de contaxios.
O Concello de Nigrán e o centro Juan María veñen de asinar un convenio para financiar o proxecto ‘Lecer para todos 2020’ (campamento urbano) por importe de 2.500 €, aumentando así nun 250% a habitual aportación económica, que nesta ocasión foi incluída no Orzamento 2020 como partida específica a tal fin. Así, durante as tres primeiras semanas do mes de agosto, unha ducia de persoas con discapacidade intelectual beneficiaranse deste programa de actividades de lecer e tempo libre en horario de 10:00 h a 14:00 horas de luns a venres.
Tal e como sinalan no propio CEE Juan María, debido a crise sanitaria a necesidade desta alternativa de ocio aumenta considerablemente porque as persoas con discapacidade e as súas familias levan desde marzo sen poder acceder a ningún servizo ou actividade. Así que o obxectivo é ofrecer un servizo de apoio ás familias/coidadores que favorezan a conciliación e, ao mesmo tempo, ofrecer ao usuario unha ferramenta que favoreza o desenvolvemento persoal e a participación na vida social.
Para este campamento será preciso a contratación de sete persoas cualificadas que, ante a alarma sanitaria do COVID-19, distribuirán aos participantes en tres grupos de 4 persoas que se xestionarán de forma autónoma sen contacto co resto para minimizar calquera posible transmisión.
O campamento incluirá actividades tales como saídas á praia, roteiros de sendeirismo, visitas culturais ou obradoiros.
O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, presentou hoxe unha nova fase de actuacións para a reordenación dos espazos peonís e do tráfico. As rúas nas que se actuará son A Braña, Praza da Perillana, Doutor Fernández Vega, República Arxentina, Esperanza, Baratillo, Castiñeira, A Minada e Virxe da Luz.
As medidas previstas consisten en ampliar os espazos reservados ás persoas, ampliando as beirarrúas mediante o pintado sobre a calzada, a eliminación do dobre sentido de circulación, a peonalización completa dalgunhas rúas, a mellora da seguridade nos pasos de peóns e a dotación de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e para motocicletas e bicicletas.
Coas actuacións a executar Mera sinala que “avanzamos de forma decidida cara un modelo de vila pensado para a xente. Nas rúas nas que imos intervir o espazo para as persoas apenas representa o 25% da superficie e as beirarrúas raras veces superan o metro e medio de anchura. Coas actuacións previstas os itinerarios para as persoas pasarán a ter como mínimo 2,50 metros, imprescindíbel para que, por exemplo, se poidan cruzar dúas persoas con paraugas sen baixar á calzada”.
Mera aclara que as actuacións se farán fundamentalmente mediante sinalización horizontal e o uso de elementos como maceteiros. “Este é o punto de partida para recuperar de inmediato o espazo público para as persoas e que se visualice como serán no futuro estas rúas cando se redacten e executen os proxectos de reurbanización e humanización”.
As rúas A Braña, Fernández Vega e Virxe da Luz pasarán a ser de sentido único, Castiñeira muda o seu sentido de circulación en dirección a Avenida de Castelao e A Minada invirte o seu sentido actual. “Con estas medidas reducimos o tráfico, a contaminación, o ruido e a inseguridade, axilizamos o tráfico e creamos itinerarios de saída do centro urbano. O obxectivo é eliminar o tráfico de axitación, os coches que dan voltas continuas buscando aparcar diante do seu destino, en lugar de estacionar nun aparcadoiro periférico e camiñar”, explica Mera.
Entre as medidas para potenciar os desprazamentos a pé e en bici saliéntanse a peonalización da rúa República Arxentina e a semipeonalización dun tramo de Fernández Vega ademais de completar a de Esperanza até os Ferreiros. “Con esta actuación creamos un traxecto seguro reservado para as persoas e as bicis que conecta a Praza Maior coa nova praza do Mercado Municipal e que continuará desde aí até o Conservatorio con itinerarios peonís de máis de tres metros de anchura” sinala o edil de Mobilidade e Tráfico. Na mesma liña, a rúa perimetral da Praza da Perillana queda libre de circulación de vehículos e se converte nunha ciclovía. “Xa é hora de que os nenos e nenas de Ponteareas comecen a contar con lugares apropiados e seguros nos que utilizar a bicicleta”, salientou Mera. Tamén se prevé peonalizar o tramo da rúa do Baratillo entre Doutor Fernández Vega e a fonte. Esta actuación implementarase cando se abra ao tráfico a rúa San Roque e servirá, entre outras cousas, para protexer a fonte na que impactan con frecuencia vehículos. Nas zonas peonalizadas garantirase o acceso a garaxes e nalgúns casos a circulación de taxis e a carga e descarga.
Dentro das actuacións previstas atópanse a creación de novos pasos de peóns e a creación de zonas de seguridade a cinco metros dos pasos para garantir a visibilidade das persoas que cruzan. “Imos eliminar progresivamente todos os atrancos visuais dos pasos de peóns en Ponteareas, como colectores ou estacionamentos, que poñen en risco a seguridade das persoas”, adiantou Mera.
A concellaría de Mobilidade e Tráfico iniciou unha campaña informativa explicando todas estas medidas con cartelaría distribuida en todos os edificios e comercios das rúas nas que se actuará. A información inclúe unha táboa cos aparcadoiros situados a escasos minutos de cada unha das rúas. Mera explica que con esa información “queremos que a veciñanza tome consciencia de que en Ponteareas todo está moi preto, temos unha vila ideal para camiñar e centos de prazas de aparcamento a moi poucos minutos de calquera destino. É o momento de cambiar o hábito de querer levar o coche até diante da porta do noso destino”.
Mera adiantou que a concellaría xa ten ultimada unha nova fase de actuacións na mesma liña nas rúas Carballos, Castañal, Orotava, Pedra Pequena e Paseo Matutino e na que se fará igualmente un traballo de información veciñal previo.
As novas actuacións anunciadas dan continuidade ás que se puxeron en marcha entre maio e xuño consistentes en ampliar itinerarios peonís ou asegurar a súa continuidade onde non existían ou se vían interrumpidos, unhas actuacións que atinxiron ás rúas Paseo Matutino, Carballos, Castañal, Amado Garra, Senén Canido, Praza de Bugallal, Castiñeira, Concha Brey, Constitución ou Emilio Rodríguez.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.