17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación acorda cos concellos da provincia a renovación e a ampliación...

    A Deputación acorda cos concellos da provincia a renovación e a ampliación do servizo de administración electrónica

    A institución manterá o plan provincial de apoio aos municipios ata finais de ano e incrementará as súas prestacións cara ao novo contrato de 2021

    Co obxectivo de manter e incrementar a aposta tecnolóxica para a modernización dos servizos nos concellos, a Deputación de Pontevedra acordou hoxe coas 53 entidades locais da provincia adheridas á plataforma da administración electrónica, renovar ata finais de ano o contrato do servizo, e iniciar para o próximo 2021 un novo concurso para dar cobertura a todas as melloras que foron implementándose, cun investimento de máis de medio millón de euros.

    O plan provincial da Deputación naceu en 2016 para ofrecer soporte técnico informático aos municipios que carecían de administración electrónica e que tiñan que dar resposta legal a novas normativas que, unha vez máis, se aprobaron sen que os concellos tiveran recursos para elo. Entendendo que a modernización da administración local era fundamental para atender á cidadanía, a Deputación puxo en marcha este proxecto que dotou deste instrumento tecnolóxico aos concellos.

    Catro anos despois, a plataforma, ate agora gratuíta, ten sido unha ferramenta fundamental para que o 100% das entidades locais da provincia conten coa capacidade de ofrecer a súa veciñanza unha administración máis próxima e moderna, que hoxe conta con 53 concellos e mancomunidades adheridas, e que presenta un balance sobresaínte con máis de 15 millóns e medio de documentos electrónicos creados e máis de 2,5 millóns que foron tramitados con firma electrónica. Amais, tan só nesta etapa da Covid 19, grazas a esta plataforma da Deputación, máis de 6.000 traballadoras e traballadores dos concellos puideron facer teletraballo; e os gobernos locais puideron celebrar Plenos e Xuntas de Goberno, sesións telemáticas, reunións ou mesas de contratación a distancia. Amais, para que os municipios asumiran con total garantía a atención cidadá nas novas circunstancias, a Deputación implantou a través da sede electrónica o sistema de cita previa nos concellos para contactar coas oficinas municipais de xeito presencial ou por videoconferencia.

    Hoxe, no encontro telemático celebrado entre a Deputación e ata 47 concellos e entidades locais, acordouse que a institución ampliará ata finais de ano o contrato do servizo e, ante a finalización do contrato coa empresa Gestiona, iniciará para o próximo 2021 a tramitación dun novo concurso. O obxectivo, tal e como trasladou o deputado Carlos Font, é a intención do goberno de seguir apostando polo mundo local e manter o plan provincial en vez de que cada concello costee en solitario a contratación da administración electrónica. Así a Deputación asumirá o 75% do novo contrato que acollerá as melloras que foron implementándose, e que suporá un investimento de máis de medio millón de euros (560.500€). Pola súa banda, os concellos costearán o 25% que se repartirá con criterios obxectivos por tramos de poboación. Así, os de menos de 3.000 habitantes terán unha aportación anual de 1.000 euros; os de 3.000 a 5.000 habitantes, 1.500 euros; os de 5.000 a 10.000, 2.500 euros; os de 10.000 a 15.000, 3.500 euros; os de 15.000 a 20.000, 4.500 euros e os de 20.000 a 30.000, 5.500 euros.

    Entre as novas prestacións do novo contrato figuran a integración coa Plataforma de Contratación do Estado (PLACE); a xestión documental do arquivo electrónico único; e a a integración cos servizos da Plataforma de Intermediación de Datos. Amais, a nivel tecnolóxico, a  administración electrónica dá actualmente soporte a unha maior carga de usuarios/as (tanto persoal técnico como a cidadanía que accede á sede electrónica); a mellora do rendemento e da seguridade, e funcionalidades coma a sinatura na nube a través de servidores HSM. En canto a nivel de almacenamento, tendo en conta os documentos electrónicos creados e firmados nestes anos que  gárdanse na nube, crearase un servizo adicional de almacenamento e de reselado xa que cada certo tempo debe renovarse o selo de tempo asociado á firma electrónica.

    Así, coa decisión de manter o plan provincial e co apoio económico do 75% do coste do novo contrato, a Deputación volve a mostrar o seu modelo de garantir os servizos en todo o territorio, con proxectos globais repartidos con criterios obxectivos e a utilización do diñeiro público para asegurar os mesmos dereitos ao conxunto da cidadanía, viva onde viva e goberne quen goberne.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.