O Concello de Mondariz acaba de contratar as obras para dotar de cuberta ao edificio do antiga escola unitaria da parroquia de Toutón. Este inmoble de titularidade municipal, situado xunto á igrexa e o adro parroquial, carece da estructura de cuberta desde a década de 1990. Naquel momento, o concello procedeu a iniciar un proceso de mellora que nunca foi rematado. Esta situación provocou deterioros e problemas de humidade no interior do inmoble.
Con esta actuación, que acaba de ser contratada por un importe de 22.000 euros, o goberno municipal pretende concluír a rehabilitación do edificio e solucionar definitivamente todas as deficiencias que sofre.
As obras, financiadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, inclúen tanto a construción da estrutura e a colocación de tella rústica como a mellora e o pintado do interior do edificio. Unha vez rematadas, eliminarase o forte impacto visual dun forxado sen cuberta nunha contorna de gran valor patrimonial e paisaxístico.
Por outra banda, coa finalidade de facer máis cómodo e confortable o recinto para a veciñanza, o Concello de Mondariz tamén ten previsto dotar á instalación dunha estufa de pelets.
Cruceiro da Igrexa de Santo Mateo
Na mesma contorna, o Concello de Mondariz tamén acordou coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia a restauración do Cruceiro da Igrexa de Santo Mateo, un cruceiro do Barroco galego (ano 1712) que foi gravemente danado na súa base polo impacto dun vehículo.
Este elemento foi desmontado peza a peza nestes días para proceder aos traballos de rehabilitación de todas e cada unha das partes para repoñelo posteriormente no mesmo lugar.
As obras de restauración tamén inclúen medidas preventivas para evitar novos danos por impacto de vehículos.
Con estas actuacións, o goberno municipal dá resposta a algunhas das demandas veciñais da parroquia de Toutón e contribúe a mellorar unha contorna de uso público e un espazo de referencia parroquial, conformado polo local veciñal da antiga escola, o recinto da Igrexa de Santo Mateo, o cruceiro barroco, un pequeno parque forestal e o torreiro parroquial, lugar onde anualmente se dan cita os amantes da música tradicional no coñecido “Serán dos Namorados”.