22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán reunirá o domingo a máis de 350 deportistas na 'X Travesía...

    Nigrán reunirá o domingo a máis de 350 deportistas na ‘X Travesía a nado Costa Serena’

    A competición, que se celebrará en Praia América, contará cun estrito protocolo para garantir a seguridade dos participantes e público

    Máis de 350 nadadores de 8 Comunidades Autónomas (Galicia, Asturias, Castela-León, Madrid, Andalucía, Valencia, Navarra e Cataluña) e unha importante representación de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 71 anos, participarán este domingo na X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que estará marcada por un estrito protocolo sanitario.

    Entre os nadadores rexistrados destaca a participación do mozo Miguel Martínez Novoa, nadador do Real Club Náutico de Vigo de 19 anos, que parte co mellor tempo na proba de 4.000 metros (42 minutos); o adestrador do Club Natación Galaico de Pontevedra, Cristian Fernández Nieto (45 minutos), e o portugués Hugo Ribeiro (45 minutos), varias veces gañador desta proba, xunto coa súa irmá Soraia, que estará presente en Nigrán. Ambos os nadadores lusos volven este ano á travesía nunha edición moi especial xa que se cumpren dez anos. Na liña de saída tamén estarán Marcos Vila Cid, gañador en varias ocasións, do mesmo xeito que Lucas Costa, que se impuxo en 2018.

    Tamén estarán a pelexar polo triunfo os nadadores coruñeses Gaspar e Alfonso Andrade, e o nadador do Club de Natación Pavillón de Ourense, Alberto Taboada Vila. Os tres participan por primeira vez na travesía a nado.

    Na categoría feminina as favoritas son a portuguesa Soraia Ribeiro, que gañou en varias ocasións a travesía. Tamén participa a vencedora das tres últimas edicións, a viguesa Cristina García Marín, así como Mónica Incera e Cristina Torres, que tamén contan cos mellores rexistros na categoría feminina.

    Así mesmo participa a nadadora paralímpica viguesa Susana Rodríguez Gacio xunto co seu adestrador Luís Piña. Susana é unha gran coñecedora da travesía pero, por distintos motivos profesionais, non puido participar en edicións anteriores e este ano volve de novo á cita en Nigrán.

    Saída da edición de 2018

    A organización tivo que realizar este ano unha serie de cambios para adaptarse á normativa sanitaria e garantir a máxima seguridade dos participantes como as saídas graduadas de dous nadadores cada 10 segundos tipo contrareloj nos percorridos de 800, 2.700 e 4.000 metros para evitar a aglomeración de participantes na liña de saída. Nas probas infantís os nenos irán saíndo dun nun cada 5 segundos. O uso da máscara será obrigatorio para todos os nadadores ata segundos antes da saída, que deberán depositarse nos contedores, así como o resto de residuos. Tamén será obrigatorio o seu uso na meta e durante a entrega de trofeos. Ademais, tomarase a temperatura a todos os nadadores antes de entrar na auga e delimitarase as zonas de saída, meta e pódium para garantir a distancia social entre os nadadores e o público asistente, que deberá levar máscara obrigatoriamente e manter a distancia interpersoal. Preto de 500 máscaras, máis de 300 estacas e 5 quilómetros de cinta e 20 litros de xel hidroalcohólico utilizaranse este domingo para cumprir co protocolo.

    Así mesmo, a entrega de bolsas seguirá un protocolo e farase desde tres días antes da celebración da travesía a nado. Os nadadores terán que acudir obrigatoriamente con máscara e desinfectarse as mans antes da súa recollida. Para a entrega de bolsas utilizaranse pantallas de metracrilato e colocarase sinalización para o cumprimento das medidas de seguridade. As bolsas poderán recollerse hoxe e mañá venres na tenda Boyer Triathlon Vigo ( C/Manuel de Castro, 12) e o día sábado nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar, en Panxón, de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas.

    Entre outras medidas que se tomarán durante a travesía están a creación dunha fila única en meta para a chegada dos participantes, que deberán acceder andando, mantendo en todo momento a distancia interpersoal. Ao saír da auga entregaráselles unha máscara, que deberán colocarse inmediatamente. Ademais haberá máis espazo na zona de avituallamiento coa creación de dous corredores independentes por onde accederán os nadadores para coller a bolsa de avituallamiento (auga e Powerade, plátanos e rosquillas) e deberán abandonala inmediatamente para evitar a concentración de nadadores. Só se permitirá o acceso a esta zona a nadadores e persoal da organización.

    Na saída, meta e a entrega de premios colocaranse varios puntos para a desinfección e hixiene de mans dos participantes.

    Percorridos

    Percorridos

    Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip electrónico a través da empresa Champion Chip Norte. O percorrido longo, no que participan 190 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón. Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

    O percorrido de 2.700 metros, cun centenar de participantes, terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros. Consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

    Na proba de 800 metros, tamén con preto de 70 prazas que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

    A competición de 800 metros comezará ás 10:00 horas, a de 2.700 metros ás 10:20 horas, mentres que a de 4.000 metros arrincará ás 11:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, e haberá embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, Garda Civil do Mar, kaiaks, pádel surf e motos acuáticas seguindo a proba. Na praia, a organización contará co apoio da Asociación Vodea con preto de 40 voluntarios, que estarán a controlar o cumprimento de todas as medidas de seguridade.

    Ademais, celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos de entre 5 e 13 anos, moi preto da beira. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e outro de 150 metros (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:20 horas (150 metros), respectivamente. Este ano, con motivo da X edición da Travesía a nado, os percorridos infantís serán gratuítos e estarán limitados a un máximo de 15 nenos por cada proba. Nas probas infantís os nenos sairán tamén de forma graduada. Irán saíndo dun nun cada cinco segundos.

    Todos os participantes estarán convidados a un aperitivo no Club Marítimo de Panxón grazas ao patrocinio de Sakami, que ofrecerá un marmitako a todos nadadores.

    Premios en metálico na proba de 4.000 metros

    Nas probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e, por primeira vez, premios en metálico (150 euros para os primeiros, 100 para os segundos e 80 para os terceiros). Ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba reina.

    Este ano, tamén como novidade, entregaranse premios especiais ao primeiro nigranés e nigranesa, que deberán estar censados no Concello no momento da inscrición. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Tamén se entregarán trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade.

    A Travesía a nado Costa Serena, organizada polo Club deportivo Tumetapersonal, o Concello de Nigrán e Atlantic Extrem Sports, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca e diferentes firmas comerciais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.