20.6 C
Pontevedra
Sábado, 23 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA xornada internacional de turismo mariñeiro e pesca-turismo celebrarase o 24 e...

    A xornada internacional de turismo mariñeiro e pesca-turismo celebrarase o 24 e 25 de setembro

    A finais de setembro organizaranse tres xornadas abertas para achegar o marisqueo á comunidade educativa de Bueu, A Pobra do Caramiñal e Redondela

    Acompañar aos traballadores e traballadoras do mar durante a faena e coñecer en que consiste o seu labor, que aparellos empregan, que especies capturan, en definitiva, achegarse á súa profesión e á súa relación co noso Atlántico, é o que ofrece o turismo mariñeiro. Unha experiencia para descubrir todo o esforzo que hai detrás dun mexillón, unha ameixa ou un sargo e valorar os recursos que ofrece o océano.

    O GALP Ría de Pontevedra, en colaboración cos GALP Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, traballa para que desde sector se animen a poñer en marcha este tipo de iniciativas e divulguen o seu ben facer e a calidade do produto local, no marco do proxecto de cooperación Mar das Illas, que se atopa na súa terceira fase de execución.

    O vindeiro 24 e 25 de setembro celebrarase a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo, así como tres actividades para divulgar o marisqueo entre a comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal. Así o acordaron na reunión mantida esta mañá en Marín, a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas, a xerente do GALP Ría de Arousa, Rosa Carballo Martínez, a representante da Asociación Mar Seguro de Galicia, Paula Pardo Fernández, a técnica de Babadiva Ambiental, Mª Teresa Ramos Covelo, e Loreto Alonso Santoro de Spica sistemas audiovisuais.

    A crise do coronavirus fixo que o programa previsto para a Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo tivese que mudarcara aunha fórmula que combinará conferencias online e presenciais.

    O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a primeira xornada do evento o día 24 de setembro, de 16:00 a 19:00 horas. Trala inauguración e presentación do congreso, que poderá seguirse en streaming, darán comezo as seis exposicións, tres delas online. As exposicións farán unha radiografía do estado no que se atopa o turismo mariñeiro en Europa e relatarán algunhas das experiencias que se están a desenvolver en Galicia, Portugal ou Cerdeña (Italia). Ademais, informarán sobre os resultados do programa Mar das Illas 3.

    As entidades e persoas interesadas en acudir a este evento deberán inscribirse previamente; o aforo será para un máximo de 30 asistentes. Todos eles estarán obrigados a cumprir coas medidas hixiénico-sanitarias pertinentes (uso de máscaras, xel hidroalcohólico e distancia física).

    A Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo continuará o 25 de setembro coa realización dunha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con saída e chegada desde Cangas na que participarán esa trintena de persoas anotadas previamente.

    Xornadas abertas

    A finais deste mes, tamén se poñerán marcha tres xornadas abertas á cidadanía co obxectivo de que as mariscadoras e mariscadores das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo lles conten aos visitantes como é o seu día a día na praia, que aparellos e técnicas utilizan para mariscar, os trazos característicos de cada especie. Trátase dunha actividade dirixida á comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal.

    Proxectos

    Este ano naceron ao abeiro deste proxecto seis novas iniciativas, tres de turismo mariñeiro e tres de pesca-turismo. Desde Sanxenxo, Sauro Martínez Durán, explicaralle todo sobre a pesca artesanal aos viaxeiros, e Francisco Javier Costa García, desde Cangas, fará o mesmo coa pesca con palangre.Pola súa banda, Rosa María Millán Romero, na Pobra do Caramiñal, e Severino Casal Viz, en Redondela, ocuparanse de dar a coñecer as características do marisqueo a pé. E en Vilanova de Arousa, Eduardo Martínez Romero, informará sobre o cultivo do mexillón e José Manuel Agulla Piñeiro descubriralles a cultura mariñeira da vila de Bueu.

    O proxecto de cooperación Mar das Illas conta coa colaboración do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a Federación Provincial das Confrarías de Pontevedra e a Asociación Mar Seguro de Galicia. Está financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

    COLABORACIÓNS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.

    Fabio Rivas, «A pintura debida»

    Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS