Luns, 24 Marzo de 2025

EU Ponteareas desminte que convocara á veciñanza afectada pola planta de biomasa

Logo da nova publicada nun medio de prensa onde se atribúe a EU a convocatoria dunha asemblea da veciñanza das Rúas Vidales Tomé, Santa Ana e Oriente, Esquerda Unida de Ponteareas vén de aclarar que “en ningún caso foi a promotora deste evento”. “A participación nas mobilizacións veciñais é o normal e debe ser unha constante en EU” pero aclara que o feito de que algún membro da organización participara en dita asemblea “coma unha persoa máis, non quere dicir que esta organización sexa a promotora”.

Por outra banda, EU ponteareas chama a atención sobre “o mal que se informa na nova” e lembra que o proxecto que se está a executar “non é o mesmo que o aprobado no ano 2017, se non que é outro aprobado polo Pleno en maio de 2019, de menor envergadura e ao que tamén se votou a favor por parte de esta organización. Parece oportuno o rigor informativo”, afirma a formación asemblearia.

Esquerda Unida lembra, por outra parte, que esta obra “non supón un incremento das emisións de CO2, ao substituír o consumo de combustibles fósiles, que xa se estaba a facer, polo consumo de biomasa”.

Independentemente destas consideracións e atendendo ás inquietudes veciñais, EU insta ao Concello “a que escoite á veciñanza e considere a localización da planta noutro lugar onde non supoña unha redución do espazo dos terreos da residencia de maiores”.