Luns, 13 Xaneiro de 2025

O Concello de Baiona instala céspede artificial no CEIP de Belesar

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Baiona que xestiona Óscar Martínez, vén de instalar céspede artificial no CEIP de Belesar de cara ao comezo de curso. Segundo sinalou o concelleiro, dita instalación da resposta “á petición expresada por nais e pais dos e das escolares así como polo propios responsables do centro educativo”.

Tal e como explicou Óscar Martínez, para a instalación foi preciso dispoñer unha capa de xabre, retirándose as pedras existentes para, posteriormente proceder á colocación do céspede artificial nunha superficie aproximada de 200 metros cadrados o que permitirá “aos nenos e nenas xogar con maior comodidade”, sinalou o concelleiro.

Martínez engadiu que os traballos buscan “mellorar a seguridade no centro para os máis pequenos, amais de presentarse como a mellor opción en termos de sustentabilidade e mantemento”.

Pola súa banda, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, subliñou que con esta mellora nas instalacións “o Concello reafírmase no seu compromiso coa educación pública de calidade e cos cativos e cativas do municipio”.