21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaO Concello de Baiona controlará o aforo de praias e espazos ...

    O Concello de Baiona controlará o aforo de praias e espazos abertos con drons equipados cunha aplicación intelixente

    O alcalde Carlos Gómez, que asistiu a unha proba realizada na praia de Ribeira, subliñou que contar con este sistema de control, “é un paso máis na modernización do municipio”

    O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, asistiu na tarde de onte á demostración práctica do sistema de control aforo de praias e espazos abertos ‘Intelligent Watchful Vision’ que o Concello de Baiona utilizará como medida de prevención e protección fronte á COVID-19.

    O sistema, desenvolvido pola empresa DGH, ingeniería y mantenimiento industrial, situada en Porto do Molle, combina a versatilidade dos drons para a gravación de imaxes en grandes superficies xunto á potencia e a fiabilidade da intelixencia artificial no conteo de persoas”. É, sinalaron, “un software de análise intelixente que consegue un reconto moi preciso en tempo real”.

    O alcalde de Baiona subliñou a importancia de que o sistema teña sido creado por unha empresa “que apostou por establecerse no Val Miñor e nun polígono industrial que está a ser un referente en empresas de I+D+i ”.

    Carlos Gómez adiantou que agora, persoal muncipal “realizará un curso de aprendizaxe para a utilización do sistema” e subliñou a importancia que terá, unha vez posto en marcha, “para o control de aforo de persoas nun municipio que, como Baiona, conta con numerosos eventos considerados como de ‘participación masiva’ como as Festas da Anunciada ou A Arribada”.

    Do mesmo xeito, engadiu o rexedor local baionés, “o sistema permitirá controlar o aforo de espazos, como as praias, nos que ata o momento era pouco máis que imposible facelo ou, cando menos, facelo cun sistema rápido e con garantías”.

    Baiona demostra unha vez máis, rematou Gómez, “que mantén unha forte aposta pola modernización do municipio en todos os sentidos e por garantir a seguridade e saúde tanto dos nosos veciños e veciñas como das persoas que nos visitan”. Nese sentido, Carlos Gómez recalcou que “á excelencia turística que xa ofrecemos, temos que engadir a seguridade que faga que, todos e todas as que nos visitan, poidan facelo con toda clase de garantías”.

    Máis sobre DGH

    A empresa DGH leva máis de 40 anos deseñando e executando proxectos e servizos integrais en contornas industriais cunha ampla cobertura nacional e internacional. Comezou a súa andaina nun dos sectores máis complexos e esixentes como é a automoción para, máis tarde, ampliar o seu abano de traballo a sectores como a alimentación, aeronáutica, construción e novas tecnologías.

    Na actualidade conta cun cadro de persoal de máis de 500 persoas e, ademais das súas centrais de Valladolid e Portugal, conta con delegacións en varios puntos de España, entre eles dúas naves industriais no Polígono de Porto do Molle que dan emprego a máis de 50 persoas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.