Unha delegación do Concello do Porriño encabezada por David Alonso, concelleiro de Emprego realizou o pasado venres unha visita ás instalacións da estación de servizo da firma Staroil no polígono da Granxa.
Pablo Val Rodríguez, responsable de dirección e operación de este grupo empresarial de orixe galega, explicou como están a medrar por todo o territorio nacional e expresou ao concelleiro Alonso Bargiela, o agradecemento de Staroil pola colaboración estreita co Concello do Porriño que agardan “aínda sexa maior”.
Precisamente Staroil é unha das empresas colaboradoras co programa ‘Porriño Accede’ de cursos de formación con prácticas.
O obxectivo desta colaboración foi proporcionar a persoas en desemprego unha oportunidade laboral por medio da formación. Staroil Porriño participou no deseño da formación e na acollida de alumnos en prácticas, ofrecendo continuidade laboral a catro deles. “A empresa manifestounos que hai interese en dar continuidade a esta colaboración”, indicou o concelleiro de Emprego.
“No que leva de ano, esta Concellería organizou tamén cursos de formación con prácticas en loxística e carretillas elevadoras, ademais de realizar talleres para a adquisición de técnicas para a busca de emprego, obradoiros de entrevista e formación en intelixencia emocional”, manifestou David Alonso.
Tamén o venres celebrouse no Multiusos de Torneiros, a entrega de diplomas, en colaboración coa Fundación Laboral da Construción, aos 16 alumnos que participaron no curso básico de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas de duración máis o curso específico de oficio de 6 horas para postos de albanelería.