O patrimonio das parroquias tudenses centra a exposición “Pérdete polo rural”

A mostra pode visitarse até mediados de agosto na Oficina de Turismo de Tui

Unha maqueta cos petróglifos máis representativos do Baixo Miño, e un mapa visual onde se plasman máis de 70 elementos do patrimonio situado nas parroquias tudenses son dous dos elementos que forma para da exposición “Pérdete polo rural” que dende hoxe se pode visitar na Oficina Municipal de Turismo, na praza de San Fernando en Tui.  Permanecerá aberta até mediados de agosto.

Este mediodía o alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Cultura, Laureano Alonso, participaron na apertura da mostra canda aos promotores da mesma Telmo Alfaya e Antonio Lago.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou o seu agradecemento ao polifacético Telmo Alfaya nunha iniciativa que pon en valor todo o  patrimonio existente ao longo do termo municipal de Tui. Pola súa parte o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, destacaba esta iniciativa de Telmo Alfaya e Antonio Lago á que dende o Concello de Tui foron sensibles dende o primeiro ante o interese que ten recompilar e recuperar o patrimonio existente nas distintas parroquias.  

Diferentes pezas prehistóricas con talla lítica, os bosquexos dos que partiu o mapa visual, unha maqueta da conca do Miño cos petróglifos máis representativos en cada municipio, conforman esta mostra, que pretende tamén servir de guía para que o visitante poida despois realizar o roteiro polas parroquias tudenses. Así pódense coñecer os petróglifos, as fontes, as igrexas, os cruceiros, os muíños… que forman parte do noso legado patrimonial. O pintor Antonio Lago percorreu este lugares do rural tudense, ao longo de case un ano, para logo poder plasmar este elementos no mapa visual.

Amais o domingo 26 realizarán a “Ruta das Augas”, un percorrido guiado por  Cristian Lago para o que se ofertan 25 prazas. Comezarán ás 18 h cunha charla a cargo de Alberto Romero, e logo a ruta guiada. Contarán con todas as medidas de seguridade. Os interesados poden anotarse no 636 82 26 02.

Telmo Alfaya ideou esta exposición “Percorrendo o rural” dentro do proxecto que ten de crear un Museo da Prehistoria e un Museo do Rural Galego, no entorno do Pancho Cultural na Guía en Randufe.