Unha delegación do Concello do Porriño encabezada por David Alonso, concelleiro de Emprego realizou o pasado venres unha visita ás instalacións da estación de servizo da firma Staroil no polígono da Granxa.
Pablo Val Rodríguez, responsable de dirección e operación de este grupo empresarial de orixe galega, explicou como están a medrar por todo o territorio nacional e expresou ao concelleiro Alonso Bargiela, o agradecemento de Staroil pola colaboración estreita co Concello do Porriño que agardan “aínda sexa maior”.
Precisamente Staroil é unha das empresas colaboradoras co programa ‘Porriño Accede’ de cursos de formación con prácticas.
O obxectivo desta colaboración foi proporcionar a persoas en desemprego unha oportunidade laboral por medio da formación. Staroil Porriño participou no deseño da formación e na acollida de alumnos en prácticas, ofrecendo continuidade laboral a catro deles. “A empresa manifestounos que hai interese en dar continuidade a esta colaboración”, indicou o concelleiro de Emprego.
“No que leva de ano, esta Concellería organizou tamén cursos de formación con prácticas en loxística e carretillas elevadoras, ademais de realizar talleres para a adquisición de técnicas para a busca de emprego, obradoiros de entrevista e formación en intelixencia emocional”, manifestou David Alonso.
Tamén o venres celebrouse no Multiusos de Torneiros, a entrega de diplomas, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, aos 16 alumnos que participaron no curso básico de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas de duración máis o curso específico de oficio de 6 horas para postos de albanelería.
O mozo nadador de 19 anos, Miguel Martínez Novoa, cun tempo de 00:47:53, impúxose na X edición da travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrou onte en Praia América con preto de 400 nadadores. Miguel Martínez Novoa chegou a meta por diante de Marcos Vila Cid (00:49:12) e Lucas Costa Fernández (00:49:15). Na categoría feminina, a vencedora no percorrido de 4.000 metros foi a nadadora portuguesa Soraia Ribeiro, cun tempo de 00:56:13. En segunda posición chegou Cristina García Marín (01:01:09), completando o podio Mónica Incera Filgueira cun tempo de (01:01:12).
O percorrido de 4.000 metros, no que participaron preto de 200 nadadores, consistiu nun triángulo de 4 quilómetros con saída e chegada na canle central de embarcacións. Os nadadores bordearon a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,3 quilómetros de distancia, regresaron cara á costa polo lado sur da praia e percorreron o último quilómetro en paralelo ao areal.
Na proba de 2.700 metros, na que participaron 100 nadadores, o vencedor na categoría masculina foi Marcos Martínez Martínez (00:36:25), segundo foi Daniel Vicente Ferreira (00:38:06) e, terceiro, Diego Gutiérrez López (00:38:52) . Na categoría feminina impúxose Lucía Cal Fernández (00:38:06), por diante de Irene Rivadulla Mallo (00:42:31) e Iria Puime Santos (00:43:26).
No percorrido de 800 metros, con 70 participantes, gañou Gabriel Figueroa Fernández (00:11:05), seguido de Xoel Cubeiro Rosende (00:11:40) e Yago Vicente Ferreira (00:11:54). Na categoría feminina, gañou Silvia Martínez Novoa (00:11:45), superando a Paula Fariña Martínez (00:12:01) e Lucía Villarnovo Pazos (00:12:04). Esta proba disputouse en paralelo á costa e contou con preto de 100 participantes.
A saída de 800 metros arrincou desde a canle principal de entrada e saída das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Tamén se celebraron dúas probas infantís de 50 e 150 metros moi preto da beira cunha participación de máis de 30 nenos.
No mar acompañaron aos nadadores diversas embarcacións de Protección Civil de Vigo e Val Miñor e Garda Civil do Mar, así como kayakistas do Club Marítimo de Panxón e pádel surf de Wetsports Ladeira A organización contou con máis 60 persoas para a montaxe e avituallamiento da proba, coa colaboración da asociación Vodea.
Máis de 350 nadadores de 8 Comunidades Autónomas (Galicia, Asturias, Castilla-León, Madrid, Andalucía, Valencia, Navarra e Cataluña) e unha importante representación de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 71 anos, participaron o pasado domingo na X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán.
Esta edición estivo marcada por un estrito protocolo sanitario e o cumprimento das medidas de seguridade por parte dos participantes, que tiveron que levar máscara ata antes da saída e ao chegar a meta entregóuselles unha. Ademais, as saídas realizáronse de forma graduada cada 10 segundos e na chegada os nadadores tiveron que formar unha fila única, mantendo a distancia de seguridade en todo momento. Tanto a saída, como a meta e zona pódium estiveron balizadas para garantir a seguridade dos participantes. Antes de entrar na auga tomóuselles a temperatura a todos os nadadores.
Entrega de premios
Á entrega de premios, que tivo lugar en Praia América, asistiron o alcalde de Nigrán, Juan González; o Deputado provincial de Deportes, Gorja García; a concelleira de Educación do Concello de Nigrán, Mariña Vidal; Iria Hernández Dasilva, en representación de oficina de Abanca en Nigrán, e Beatriz Alvariño, da organización da proba.
Nas probas de 800 e 2.700 metros entregáronse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se concederon trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e, por primeira vez, premios en metálico (150 euros para os primeiros, 100 para os segundos e 80 para os terceiros). Ademais repartíronse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba reina.
Este ano, tamén como novidade, concedéronse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa. Os nenos que participaron nos percorridos de 50 e 150 metros recibiron unha medalla. Tamén se entregaron trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.
ATravesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, o Concello de Nigrán e Atlantic Extrem Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, o concesionario Renault Rodosa, Gadis, Centro Comercial de A Ramallosa e Sakami. Tamén colaboran Powerade, Frutas Sol, Arena, Club Marítimo de Panxón, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, McDonald’s Rías Baixas, Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Asociación Vodea, Waira, Kailúa, Boyer Triathlon Vigo, Ángel Leirós Motos, Talaso Atlántico, Comunica e Clubnatacion.com, entre outros.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a recursos enmarcados no Plan Concellos 2020 por un valor de preto de 310.000 euros. En concreto, as achegas irán destinadas ás vilas da Cañiza e Mos.
Para A Cañiza aprobáronse 92.731,28 euros, con cargo á liña 1 de Investimentos do Plan Concellos, que terán como obxecto o aforro e eficiencia enerxética no alumeado público na parroquia de Valeixe. Para Mos aprobouse unha modificación de achegas da liña 3 de emprego por valor de 216.221,33 euros, cos que o concello financia a contratación de 20 persoas.
Cos investimentos aprobados este venres o goberno de Carmela Silva leva destinados ata o momento 29,5 millóns de euros ao Plan Concellos 2020. Deles 18,2 millóns foron a parar á liña 1, concedéronse 2,7 millóns con cargo á liña 2 e aprobáronse 8,6 millóns para a liña 3.
A artista Pilar Alonso xa comezou a montaxe de ‘Súbeo á nube’, un proxecto de intervención que busca facer máis acolledora e cálida a futura Aula COVID de Tomiño. O Concello transformará a Casa da Cultura nun aula de estudo con acceso a internet para que os e as estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos en caso de posibles rebrotes de coronavirus ou un novo confinamento.
O edificio, usado antigamente como cine, ten uns teitos de máis de 6 metros de altura, espazo no que Alonso creará unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel e que foi dixitalizado e subido á nube virtual nalgún momento.
O proxecto ‘Súbeo á nube’ busca dar calidez a ese espazo creando unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel que foi dixitalizado
Tras un chamamento á veciñanza a que doara as enciclopedias, libros de estudo, apuntes… que tiveran na casa, a artista comezou a fiar cada folla “para tecer esa nube que vai ser como un tornado de papel que sube, rizando cada papel para que a estrutura tivese un efecto de subida e fora máis aéreo”. Un traballo laborioso que permitirá crear unha nube de 40 metros cadrados por riba das bateas de iluminación do que será un espazo de encontro para a mocidade.
Tanto a artista como o Concello agradecen a gran resposta dada pola veciñanza, que doou numeroso material para poder levar adiante o proxecto, xa que nesta nube estarán subidas enciclopedias publicadas dende os anos 60 ata o 2005.
O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros na adecuación deste espazo en Aula COVID, que complementará o servizo de medios informáticos que presta a Aula CeMit. Ademais, para garantir a saúde de todas e todos os usuarios, a aula contará con distintas medidas de seguridade, como distancia mínima entre persoas, mamparas e xel hidroalcohólico.
O Concello das Neves estreou onte sábado un documental que realizado por Daniel Pérez baixo o título ‘O comercio que nos coida’ buscaba poñer en valor a importancia do traballo relizado por as e os comerciantes nas primeiras semanas do estado de alarma, “semanas nas que o comercio local xogou un papel fundamental”, asegurou o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez.
O acto, conducido pola concelleira de Cultura, Rocío Barreiro, tivo lugar ás 21:00 h na Praza Maior, e contou coa presenza de máis de 100 comerciantes e empresarios e empresarias das Neves.
Para pechar a noite, a Banda de Música Popular de Rubiós, ofreceu un pequeno concerto, coa interpretación de seis pezas. Trátase da súa primeira actuación dende que fora decretado o ‘Estado de Alarma’.
Cumprindo coas medidas sanitarias e de protección, o lugar onde se desenvolveu o acto, estivo delimitado, e as cadeiras previamente asignadas, estaban distribuídas mantendo a distancia de seguridade. Ademais, era obrigatorio o uso de máscara e a desinfección das mans con xel hidroalcohólico á entrada no espazo.
Programa de formación para o comercio local
Aproveitando o acto de presentación de ‘O comercio que nos coida’, o Concello tamén presentou un programa de formación dirixido ao comercio local que se levará a cabo no que resta de ano, e que ten o obxectivo de promover a súa transformación estratéxica e dixital, con formación, asesoramento e apoio no novo escenario pos-COVID.
Este programa de formación, que será en liña, vai desenvolverse en dúas fases: unha primeira de seis sesións impartidas durante o mes de setembro, e unha segunda con titorías individuais os tres meses seguintes. A inscrición pode facerse, ata o vindeiro mércores, día 9, a través desta ligazón.
O Concello do Rosal aposta por un novo modelo de rozado máis ecolóxico e sostible que permita diferenciar a vexetación que se debe eliminar da que non. A través desta roza selectiva búscase a recuperación do bosque de ribeira no río Carballas, minimizando o avance de especies invasoras e permitindo o aniñamento de diversos animais, o que permite conservar os hábitats naturais dunha gran variedade de especies.
Dende a Concellería de Medio Ambiente estanse dando pasos para garantir a conservación destes bosques de ribeira “e a rexeneración da vexetación actual, xa que de continuar cos desbroces de toda a zona en poucos anos a actual arboreda desaparecerá”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Este tipo de rozado permite a conservación dunha vexetación fundamental para o equilibrio ecolóxico da zona, xa que os bosques de ribeira funcionan como protectores de solo e auga, reducindo a sedimentación, mantendo a calidade da auga e impedindo a entrada de contaminantes. Forman ademais corredoiros que contribúen á conservación da biodiversidades, subministran alimento e refuxio á fauna ou absorben e fixan o dióxido de carbono.
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta a segunda semana de setembro cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións, con 10 prazas cada unha, versan sobre xestión de redes sociais, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.
Máis polo miúdo, o luns 7 Sonia Torres, técnica de Empreas e Actividades Turísticas, impartirá un obradoiro de “Ferramentas dixitais para a restauración e hostelería”. Ao día seguinte o enxeñeiro informático José Luis Taboada fará o propio nun taller titulado “Crea un plan de márketing dixital para a túa empresa”. Para o mércores 9 hai programada unha actividade sobre “Ferramentas de email márketing: Sendinblue” con Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. O xoves 10 o experto universitario en robótica Manuel Freire falará sobre a “Intelixencia Artificial: que é e como funciona?”. Para rematar a semana María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, levará a cabo o venres 11 un obradoiro titulado “Obtén o valor dos teus datos con Google Data Studio”.
A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición para participar no programa ‘Achégate ás novas tecnoloxías’ unha iniciativa que ten, entre outros obxectivos, dotar ás mulleres das feramentas necesarias para afrontar con autonomía a realización de xestións burocráticas nas sedes electrónicas de distintas administracións, mellorando a súa autoestima e fomentando o empoderamento.
A actividade, dirixida a mulleres e totalmente gratuíta, foi concedida ao Concello de Baiona no marco do Programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero da Secretaría Xeral da Igualdade e é cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 .
O programa inclúe catro cursos de 12 horas de duración cada un e desenvolveranse en horario de mañá e tarde do 15 ao 24 de setembro .
Aquelas mulleres interesadas en participar poden contactar co Centro Municipal de Información á Muller no teléfono 986 35 75 54 de luns a venres en horario de 8:30 h a 13:30 h.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.175 deles 1.424 son da área da Coruña, 810 da de Lugo, 429 da de Ourense, 323 da de Pontevedra, 344 da área de Vigo, 688 da de Santiago, e 157 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 3.971 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.649 persoas curadas, rexistrándose 659 falecementos. O número de PCR realizadas é de 363.957.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
O vindeiro xoves 10 de setembro ás 20 h no Multiusos da Xunqueira de Redondela a Sociedade Cultural do Viso realizará a presentación da publicación da que é responsable e que versa sobre o patrimonio cultural da parroquia do Viso. Con retraso, por mor do covid-19, a entidade cultural dá a coñecer este traballo de recompilación e documentación do patrimonio da parroquia que foi encomendado a A Citania, coordinando Xurxo Constela todo o traballo de recollida, búsqueda documental e redacción.
Contarase na presentación co coñecido arqueólogo redondelán que exporá os obxectivos e a intención de recoller nun documento a maioria do patrimonio do Viso, un xeito de dalo a coñecer e sobre todo respetalo para que perdure no tempo.
Neste traballo caracterízase a parroquia dende a perspectiva do territorio, visualizando a parroquia en base as diferencias orográficas existentes e aoss aspectos do medio que máis salientan. Profundízase na historia lembrando as diferentes épocas e culturas que pasaron por estas terras e remátase percorrendo o patrimonio material do Viso a través dunha serie de itinerarios que seguramente axuden a visualizar á veciñanza a súa parroquia dende outra perspectiva e, ao visitante guialo no seu percorrido cultural pola zona.
O acto precisará inscrición previa polo control de aforo por mor da COVID-19. Esta poderá realizarse presencialmente na Oficina de Turismo de Redondela sita na Casa do Concello en horario de luns a sábado de 11-14 h e de 15-19 h. Telefonicamente pódese realizar de luns a venres de 11 a 14h no 986400300 preguntando pola oficina de turismo ou mediante correo electrónico en [email protected].
Nun inicio de curso atípico, marcado pola pandemia da COVID-19, o Concello de Redondela quixo lanzar unha mensaxe de apoio aos centros escolares ao afirmar que “os colexios do municipio contarán co apoio deste Concello incluso en medidas que sáense da estrita competencia municipal”.
A alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros mantiveron durante esta pasada semana, ao igual que o farán na vindeira, encontros coas directivas e docentes dos centros escolares. Trátase, segundo sinalou Digna Rivas, de facerlle ver á comunidade educativa “que non están sós na loita pola seguridade dos nenos e nenas e que sempre poderán contar co seu Concello”.
Nesa liña de cooperación, a alcaldesa e a concelleira adiantaron que o Concello dotará a todos os colexios dunha persoa que realiza unha limpeza e desinfección polas mañás a maiores da que se realiza tamén pola tarde”. Esta limpeza ‘extra’ supoñerá un importante desembolso económico por parte do concello “pero a saúde e seguridade dos nosos nenos e nenas está por enriba de calquera outra cuestión”, afirma Olga García.
A concelleira de Ensino gabou o traballo que durante todo o verán veñen facendo os colexios “facendo horarios, reorganizando aulas, medindo espazos, deseñando circuítos para evitar, na medida do posible, o cruzamento de nenos e nenas, comprando material –papeleiras con tapa, dosificadores, xel hidroalcohólico…– ademais de establecer un protocolo e acondicionar unha aula COVID-19”.
Nos centros dependentes do Concello como son a Escolas de Ensino Infantil (EEI) de San Pedro de Cesantes; Ventosela e Marisma, amais do CEIP Santa Mariña, estanse a desenvolver traballos de pintura, carpintería e fontanería “de cara a que o día 10 de setembro os centros estean en condicións óptimas para iniciar o novo curso”. A maiores procédese tamén a realizar rozados e acondicionado de entradas porque este ano, explica Olga García, “serán varias en cada centro e escalonadas para evitar a aglomeración do alumnado”.
Ante o traballo realizado polos centros escolares para que nenos e nenas poidan iniciar o curso coa maior seguridade posible, a alcaldesa Digna Rivas lamentou que a Xunta de Galicia “bote balóns fora e descargue toda a responsabilidade do inicio do curso, coa complexidade engadida que ten este, nos equipos directivos, profesorado, ANPAS e concellos”.
Ao igual que aconteceu durante o estado de alarma, lembra a rexedora local redondelá, “os concellos tivemos que asumir competencias que non eran nosas para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas” e, a modo de exemplo, pon os “máis de 70 routers de internet que houbo que mercar con fondos propios para que os nenos e nenas que carecían de conexión á rede puideran seguir as clases de xeito telemático”. Era esta unha competencia da Xunta de Galicia que nos tivemos que asumir “para que os nosos nenos e nenas puideran continuar o curso”.
Non estaría de máis, finaliza Digna Rivas, que a Xunta de Galicia amosase “un mínimo de agradecemento, e axudase aos concellos a afrontar tarefas que se san fora das súas competencias”. En todo caso a alcaldesa de Redondela deixa claro que “dentro ou fora das nosas competencias, a saúde e seguridade dos nosos nenos e nenas é prioritaria e o Concello velará e poñerá todos os medios precisos a fin de garantila”.
Logo da nova publicada nun medio de prensa onde se atribúe a EU a convocatoria dunha asemblea da veciñanza das Rúas Vidales Tomé, Santa Ana e Oriente, Esquerda Unida de Ponteareas vén de aclarar que “en ningún caso foi a promotora deste evento”. “A participación nas mobilizacións veciñais é o normal e debe ser unha constante en EU” pero aclara que o feito de que algún membro da organización participara en dita asemblea “coma unha persoa máis, non quere dicir que esta organización sexa a promotora”.
Por outra banda, EU ponteareas chama a atención sobre “o mal que se informa na nova” e lembra que o proxecto que se está a executar “non é o mesmo que o aprobado no ano 2017, se non que é outro aprobado polo Pleno en maio de 2019, de menor envergadura e ao que tamén se votou a favor por parte de esta organización. Parece oportuno o rigor informativo”, afirma a formación asemblearia.
Esquerda Unida lembra, por outra parte, que esta obra “non supón un incremento das emisións de CO2, ao substituír o consumo de combustibles fósiles, que xa se estaba a facer, polo consumo de biomasa”.
Independentemente destas consideracións e atendendo ás inquietudes veciñais, EU insta ao Concello “a que escoite á veciñanza e considere a localización da planta noutro lugar onde non supoña unha redución do espazo dos terreos da residencia de maiores”.
A soprano e catedrática de canto ponteareá, Teresa Novoa, ofrecerá este domingo día 6 ás 20:30 horas un concerto no parque da Feira Vella dentro da programación cultural e festiva do mes de setembro. Nesta ‘noite lírica’ Novoa estará acompañada polo tenor Javier Palacios e a Orquestra Vigo 430 dirixida por Carlos RR.
A concelleira de Eventos, Cristina F. Davila, salienta a “ocasión única” que supón esta gala para escoitar e gozar das arias e dúos de ópera e zarzuela como Donde lieta Usci, Canción de la Luna, O Mio Babbino Caro ou Carceleras, entre outros grandes temas, na voz dunha das sopranos máis salientables do panorama lírico nacional e internacional.
Teresa Novoa ten actuaco no Auditorio Nacional, Teatro Monumental e Teatro de La Zarzuela de Madrid, Arriaga de Bilbao, Palacio da Ópera de A Coruña, Villamarta de Jerez, Cervantes de Málaga, Campoamor de Oviedo, Palacio de Festivales de Santander, Palau de la Música de Valencia, etc., así como na maioría dos auditorios de Galicia e os máis importantes de cidades como Palma de Mallorca, Tenerife, Las Palmas de Gran Canaria, Granada, Valladolid, etc.
Teñen sido numerosas as súas actuacións no estranxeiro destacando o concerto inaugural do Festival Don Quichotte de París no Vingtième Théâtre ou a Bienal de Música de Toulouse, así como Buenos Aires e Mar del Plata en Arxentina, Caracas e Valencia en Venezuela, Salvador de Bahía en Brasil, Siena e Venecia en Italia, A Habana en Cuba, ademáis de cidades de Alemania e Portugal.
Pola súa banda o tenor valencián Javier Palacios ten sido premiado en diversos concursos internacionais de canto, como o Concurso Nacional de Canto de Logroño, Concurso Internacional Manuel Ausensi de Barcelona, Concurso Internacional As.Li.Co de Milán, ademáis de outros galardóns. A súa traxectoria profesional teno levado por teatros de ópera e auditorios de todo o mundo.
A Orquesta Vigo 430 recibíu o Premio Martín Códax da Música no ano 2014 e colabora habitualmente con grandes solistas de talla internacional, realizando ademáis diversas grabacións discográficas, apoiando activamente a nova creación musical, con estreas de novas obras ou incluíndo no seu repertorio a compositores galegos contemporáneos.
Os e as interesadas en reservar butaca na Feira Vella poderán facelo no número de teléfono 618 705 635 ou no mail [email protected]
A Concellería de Vías e Obras do Concello de Baiona que xestiona Óscar Martínez, vén de instalar céspede artificial no CEIP de Belesar de cara ao comezo de curso. Segundo sinalou o concelleiro, dita instalación da resposta “á petición expresada por nais e pais dos e das escolares así como polo propios responsables do centro educativo”.
Tal e como explicou Óscar Martínez, para a instalación foi preciso dispoñer unha capa de xabre, retirándose as pedras existentes para, posteriormente proceder á colocación do céspede artificial nunha superficie aproximada de 200 metros cadrados o que permitirá “aos nenos e nenas xogar con maior comodidade”, sinalou o concelleiro.
Martínez engadiu que os traballos buscan “mellorar a seguridade no centro para os máis pequenos, amais de presentarse como a mellor opción en termos de sustentabilidade e mantemento”.
Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, subliñou que con esta mellora nas instalacións “o Concello reafírmase no seu compromiso coa educación pública de calidade e cos cativos e cativas do municipio”.
A concentración convocada polo BNG de Redondela en defensa da sanidade pública e de calidade que tivo lugar este venres fronte ao centro de saúde, contou co apoio dun numeroso grupo de redondeláns e redondelás, “que demandan melloras na atención sanitaria”. Tanto usuarios e usuarias, como o persoal facultativo avogan por unha maior contratación de profesionais.
No acto intervíu o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, que salientou as carenzas do Centro de Saúde de Redondela. De catorce médicos e médicas, tres non se lles cubriron as vacacións o que supón unha sobrecarga para compañeiros, que deben atender ata medio cento de doentes por día. En canto ao servizo de pediatría, dos catro en plantilla, unha praza está sen cubrir por unha baixa, dende hai máis dun ano, mentras que outra está compartida con outros centros de saúde.
O acto servíu para que Alexandra Fernández, se estreara nun acto público como nova deputada do BNG. Animou á veciñanza a “seguir defendendo a sanidade pública, porque é nosa”, mentras que rexeitou a estratexia de Feijóo, de tentar silenciar a problemática da saúde. Denunciou que a fórmula de atención telefónica, pode ser unha nova estratexia do PP, para deteriorar a Atención Primaria, co obxectivo de reducir persoal sanitario. Demandouse unha mellora na contratación, para mellorar a atención diagnóstica.
O BNG rematou o acto, emprazando á veciñanza redondelá, a seguir movilizándose a prol da Sanidade en Redondela
“A pesar da covid, os datos téñennos que animar”, destacou Carmela Silva ao confirmar que a provincia de Pontevedra, cunha ocupación media en establecementos hoteleiros do 54,4 %, mantén o seu liderado en Galicia. “Sendo moi consciente da situación do sector turístico –asegurou a presidenta da Deputación– os datos amosan que o noso destino ten unha enorme fortaleza e que o noso modelo de turismo sustentable é o camiño correcto. A xente escolle este ano precisamente o modelo no que levamos traballando cinco anos”. Neste eido, a presidenta da Deputación explicou que a provincia sitúase no ‘top5’ dos destinos turísticos favoritos do estado, sendo elixida pola metade das persoas que chegan a Galicia para aloxarse. Tamén enxalzou Silva os datos “espectaculares” do turismo rural que, neste 2020, mesmo superou os rexistros do 2019.
“Obviamente, sabíamos que os resultados ían ser peores aos do 2019 pero as previsións estaban moi por debaixo dos resultados finais que demostran que temos un proxecto turístico moi asentado e potente”, asegurou a presidenta da Deputación. Neste eido Silva, que aproveitou tamén para enxalzar “o enorme esforzo” do sector privado para garantir a seguridade das persoas turistas, recordou que dende fai cinco anos a institución provincial está a impulsar un novo modelo turístico “ligado á sustentabilidade, ao turismo non masificado, ao patrimonio, á paisaxe que, en tempos de covid, é o que demanda a xente”. Ao respecto, a presidenta insistiu en que “este é o camiño que temos que seguir, facendo un enorme esforzo para propoñer accións nesta liña, xerar emprego, dinamizar a actividade económica e situar á provincia de Pontevedra como destino seguro que cumpre coas demandas do novo turismo”.
“
Carmela Silva: “Somos moi conscientes de que o sector fixo un enorme esforzo e os datos amosan que o noso destino ten unha enorme fortaleza e que o modelo de turismo sustentable é o camiño correcto”
Máis polo miúdo, o observatorio de Turismo Rías Baixas rexistrou unha ocupación media durante xullo de preto do 50 % e en agosto do 61 % na provincia de Pontevedra. Por comarcas, O Salnés acadou un 49,5 % en xullo e en agosto o 62,1 %, destacando localidades como Sanxenxo, que en xullo superou o 50,5 % e en agosto o 65,5 %, ou O Grove, cunha ocupación do 53,2 % en xullo e do 63,9 % en agosto.
No que respecta á comarca de Pontevedra, xullo rexistrou unha porcentaxe do 45,3% e en agosto do 61,6%. Neste caso, a cidade de Pontevedra superou o 42,4% en xullo e en agosto chegou ao 63% (con picos maiores na primeira quincena do mes) e vilas como Poio remataron agosto mantendo o 70% de ocupación.
A comarca de Vigo chegou ao 47,6% en xullo e ao 59,2% en agosto. Neste caso, a presidenta destacou as cifras de Baiona, cun 58,3% de ocupación en xullo e un 75,4% en agosto, e as da cidade de Vigo que superou o 50% en xullo e o 61% en agosto,e que foi a que rexistrou o menor descenso en canto a visitantes e noites contratadas de Galicia (con 19.877 visitantes e 50.078 noites contratadas). Tamén no caso de Vigo, Silva indicou que as persoas visitantes aloxáronse 2,52 días de media en xullo, “o que supón o maior dato dende agosto de 2013 e mesmo que do ano pasado, cando foi de 2,4 días”.
Pola súa banda a comarca do Morrazo acadou un 66,7% en xullo e o 77,2% en agosto; a do Baixo Miño un 49,7% en xullo e un 68,3% en agosto; as do Condado e da Paradanta sumaron un 46,7% en xullo e un 68,3% en agosto e as de Deza e Terra de Montes un 37,8% en xullo e un 47,3% en agosto.
“Datos extraordinarios” no turismo rural
En canto aos establecementos de turismo rural os datos foron, segundo destacou a presidenta da Deputación, “extraordinarios” ao rexistrar unha media do 72,35 % no verán, cun 65,3 % en xullo e un 79,4 % en agosto. “En xullo rexistrouse unha ocupación de ata 9,3 puntos máis que a do mesmo mes de 2019, cando chegou ao 56,7 %, e en agosto mantivéronse os datos”, destacou Carmela Silva.
No que respecta a comarcas, O Salnés acadou un 59 % en xullo (superior en 1,1 puntos ao mesmo mes do ano pasado) e en agosto un 69,9 %, con cifras que superaron o 80 % en xullo e o 85 % en agosto en vilas como Sanxenxo. A comarca de Pontevedra superou o 58,9 % en xullo e o 75,3 % en agosto, con datos que chegaron ao 100 % nos establecementos de turismo rural capital da provincia. Pola súa banda O Morrazo rexistrou un 80,6 % en xullo (cinco puntos máis que no 2019) e un 88,9 % en agosto; Caldas un 66,4 % en xullo (19,7 puntos máis que en 2019) e un 83,2 % en agosto; a comarca de Vigo o 48 % en xullo (8,4 puntos máis que o mesmo mes do ano pasado) e o 70 % en agosto; O Baixo Miño o 82,4 % en xullo (9,34 puntos máis que en 2019) e o 92 % en agosto (1 punto superior a agosto de 2019); as comarcas do Condado e A Paradanta un 69,7 % en xullo (9,2 puntos máis que no 2019) e un 73,1 % en agosto (2,2 máis) e Deza e Terra de Montes un 57,5 % en xullo (18,4 puntos máis que xullo de 2019) e un 73,1 % en agosto (2,2 puntos máis).
Cámpings e vivendas turísticas
No que respecta aos cámpings da provincia a media foi do 61,15%, sendo do 57,5% en xullo e do 64,8% en agosto. Neste eido, en vilas como Sanxenxo a ocupación chegou ao 38,4% e ao 52,5% en xullo e agosto respectivamente, no Grove ao 56 e 66% e en Vigo ao 80 e 90%.
Pola súa banda, as vivendas turísticas acadaron unha ocupación en xullo do 68%, seis puntos inferior á rexistrada no 2019, e en agosto, na primeira quincena, do 90%, tal e como explicou a presidenta. Ao respecto, Silva destacou que a maioría das persoas visitantes, “principalmente familias”, viñeron por vez primeira ás Rías Baixas, “seguramente para evitar destinos masificados”, e fixo fincapé na “elevada ocupación” do interior da provincia, ”cunha alta demanda de casas illadas, con piscina e xardín”.
Os Castelos tamén gañaron á Covid
Os castelos de Sobroso e Soutomaior foron visitados en xullo e en agosto por 12.840 persoas, rexistrando en agosto ata 350 persoas máis que no mesmo mes do 2019. Amais, só se contabilizan aqueles que pasaron polas taquillas polo que habería que sumar todas as persoas que asistiron ás actividades, ademais daquelas que desfrutan dos xardíns fora das visitas guiadas
Perfil: turismo nacional
No que respecta ás persoas turistas que acudiron á rede de oficinas Info Rías Baixas, case o 100 % procedían do resto do estado, principalmente de Madrid, País Vasco, Navarra e Cataluña. O turismo estranxeiro, como ocorreu no resto do estado, foi case irrelevante non superior ao 5 %.
Desde a concellería de Cultura de Mos, que dirixe a edil Sara Cebreiro, infórmase da reapertura do cíber sito na Biblioteca Municipal a partir do vindeiro 14 de setembro, luns, en horario de 10:00 horas a 21:00 horas.
Hai que recordar que o horario de apertura ao público do cíber, coincidirá co horario que xa viña tendo a Biblioteca Municipal de Mos.
As instalacións abriranse con todas as medidas de seguridade e prevención ante a COVID-19 pertinentes e, para elo, os/as usuarios/as interesados na utilización das mesmas deberán facelo tras ter solicitado cita previa telefónicamente, chamando ao número da biblioteca: 986 338 080.
Deste xeito, poderán asegurarse o número de postos e unha correcta desinfección dos mesmos entre os/as usuarios/as.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.137 deles 1.446 son da área da Coruña, 804 da de Lugo, 417 da de Ourense, 308 da de Pontevedra, 337 da área de Vigo, 677 da de Santiago, e 148 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 177 en unidades de hospitalización e 3.943 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.438 persoas curadas, rexistrándose 656 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 359.055.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
A veciñanza de Nigrán e a súa contorna xa pode depositar os seus residuos eléctricos e electrónicos no punto limpo, tralas obras de acondicionamento acometidas pola Deputación de Pontevedra no marco do proxecto europeo ESTRAEE. A deputada Iria Lamas visitou esta semana as instalacións, acompañada do alcalde, Juan González, e destacou a aposta que a institución provincial e os concellos están a facer pola recollida e reutilización dun tipo de lixo especialmente contaminante e que require de exhaustivos protocolos para o seu manexo.
As obras realizadas, cun orzamento de 20.000 euros, consistiron na dotación de nova iluminación e colocación de portas corredoiras con peche de seguridade. Construíuse, ademais, unha pequena edificación no nivel superior, apegada ao edificio existente para a súa utilización como almacén dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). As instalacións tamén quedaron dotadas de sistema de protección antiincendios e paneis indicativos. Finalmente, a Deputación achegou unha máquina transpaleta para facilitar o transporte dos palés e os recipientes de recollida. A estrea do modernizado punto limpo quedou complementada cunha campaña informativa consistente na colocación na Casa do Concello dun tótem con toda a información, ademais dunhas pequenas caixas para recollida de pilas, teléfonos móbiles ou cargadores.
A deputada Iria Lamas destacou a aposta da Deputación por contribuír á reciclaxe dos RAEE, residuos que están en crecemento exponencial e que inclúen metais pesados e gases lesivos para a atmosfera. Así, enmarcou a iniciativa nas políticas medioambientais da Deputación de Pontevedra e no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU. Pola súa banda, o alcalde, Juan González, agradeceu o apoio da Deputación e a aposta pola reciclaxe. Valorou, ademais, que as obras se teñan rematado precisamente agora, pois durante o confinamento, explicou, retiráronse moitos “trastos” das vivendas e no caso dos aparellos eléctricos e electrónicos agora queda moi claro onde e como hai que depositalos.
Punto limpo de Nigrán
A partires de agora o punto limpo de Nigrán, que está situado na rúa da Gándara (A Camesella), queda preparado para a recollida de electrodomésticos vellos e aparatos do fogar que funcionen con corrente eléctrica. A instalación está aberta en horario de 16.00 a 19.00 horas de luns a xoves, mentres que os venres e sábados funcionará en horario de 10.00 a 14.00 horas. Tamén é posible solicitar a recollida domiciliaria dos RAEE máis voluminosos a través do teléfono 900 700 111.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).
Acompañar aos traballadores e traballadoras do mar durante a faena e coñecer en que consiste o seu labor, que aparellos empregan, que especies capturan, en definitiva, achegarse á súa profesión e á súa relación co noso Atlántico, é o que ofrece o turismo mariñeiro. Unha experiencia para descubrir todo o esforzo que hai detrás dun mexillón, unha ameixa ou un sargo e valorar os recursos que ofrece o océano.
O GALP Ría de Pontevedra, en colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, traballa para que desde sector se animen a poñer en marcha este tipo de iniciativas e divulguen o seu ben facer e a calidade do produto local, no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, que se atopa na súa terceira fase de execución.
O vindeiro 24 e 25 de setembro celebrarase a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo, así como tres actividades para divulgar o marisqueo entre a comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal. Así o acordaron na reunión mantida esta mañá en Marín, a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, a xerente do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo Martínez, a representante da Asociación Mar Seguro de Galicia, Paula Pardo Fernández, a técnica de Babadiva Ambiental, Mª Teresa Ramos Covelo, e Loreto Alonso Santoro de Spica sistemas audiovisuais.
A crise do coronavirus fixo que o programa previsto para a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo tivese que mudarcara aunha fórmula que combinará conferencias online e presenciais.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a primeira xornada do evento o día 24 de setembro, de 16:00 a 19:00 horas. Trala inauguración e presentación do congreso, que poderá seguirse en streaming, darán comezo as seis exposicións, tres delas online. As exposicións farán unha radiografía do estado no que se atopa o turismo mariñeiro en Europa e relatarán algunhas das experiencias que se están a desenvolver en Galicia, Portugal ou Cerdeña (Italia). Ademais, informarán sobre os resultados do programa Mar das Illas 3.
As entidades e persoas interesadas en acudir a este evento deberán inscribirse previamente; o aforo será para un máximo de 30 asistentes. Todos eles estarán obrigados a cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias pertinentes (uso de máscaras, xel hidroalcohólico e distancia física).
A Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo continuará o 25 de setembro coa realización dunha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con saída e chegada desde Cangas na que participarán esa trintena de persoas anotadas previamente.
Xornadas abertas
A finais deste mes, tamén se poñerán marcha tres xornadas abertas á cidadanía co obxectivo de que as mariscadoras e mariscadores das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo lles conten aos visitantes como é o seu día a día na praia, que aparellos e técnicas utilizan para mariscar, os trazos característicos de cada especie. Trátase dunha actividade dirixida á comunidade educativa deBueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal.
Proxectos
Este ano naceron ao abeiro deste proxecto seis novas iniciativas, tres de turismo mariñeiro e tres de pesca-turismo. Desde Sanxenxo, Sauro Martínez Durán, explicaralle todo sobre a pesca artesanal aos viaxeiros, e Francisco Javier Costa García, desde Cangas, fará o mesmo coa pesca con palangre.Pola súa banda, Rosa María Millán Romero, na Pobra do Caramiñal, e Severino Casal Viz, en Redondela, ocuparanse de dar a coñecer as características do marisqueo a pé. E en Vilanova de Arousa, Eduardo Martínez Romero, informará sobre o cultivo do mexillón e José Manuel Agulla Piñeiro descubriralles a cultura mariñeira da vila de Bueu.
O proxecto de cooperación Mar das Illas conta coa colaboración do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial das Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia. Está financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo hoxe poñer en valor a grande acollida á programación para a reactivación cultural e deportiva na provincia, que xa ten mobilizado este verán a preto de 8.000 persoas. ”Unha cifra –dixo– da que estamos especialmente orgullosas e orgullosos porque sempre hai que ter en conta que nesta situación da Covid-19 tivemos que reducir aforos e tomar todas as garantías sanitarias, o que amosa que a xente está desexosa de cultura e de realizar actividades deportivas ligadas á natureza”. Deste xeito, a presidenta insistiu en que a Deputación seguirá a apostar “por estas demandas cidadás que son habituais, pero que nesta situación de pandemia moito máis”.
Coas actividades do programa ‘Re-acción cultural”, a Deputación foi a administración que, como subliñou Carmela Silva, “máis cultura espallou por toda a provincia. E imos seguir nesta liña no mes de setembro, cun amplo programa de actividades que aínda nos queda por desfrutar”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación fixo un pormenorizado balance das propostas levadas a cabo nestes meses e avanzou algunhas das previstas para este mes de setembro. O programa de música clásica en enclaves patrimoniais da provincia, ‘Música no Ar’, xa tivo nas 9 actuacións programadas ata agora 800 asistentes (quedan as de Forcarei, Baiona, Silleda, Agolada e As Neves), mentres que ‘Re-acción nos Castelos’ congregou a 700 persoas nos dez eventos celebrados ata agora. Quedan dous en setembro, pero unicamente quedan entradas para o último dos previstos, o día 17 en Soutomaior, co espectáculo de música e narración de Vero Rilo e Sonsoles Penadique.
No programa Musigal nos 22 concertos celebrados a cargo de 18 grupos musicais, reuniron a 3.200 persoas. Para setembro están programadas outros catro: o de Óscar Ibáñez en Vila de Cruces este sábado, día 5; Xabier Díaz tamén nesa xornada en Ponteareas e os de Leilía en Salceda o día 12 e o 26 en Pazos de Borbén. No que atinxe ao programa Pontegal, no que vai de verán xa houbo 102 actuacións a cargo de 103 agrupacións artísticas en 32 concellos e para setembro hai xa 30 solicitadas.
Carmela Silva referiuse así mesmo ao éxito da Escola de Letras, que este mes de setembro retoma a súa actividade con catro novos obradoiros en Pontevedra e Vigo, así como aos Roteiros Literarios e de Arquitectura, que arrancarán este domingo 6 en Baiona coa autora Iria Misa e que xa teñen todas as súas prazas cubertas para este mes e para outubro. “Estamos desbordados porque tan só nun fin de semana esgotáronse as prazas das doce rutas –indicou–. Temos unha lista de espera moi considerable e polo tanto temos claro que para a vindeira edición hai que aumentar o número de roteiros”
No marco das exposicións, destacou a gran acollida á mostra ‘Tecendo a natureza’, cos cestos tradicionais de Enrique Táboas que se expoñen ata o vindeiro día 13 no Mercado de Abastos de Mondariz. “Está a ter moitísimo éxito entre outras cousas porque Mondariz era un dos concellos referenciais no que ten que ver coa cestería”. A presidenta avanzou tamén que entre outubro e decembro a Deputación prepara a volta ao teatro co ciclo ‘Prendendo Butacas’, que ofrecerá dez actuacións noutros tantos concellos (Vila de Cruces, A Estrada, Cuntis, A Illa de Arousa, Moaña, Vilaboa, Mos, O Rosal, Mondariz e A Cañiza), a cargo de compañías profesionais da provincia.
Nas actividades englobadas en ‘Vive Deporte’, o programa DepoAndainas xa mobilizou a 600 persoas. “Duascentas –explicou– xa participaron na primeira destas camiñadas o 9 de agosto pola Ruta dos Muíños de Fraga en Moaña, outras 200 o fixeron na segunda o 30 de agosto na ruta da Fervenza de Callobre, na Estrada. E xa completamos as outras 200 prazas da terceira e última ruta polo Val das Fadas (A Cañiza), que se vai celebrar o día 20 de setembro”. Tamén está completa con 200 persoas a primeira das dúas rutas Depo Orienta, que terá lugar este domingo 6 de setembro polo Monte do Galiñeiro, “e con nada menos que 80 persoas en lista de agarda”. Para a segunda das rutas, o 27 de setembro pola Lagoa de Castiñeira, abrirase o luns que vén o prazo de inscrición. E, no que atinxe á primeira DepoRutas BTT en Ponteareas o 13 de setembro, a inscrición suma máis de 100 persoas.
Por último, Carmela Silva subliñou que trala gran acollida ao programa ‘Bosques Terapéuticos’, con 30 rutas por cinco parques forestais da provincia das que quedan por celebrar 9 este mes, a Deputación “vai manter e reforzar este proxecto cara a súa seguinte edición” o ano que ven. Hai que destacar que as 450 prazas esgotáronse en cuestión de horas, “pero amais, a validación da xente que participa está sendo moi sobresaínte”.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañado polas concelleiras e concelleiros que forman parte da Comisión de Seguimento da COVID19 nos centros escolares, e membros do grupo de Goberno, explicou hoxe as medidas que o Concello poñerá en marcha para cumprir as recomendacións sanitarias da Xunta de Galicia no que fai referencia á seguridade dos nenos e nenas que nestas datas comezan o novo curso.
O concelleiro de Educación do Concello de Baiona, Óscar Carreño Miniño, sinalou que “é imprescindible” recuperar a normalidade na actividade escolar “coas necesarias precaucións na hixiene, limpeza e distanciamento físico”.
Carreño apuntaba a importancia da Comisión de Seguimento da COVID19 nos centros escolares como unha ferramenta que permita “implantar e dar seguimento ao mencionado protocolo nos colexios, edificios propiedade do Concello así como daquelas actividades a desenvolver polo mesmo”. Cómpre lembrar que da Comisión forman parte o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a concelleira de Deportes e Cultura, Miriam Costas; a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira e o concelleiro de Ensino, Óscar Carreño Miniño.
Óscar Carreño Miniño, concelleiro de Educación do Concello de Baiona
Nesa liña, o edil responsable de Educación adiantou que o Concello xa cursou as necesarias intrucións de cara a recoller ás necesidades de cada centro escolar en canto a limpeza e hixiene de cara a “cuantificalas para coñecer o seu custe e cumprir do xeito máis rigoroso posible o protocolo da Xunta de Galicia”.
Do mesmo xeito Óscar Carreño subliñou o “contacto permanente” que o Concello mantén con ANPAS, equipos directivos dos colexios e Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación “para poder resolver os problemas que se están presentando ou que se poidan presentar”. Asi mesmo, o concelleiro de Educación agradeceu “á colaboración” das ANPAS e a “implicación das direccións dos centros educativos e a boa disposición e diálogo coa Consellería de Educación”.
Carlos Gómez, alcalde de Baiona
“Non é o momento para guerras políticas”
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, na súa intervención, reafirmou “o compromiso do Concello de Baiona coa comunidade escolar” e, a preguntas dos xornalistas sobre se a Xunta de Galicia facía recaer toda a responsabilidade sobre as directivas dos colexios, ANPAS e os propios concellos, amosouse rotundo ao afirmar que “este non é o momento de guerras políticas. É o momento de colaborar e traballar todos cun único obxectivo, a seguridade dos nosos nenos e nenas”.
Aproveitou a ocasión o rexedor local para agradecer “o comportamento exemplar da veciñanza de Baiona dende o inicio do confinamento ata o día de hoxe”, un comportamento, aclarou, “que fixo que durante este tempo Baiona contase tan só con 6 casos activos por coronavirus dos 21 que se deron na comarca do Val Miñor”.
Estas cifras, subliñou Gómez, “supoñen tamén un chamamento á tranquilidade pero tamén a non baixar a garda e seguir mantendo todas as medidas de prevención recomendadas”.
O Castelo de Dona Urraca de Salvaterra de Miño vén de ser incluído na ‘Rede Nacional de Patrimonio Histórico, Castelos e Palacios de España’, o que supón un recoñecemento a “un dos espazos que menos alteracións arquitectónicas sufriu co paso dos anos” e “un dos edificios máis representativos da comarca do Condado do Tea”, sinala a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel.
A adhesión do Castelo de Dona Urraca a esta rede contribúe á mantenza viva deste espazo, que forma parte da identidade da vila, dándolle maior visibilidade e desenvolvendo interesantes sinerxías entre administracións públicas e privadas. Na actualidade, o Castelo acolle o Museo da Ciencia do Viño do Condado, un espazo “que rende unha homenaxe ao noso rural e a un produto tan noso como é o viño e a viticultura”, apunta Valcárcel.
A ‘Rede Nacional de Patrimonio Histórico, Castelos e Palacios de España’, que conta co apoio da Secretaría de Estado de Turismo e Turespaña, trae aparelladas interesantes vantaxes coma o recoñecemento nacional e internacional do espazo histórico –e por extensión do destino turístico: Salvaterra de Miño–; a mellora de imaxe e posicionamento de destino; a redución de costes derivados da promoción, comunicación e comercialización ou a súa proxección tanto nacional como internacional.
Spain Heritage Network é a plataforma tecnolóxica da ‘Asociación y Club de produto turístico de Castillos y Palacios de España’. Este club de produto de turismo cultural pretende reunir, nunha mesma rede, aos castelos e palacios máis importantes de España, tanto dende o punto de vista histórico como arquitectónico, para contribuír a súa posta en valor e para a súa difusión e desfrute por parte de todos.
Cada castelo membro da rede, como é o caso do Castelo de Dona Urraca de Salvaterra de Miño, dispón dunha miniweb con toda a información acerca da súa historia, as súas personaxes e a súa oferta turística.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.082 deles 1.445 son da área da Coruña, 796 da de Lugo, 412 da de Ourense, 279 da de Pontevedra, 327 da área de Vigo, 673 da de Santiago, e 150 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 15 están en UCI, 171 en unidades de hospitalización e 3.896 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.200 persoas curadas, rexistrándose 656 falecementos. As catro últimas persoas falecidas foron dúas mulleres de 84 e 62 anos, que estaban ingresadas no HULA e no CHUAC, respectivamente; e dous homes de 88 e 59 anos, ambos ingresados no HULA. Todos eles presentaban patoloxías previas. O número de PCR realizadas é de 354.273.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
O xoves 3 de setembro varias traballadoras do concello da Guarda fixeron a proba do PCR dando positivo por coronavirus. As traballadoras afectadas conforman un grupo que traballa formando unha burbulla e sen contacto estreito con outros traballadores. No día de hoxe, Sanidade comezará a facer probas de PCR aos familiares destas traballadoras así como ás persoas coas que tiveron contacto estreito.
Así mesmo, o concello da Guarda mantivo este xoves unha reunión do Comité de Prevención e Saúde e trasladou a información ao servizo de prevención do concello, activando os protocolos e medidas de prevención correspondentes. Do mesmo xeito se mantivo informados aos portavoces dos grupos políticos do concello da Guarda.
Os afectados por coronavirus na localidade ascenden a 15 persoas asociadas a tres brotes familiares. Destacar que todos os profesores e o resto de nen@s da ludoteca deron negativo por PCR do mesmo xeito que tamén deron negativo todos os traballadores e usuarios da residencia de maiores Monte Tecla.
Dende o concello tamén queremos transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación en xeral indicando que se está facendo o necesario para rastrexar e controlar os brotes. Temos que ser conscientes da nosa vulnerabilidade, o virus está aí e debemos tomar as medidas de prevención recomendadas para evitar o seu espallamento: distancia social, hixiene de mans e uso da mascarilla.
O proxecto consiste na mellora da accesibilidade e mellora ambiental en Praia América, coa instalación dun observatorio de aves na zona de protección ambiental da desembocadura do río Muíños, adaptación da pasarela de madeira e da varanda existentes, e instalación de pasarelas de madeira para o acceso á praia.
Complétase coa eliminación de plantas exóticas invasoras, a mellora de condicións dunha planta ameazada e a realización de actividades divulgativas e de sensibilización ambiental sobre o litoral.
Na fase da obra, como elemento integrador do proxecto, promoverase a reutilización e aproveitamento das estruturas existentes que se atopen en bo estado, de forma que os novos elementos sigan a mesma liña estética, e que non sexanecesaria a intervención nos cimentos da pasarela na duna. Igualmente os novos elementos a incorporar estarán realizados en materiais acordes coa contorna (madeira, corda), e empregaranse redes de pesca fora de uso para o peche da pasarela, tratando de vincular a actividade produtiva có espazo de lecer. Tanto as ferramentas como as técnicas empregadas procurarán o menor impacto no medio, xa que se trata dun espazo de protección natural.
“Se ben o proxecto corresponde a unha continuidade nas actuacións que se veñen realizando na zona nos anos anteriores, nesta ocasión consideramos innovadora a circunstancia específica de traballar na accesibilidade, creando un observatorio accesible, varandas de seguridade e pasarelas flexibles de madeira para acceder os areais, todo elo enmarcado no proxecto “Un Nigrán para todos”, declara Juan González.
Descrición da obra de mellora da accesibilidade
1. Construción dun observatorio de aves formado por pilares e peche de madeira para a observación da fauna na zona de protección ambiental. Actualmente non existe ningún espazo similar, e moitas aves sofren de estrés coa presenza humana. Este elemento permitirá a calquera persoa achegarse ao coñecemento da fauna mariña e costeira a unha distancia prudente pero o suficientemente cerca como para poder identificar as diferentes especies sen molestalas. No elemento haberá ocos de observación a diferentes alturas, un banco corrido e pequeno mesado para o apoio de guías de identificación ou prismáticos.
2. Construción dunha varanda de seguridade na pasarela existente na duna de Praia. A pasarela existente ten uns postes nos que existen uns arames moi deteriorados en algúns tramos, e desaparecidos noutros. A actuación prevista, ademais da substitución dos elementos en mal estado, empregará medidas de seguridade, engadindo unha soga de corda sobre a que se amarra unha rede de pesca como peche.
3. Construción dunha pasarela flexible de madeira para o acceso á praia en catro puntos da mesma. Na actualidade todos os accesos son de area, polo que as persoas con discapacidade física ou mobilidade reducida teñen problemas para achegarse. Moitas persoas no espectro da diversidade funcional teñen problemas para empregar esta pasarela, ademais de resultar insegura para calquera persoa (especialmente nenos/as ou persoas maiores) As pasarelas permiten o paso de cadeiras de rodas, carriños de nenos/as ou camiñar de forma segura a persoas con muletas, bastóns, etc.
D – Especificacións técnicas
1. Observatorio de aves de 5 x 2 m. Caseta observatorio de dimensións 5 x 2 en planta, con estrutura vista en taboleiros de madeira 70 x 70 mm tratada en autoclave e única parede frontal con paneis de madeira machiembrada 130 x 22 mm, tratada en autoclave clase de risco 4 para 2 a súa montaxe en obra, ocos de fiestras corridas de 50 x 120 cm, mesa corrida voada e banco corrido fixado ao chan de 30 cm de ancho. Toda a parte metálica (parafusos, fixacións, etc.) de aceiro inoxidable 316. Incluído transporte e montaxe sobre entarimado existente.
2. Varanda de 90 cm de altura formada por postes de madeira tratada en autoclave de 12 cm de diámetro separados 4 m, unidos pola parte superior e inferior cunha soga de corda sobre a que se amarra unha rede de pesca como peche.
3. Pasarela peonil flexible de 110 cm de anchura, formada por taboleiros de madeira de pino tratada en autoclave, de 110 x 15 x 5 cm, unidos entre si por 3 cordas, que serven para encadear los tramos de pasarela (4 accesos de 25 m.l. cada un).
O sendeirismo e a marcha nórdica daranse a man no desafío ‘La Icónica’ que se celebrará os días 26 e 27 de setembro. O primeiro día coa etapa entre Oia e A Guarda. A segunda comezará na desembocadura do río Miño e terminará en Tui. Todos estes concellos, incluíndo o do Rosal e Tomiño xunto ás cámaras municipais de Vilanova de Cerveira e Valença do Miño, uníronse a esta iniciativa da que se espera un amplo respaldo popular. O primeiro en inscribirse foi o actor, presentador de televisión e destacado deportista David Amor, que se converteu na imaxe da proba. As inscricións xa están abertas na web laiconica.es.
Todos co bastón que se utiliza na marcha nórdica. Así se presentaron as autoridades no acto que deu comezo oficial á iniciativa que de novo impulsa Serafín Martínez, o descubridor de novos formatos para realizar este tipo de proxectos nunha época tan complicada pola pandemia. Foi o encargado de desvelar algúns detalles, como a utilización do bastón. Respecto diso dixo que “aínda que poida parecer de que se trata dun elemento de apoio, a verdade é que se utiliza para lograr impulso. E ademais ten a vantaxe de que evite realizar unha gran carga de traballo físico sobre as costas”. Como deseñador do roteiro, indicou que cada participante terá un dorsal, tanto para a de sendeirismo como a da marcha nórdica, pero non se realizará ningunha clasificación final.
Ao acto asistiron Cristina Correa, alcaldesa de Oia, que destacou “a importancia de poñer en valor o patrimonio cultural e paisaxístico da zona”, a rexedora municipal do Rosal, Ánxela Fernández, que indicou “a necesidade de seguir contando con este espírito emprendedor de realizar actividades, o que é moi positivo para a sociedade”, e tamén José Monte, vareador de Deportes da Cámara Municipal de Valença do Miño, que incidiu “no importante valor de ter un evento deportivo que se realiza nun momento complicado pero que que pon en valor moitas cousas, como a capacidade de superación das persoas e a posibilidade de descubrir o noso patrimonio histórico”. No acto tamén estivo presente Laureano Alonso, concelleiro de turismo do Concello de Tui, e Montse Magallanes, concelleira de deportes do Concello da Guarda.
Carlos Amor, que é a cabeza visible da iniciativa, sinalou que “me parece sensacional que se realicen este tipo de iniciativas. Teño especial arraigamento co Baixo Miño, polo que é algo especial o poder participar de forma activa na Icónica”.
Serafín Fernández tamén desvelou que se sortearán varios agasallos entre os participantes, tanto no roteiro de sendeirismo como na de marcha nórdica, entre eles unha viaxe con estancia de varios días en Canarias. Ao mesmo tempo, premiarase tamén a mellor contribución ecolóxica, ao animar aos participantes á recollida de residuos. A Icónica sería os días 26 e 27 do presente mes de setembro, sábado e domingo, en Oia, O Rosal, A Guarda, Tomiño, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho e Tui. As inscricións pódense realizar na páxina web www.laiconica.es.
A partir de hoxe venres 4 de setembro, os interesados en participar na convocatoria para cubrir, en réxime de interinidade, tres prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello, poderán comezar a presentar as súas solicitudes.
Onte, xoves 3, publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 179) o correspondente anuncio oficial do Concello do Porriño.
Previamente, con data 20 de xullo, publicaronse no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), ás bases reguladoras do proceso selectivo, polo sistema de oposición libre.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais contados desde a data seguinte á da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, polo tanto, a contar desde mañá venres 4 de setembro.
A Concellería de Persoal quere aclarar que as persoas interesadas en participar no proceso selectivo, XA PODEN PRESENTAR AS SÚAS SOLICITUDES ANTE O CONCELLO, desde o venres 4, ben sexa por sede electrónica ou ben, de xeito presencial.
Para as persoas que acudan presencialmente a realizar o trámite ante o rexistro xeral do Concello, NON SERÁ NECESARIO SOLICITAR CITA PREVIA.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Xefe da Policía Local, Gerardo Álvarez, recibiron no Concello o coche modelo ‘Suv’ ECO híbrido que se financia con fondos propios do Concello mediante un renting e que forma parte da renovación e ampliación do parque móbil policial con dous novos vehículos cos que a administración local mosense aposta pola mobilidade sostible e a reducción de emisións contaminantes. Arévalo fíxolle entrega a Álvarez das chaves do novo coche policial.
Ademais deste coche modelo ‘Suv’ ECO híbrido, o outro vehículo trátase dunha furgoneta totalmente equipada para atestados, que conta con subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A axuda autonómica concedida para a adquisición deste furgón de atestados ascende a case 32.000 euros, 31.832,52 para ser exactos.
Estímase que a furgoneta de atestados recibirase aproximadamente a principios do vindeiro mes de outubro e é un vehículo ECO eléctrico que cubrirá as necesidades operativas e de autonomía da Policía, posto que debido á gran dispersión poboacional pode ter que realizar ao día máis de 400 quilómetros para atender as diferentes necesidades e denuncias veciñais. Polo que precisaban dun vehículo de baixo consumo.
O vehículo está dotado dunha oficina ambulante na cal poder redactar atestados sobre verteduras, distancias de malezas… cun posto de oficina formado por un asento para o axente redactor do atestado cunha mesa, así como unha parte reservada para, ou ben o denunciante ou ben o denunciado, dependendo das peculiaridades de cada actuación. O posto do axente estará provisionado cun equipo multitarea e unha impresora, así como dos habitáculos e espazos necesarios para poder levar os diferentes útiles, non só de oficina senón tamén todos os necesarios para levar a cabo todo tipo de medicións e comprobacións.
A Policía Local de Mos, dispoñía xa ata o de agora de 2 coches policiais e 1 motocicleta (tamén subvencionada pola consellería de Presidencia da Xunta xunto con outro dos 2 coches cos que xa contaba a Policía) cos que se realizan as tarefas de vixilancia. Ante o interese deste Concello na loita contra o cambio climático reducindo a emisión de CO2, adquirirase unha furgoneta ECO eléctrica de atestados que reúne as condicións necesarias tanto de espazo interno, equipamento e consumo ecolóxico.
Dende o pasado día 1 de setembro, o Concello de Redondela, a través da Concellería das Persoas Maiores que xestina a alcaldesa Digna Rivas, en colaboración con AFAGA, vén de retomar as actividades do Programa de Estimulación Terapéutica que se desenvolverán no Multiúsos da Xunqueira en Redondela, e no Multiúsos Piñeiral do Crego, de Chapela.
Para o inicio das actividades, durante a segunda quincena do mes de agosto AFAGA, en coordinación coa concellería de Servizos Sociais desenvolveu entrevistas coas familias de cara a explicar os protocolos e as medidas de adaptación destes obradoiros á nova normalidade.
Asemade realizáronse tamén entrevistas de valoración individuais coas persoas usuarias coa finalidade de comprobar os cambios –na maior parte, agravamento– do seu estado tras os meses de confinamento.
As novas solicitudes formuladas durante a suspensión da actividade a consecuencia da crise sanitaria pola COVID-19, foron derivadas para que o persoal de Afaga puidera realizar a oportuna valoración técnica de cara á inclusión de novas persoas nos obradoiros.
A concelleira de Persoas Maiores, a alcaldesa Digna Rivas, agradeceu o traballo desenvolvido polo persoal da Concellería de Servizos Sociais e persoal responsable de AFAGA “que durante moitas semanas estudaron e coordinaron todos os detalles para facer posible este reinicio da actividade e que se poida desenvolver nunhas condicións óptimas de seguridade e hixiene para todas as persoas participantes”.
O Programa de Estimulación Terapéutica desenvolverase os luns e mércores, de 10:30 h a 13:30 horas no Multiúsos da Xunqueira en Redondela e os martes e xoves, no mesmo horario, no Multiúsos do Piñeiral do Crego de Chapela.
Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos teléfono 986 22 97 97 de AFAGA ou ao 986 40 26 08 dos Servizos Sociais de Redondela. Tamén poden solicitar máis información no correo electrónico [email protected]
O Partido Popular reclama ao Concello da Cañiza, e ao seu alcalde, Luis Piña, que garanta a limpeza dos colexios de acordo cos protocolos de adaptación ao contexto da COVID e acabe coa incerteza que está xerando entre as familias. O voceiro do PP, Miguel Domínguez, di que as nais e os pais están pedindo que se responsabilice xa da limpeza dos centros de ensino e deixe de poñer escusas.
“Parece que está máis cómodo queixándose do custe da limpeza dos centros educativos da Cañiza que buscando solucións, e pasan os días e continúa sen aclarar se vai cumprir ou non co protocolo de volta ás aulas”, sinala, “a Piña non lle importa arriscar a saúde dos nonos fillos, a fin de contas, os seus fillos van a un colexio privado de Vigo”.
Domínguez recorda que a limpeza dos centros de ensino é competencia dos concellos, como así o recolle o artigo 25.2 da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local. “O texto é moi claro, e por iso o Goberno local debe asumir a súa responsabilidade sen máis dilacións e cumprir coa Lei”.
Nesta liña, incide en que neste momento a colaboración é fundamental, e por iso é necesario o esforzo de todas as administracións, tamén do Concello da Cañiza, para priorizar e asumir os custes ou modificacións nos horarios dos servizos de limpeza para poder cumprir coas directrices marcadas no protocolo. “Estamos nunha situación excepcional na que todas as administracións deben implicarse, e neste caso ao Concello correspóndelle cumprir co protocolo para garantir a limpeza e desinfección dos centros de infantil e primeira do noso concello, e deste xeito, dar unha resposta en firme que aporte seguridade ás familias”.
Por último, pídelle a Piña “que deixar de lado canto antes a propaganda e comece a responsabilizarse da súa xestión como alcalde, xa que parece que esqueceu que a súa nómina é a cambio de xestionar, tomar decisións e ofrecer solucións”.
A concellaría de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, convida a toda a cidadanía interesada en participar na elaboración do programa de actividades relacionadas co colectivo LGBTQI+. Trátase de realizar unha programación axeitada ás necesidades e demandas destas persoas, ademais de profundizar na concienciación para acadar unha sociedade en igualdade.
Para participar nesta inciativa online promovida polo Centro de Información á Muller (CIM), dentro da liña de participación cidadá marcada polo Goberno ponteareán, interesadas e interesados só deberán encher, ata o 25 de setembro, o cuestionario desta ligazón web.
Máis de 350 nadadores de 8 Comunidades Autónomas (Galicia, Asturias, Castela-León, Madrid, Andalucía, Valencia, Navarra e Cataluña) e unha importante representación de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 71 anos, participarán este domingo na X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que estará marcada por un estrito protocolo sanitario.
Entre os nadadores rexistrados destaca a participación do mozo Miguel Martínez Novoa, nadador do Real Club Náutico de Vigo de 19 anos, que parte co mellor tempo na proba de 4.000 metros (42 minutos); o adestrador do Club Natación Galaico de Pontevedra, Cristian Fernández Nieto (45 minutos), e o portugués Hugo Ribeiro (45 minutos), varias veces gañador desta proba, xunto coa súa irmá Soraia, que estará presente en Nigrán. Ambos os nadadores lusos volven este ano á travesía nunha edición moi especial xa que se cumpren dez anos. Na liña de saída tamén estarán Marcos Vila Cid, gañador en varias ocasións, do mesmo xeito que Lucas Costa, que se impuxo en 2018.
Tamén estarán a pelexar polo triunfo os nadadores coruñeses Gaspar e Alfonso Andrade, e o nadador do Club de Natación Pavillón de Ourense, Alberto Taboada Vila. Os tres participan por primeira vez na travesía a nado.
Na categoría feminina as favoritas son a portuguesa Soraia Ribeiro, que gañou en varias ocasións a travesía. Tamén participa a vencedora das tres últimas edicións, a viguesa Cristina García Marín, así como Mónica Incera e Cristina Torres, que tamén contan cos mellores rexistros na categoría feminina.
Así mesmo participa a nadadora paralímpica viguesa Susana Rodríguez Gacio xunto co seu adestrador Luís Piña. Susana é unha gran coñecedora da travesía pero, por distintos motivos profesionais, non puido participar en edicións anteriores e este ano volve de novo á cita en Nigrán.
Saída da edición de 2018
A organización tivo que realizar este ano unha serie de cambios para adaptarse á normativa sanitaria e garantir a máxima seguridade dos participantes como as saídas graduadas de dous nadadores cada 10 segundos tipo contrareloj nos percorridos de 800, 2.700 e 4.000 metros para evitar a aglomeración de participantes na liña de saída. Nas probas infantís os nenos irán saíndo dun nun cada 5 segundos. O uso da máscara será obrigatorio para todos os nadadores ata segundos antes da saída, que deberán depositarse nos contedores, así como o resto de residuos. Tamén será obrigatorio o seu uso na meta e durante a entrega de trofeos. Ademais, tomarase a temperatura a todos os nadadores antes de entrar na auga e delimitarase as zonas de saída, meta e pódium para garantir a distancia social entre os nadadores e o público asistente, que deberá levar máscara obrigatoriamente e manter a distancia interpersoal. Preto de 500 máscaras, máis de 300 estacas e 5 quilómetros de cinta e 20 litros de xel hidroalcohólico utilizaranse este domingo para cumprir co protocolo.
Así mesmo, a entrega de bolsas seguirá un protocolo e farase desde tres días antes da celebración da travesía a nado. Os nadadores terán que acudir obrigatoriamente con máscara e desinfectarse as mans antes da súa recollida. Para a entrega de bolsas utilizaranse pantallas de metracrilato e colocarase sinalización para o cumprimento das medidas de seguridade. As bolsas poderán recollerse hoxe e mañá venres na tenda Boyer Triathlon Vigo ( C/Manuel de Castro, 12) e o día sábado nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar, en Panxón, de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas.
Entre outras medidas que se tomarán durante a travesía están a creación dunha fila única en meta para a chegada dos participantes, que deberán acceder andando, mantendo en todo momento a distancia interpersoal. Ao saír da auga entregaráselles unha máscara, que deberán colocarse inmediatamente. Ademais haberá máis espazo na zona de avituallamiento coa creación de dous corredores independentes por onde accederán os nadadores para coller a bolsa de avituallamiento (auga e Powerade, plátanos e rosquillas) e deberán abandonala inmediatamente para evitar a concentración de nadadores. Só se permitirá o acceso a esta zona a nadadores e persoal da organización.
Na saída, meta e a entrega de premios colocaranse varios puntos para a desinfección e hixiene de mans dos participantes.
Percorridos
Percorridos
Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip electrónico a través da empresa Champion Chip Norte. O percorrido longo, no que participan 190 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.
O percorrido de 2.700 metros, cun centenar de participantes, terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.
Na proba de 800 metros, tamén con preto de 70 prazas que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.
A competición de 800 metros comezará ás 10:00 horas, a de 2.700 metros ás 10:20 horas, mentres que a de 4.000 metros arrincará ás 11:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks, pádel surf e motos acuáticas seguindo a proba. Na praia, a organización contará co apoio da Asociación Vodea con preto de 40 voluntarios, que estarán a controlar o cumprimento de todas as medidas de seguridade.
Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e outro de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente. Este ano, con motivo da X edición da Travesía a nado, os percorridos infantís serán gratuítos e estarán limitados a un máximo de 15 nenos por cada proba. Nas probas infantís os nenos sairán tamén de forma graduada. Irán saíndo dun nun cada cinco segundos.
Todos os participantes estarán convidados a un aperitivo no Club Marítimo de Panxón grazas ao patrocinio de Sakami, que ofrecerá un marmitako a todos nadadores.
Premios en metálico na proba de 4.000 metros
Nas probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e, por primeira vez, premios en metálico (150 euros para os primeiros, 100 para os segundos e 80 para os terceiros). Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba reina.
Este ano, tamén como novidade, entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello no momento da inscrición. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.
A Travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, o Concello de Nigrán e Atlantic Extrem Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca e diferentes firmas comerciais.
Unha persoa faleceu e dúas resultaron feridas ao verse implicadas nunha colisión frontal entre tres vehículos, no termo municipal de Mos.
No momento de colidir, os vehículos circulaban pola N-550, á altura do punto quilométrico 148, en Louredo.
Nada mais ter constancia do accidente, sobre as 14:30 horas de onte xoves 3 de setembro, a través da chamada dun particular, o 112 Galicia pasou aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Así mesmo, informou aos Bombeiros do Porriño, aos axentes de Tráfico, da Policía Local e aos efectivos do Servizo de Emerxencias da localidade.
Así, tras chegar ao punto, os axentes confirmaron que unha das persoas falecera e que outras dúas resultaran feridas, unha delas de consideración.
Foi precisa, ademais, a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza do combustible dos vehículos que quedou derramado pola vía debido ao impacto.
O Concello de Redondela vén de poñer en coñecemento de todas as interesadas e interesados que ata o día 28 de setembro está aberto o prazo para solicitar as Axudas de Comedor Escolar para o curso 2020-2021. As bases da convocatoria, publicadas o 25 de agosto no BOOPO (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poden consultarse nesta ligazón.
Todas as persoas que estean interesadas en solicitar a axuda poden consultar a páxina web do Concello de Redondela (www.redondela.gal) onde están publicadas as bases e convocatorias, ou poden dirixirse á Concellaría de Servizos Sociais ( [email protected]) ([email protected])
O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar inicialmente a mutación demanial interna do seu antigo centro de saúde para destinalo a usos de carácter sociocultural, educativo ou de benestar social. A proposta foi aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos da Corporación.
Tal e como lembrou a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, as numerosas iniciativas sociais, culturais e deportivas “que se dan nun concello tan dinámico como o noso, precisan de espazos que dean cabida as mesmas”. A rexedora local adiantou que o Goberno local “seguirá buscando novas alternativas e novos espazos para que esta riqueza da nosa vila poida seguir a ser unha realidade”.
O certo é que o enorme dinamismo social de Salceda fai precisa a dotación de novos espazos que acollan a multitude de iniciativas tanto públicas como as que parten do tecido asociativo, así como para cubrir as necesidades da xuventude salcedense, polo que o trámite que ven de aprobarse resultaba fundamental.
Cabe lembrar que o Concello puxo tamén o edificio do antigo centro de saúde a disposición da Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que puidese ser empregado como centro educativo nestes momentos de pandemia e poder deste xeito diminuír as ratios dos centros do municipio, iniciativa que ata o de agora non tivo resposta. Por este motivo a mutación inclúe o uso educativo que permitiría acoller os nenos e nenas se así o estimase a Xunta de Galicia.
O edificio, situado na Rúa Compostela, en pleno centro urbano, quedou sen uso o pasado 29 de xullo coa apertura do tan demandado novo centro de saúde. O inmoble é de titularidade municipal, polo que agora será o Concello o que busque novos destinos para o mesmo.
Baixo o nome de ‘Vive o Rio Minho’, a Deputación de Pontevedra vai desenvolver sete actividades ecoturísticas no Río Miño transfronteirizo –nos concellos galegos e portugueses que lindan coa vía fluvial- entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. O obxectivo, segundo explicou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho Uxío Benítez, é ofrecer unha alternativa turística seguindo “o que a sociedade hoxe demanda a raíz da crise da COVID 19, dando a oportunidade de coñecer o territorio dun xeito tranquilo, seguro, e buscando a natureza e todo o que ofrece o río Miño”.
As actividades están desenvolvidas dentro do proxecto Visit Rio Minho, co-financiado con fondos FEDER, a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’). Xirarán ao redor do río Miño, e realizaranse de forma cronolóxica avanzando polo territorio seguindo o seu curso, desde a parte alta ata a súa desembocadura. Son gratuítas para o público e están dirixidas a un público amplo e diverso, abranguendo non só os recursos da zona, senón empresas locais que traballan e realizan actividades nela: haberá sendeirismo, rutas en bici, rutas urbanas e percorridos históricos, visitas a adegas, museos, petróglifos, balsismo, caiac, gastronomía, observación ornitolóxica e astronómica, entre outras actividades.
“Queremos convidar á veciñanza da provincia a que participe. O obxectivo é conseguir que sexa máis coñecida unha parte da provincia que polo feito de ter sido fronteira durante centos e centos de anos é unha parte descoñecida. Queremos dar a coñecer o territorio, amosalo dun xeito transfronteirizo e único. Este é un produto diferente e moi atractivo”, subliñou Benítez.
Segundo apuntou o deputado nacionalista, a Deputación tomou a decisión de facer unha aposta polo desenvolvemento socioeconómico do territorio do río Miño, e fíxoo a través de dúas vías. Creando unha parte a nivel institucional que foi a AECT Rio Minho cos socios da Comunidade Intermunicipal Alto Minho de Portugal, que comezou a traballar hai uns anos e, por outra parte, desenvolvendo unha estratexia en colaboración coas universidades, unha estratexia do Miño 2030 na que se marcaban uns obxectivos e accións para desenvolver o territorio.
“Tanto na estratexia como nos estatutos do AECT Rio Minho marcouse como un dos obxectivos máis importantes desenvolver turisticamente o territorio do Miño como un único territorio e envolvelo nunha marca turística única que se presentase diante do mundo como a imaxe dun territorio transfronteirizo, que ofrece nun só destino dous países”, abondou Benítez.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou pola súa banda a “espectacular” e “atractiva” proposta que engloba Vive o Río Minho, “que conxuga todo tipo de actividades co coñecemento e desfrute do territorio Río Minho”. Subliñou tamén que desde a súa creación hai cinco anos, a AECT Río Minho tense convertido nunha “referencia”, non só na provincia, na promoción e defensa dun territorio común “único” polo seu carácter transfronteirizo.”Se hai un elemento significativo de que a política serve para transformar o espazo que gobernamos é a creación desta AECT”, manifestou.
Neste senso, sinalou que a súa posta en marcha “foi unha aposta intelixente que ten dado grandes resultados e está servindo de exemplo a outros concellos que teñen moito en común”. Carmela Silva destacou tamén que o traballo que está a desenvolver a AECT froito da suma de vontades de concellos de ambos lados do río é “revolucionario”. “Revolución significa volver a evolucionar e estes alcaldes e alcaldesas están voltando a evolucionar conxuntamente –indicou–: ”Neste momento da Covid ou sumamos vontades, traballamos e temos plans elaborados a través de diferentes espazos e territorios cun proxecto común ou será moi difícil que avancemos”.
Actividades
Segundo explicou o xerente da empresa Xeitura –que desenvolverá a iniciativa–, Raúl Fernández, as propostas para coñecer o Miño divídense en diferentes xornadas de fins de semana consecutivos entre o 12 de setembro e o 4 de outubro. Para a primeira fin de semana haberá dúas actividades: Unha ruta de sendeirismo nas marxes do Miño e do río Deva ata o alto da Moura e unha visita a Melgaço e, por outra parte, un descenso no río Miño xunto a unha visita guiada a unha adega en As Neves e a visita aos petróglifos da Coutada.
Na fin de semana do 19 e 20 de setembro terán lugar a terceira e a cuarta ruta. A terceira consiste nun percorrido circular pola contorna de Salvaterra, así como a visita á viña e ao Museo do Viño. Ao día seguinte a proposta é unha ruta polo municipio de Monçao coñecida como ‘A Cova da Moura’, unha vista ao palacio da Brejoeira e unha visita a Monçao.
A seguinte xornada, do 26 de setembro, inclúe un percorrido en bici pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira, e unha visita guiada por Valença e Tui. O domingo 27 de setembro realizarase unha ruta de sendeirismo entre a desembocadura do Tamuxe e o porto de Goián, a visita á fortaleza, e un tramo en caiac polo río.
Finalmente, para o 3 e 4 de outubro plantéxase unha fin de semana completa na que se combinarán as rutas de sendeirismo, a observación ornitolóxica, visitas guiadas, e unha visita dramatizada no castro de Santa Tegra.
Todas as actividades son gratuítas e están destinadas ao público xeral. As inscricións para os eventos da primeira fin de semana poden realizarse dende mañá venres ata o vindeiro xoves ás 23 horas na páxina web da Deputación e as prazas cubriranse por orden de chegada. As incricións para as seguintes actividades realizaranse entre o luns anterior ás 9 horas e ata o xoves ás 23 horas no caso de non cubrir as prazas con anterioridade (entre 45 e 50 por evento).
O Concello de Nigrán e Servizos Comerciais de Inserción Laboral EIL de Cáritas, veñen de asinar un convenio de colaboración ao abeiro do que o Concello concede catro espazos no municipio para a colocación doutros tantos contedores de roupa por un período de dous anos, prorrogable por outros dous.
As catro ubicacións elexidas por Koopera Cáritas e o concello son na rúa Rosalía de Castro, Rúa das Pontes (Porto do Molle), Arquitecto Palacios en Panxón e Estrada pola Vía (nova Biblioteca Pública). Koopera Cáritas farase cargo do mantemento dos contenedores e do seguro de responsabilidade civil.
A roupa recollida por esta Empresa de Inserción laboral será seleccionada polos traballadores en inserción, sete na actualidade, e a que sexa reutilizable será comercializada na súa primeira tenda de ruopa ‘Koopera Store’ na rúa Urzaiz 159 de Vigo aberta en 2018 con 220 m2 de tienda, que permitíu crear 13 postos de traballo, dos que 7 pertencen a contratos suxeitos a convenios de inserción social.
“En 2005 sendo Director da Fundación Érguete-Integración puxemos en marcha a primeira Empresa de Inserción de Galicia como un xeito novedoso de incorporación de persoas en exclusión social ou risco de estalo no mercado laboral, por iso colaborar agora como alcalde de Nigrán en iniciativas de emprego inclusivas é unha responsabilidade e unha auténtica satisfacción”, declara Juan González, alcalde de Nigrán.
Son os primeiros contendores de este tipo que se colocan no Val Miñor e prevese recoller ata 200 toneladas durante o primeiro ano, gracias ao xesto solidario que supoñen as donacións da poboación de Nigrán.
O proxecto creceu de xeito exponencial facilitando a apertura de esta tenda que fomenta a aposta por unha moda que axuda a xenerar postos de traballo e por un consumo sostible que da unha nova oportunidade de uso á roupa en venta.
“Nigrán conta xa cunha rede solidaria de recollida e entrega de todo tipo de roupa dende 2008 no seu ‘Roupeiro Municipal’ e que agora reforzamos con estes catro puntos de recollida para Koopera Cáritas que non só será un xeito de consumo sostible de apoio á inserción laboral”, explica Juan González.
Que é unha ‘empresa de inserción’
Unha E.I.L. é unha organización mercantil legalmente constituída e debidamente cualificada polo organismo autonómico competente que, independentemente da súa forma xurídica, realiza unha actividade produtiva, xa sexa a prestación de servizos e/ou elaboración e venda de produtos, actividade que realiza de forma contínua e pola cal se factura e percibe unha remuneración.
Do total do persoal contratado, sen poñer en perigo a viabilidade do plan de empresa, establécese o compromiso de contratación de persoas desempregadas provenientes de situacións ou perigo de exclusión social e que se atopan no momento oportuno para a súa incorporación laboral.
A E.I.L. subscribe un convenio de inserción coa persoa seleccionada e cos servizos sociais, no que se establece un itinerario personalizado de inserción sociolaboral, mediante o seu emprego e capacitación na empresa, ademais doutras intervencións psicosociais.
O Grupo Municipal do Partido Popular de Ponteareas vén de solicitar a “paralización inmediata” das obras da Rede de Calor de Biomasa, levadas a cabo en pleno centro urbano de Ponteareas e que segundo a portavoz popular, Belén Villar “carrexaron un gran enfado entre os veciños da zona”.
Villar, solicita “diálogo urxente” ao goberno como medio de parar este problema, polo que esixen a convocatoria “dunha reunión urxente para tranquilizar aos veciños”. A voceira do PP de Ponteareas salienta que é preciso que se lle explique á veciñanza “o funcionamento desta rede de calor e téntese cambiar a localización non só por cuestións estéticas –prevese a instalación de chemineas de 18 metros de altura– e de operatividade, senón porque varios veciños aseguran ter documentos que acreditan a cesión deses terreos, por parte dun particular, para uso exclusivo de servizos sociais” explicou a portavoz.
O Grupo Municipal do PP considera que se o Goberno local continúa adiante “estará a prexudicar aos veciños desta zona e podería comprometer a economía do Concello”.
“A rede de calor é necesaria, –afirma Belén Villar– por iso votamos a favor no seu momento nunha sesión plenaria na que xunto a ese punto votábanse outros de vital importancia para Ponteareas” ao mesmo tempo que lle lembra á Alcaldía ponteareá que “non se falou de localización” xa que se sinalou que era “unha primeira fase do antigo proxecto”.
Lamentan os populares o que cualifican de “escurantismo” e non comparten a situación da instalación “pegada a un Centro de Día e a unha Residencia de Maiores, sen ningunha explicación sobre a elección desa localización”.
No PXOM exponse unha zona de esparexemento e desfrute para os maiores, cun parque biosaudable nesa zona, e cualificado o terreo como de uso asistencial. Nesa liña, os veciños aseguran ter documentos “que acreditan que eses terreos foron cedidos para uso social” polo que, alerta Villar, “se as obras continúan e deciden acudir ao Xulgado, o Concello de Ponteareas podería ser sancionado economicamente”.
O PP espera que o alcalde convoque a reunión nas próximas 48 horas para aclarar a situación. “Queremos explicacións en referencia á localización e tamén coñecer se é certo que estes terreos só poden ser destinados a uso social tal e como parece ser que solicitou a familia que fixo a doazón. Temos que liquidar este problema antes de que chegue o inverno, para poder tela operativa para entón”, polo que esixen do Goberno local “transparencia e celeridade”.
Villar resaltou que o partido ao que representa “está a favor da rede de calor”, pero non comparte a localización elixida nin a falta de diálogo entre veciños e Goberno. “Mellorar Ponteareas si, pero non á conta de minguar a calidade de vida doutros veciños”, sentenciou a portavoz.
Cando está a piques de rematar a tempada alta do turismo de vacacións, COGAMI vén de poñer o foco de atención na necesidade de contar cun turismo e un lecer inclusivos “que permita ser gozado por todas as persoas, en igualdade de condicións e sen limitacións”. O 9 % da poboación española ten discapacidade, –lembra a Asociación– e só en Galicia hai censadas 235.451 persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, e destas, o 65 % comprende idades entre os 16 e 74 anos. Se ás persoas se lles ofrece unha oferta con infraestruturas, servizos, contornas, produtos e actividades accesibles, isto suporía non só un factor de inclusión social senón tamén unha oportunidade para o sector turístico, cun aumento de cota de mercado potencial de clientela a nivel mundial.
“O turismo accesible non é só un hotel e un transporte accesible, supón tamén poder acceder a un museo, a unha cafetería, a unha praia ou a un paseo pola natureza en igualdade de condicións que o resto das persoas”, apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen puntualiza “Debe terse en conta a experiencia da viaxe no seu conxunto: a planificación, a información turística, os transportes, a hostalaría e a restauración, as actividades turísticas, de lecer e deportivas,…”
Durante este mes de setembro, COGAMI dedica a campaña 12 Chaves da Inclusión ao turismo e o lecer inclusivos, co fin de facer un chamamento a todos os concellos e ao sector turístico que aínda a data de hoxe, carecen de espazos adaptados, limitando o seu uso a todas as persoas en igualdade de condicións.
“Promocionar o turismo e o lecer inclusivos benefician a toda a comunidade, non só ás persoas con discapacidade, tamén ás empresas do sector porque a súa clientela verase incrementada. Ademais unha persoa cando se sente cómoda na súa viaxe ou nunha actividade, repite experiencia”, aclara Queiruga.
Como exemplo son as máis de 2.000 persoas con discapacidade que cada ano viaxan a distintos puntos turísticos inclusivos de España a través do programa de vacacións que ofrece COCEMFE, entidade estatal da que forma parte COGAMI. Este ano, ademais de accesibilidade, teranse en conta todas as medidas de prevención ante o COVID-19, como a redución de número de persoas nas quendas, toma de temperatura, uso de máscara e xel hidroalcólico, dotación de equipos de protección para persoal de apoio e o acompañamento de persoal técnico de prevención de riscos en cada grupo.
Para superar as dificultades de acceso a actividades de lecer e deportivas, dende COGAMI e as súas entidades membro desenvólvense anualmente programas que permiten a práctica de navegación a vela, a asistencia a balnearios con fins saudables, a asistencia a campamentos, a práctica de actividades de respiro familiar e a organización de deportes inclusivos. Como exemplo as 48 actividades desenvolvidas durante o ano pasado pola área de Lecer de COGAMI nas que participaron 908 persoas do movemento asociativo.
COGAMI por unha Galicia Accesible
Dende hai dous anos, COGAMI e Equalitas Vitae, empresa líder na promoción do turismo accesible, traballan conxuntamente no proxecto denominado Galicia Accesible para promocionar o turismo accesible na nosa comunidade a través de estudos sobre a accesibilidade en aloxamentos e outros servizos da oferta turística e cultural, promocionando aqueles que cumpran cuns requisitos de accesibilidade establecidos e que garantan un servizo turístico de calidade para clientela con necesidades especiais.
Cando as instalacións dos establecementos cumpren cos requisitos, COGAMI entrégalles un distintivo acreditativo da posibilidade do seu uso por todas as persoas e ademais, trala colocación dun adhesivo cun código QR, permítese a conexión cunha APP de Turismo Accesible by Equalitas na que se poden ver as características das instalacións do establecemento.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.