14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránO punto limpo de Nigrán, preparado para recollida e reciclaxe do lixo...

    O punto limpo de Nigrán, preparado para recollida e reciclaxe do lixo eléctrico e electrónico tralas obras acometidas pola Deputación

    O punto limpo está aberto de luns a sábado e conta tamén con teléfono de atención para a recollida a domicilio

    A veciñanza de Nigrán e a súa contorna xa pode depositar os seus residuos eléctricos e electrónicos no punto limpo, tralas obras de acondicionamento acometidas pola Deputación de Pontevedra no marco do proxecto europeo ESTRAEE. A deputada Iria Lamas visitou esta semana as instalacións, acompañada do alcalde, Juan González, e destacou a aposta que a institución provincial e os concellos están a facer pola recollida e reutilización dun tipo de lixo especialmente contaminante e que require de  exhaustivos protocolos para o seu manexo.

    As obras realizadas, cun orzamento de 20.000 euros, consistiron na dotación de nova iluminación e colocación de portas corredoiras con peche de seguridade. Construíuse, ademais, unha pequena edificación no nivel superior, apegada ao edificio existente para a súa utilización como almacén dos  Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). As instalacións tamén quedaron dotadas de sistema de protección antiincendios e paneis indicativos. Finalmente, a Deputación achegou unha máquina transpaleta para facilitar o transporte dos palés e os recipientes de recollida. A estrea do modernizado punto limpo quedou complementada cunha campaña informativa consistente na colocación na Casa do Concello dun tótem con toda a información, ademais dunhas pequenas caixas para recollida de pilas, teléfonos móbiles ou cargadores.

    A deputada Iria Lamas destacou a aposta da Deputación por contribuír á reciclaxe dos RAEE, residuos que están en crecemento exponencial e que inclúen metais pesados e gases lesivos para a atmosfera. Así, enmarcou a iniciativa nas políticas medioambientais da Deputación de Pontevedra e no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU. Pola súa banda, o alcalde, Juan González, agradeceu o apoio da Deputación e a aposta pola reciclaxe. Valorou, ademais, que as obras se teñan rematado precisamente agora, pois durante o confinamento, explicou, retiráronse moitos “trastos” das vivendas e no caso dos aparellos eléctricos e electrónicos agora queda moi claro onde e como hai que depositalos.

    Punto limpo de Nigrán

    A partires de agora o punto limpo de Nigrán, que está situado na rúa da Gándara (A Camesella), queda preparado para a recollida de electrodomésticos vellos e aparatos do fogar que funcionen con corrente eléctrica. A instalación está aberta en horario de 16.00 a 19.00 horas de luns a xoves, mentres que os venres e sábados funcionará en horario de 10.00 a 14.00 horas. Tamén é posible solicitar a recollida domiciliaria dos RAEE máis voluminosos a través do teléfono 900 700 111.

    O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.