10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoPilar Alonso comeza a montaxe da súa intervención artística na Aula COVID...

    Pilar Alonso comeza a montaxe da súa intervención artística na Aula COVID de Tomiño

    O Concello transformará a Casa da Cultura nunha aula de estudo con acceso a internet para que a mocidade teña un lugar ao que acudir en caso de posibles rebrotes

    A artista Pilar Alonso xa comezou a montaxe de ‘Súbeo á nube’, un proxecto de intervención que busca facer máis acolledora e cálida a futura Aula COVID de Tomiño. O Concello transformará a Casa da Cultura nun aula de estudo con acceso a internet para que os e as estudantes teñan un lugar axeitado e cómodo para estudar e acceder a medios telemáticos en caso de posibles rebrotes de coronavirus ou un novo confinamento.

    O edificio, usado antigamente como cine, ten uns teitos de máis de 6 metros de altura, espazo no que Alonso creará unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel e que foi dixitalizado e subido á nube virtual nalgún momento.

    O proxecto ‘Súbeo á nube’ busca dar calidez a ese espazo creando unha nube física con todo o coñecemento gardado en papel que foi dixitalizado

    Tras un chamamento á veciñanza a que doara as enciclopedias, libros de estudo, apuntes… que tiveran na casa, a artista comezou a fiar cada folla “para tecer esa nube que vai ser como un tornado de papel que sube, rizando cada papel para que a estrutura tivese un efecto de subida e fora máis aéreo”. Un traballo laborioso que permitirá crear unha nube de 40 metros cadrados por riba das bateas de iluminación do que será un espazo de encontro para a mocidade.

    Tanto a artista como o Concello agradecen a gran resposta dada pola veciñanza, que doou numeroso material para poder levar adiante o proxecto, xa que nesta nube estarán subidas enciclopedias publicadas dende os anos 60 ata o 2005.

    O Concello de Tomiño investirá 50.000 euros na adecuación deste espazo en Aula COVID, que complementará o servizo de medios informáticos que presta a Aula CeMit. Ademais, para garantir a saúde de todas e todos os usuarios, a aula contará con distintas medidas de seguridade, como distancia mínima entre persoas, mamparas e xel hidroalcohólico.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.