Sábado, 8 Febreiro de 2025

O Rosal aplica o rozado selectivo para a recuperación dos bosques de ribeira

O método utilizado polo Concello rosaleiro permite conservar os hábitats naturais dunha gran variedade de especies e minimiza o avance de invasoras

O Concello do Rosal aposta por un novo modelo de rozado máis ecolóxico e sostible que permita diferenciar a vexetación que se debe eliminar da que non. A través desta roza selectiva búscase a recuperación do bosque de ribeira no río Carballas, minimizando o avance de especies invasoras e permitindo o aniñamento de diversos animais, o que permite conservar os hábitats naturais dunha gran variedade de especies.

[su_image_carousel source=”media: 20343,20342,20341″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Dende a Concellería de Medio Ambiente estanse dando pasos para garantir a conservación destes bosques de ribeira “e a rexeneración da vexetación actual, xa que de continuar cos desbroces de toda a zona en poucos anos a actual arboreda desaparecerá”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Este tipo de rozado permite a conservación dunha vexetación fundamental para o equilibrio ecolóxico da zona, xa que os bosques de ribeira funcionan como protectores de solo e auga, reducindo a sedimentación, mantendo a calidade da auga e impedindo a entrada de contaminantes. Forman ademais corredoiros que contribúen á conservación da biodiversidades, subministran alimento e refuxio á fauna ou absorben e fixan o dióxido de carbono.