O Concello de Tomiño vén de pedir axuda ás administracións autonómica e central para lograr unha solución ao tema da falta de cobertura de telefonía móbil e internet en distintas zonas do municipio, que cada vez é peor.
A alcaldesa Sandra González dirixiuse, concretamente, á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Mª Carmen Larriba García, e ao xefe territorial da Consellería de Economía e Indistria, Ignacio Rial Santomé, explicándolles en sendas cartas a situación que vive a veciñanza de moitas zonas do municipio, ás que non chega a cobertura prometida no seu momento polas compañías de telefonía.
A rexedora explica nas misivas os trazos característicos da vila, con 14.000 habitantes, dos cales un 60% ten menos de 60 anos; cunha economía que se asenta nun sector agrario importante, coa planta ornamental á cabeza da produción e exportación, e tamén pequenas empresas e autónomos que traballan dende as súas vivendas, sobre todo, na situación sanitaria pola que estamos pasando.
“A cobertura de telefonía móbil está sendo un lastre para os veciños e veciñas, que ven entorpecida a súa vida diaria, e tamén para o sector empresarial, que non pode desenvolver ben a súa actividade… núcleos con alta densidade de poboación onde non hai cobertura con ningunha compañía”, explica a alcaldesa. Trátase de “zonas escuras” coma, por exemplo, a estrada PO-552 no treito Carregal-Torrón, ao longo de case 10 km. Polo mesmo, as queixas da veciñanza que, por mor do Covid-19, traballa máis dende a casa que antes, son continuas no Concello.
A ambos mandatarios a alcaldesa pide que demanden ante as compañías unha mellora do servizo de telefonía móbil e que tomen as medidas para facer que se estendan as coberturas de internet que estaban previstas. Asemade, a rexedora local dirixiuse de forma simultánea a cada unha das compañías que operan na zona, explicando que no novo contexto de crise, o traballo remoto ten sido e segue a ser de vital importancia para boa parte da poboación, polo que se precisa un bo funcionamento das novas tecnoloxías. “Actualmente, os veciños e veciñas teñen trasladado a este Concello múltiples queixas pola deficiente cobertura, sobre todo, nas horas punta; un malestar que compartimos e do que deixamos constancia a través dos escritos enviados, agardando que se leven a cabo as melloras precisas para solucionar esta situación coa maior présa posible”, advirte.