Luns, 9 Decembro de 2024

O Concello de Baiona reafirma o seu compromiso coa comunidade escolar no comezo do novo curso

Carlos Gómez, "non é o momento de entrar en guerras políticas, é o momento de colaborar e traballar todos cun único obxectivo, a seguridade dos nosos nenos e nenas"

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañado polas concelleiras e concelleiros que forman parte da Comisión de Seguimento da COVID19 nos centros escolares, e membros do grupo de Goberno, explicou hoxe as medidas que o Concello poñerá en marcha para cumprir as recomendacións sanitarias da Xunta de Galicia no que fai referencia á seguridade dos nenos e nenas que nestas datas comezan o novo curso.

O concelleiro de Educación do Concello de Baiona, Óscar Carreño Miniño, sinalou que “é imprescindible” recuperar a normalidade na actividade escolar “coas necesarias precaucións na hixiene, limpeza e distanciamento físico”.

Carreño apuntaba a importancia da Comisión de Seguimento da COVID19 nos centros escolares como unha ferramenta que permita “implantar e dar seguimento ao mencionado protocolo nos colexios, edificios propiedade do Concello así como daquelas actividades a desenvolver polo mesmo”. Cómpre lembrar que da Comisión forman parte o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a concelleira de Deportes e Cultura, Miriam Costas; a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira e o concelleiro de Ensino, Óscar Carreño Miniño.

Óscar Carreño Miniño, concelleiro de Educación do Concello de Baiona

Nesa liña, o edil responsable de Educación adiantou que o Concello xa cursou as necesarias intrucións de cara a recoller ás necesidades de cada centro escolar en canto a limpeza e hixiene de cara a “cuantificalas para coñecer o seu custe e cumprir do xeito máis rigoroso posible o protocolo da Xunta de Galicia”.

Do mesmo xeito Óscar Carreño subliñou o “contacto permanente” que o Concello mantén con ANPAS, equipos directivos dos colexios e Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación “para poder resolver os problemas que se están presentando ou que se poidan presentar”. Asi mesmo, o concelleiro de Educación agradeceu “á colaboración” das ANPAS e a “implicación das direccións dos centros educativos e a boa disposición e diálogo coa Consellería de Educación”.

Carlos Gómez, alcalde de Baiona

“Non é o momento para guerras políticas”

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, na súa intervención, reafirmou “o compromiso do Concello de Baiona coa comunidade escolar” e, a preguntas dos xornalistas sobre se a Xunta de Galicia facía recaer toda a responsabilidade sobre as directivas dos colexios, ANPAS e os propios concellos, amosouse rotundo ao afirmar que “este non é o momento de guerras políticas. É o momento de colaborar e traballar todos cun único obxectivo, a seguridade dos nosos nenos e nenas”.

Aproveitou a ocasión o rexedor local para agradecer “o comportamento exemplar da veciñanza de Baiona dende o inicio do confinamento ata o día de hoxe”, un comportamento, aclarou, “que fixo que durante este tempo Baiona contase tan só con 6 casos activos por coronavirus dos 21 que se deron na comarca do Val Miñor”.

Estas cifras, subliñou Gómez, “supoñen tamén un chamamento á tranquilidade pero tamén a non baixar a garda e seguir mantendo todas as medidas de prevención recomendadas”.