Venres, 24 Xaneiro de 2025

Persoal municipal e Goberno de Nigrán homenaxean a cinco funcionarios que se xubilan sumando, entre todos, 177 anos de traballo

Os traballadores celebraron unha comida na Carrasca (Parada) para despedir a María Luisa Barros, Álvaro Reinaldo, Marcelino Giráldez, Florentino Martínez e Ricardo Casás

O persoal e goberno do Concello de Nigrán renderon este mediodía unha homenaxe a cinco funcionarios municipais recentemente xubilados e que marcan a historia do consistorio cunha media de 35 anos adicados á administración local. Así, o persoal municipal e o goberno asistiron a unha comida na Carrasca inviatos polos cinco xubilados, aos que o alcalde entregou unha placa de recoñecemento.

Os novos retirados son María Luísa Barros, administrativa de Recadación durante 33 anos; Álvaro Reinado, técnico de xestión durante 40 anos; Marcelino Giráldez, peón de Vías e Obras e conserxe posteriormente durante 41 anos; Florentino Martínez, peón de Vías e Obras e conserxe do Pavillón Municipal durante 17 anos; e Ricardo Casás, peón de Vías e Obras durante 46 anos. Xuntos suman 177 anos traballando para o Concello.

“Forman parte da Historia do Concello de Nigrán e son persoas moi queridas entre os veciños e os traballadores, polo que é un día especialmente emotivo para todos. Estamos moi agradecidos polo seu traballo neste tempo e desexamos que gocen ao máximo a súa merecida xubilación”, sinalou o alcalde, Juan González, antes de entregarlles cadansúa placa conmemorativa.