10.5 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA programación de verán da Deputación para a reactivación cultural e deportiva...

    A programación de verán da Deputación para a reactivación cultural e deportiva mobilizou a preto de 8.000 persoas

    Carmela Silva: “Estamos orgullosas e orgullosos porque hai que ter en conta que nesta situación de pandemia tivemos que reducir aforos, pero a xente está desexosa de cultura e de realizar actividades deportivas ligadas á natureza”

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo hoxe poñer en valor a grande acollida á programación para a reactivación cultural e deportiva na provincia, que xa ten mobilizado este verán a preto de 8.000 persoas. ”Unha cifra –dixo– da que estamos especialmente orgullosas e orgullosos porque sempre hai que ter en conta que nesta situación da Covid-19 tivemos que reducir aforos e tomar todas as garantías sanitarias, o que amosa que a xente está desexosa de cultura e de realizar actividades deportivas ligadas á natureza”. Deste xeito, a presidenta insistiu en que a Deputación seguirá a apostar “por estas demandas cidadás que son habituais, pero que nesta situación de pandemia moito máis”.

    Coas actividades do programa ‘Re-acción cultural”, a Deputación foi a administración que, como subliñou Carmela Silva, “máis cultura espallou por toda a provincia. E imos seguir nesta liña no mes de setembro, cun amplo programa de actividades que aínda nos queda por desfrutar”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación fixo un pormenorizado balance das propostas levadas a cabo nestes meses e avanzou algunhas das previstas para este mes de setembro. O programa de música clásica en enclaves patrimoniais da provincia, ‘Música no Ar’, xa tivo nas 9 actuacións programadas ata agora 800 asistentes (quedan as de Forcarei, Baiona, Silleda, Agolada e As Neves), mentres que ‘Re-acción nos Castelos’ congregou a 700 persoas nos dez eventos celebrados ata agora. Quedan dous en setembro, pero unicamente quedan entradas para o último dos previstos, o día 17 en Soutomaior, co espectáculo de música e narración de Vero Rilo e Sonsoles Penadique.

    No programa Musigal nos 22 concertos celebrados a cargo de 18 grupos musicais, reuniron a 3.200 persoas. Para setembro están programadas outros catro: o de Óscar Ibáñez en Vila de Cruces este sábado, día 5; Xabier Díaz tamén nesa xornada en Ponteareas e os de Leilía en Salceda o día 12 e o 26 en Pazos de Borbén. No que atinxe ao programa Pontegal, no que vai de verán xa houbo 102 actuacións a cargo de 103 agrupacións artísticas en 32 concellos e para setembro hai xa 30 solicitadas.

    Carmela Silva referiuse así mesmo ao éxito da Escola de Letras, que este mes de setembro retoma a súa actividade con catro novos obradoiros en Pontevedra e Vigo, así como aos Roteiros Literarios e de Arquitectura, que arrancarán este domingo 6 en Baiona coa autora Iria Misa e que xa teñen todas as súas prazas cubertas para este mes e para outubro. “Estamos desbordados porque tan só nun fin de semana esgotáronse as prazas das doce rutas –indicou–. Temos unha lista de espera moi considerable e polo tanto temos claro que para a vindeira edición hai que aumentar o número de roteiros”

    No marco das exposicións, destacou a gran acollida á mostra ‘Tecendo a natureza’, cos cestos tradicionais de Enrique Táboas que se expoñen ata o vindeiro día 13 no Mercado de Abastos de Mondariz. “Está a ter moitísimo éxito entre outras cousas porque Mondariz era un dos concellos referenciais no que ten que ver coa cestería”. A presidenta avanzou tamén que entre outubro e decembro a Deputación prepara a volta ao teatro co ciclo ‘Prendendo Butacas’, que ofrecerá dez actuacións noutros tantos concellos (Vila de Cruces, A Estrada, Cuntis, A Illa de Arousa, Moaña, Vilaboa, Mos, O Rosal, Mondariz e A Cañiza), a cargo de compañías profesionais da provincia.

    Nas actividades englobadas en ‘Vive Deporte’, o programa DepoAndainas xa mobilizou a 600 persoas. “Duascentas –explicou– xa participaron na primeira destas camiñadas o 9 de agosto pola Ruta dos Muíños de Fraga en Moaña, outras 200 o fixeron na segunda o 30 de agosto na ruta da Fervenza de Callobre, na Estrada. E xa completamos as outras 200 prazas da terceira e última ruta polo Val das Fadas (A Cañiza), que se vai celebrar o día 20 de setembro”. Tamén está completa con 200 persoas a primeira das dúas rutas Depo Orienta, que terá lugar este domingo 6 de setembro polo Monte do Galiñeiro, “e con nada menos que 80 persoas en lista de agarda”. Para a segunda das rutas, o 27 de setembro pola Lagoa de Castiñeira, abrirase o luns que vén o prazo de inscrición. E, no que atinxe á primeira DepoRutas BTT en Ponteareas o 13 de setembro, a inscrición suma máis de 100 persoas.

    Por último, Carmela Silva subliñou que trala gran acollida ao programa ‘Bosques Terapéuticos’, con 30 rutas por cinco parques forestais da provincia das que quedan por celebrar 9 este mes, a Deputación “vai manter e reforzar este proxecto cara a súa seguinte edición” o ano que ven. Hai que destacar que as 450 prazas esgotáronse en cuestión de horas, “pero amais, a validación da xente que participa está sendo moi sobresaínte”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.