Domingo, 16 Marzo de 2025

David Regades chama a “unha profunda reflexión”, abrir o partido á sociedade e “escoitar moito” á militancia

O secretario xeral dos socialistas da provincia reivindica o “modelo de éxito pontevedrés” e anuncia a convocatoria dun Comité Provincial “diferente e aberto” para o próximo día 22

O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra celebrou onte a xuntanza da súa Executiva para valorar o resultado das últimas Eleccións Autonómicas, nas que o Partido Socialista obtivo 104.296 votos no territorio provincial, o que supuxo un crecemento de preto de 14.000 votos e case un 5 % máis sobre a convocatoria do ano 2016. A partir destes datos provinciais, “máis que aceptables” en palabras do secretario xeral provincial, David Regades, hoxe comezou “un proceso de profunda reflexión” sobre as razóns que explican o resultado global en Galicia.

David Regades destacou que o sucedido nestes comicios autonómicos é unha clara invitación á autocrítica dun partido que “cometeu erros” e que debe analizar as razóns polas que os números de Pontevedra son tan distintos aos das outras provincias. “Feijoo non sería presidente se os resultados da provincia de Pontevedra se tiveran dado no conxunto de Galicia”, recalcou. Aínda así, engadiu, tralo escrutinio “ao PP fáltanlle dous deputados na provincia de Pontevedra, dous deputados que lle seguirán faltando o próximo luns”.

O secretario xeral provincial transmitiu o seu agradecemento a tódalas mulleres e homes do partido na provincia “que deron un paso adiante e achegaron o seu esforzo”. Fixo tamén un recoñecemento a Paula Fernández, coordinadora de campaña e a todo o seu equipo. “Volvemos gastar moitas zapatillas e celebramos máis de 80 actos por toda a provincia, actos abertos nos que tivemos moi boa asistencia e nos que vimos como a xente que pasaba pola rúa paraba a escoitarnos”.

Regades subliñou que o PSdeG está “máis forte que nunca na provincia de Pontevedra” e por iso “cumpriu obxectivos” achegando o 40% dos deputados que o PSdeG-PSOE terá no novo Parlamento e un 41,3 % dos votos socialistas totais. “E non foi só o resultado de Vigo, porque no resto da provincia tamén avanzamos e foron unha rara excepción aqueles concellos onde empeoramos”. Os datos indican que o socialismo avanzou en 53 dos 61 concellos pontevedreses. Mención especial tivo para a Illa de Arousa e Fornelos de Montes, onde o socialismo foi primeira forza.

Ao respecto do conxunto de Galicia, Regades lembrou que o Partido Socialista concorría a esta cita electoral co impulso que supón dirixir tres das catro deputacións, gobernar en 5 das sete grandes cidades e ostentar 111 alcaldías, ademais das presidencias das federacións española e galega de Municipios e Provincias (a FEMP e a FEGAMP), un poder institucional que, en circunstancias normais, unha organización madura e forte, como a socialista, debe ser quen de trasladar ás Eleccións Autonómicas. “Toca unha reflexión profunda porque temos vocación de ser primeira forza e de gobernar e estivemos moi lonxe”. “Só cun PSdeG-PSOE determinante, Galicia terá unha alternativa real ao PP, é necesario que recuperemos canto antes a confianza da cidadanía”. Ao seu xuízo o “modelo de éxito” é o da provincia de Pontevedra “porque en Pontevedra gañamos dentro e tamén gañamos fóra; temos a confianza da militancia e tamén, elección tras elección, a das/os votantes”.

O secretario xeral provincial anunciou que a provincia de Pontevedra xa comezou ese proceso de “profunda reflexión” e por elo vai convocar un Comité Provincial extraordinario e diferente para o próximo mércores, día 22. A intención é que poida asistir a totalidade da militancia e que quen queira poda falar para transmitir a súa opinión. “É o momento de escoitar moito”, subliñou, “e o Comité Provincial, o máximo órgano entre congresos, é un bo lugar”.

O camiño para os próximos meses pasa por “construír un proxecto transversal no que non sobre ninguén e lograr a máxima unión, unha reflexión que temos que facer entre todos e entre todas e todos”. “Toca recompoñernos e penso que na provincia de Pontevedra temos moito que dicir”. “Nesta provincia a nosa forza é a forza da militancia, pero non nos conformamos coa forza orgánica; sempre aspiramos á forza institucional porque somos un partido para cambiar a sociedade, un partido para gobernar”.