Cultura, música e patrimonio botan a andar na provincia da man da Deputación de Pontevedra coas prazas esgotadas nas dúas primeiras actividades de ‘Re-acción nos Castelos’. Tan só fixeron falta catro días para colgar o cartel de “completo” nas Noites do Castelo de Sobroso e Soutomaior os días 23 e 24 de xullo. Amais, tamén se esgotaron as prazas para participar noutras tres accións programadas para o 30 de xullo, o 6 de agosto e o 11 de setembro: o obradoiro ‘Creando no xardín’ con Román Corbato, ‘Nin príncipes nin princesas’ con Bea Campos e ‘O teatro ven de visita!’ da man dos Quinquilláns. Todas as actividades contarán coas medidas de seguridade pertinentes e protocolos Covid e o uso da mascarilla será obrigatorio para as persoas asistentes.
‘Re-acción nos Castelos’ arranca con cheo absoluto en ‘Noites no Castelo’. En Sobroso o xoves 23 ás 22 horas terá lugar a acción multidisciplinar de música, danza, videoproxeción e instalación artística ‘Zona de límites’ e ao día seguinte en Soutomaior, á mesma hora, celebrarase ‘As Hurdes’ de Vertixe Sonora, unha acción multidisciplinar de música clásico-electrónica, poesía e cinema. Amais, tamén coas prazas esgotadas, o 30 de xullo entre as 17 e 19 horas o Castelo de Soutomaior acollerá o obradoiro ‘Creando no xardín’, dirixido á rapazada, que consiste nunha instalación artística colaborativa. Despois destas tres primeiras actividades que xa están completas, o prazo segue aberto para inscribirse nas demais actuacións de ‘Re-acción nos Castelos’ (excepto no contacontos ‘Nin príncipes nin princesas’ o 6 de agosto e en ‘O teatro ven de visita’ o día 11 de setembro), así como nos concertos de ‘Música no Ar’ que se celebran nos propios recintos de Soutomaior e Sobroso (as demais accións estarán abertas ao público ata completar aforo).
Deste xeito, a programación continúa o 30 de xullo en Soutomaior, ás 19:30 horas terá lugar un concerto dirixido ao público infantil denominado ‘A banda das apertas’. Para pechar o mes, o venres 31 entre as 17:00 e as 19:00 horas o castelo de Sobroso acollerá unha actividade artística de arquitectura dirixida a nenas e nenos enmarcada en ‘Creando no xardín’ Xa no mes de agosto, as actividades comezan o xoves 6 ás 18:00 horas en Soutomaior co contacontos ‘Nin príncipes nin princesas’ a cargo de Bea Campos. Ese mesmo día, tamén en Soutomaior pero ás 19:30 horas, terá lugar a acción de danza contemporánea ‘Conmoveres da Memoria’ da man de ‘Perdomus’, enmarcada en ‘Danza no Castelo’. O 7 de agosto ás 19:30 horas chega a Sobroso ‘Música no Castelo’ cun concerto de ‘Falúa’ e, tamén en Sobroso pero o mércores 12 ás 17:30 horas terá lugar o contacontos ‘Nin príncipes nin princesas’ con Cristina Collazo. A última actividade do mes de agosto celébrase en Soutomaior o xoves 13 ás 19:30 horas e será a acción escénica ‘Té con Kant’, enmarcada en ‘O teatro ven de visita’”. Xa en setembro haberá dúas accións, o venres 11 ás 19 horas ‘s Quinquilláns’ farán unha acción escénica no Castelo de Sobroso e o xoves 17 ás 19 horas terá lugar en Soutomaior o concerto de ‘Vero Rilo & Sonsoles Penadique’. Para todas estas actividades hai que inscribirse enviando un correo a [email protected]
En canto a ‘Música no Ar’, os concertos para os que é necesaria a inscrición serán o martes 28 de xullo ás 19:30 horas no Castelo de Soutomaior, coa Orquestra Clásica de Vigo, e o martes 11 de agosto ás 19 horas no Castelo de Sobroso, coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Amais, ata o mes de setembro ‘Música no Ar’ desenvolverá outros 12 concertos abertos ao público ata completar aforo, o primeiro será o xoves 30 de xullo ás 21 horas no Estaleiro de Bueu da man de ‘Son Trío’.
En agosto, a programación continúa o mércores 5 ás 20 horas na Praza do Reló da Guarda coa Orquestra 430 de Vigo; o xoves 6 ás 20 horas no Pazo de Liñares de Lalín con Alejo Amoedo & Iria Cuevas; o venres 7 ás 21 horas estará na Fábrica de Salga do Grove a Orquestra Clásica de Vigo; o domingo 9 ás 20 horas a Orquestra Filharmónica de Pontevedra chega ao Aserradeiro dos Carranos en Covelo; no Mosteiro de Poio o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra será o venres 14 ás 19:30 horas; e, para pechar o mes de agosto, a Carballeira de Caldas de Reis acolle o domingo 16 ás 20 horas á Orquestra Clásica de Vigo.
Xa en setembro, terán lugar dous concertos da Orquestra 430 de Vigo, un no Mosteiro de Aciveiro en Forcarei o sábado 12 de setembro ás 19 horas e outro nos Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública de Baiona o venres 18 tamén ás 19 horas; a Orquestra Clásica de Vigo chega o sábado 19 ás 19 horas ao Castelo Dona Urraca de Salvaterra; o domingo 20 ás 18 horas actuarán Brais González & Beatriz Arenas no Mosteiro de Carboeiro de Silleda; e, por último, o sábado 26 ás 18 horas terá lugar o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra na Praza do Concello de Agolada.