Xoves, 13 Novembro de 2025

O Concello de Tui acometeu obras de mantemento e conservación en todos os centros educativos con fondos propios e da Deputación

0

O   Concello de Tui  vén de realizar obras de mellora en todos os centros educativos do municipio. O obxectivo foi dar resposta ás necesidades dos oito colexios tudenses incluídas as 6 unidades do Colexio Rural Agrupado, CRA, Mestra Clara Torres, distribuídas nas parroquias, e tamén da Escola de Musica e do Conservatorio de Grao Medio.

A Concellería de Educación, cunha partida inicial de 55.000€, levou adiante traballos de mantemento e conservación en todos os centros do municipio. Amais trasladou una partida de 40.000 €, da área de Cultura á de Educación, para facer fronte ás necesidades derivadas da grave situación sanitaria que estamos a vivir nestes tempos de pandemia.

As obras máis importantes foron de fontanería. Así adecuáronse as billas de todos os colexios de Infantil e Primaria a esta nova normalidade, instalando preto de 100 novas billas. Tamén se colocaron dispensadores de xel hidroalcohólico nas entradas das aulas e portas principais, abríronse xanelas, adecuáronse aulas para ter maior amplitude, colocáronse videoporteiros ,etc.

Actuouse tamén nos patios de dous centros educativos. Realizáronse obras de acondicionamento do patio do C.E.I.P. de Pazos de Reis, e levouse adiante o proxecto dunha área lúdico-educativo, financiada a través do Plan Concellos do ano 2018, cun importe de 40.000€,  no patio do  C.E.I.P.de Rebordáns.

Outras obras executadas foron a reforma dos baños de infantil no C.E.I.P. nº2, e dos baños do C.E.I.P. de Foxo en Caldelas. Tamén está previsto neste inicio de curso o cambio da caldeira no C.E.I.P. de Guillarei, obra demandada por toda a comunidade educativa dende fai anos.

A maiores o Concello de Tui, ante a non intervención da Consellería de Educación acometerá o reforzo en desinfección nos centros educativos en horario lectivo cun importe de preto de 100.000€, sendo unha actuación non contemplada inicialmente pero explica a concelleira de Educación, Sonsoles Viventes que “entendemos que o primeiro e a seguridade sanitaria de todos os escolares, que en Infantil e Primaria se achegan aos 1.300 alumnos e alumnas”.

Todas estas obras foron acometidas con fondos propios do Concello de Tui e da Deputación de Pontevedra.

Dende o Concello de Tui e dende a Concellería de Educación desexan a toda a comunidade educativa que, este ano tan atípico que estamos a vivir, sexa do máis positivo e cheo de grandes logros no eido educativo. Ao tempo queren transmitir que “estamos e estaremos para dar seguridade e confianza as familias”. Dende o concello queren amais amosar o seu agradecemento ás direccións dos centros educativos e ás ANPAS  polo labor que están desempeñando dende sempre e sobre de todo agora nestes tempos da COVID-19.

A Xunta convoca as axudas ao Plan Moves para fomentar a mobilidade eficiente e sostible

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a convocatoria de axudas da segunda edición do Plan Moves para fomentar unha mobilidade eficiente e sostible. O programa, que xestiona a Vicepresidencia Económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación,  contará cunha dotación orzamentaria de 5M€.

As entidades colaboradoras poderán solicitar desde este venres, 11 de setembro, a súa adhesión ao programa, mentres que o prazo para a presentación de solicitudes ábrese o 1 de outubro e rematará o 10 de setembro do próximo ano.

En total, o Plan Moves inclúe catro liñas de axudas. A primeira delas para a compra de vehículos alternativos eléctricos ou furgóns e camións con propulsión alternativa de gas ou GLP, para a que se reserva un total de 2,2M€. En concreto, apoiarase a compra dunha moto eléctrica con axudas de ao redor de 700 ou 750 euros e de cuadriciclos eléctricos con 600-800 euros. Os turismos e furgonetas recibirán entre 1600 e 6000 euros por parte da Xunta e outros 1000 polo fabricante, mentres que poderían recibir 750 euros adicionais no caso de persoas con mobilidade reducida ou se achatarra un vehículo anterior ao 1 de xaneiro do ano 2013.

En canto aos furgóns, camións e autobuses eléctricos ou de pila de combustible poderán optar a axudas de entre 5000 e 15.000 euros mentres que os furgóns e camións a gas ou GLP poden recibir apoios de entre 1800 e 13.500 euros. Esta medida está destinada a persoas físicas, autónomos, comunidades de propietarios, empresas e sector público. Como novidade, amplíase o orzamento por vehículo que será de 45.000 euros ou 53.000 no caso de vehículos de oito prazas para fins sociais. Prevese a incorporación de 650 vehículos sostibles ás estradas galegas.

A segunda liña de apoios destinarase á instalación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e contará cun orzamento de 2M€. As axudas están dirixidas tanto a empresas como autónomos, particulares, comunidades de propietarios e sector público cun límite máximo de 100.000 euros. Agárdase apoiar 300 instalacións.

A terceira liña apoiará a implantación de sistemas de préstamos de bicicletas eléctricas, para a que se reservarán 200.000 euros. Os beneficiarios poderán ser tanto públicos como privados e o límite será de 100.000 euros. As axudas están destinadas a autónomos, empresas e sector público.

Por último, o cuarto tipo de apoios ten como obxectivo a implantación de plans de transporte aos centros de traballo e conta cun crédito de 600.000 euros. A medida tamén está pensada para autónomos, empresas e sector público.

No caso das axudas para a compra de vehículos e para instalación de infraestruturas de recarga, a xestión das axudas realizarase mediante entidades colaboradoras. Estas axudas permitirán unha redución das emisións de CO2 equivalentes a acción de 117.500 árbores e aforros económicos de 1,2M€ ao ano. A previsión é mobilizar máis de 46 millóns de euros de investimento.

Rómpese o diálogo cos representantes sindicais do Concello de Ponteareas ao publicarse unha oferta extraordinaria de estabilización de emprego sen consensuar

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas ven de denunciar publicamente que novamente o goberno municipal do BNG-PSOE minte aos traballadores, e incumpre o acordado na reunión mantida entre ambas partes o pasado mes de xullo, en relación ao proceso de consolidación de 67 posto de traballo que ocupan traballadores cunha longa e meritoria traxectoria profesional.

Belén Villar, voceira popular, afirma que “según o que nos transmiten os sindicatos, nesa reunión acordouse que o proceso extraordinario de estabilización de emprego que afecta a mais de medio centenar de traballadores municipais, empezaríase a negociar a partir do mes de outubro deste ano. Pero sorprendentemente, os propios traballadores municipais enteráronse polo noso grupo municipal, o día 28 de agosto, de que o Alcalde acababa de firmar o Decreto polo que se aprobaba esta oferta extraordinaria de estabilización de emprego”.

Dende o PP tamén denuncian a tensión que está xerando entre os traballadores municipais esta cuestión debido a absoluta falta de transparencia e consenso por parte do goberno bipartito BNG-PSOE. “Os que tanto predican co diálogo e a negociación colectiva, non escoitan e vulneran reiteradamente o espírito negociador e o principio de boa fe actuando dun xeito ditatorial. No seu momento intentaron castigar a moitos de estes traballadores denunciando “enchufismo”, pero os xulgados rexeitaron tal denuncia. Agora, BNG-PSOE continúan tendo unha actitude persecutoria convocando as súas prazas sen previo aviso e cun total escurantismo”.

Belén Villar, anuncia que convocará a todos os traballadores afectados a unha reunión pública a próxima semana. “Vamos a estar ao carón dos traballadores e das súas familias defendendo todos os seu dereitos adquiridos, os cales non poden ser pisados de calquera forma por un goberno bipartito que fai caso omiso, e de xeito ditatorial, unilateral e antidemocrático, impón o seu criterio e toma de decisións ‘por decreto’ de Alcaldía”.

O Concello de Nigrán desinfecta todos os accesos aos centros educativos e marquesiñas ante o inicio do curso escolar

0

O Concello de Nigrán, a través da empresa municipal de limpeza CESPA, iniciou esta semana as labores de desinfección na contorna dos colexios, coincidindo co inicio do curso escolar, e noutras zonas máis sensibles como as marquesiñas onde os nenos esperan o autobús e son moi concorridas.

Estes baldeos veñen desenvolvendo desde o inicio da alarma sanitaria pola Covid-19, pero refórzanse neste momento de tanta incerteza para as familias e comunidade educativa.

Durante os meses de verán, priorizáronse as actuacións nas zonas de maior afluencia de persoas e desde esta semana na contorna dos centros educativos. Estes labores de desinfección pola pandemia enmárcanse no plan especial que o Concello de Nigrán e CESPA pon en marcha de maneira excepcional de fronte ao comezo do curso escolar.

Así, o plan contempla, entre outras actuacións, a realización de servizos de varrido así como a desinfección mediante a aplicación de baldeos mecanizados con auga e hipoclorito sódico.

“Dentro do plan especial de limpeza que a empresa municipal acomete todos os anos de fronte no entoo dos centros educativos previo ao comezo do curso escolar, nesta ocasión, e dadas as circunstancias, préstase especial atención a estas medidas de desinfección a través do dispositivo especial de baldeo. É unha actuación que, ademais, enmárcase nas medidas que o Concello está a poñer en marcha dentro das súas competencias para a preparación dos colexios de Nigrán”. Afirma o alcalde de Nigrán, Juan González.

La Icónica aumenta a máis de mil euros o valor dos premios para as dúas xornadas de marcha nórdica e sendeirismo

Unha marcha nórdica en Galicia supón un aliciente especial. Así o poderán entender os participantes en La Icónica, o evento que se desenvolverá a última fin de semana deste mes de setembro en Oia, A Guarda e Tui como principais puntos de referencia, e que destinará máis de mil euros en premios. As inscricións están abertas na web  laiconica.es e a organización dispuxo dun servizo de autobuses para que os participantes teñan todas as facilidades para afrontala e decidiu aumentar a contía dos agasallos debido a que se espera unha masiva afluencia de participantes. Non se aceptarán, por medidas de seguridade, máis de 200 rexistrados, polo que as prazas non son moitas.

Marcha nórdica, con bastóns, ou tamén na modalidade de sendeirismo. Son as dúas especialidades nas que se desenvolverá La Icónica. En ambas non haberá ningunha clasificación final, senón que o desafío para todos os participantes é chegar ao final. A organización premiará ese esforzo e ademais ofrecerá a posibilidade de conseguir interesantes agasallos. Tamén desa forma realizarase unha homenaxe ao percorrido portugués do Camiño de Santiago pola costa. E ao mesmo tempo recoñecerase a aquelas persoas que colaboren co medio ambiente ao recoller residuos durante a marcha. A marcha nórdica ten a súa orixe en Finlandia ao redor de 1930. Foron cando se comezaron a dar os primeiros pasos. A iniciativa partiu do equipo nacional de esquí. Se embargo, non foi ata varios anos despois cando comezou a ser popular. O impulso que daban os dous bastóns que se utilizan na marcha nórdica comezaron a ser fundamentais para a actividade física. Descargábase de esforzo as costas e doutra banda mellorábase de forma notable o movemento biomecánica do corpo.

O sendeirismo tampouco se pode esquecer. Instalado na sociedade actual como un modelo de exercicio fácil de realizar e que conta con moitos adeptos, consolidouse como unha alternativa deportiva de importante implantación. En La Icónica tamén hai un gran espazo para eles. Todos, tamén os da marcha nórdica, terán protagonismos nas dúas etapas que están previstas pola organización.

A primeira delas será entre Oia e A Guarda, co paso polo O Rosal. Consta de 15 quilómetros. Será o sábado día 26. A segunda será entre A Guarda e Tui, con paso polo Rosal, Tomiño, Villanova de Cerveira e Valença. En ambos os casos, ademais de compartir experiencias, os participantes tamén poderán gozar dunha espectacular paisaxe, tanto na costa atlántica como do río Miño e todas as poboacións polas que transcorre o paso. A saída xa convida á motivación, xa que se realizará desde o Mosteiro de Oia. A organización de La Icónica previu todas as medidas de seguridade que impoñen as autoridades sanitarias. As inscricións poden realizarse en laconica.es.

Galicia rexistra un total de 4.364 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.364 deles 1.424 son da área da Coruña, 920 da de Lugo, 462 da de Ourense, 379 da de Pontevedra, 344 da área de Vigo, 659 da de Santiago, e 176 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 181 en unidades de hospitalización e 4.158 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 14.158 persoas curadas, rexistrándose 668 falecementos. As dúas últimas persoas falecidas en centros hospitalarios foron dous homes de 81 e 71 anos que estaban ingresados no CHUS e no HULA, respectivamente. Ambos presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 374.635. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte producíronse dous falecementos en centros residenciais. Un falecemento tivo lugar na residencia de maiores DomusVi Lugo (Outeiro de Rei) e o outro falecemento aconteceu na residencia de maiores do Incio.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

O Alivio continúa este mércores con trucos de maxia pola igualdade

0

Maxia para loitar pola igualdade e contra a violencia de xénero. Con esa idea nace o espectáculo ‘Somos iguais na maxia’, unha actividade de animación para todos os públicos coa que o dúo artístico Eli e Ian chegan este mércores 9 a Tomiño dentro da programación especial do Alivio.

Con este espectáculo, os magos transmitirán a través dos seus trucos e dun xeito ameno e metafórico a importancia da igualdade, da educación para rachar cos estereotipos sexistas ou de ter valores. Diversión e entretemento cun importante fondo na Praza do Seixo a partir das 19.00 horas. Estableceranse todos os protocolos de prevención para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes.

Como todas as actividades programadas ao abeiro do Alivio, o espectáculo será balde. É necesario reservar entrada previamente chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

O Goberno local non da explicación de por qué pola súa falla de xestión se perderon 600.000,00€ para o concello da Cañiza

0

O luns celebrouse o pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular da Cañiza para que Piña explicase a perda de Subvencións, mais concretamente:

No ano 2019, o concello da Cañiza non xustifica a tempo a subvención para a Instalación da Unidade de Tratamento de Aire e Climatización da Piscina Climatizada Municipal, polo que perde a cantidade de 112.000,00 € que a Xunta tiña dado para este proxecto, o que non perde é a obriga de pagarlle a empresa que fixo a obra.

Piña perde esa mesma axuda da Xunta de Galicia no 2020 por non ter presentadas as contas do concello en prazo:

  • 17/02/2020.- 80.000,00 € de Axuda Fondo de Compensación Ambiental
  • 17/02/2020.- 32.000,00 € de Axuda Fondo de Compensación Ambiental

Na súa parálise e inacción de goberno, Piña XA NIN SOLICITA as seguintes axudas:

  • Axudas do programa de promoción da Igualdade entre mulleres e homes e de Prevención e Tratamento da Violencia de Xénero
  • Axuda para a mellora Infraestruturas de Parques Empresariais
  • Axuda para a Creación de Viveiros Industriais de Empresas
  • Axuda para a realización de Obradoiros de Emprego
  • Axuda para a Contratación de Persoal no Programa Aprol Rural
  • Axuda para a mellora de Infraestruturas Públicas
  • Axuda para a mellora da Escola Infantil
  • Axudas destinadas ao financiamento de Plans de Formación das entidades locais
  • As Axudas da Consellería de Medio Ambiente que obrigan a ter a Conta Presentada

A maiores das subvencións e axudas da Xunta, sigue dicindo que non ten cartos para pagarlle os provedores locais, e sen embargo NON SOLICITA A SUBVENCIÓN DE PAGO A PROVEDORES que ten a Deputación dentro do Plan Concellos

Según manifestacións do voceiro do PP, Miguel Domínguez, “unha vez máis, Piña non resposta ás nosas exixencias e volve a non dar contas dos resultados da súa inoperancia durante os 15 meses que xa leva no goberno”.

Piña enumera unha serie de accións rutinarias da actividade normal do concello que pretende vender como algo extraordinario. “Perdín moitas subvencións pero fixen outras cousas….” para o voceiro do Partido Popular “O goberno máis caro da historia da Cañiza, con tres dedicacións exclusivas que nos custan a todos os cañicenses 12.000,00€ ao mes, con máis asesores externos contratados ca nunca, pretende vendernos que a xestión diaria do concello é grazas a Piña”.

“Piña pretende xustificar a perda de subvencións dicindo que se pediron ás distintas administracións as contías que lle corresponden de sempre, facendo crer que llas deron gracias á súa xestión, cando eses cartos son os que nos corresponden todos os anos, e cos que se mantén o concello”.

Piña xa non pode caer máis baixo, nun pleno no que perdeu totalmente o papeis, que acabou insultando ao voceiro do PP mentres baixaba as escaleiras do Salón de Plenos, nun ataque de desesperación, ao verse acurralado polas reclamación documentadas do Partido Popular, non dubida en culpar (ademais de ó PP) aos funcionarios municipais de non facer o seu traballo e acusalos de ocultar documentación, para xustificar a súa parálise. “Que será o seguinte, culpar aos veciños de que andan moito pola noite e que hai que pagar moita luz? O alcalde está perdendo cada vez mais a compostura institucional, é quen de vender a quen sexa preciso para saír do paso, a calquera prezo.

Reiteráronselle en varias ocasións durante o transcurso do pleno, que todas esas “ilegalidades” que el vende para desprestixiar a xestión do anterior goberno, e nas que se esconde unha e mil veces para xustificar a súa incompetencia e falla de formación, que as denuncie no Xulgado, pero en ningún momento “recolleu o guante”. Será porque se denuncia acábaselle a propaganda?

O alcalde, o seu equipo de goberno e o seu socio, deben poñerse a traballar dunha vez por todas e comezar a xustificar os soldos que cobran, así nos próximos plenos, Piña non terá que poñerse tan nervioso e non terá que saír tan á présa do salón de plenos coma no día de hoxe, todo encoraxado polo “papelón” que acababa de facer. Porque chegar a culpar de manobras ilegais aos funcionarios municipais “tirando la piedra y escondiendo la mano”, para tentar saír da “encerrona”, ademais de carecer de elegancia, non ten nome.

“Como moito, a situación económico financeira do Concello era e mesma e isto antes non pasaba”.

Feridos unha vintena de pasaxeiros dun autobús que bateu contra un cabalo en Oia

0

Unha vintena de persoas resultaron feridas como consecuencia dun choque entre un autobús e un cabalo na PO-552, ao paso polo concello pontevedrés de Oia.

A maior parte dos feridos, os máis leves, foron trasladados nun autocar da mesma compañía ao centro hospitalario de referencia, mentres que os que presentaba lesións de maior consideración, en concreto sete pasaxeiros, foron evacuados en ambulancias aos diferentes hospitais da zona.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente preto das once da noite pasada, tras recibir a chamada de alerta dalgún pasaxeiro e do condutor do autobús, que explicou como bateu contra o animal e iso lle fixo perder o control do autocar ata envorcar sobre un lado.

Malia situación na que quedou o vehículo, os pasaxeiros lograron saír polo cristal traseiro do vehículo sen que fose necesaria a intervención dos equipos de excarceración. Por iso, descartouse a intervención dos Bombeiros do Baixo Miño, que xa estaba avisados, aínda que si participaron os membros do GES de A Guarda e Val Miñor co obxectivo de garantir a seguridade na zona e prestar a colaboración aos equipos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que traballaban no lugar do accidente.

Cómpre indicar que o autocar realizaba o traxecto de A Guarda á Citroën de Vigo cando sufriu o accidente que mantivo a circulación cortada entre os quilómetros 27,8 e 28,2 da PO-552. O persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas encargouse da retirada dos restos causados polo impacto e o restablecemento das condicións de seguridade ata que esta mañá puido quedar habilitada de novo para a circulación.

Por suposto, neste operativo tamén foi necesaria a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico, que chegaron á zona organizados en diversas patrullas.

O Concello do Rosal ultima as obras de acondicionamento para o comezo do curso en colaboración co CPI Manuel Suárez Marquier

0

Co inicio do novo curso escolar á volta da esquina, operarios municipais e profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier traballan man a man para preparar os espazos interiores e exteriores do centro e adaptalos ás medidas de precaución e aos protocolos de prevención de contaxios por COVID-19 marcados nos últimos días pola Consellería de Sanidade. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, reuniuse nos últimos días no Concello coa dirección do CPI para ultimar as necesidades do centro e coñecer como abordará os retos para este curso escolar somerxidos nesta nova realidade. Este mesmo martes ademais visitou as instalacións para coñecer de primeira man as melloras realizadas.

Traballadores municipais están estes días rematando as obras de delimitación dos patios mediante o pintado do solo e a colocación de cordas no chan, unha división en 22 espazos que servirá para manter separados aos diferentes grupos burbulla. Dende a dirección do centro tamén se realizaron todos os cambios necesarios para o acondicionamento dos espazos interiores e a reorganización de entradas e saídas e do tránsito polo centro educativo.

[su_image_carousel source=”media: 20545,20546,20547,20548,20549″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Pola súa banda, durante os meses de verán o Concello do Rosal tamén se encargou de realizar diferentes traballos de mellora e mantemento no CPI, como o pintado do centro, a reparación de fachadas ou o acondicionamento de espazos para almacenamento.

Dende o Concello quere agradecerse a implicación de todo o persoal do CPI Manuel Suárez Marquier, que traballaron arreo para cumprir con todos os protocolos de seguridade. Dende o centro lembran a todos os pais e nais que se dispoñen de instalacións axeitadas, con aulas e espazos bastante amplos que permitirán por exemplo ter ao alumnado a máis distancia da que marca estritamente o protocolo.

A alcaldesa tamén quere poñer en valor o labor realizado polos operarios municipais, que están a traballar contrarreloxo estes días acondicionando os diferentes centros educativos do concello para que comecen o novo curso con todas as medidas de prevención necesarias.

A Guarda lanza unha campaña de concienciación sobre limpeza viaria para propietarios de animais

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda ven de lanzar unha Campaña de concienciación sobre limpeza viaria para os propietarios de animais que contará con dúas sesións presenciais nas que se informará á cidadanía e se entregarán botellas de xeito gratuíto. O obxectivo da campaña é visibilizar o problema e intentar que a xente sexa responsable, de xeito que cando baixe a pasear ao can, ademais das bolsiñas paras as cacas, leven tamén unhas botellas con auga e vinagre para diluír as mexadas nas rúas e espazos públicos.

Esta campaña chama a concienciar á cidadanía que ten cans do problema de limpeza viaria que supón as mexadas destes animais, indicándolles que se deberían priorizar zonas verdes e reixas de drenaxe para que os cans fagan as súas necesidades nestes espazos.

Este mércores día 9 de setembro a partires das 11:00 h a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes, e a técnica de Medio Ambiente do Concello visitarán varias clínicas veterinarias e tendas de animais da localidade para informar sobre a campaña, repartindo flyers informativos a pé de rúa.

Entre as accións que se van a levar a cabo destaca o reparto de botellas plegables, que se: fará en dúas sesións presenciais (respectando as medidas de distanciamento eos protocolos sanitarios polo COVID-19) nas que as persoas propietarias de cans recibirán de xeito gratuíto unha botella plegable e información sobre esta campaña aportando a cartilla de vacinación ou o pasaporte para animais de compañía.

O reparto do material terá lugar o martes 15 e xoves 17 de setembro ás 10:00 h no Salón de Plenos na Casa do Alonso. A campaña inclúe ademais a realización de flyers e carteis informativos para os propietarios de cans.

Ponte Solidario alerta de situacións de ‘senfogarismo’ en Ponteareas

O colectivo de acción solidaria ‘Ponte Solidario’ de Ponteareas, que leva traballando contra a exclusión social e a favor dunha vila con cero pobreza dende o ano 2013, informou hai uns meses ao goberno ponteareán da situación “de extrema gravidade dalgunhas persoas da vila que se atopan en situación de senfogarismo”. Desde entón, mantivéronse dúas xuntanzas co goberno local para delimitar e activar medidas de urxencia.

Ponte Solidario mostra “a súa total colaboración” para atallar con urxencia esta realidade e presentou medidas concretas á concelleira de Benestar Social que aportan unha solución inmediata. O colectivo reclama “celeridade na acción” oara evitar “a estigma e a normalización do senfogarismo e que Ponteareas sexa exemplo dunha vila que atende a toda a cidadanía e non deixa a ningunha persoa atrás”.

Ponte Solidario leva denunciando problemas de vivenda en Ponteareas nos últimos anos. De forma particular o fixo en 2015 coa publicación do Informe de Mínimos que incluía medidas concretas en materia de habitacionalidade e advertía “da situación de extrema necesidade de moitas familias”. A crise sanitaria, social e económica da COVID-19 supón un incremento de persoas que se atopan nesta situación. 

O colectivo leva anos denunciando que a maioría das unidades de convivencia que participan en Ponte Solidario teñen a hipoteca ou o aluguer como principal problemática. Esta realidade –afirma a Asociación– “debera ser motivo para impulsar políticas públicas de vivenda que servan como motor de prevención da exclusión social e da pobreza material severa”.

A ineficacia das políticas estatais, nacionais e municipais en materia de inclusión social, baseadas nun sistema social e económico que propiciou a existencia de miles de vivendas baleiras mentres moitas persoas dormen na rúa ou en condicións inseguras, “son as culpables de que veciños e veciñas se atopen nesta situación límite”, conclúe Ponte Solidario. 

O Plan DepoRemse da Deputación transforma o espazo urbano das Neves entre o colexio e a Praza de San Agostiño

0

O centro das Neves xa conta cun espazo renovado e humanizado entre o colexio Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de San Agostiño, a través da rúa Rosalía de Castro, grazas ás obras de mellora da seguridade viaria que se executaron ao abeiro do Plan DepoRemse da Deputación de Pontevedra. O deputado Gregorio Agís, acompañado polo alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, visitou esta actuación, na que se investiron 254.868 euros, o 90 % aportado pola institución provincial e o restante 10 % polo Concello.

Gregorio Agís puxo en valor a relevancia desta actuación “onde o espazo público se pon a disposición das persoas e onde se establece o tráfico en condicións de seguridade”. “Sen dúbida”, engadiu, “transforma todo este entorno urbano cumprindo cos obxectivos que se fixaron”. Ademais, Agís subliñou que o Plan DepoRemse, cun orzamento total de 11 millóns de euros, fai posible “algo tan importante como investir nestes concellos do ámbito rural e colaborar man a man con eles para acometer obras que, doutro xeito, seríanlles moi complicadas de afrontar”.

Gregorio Agís, “É unha actuación moi relevante onde o espazo público se pon á disposición das persoas e onde se establece o tráfico en condicións de seguridade”

Neste eido coincidiu o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, que fixo fincapé en que “os concellos rurais construímos elementos de calidade grazas ao apoio económico da Deputación”, polo que agradeceu á institución que teña feito posible “unha obra fundamental”. Por último, o alcalde resaltou que “traballamos co concepto de gañar espazo para as persoas e afortunadamente coincidimos coa Deputación nesa maneira de entender o urbanismo”.

A actuación, nunha zona de especial tránsito ao transcorrer polo centro urbano e o colexio, permitiu darlle un cambio radical a este espazo proporcionando unha mobilidade segura e dándolle prioridade ás persoas. Os traballos enmárcanse no proxecto integral de mobilidade que está a desenvolver a Deputación de Pontevedra baixo a premisa de garantir a seguridade, a accesibilidade e a recuperación de espazos públicos para as persoas.

Unha vez rematadas as obras, a praza de Santo Agostiño, que antes estaba invadida de coches, foi reordenada cunha plataforma única de pedra seguindo a tradición dos pavimentos utilizados no centro da vila. Este novo empedrado conta ademais cun despece para facilitar a flexibilidade dos espazos nos que está permitida a circulación de vehículos. En canto ás obras realizadas na contorna do colexio, consistiron na ordenación de todo o aparcamento, que anteriormente era unha simple explanada. Deste xeito, a zona quedou acondicionada cunha beirarrúa de 2,5 metros de anchura, co marcado dos espazos de aparcamento e coa identificación mediante marcas viarias dos destinos de cada un dos autobuses. Ademais, tamén se deu solución a unha demanda histórica da comunidade escolar ao retirar unha torreta de Fenosa. No que atinxe á rúa Rosalía de Castro, o obxectivo era ofrecer un itinerario peonil accesible e seguro entre o colexio e o centro da vila. Para isto, ampliouse unha das beirarrúas e na outra executouse un aparcamento en liña. Finalmente, o viario quedou de sentido único en dirección ao colexio, cun carril de circulación de 3 metros e con pasos de peóns reforzados con luminarias no chan para unha mellor visibilidade.

Dende 2015, tal e como enxalzou Gregorio Agís, a Deputación de Pontevedra realizou investimentos de máis de 5,5 millóns no municipio, entre eles o Plan Concellos que permitiu realizar máis de 50 obras e sufragar actividades culturais, amais da liña de emprego, que permitiu contratar nestes anos a 75 traballadores e traballadoras.

Gonzalo Caballero exise á Xunta que “non pase un minuto máis” sen poñer a funcionar os mellores protocolos para o inicio do curso

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu hoxe á Xunta que “non pase un minuto máis” sen poñer en marcha todas as medidas necesarias para programar un inicio do curso escolar “con todas as garantías posibles” para os nenos e as nenas, as familias e a comunidade educativa na súa totalidade.

“Pasaron dous meses dende as eleccións, e a Xunta ten que poñerse a traballar e a tomar decisións”, destacou Gonzalo Caballero, quen subliñou que hai cuestións “urxentes” en materia educativa, sanitaria, social e económica.

En concreto, no que atinxe á volta ao cole, criticou que “a Xunta non fixo os deberes nestes meses”, ata o punto de que hoxe “aínda non sabemos cantos profesores se contrataron de xeito adicional para reforzar o inicio do curso escolar nin temos coñecemento detallado sobre o resultado das súas PCR”.

“Todos os pais e nais estamos moi preocupados porque Galicia é das comunidades que menos fixeron, xunto con Madrid”, manifestou o líder do PSdeG, crítico co feito de que hoxe Galicia estea “á cola da acción necesaria” para dar “garantías” á volta ao cole.

Contaxios nas residencias

A maiores, Gonzalo Caballero amosouse “moi preocupado” polo aumento de contaxios nas residencias de maiores e chamou a tomar “todas as medidas” fronte a esta situación.

Ao fío disto, reclamou a Feijóo que “asuma a necesidade imperiosa” de abrir unha comisión de investigación sobre o que aconteceu nestes centros durante a primeira vaga da covid, por “cuestións morais e éticas, e de sensibilidade e empatía coas vítimas”. “É unha débeda con Galicia deste Parlamento”, argumentou.

De feito, o dirixente socialista xulgou que “vetar” a apertura deste órgano sería “un erro” ademais dunha demostración de “distanciamento das demandas da xente” nun momento no que se di que “a clase política está afastada da realidade social”. “Temos que aclarar o sucedido para aprender e corrixir erros”, esgrimiu.

Pola súa banda, Gonzalo Caballero reafirmou a súa “vontade construtiva” nesta nova lexislatura, na que o PSdeG estará “fronte ás políticas de recortes e retrocesos en dereitos sociais do PP” e traballará “a prol da xente” a través de “acordos de calado para o país e para que ninguén quede atrás” na saída desta crise”.

Situación de Ourense

En paralelo, o secretario xeral do PSdeG abordou a crise na cidade de Ourense, máxime despois de que o PP decidira abandonar o goberno local liderado por Jácome. “Eu mesmo pedín ao presidente da Xunta que falase de Ourense na sesión de investidura e que dixese que está pasando”, recordou, ao tempo que esixiu a Feijóo que “asuma a súas responsabilidade” por poñer un alcalde que chegou a cualificar de “letal” á fronte da terceira cidade de Galicia.

Nese contexto, Gonzalo Caballero urxiu a Feijóo a que “pida desculpas” pola “crise institucional e política que provocou en Ourense” e a que posibilite que a lista máis votada na cidade acceda ao goberno para así “dar solución aos caos e á inacción” existente.

“Feijóo é responsable do que está pasando porque, para manter a Baltar na Deputación, chegou a un acordo da indignidade contrario a todo o que dixeran o PP e DO na campaña”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que ese pacto implica “unha situación de esperpento que preocupa en toda España” porque “non hai ningunha cidade con tal situación de caos”.

Por iso, nun escenario de denuncias ante a Fiscalía dos propios membros do goberno local e de ruptura do pacto entre PP e DO no Concello, Gonzalo Caballero subliñou que “Feijóo ten que asumir as súas responsabilidades”.

“O Partido Popular e Democracia Ourensana puxeron un alcalde, xeraron este caos e agora teñen que arranxar o problema”, recalcou o responsable socialista, quen fixo fincapé en que o PP ten que “pasar á oposición” por estar “emporcado” como consecuencia dese “pacto contranatura” feito para manter “os seus equilibrios de poder”. “O PP non quixo asumir o resultado das municipais, nas que o PSOE foi a primeira forza en Ourense”, concluíu.

O redondelán Samuel Blanco, campión de España de ciclismo en ruta na categoría elite, entrega o seu maillot á Deputación

Samuel Blanco, o ciclista de Redondela que vén de proclamarse campión de España en Ruta na modalidade elite (afeccionado) durante a proba celebrada recentemente en Xaén, estivo hoxe na Deputación para entregar o maillot ao deputado de Deportes Gorka Gómez. Ao acto, no que tamén participaron os deputados Laura Iglesias, Olga García e Manuel González, asistiu ademais o director deportivo do Supermercados Froiz, Evaristo Portela, e a directora de comunicación do equipo, Ana Portela.

Gorka Gómez destacou o valor do noveno posto na clasificación absoluta dunha esixente proba que encabezou Luis León Sánchez e na que Blanco entrou por diante de ciclistas que hoxe están disputando o Tour de Francia. Un fito que de por si xustifica toda a temporada e que súmase ao segundo posto conseguido semanas antes na Volta a Zamora. Despois destes logros, engadiu o deputado de Deportes, Samuel queda moi ben posicionado para dar o salto, nun breve tempo, ao profesionalismo, “cousa que, sendo redondelán, non pode nin dubidarse”.

O deputado de Deportes, que desculpou á presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen non puido asistir por ter outro compromiso institucional, subliñou especialmente o feito de que Samuel, que sufriu unha aparatosa caída na Volta a Cantabria o pasado xoves, xa parece estar completamente recuperado. “Acábame de dicir que vai correr a Volta a Galicia, o que demostra que os ciclistas están feitos doutra pasta”. Ademais, quixo recoñecer os seus valores humanos por terlle dedicado a vitoria no Campionato de España á súa avoa, falecida hai poucas datas.

O responsable provincial de Deportes puxo en valor a todo o equipo Supermercados Froiz e os éxitos que está a conseguir nun ano extraordinariamente complexo por mor da covid19 e aproveitou para anunciar a continuidade do patrocinio ao equipo pontevedrés, que é emblema do ciclismo afeccionado en España. “Estamos encantados de que levedes o nome da Deputación no maillot”.

Samuel Blanco agradeceu o apoio da Deputación por apoiar ao ciclismo nun ano tan difícil, no que se están a suspender numerosas probas. En canto á vitoria no Campionato de España cualificouna como “un trunfo traballado” tralo sacrificio que supuxeron as concentracións en altura. Adiantou que a súa cabeza está xa na Volta a Galicia e fixo votos para poder volver en breve ao Pazo Provincial para ofrecer outro maillot de gañador.

Evaristo Portela, director deportivo do equipo, afirmou que cando vén á Deputación séntese como na súa casa e amosouse encantado co rendemento do equipo neste ano e, especialmente, con Samuel Blanco. “Este trunfo foi un momento apoteósico e quixemos compartir a felicidade que sentimos coa Deputación, que sempre nos apoia”.

A alcaldesa do Porriño pide unha reunión co novo conselleiro de Sanidade para a ampliación do centro de saúde

A alcaldesa do Porriño, Eva Garcia de la Torre, solicitou hoxe por carta unha reunión ao novo Conselleiro de Sanidade “para abordar o estado do proxecto de ampliación do Centro de Saúde do Porriño”. A rexedora porriñesa no seu escrito lémbralle ao novo titular do departamento, Julio Garcia Comesaña, “que hai meses firmou co seu antecesor, Jesús Vázquez Almuiña o convenio para ampliación desta instalación sanitaria”.

Eva Garcia traslada na misiva ao novo conselleiro, a felicitación no nome de todos os porriñeses polo seu nomeamento para, deseguido, expoñer a preocupación existente no nome dos porriñeses ao sinalarlle a Julio García Comesaña “quero que sexas consciente do desfase que temos nun concello que xa ten superados os 20.000 habitantes e que carece de infraestruturas sanitarias modernizadas como as de concellos limítrofes, caso de Tui ou Salceda, onde a Xunta de Galicia foi quen de facer novos centros de saúde para servizo dos veciños”.

A alcaldesa porriñesa pecha a súa carta solicitando “gustaríame poder expoñerte estas cuestións de forma persoal o día e a hora que consideres”.

Charla sobre a violencia de xénero e a violencia sexual dirixida a deportistas da Guarda

0

Trátase dunha actividade financiada con cargo á asignación recibida do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero, e que tratará de achegar información sobre a prevención da violencia de xénero e mais concretamente sobre os distintos tipos de violencia sexual que poden afectar a estas deportistas e as mulleres en xeral.  

O obxectivo é que as mozas participantes teñan máis e mellores recursos para decidir sobre a súa vida e as súas relacións de parella, e gozar dunha sexualidade sá, divertida e responsable.

Coñecer mais de cerca o problema da violencia sexual, os tipos, as características e ás consecuencias de sufrir este tipo de violencia, ademais de ofrecer pautas para saber que facer en caso sufrilo en primeira persoa, recursos aos que acudir, ou como poder axudarlle a algunha amiga que fose agredida sexualmente, son os contidos previstos traballar nesta charla que terá lugar o próximo xoves día 10 de setembro de 11:00 a 12:30h no Centro Cultural. É imprescindible inscrición previa chamando ao teléfono do Centro cultural  986611850 ou no correo electrónico [email protected].

Esgotadas en apenas unhas horas as duascentas prazas para a segunda “Depo Orienta” no Monte da Lagoa de Castiñeiras

A segunda e última das probas Depo Orienta, a nova oferta deportiva e sustentable deste ano que organiza a Deputación de Pontevedra con “Vive Deporte”, que terá lugar o día 27 de setembro no Monte da Lagoa de Castiñeiras xa ten todas as súas prazas esgotadas. Na mesma xornada en que se abriu a inscrición, onte luns 7 de setembro, non só se cubriron as 200 prazas ofertadas, senón que ademais se completou a lista de agarda con outras cen persoas máis.

Nesta nova ruta, que se desenvolverá no Monte da Lagoa de Castiñeiras, en Marín, o obxectivo das persoas participantes é realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entrega xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.

A actividade pode realizarse de xeito individual ou grupal (ata 4 persoas participantes por equipo) e establécense 3 categorías: xestiñas (para nenas e nenos, con menos de 4 quilómetros), xestas (para adultos, con nivel medio e menos de 6 quilómetros) e xesteiras (para persoas cun coñecemento de orientación medio ou alto e con máis de 6 quilómetros en total).

Ao igual que as restantes actividades deportivas, desenvolverase cun estrito protocolo de seguridade por mor da pandemia da Covid-19. Deste xeito, será obrigatorio o uso de máscara en todo momento e as saídas serán de xeito gradual no tempo, de modo que non sairán dúas persoas ou equipos no mesmo minuto. A organización facilitará xel hidroalcólico. 

60 residentes das Neves participan desde esta semana nas ‘clases de ximnasia saudable para maiores’

0

O Concello de As Neves ofrece á súa poboación a posibilidade de participar nas clases de ximnasia saudable para maiores. Este ano ademáis de no centro da vila, as clases tamén impartiranse nas parroquias de San Cibrán de Ribarteme, San Pedro de Batalláns e Setados.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, anotáronse 60 persoas, que participarán nesta actividade en grupos,respectando o espazo de  separación, garantindo o cumprimento do ‘Protocolo COVID’. Os grupos estarán formados por 10 veciñas e veciños en San Cibrán; 15 en San Pedro de Batalláns; 16 en Setados e 19 participantes nas Neves.

Os horarios repártense desta forma: Martes 19:15 h a 20:15 h: As Neves; Xoves 18 h a 19 h: San Cibrán; Venres 18 h a 19 h: San Pedro, e de 19:30 h a 20:30 h: Setados.

A actividade física

A concelleira de Servizos Socialis, Pilar González Casas, lembra os beneficios do exercicio e da actividade física, “ben coñecidos por todos, porén toman unha importancia máis grande cando falamos da poboación maior de 65 anos”.

Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), a actividade física en maiores
aporta os seguintes beneficios: mellora o funcionamento dos sistemas cardio-respiratorio e muscular, prevé a aparición de enfermidades cardiovasculares, diabetes de tipo 2; mellora a saúde ósea e funcional, impedindo as caídas; axuda á conservación das funcións cognitivas e reduce o risco de depresión.

Funcionamento das clases

As clases terán en conta as individualidades de cada participante, axustando cada exercicio e ritmo segundo as particularidades de cada un/ unha. As sesións dividiranse en varios bloques de exercicios onde se traballarán de maneira
global todas as capacidades físicas (forza, velocidade, resistencia e flexibilidade), ademais da habilidade e da axilidade, cun descanso entre cada bloque para poder beber e sentarse.

Durante as clases usarase diferente material como balón, pesas (botellas de area) ou picas (pau da escoba), que será individual e intransferible por razóns de hixiene.

Protocolo COVID-19

Comparado a outros anos , a dinámica das sesións vese modificada polos protocolos a seguir: o uso de máscara será obrigatorio en todas as clases, así como a limpeza de mans, e o distanciamento social de 1,5m.

O estilo persoal de Smithsonian soará este martes na Praza do Seixo

0

Continúa a programación especial do Alivio en Tomiño. Este martes a Praza do Seixo acollerá o concerto de Smithsonian, un dúo musical de recente creación que namorará a todos os amantes da música. Con Paula Smith como voz principal e Danis Carballás na guitarra e coros, o grupo traerá ao público o máis selecto do seu repertorio, formado na súa gran maioría por versións de distintos estilos musicais, dende pop rock ata os clásicos dos anos 80, pasando por rock alternativo, pero sempre cun toque propio.

O publico poderá desfrutar deste concerto na Praza do Seixo a partir das 19.00 horas e con todas as medidas de prevención necesarias para garantir a saúde de todos e todas. Como toda a programación do Alivio, trátase dun espectáculo de balde pero para o que é necesario reservar entrada previamente chamando ao 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

O CAAN da Deputación rescata 28 cachorros de catro camadas en Salvaterra, A Cañiza e Meaño

Persoal do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da  Deputación de Pontevedra rescatou nas últimas dúas semanas a un total de 28 cachorros, pertencentes a catro camadas, nos concellos de Salvaterra, A Cañiza e Meaño. As crías, cuxas idades oscilan entre o mes e os dous meses, estanse a recuperar nas instalacións da Armenteira, precisamente na nova zona de maternidade que estreou a principios do mes de agosto.

A primeira das camadas, de sete cachorros, foi recollida no concello de Salvaterra o 18 de agosto. Os catro machos (“Medo”, “Salvo”, “Salvado” e “Savo”) e tres femias (“Meda”, “Sava” e “Salvada”) foron atopados coa súa nai “Medai” en condicións críticas, con diferentes patoloxías e moi débiles, pero afortunadamente están a evolucionar de xeito favorable. Teñen agora dous meses de idade e están conseguindo saír adiante cara súa futura adopción. Neste senso, hai que lembrar que os animais do CAAN non poden abandonar o centro ata ter completado o seu cadro de vacinacións.

Posteriormente, o día 24 o CAAN rescatou a dez cachorros dunha zona de moi difícil acceso nun monte da Cañiza, despois do aviso dun particular. Neste caso, non se puido recoller nesa xornada á nai e os catro canciños e seis cadeliñas están a evolucionar moi ben, a pesar de que foron recollidos con apenas un mes de idade. Trátase de “Astra”, “Cana”, “Corsa”, “Saura”, “Landra”, “Algrava”, “Barrilo”, “Ouro”, “Mercurio” e “Granito”.

Finalmente, o 2 de setembro recolléronse outras dúas camadas de 5 e 6 cachorros en Meaño, a segunda delas coa súa nai. “Perla”, que así se chama esta última cadela, está a recuperarse nas instalacións da Armenteira xunto a seus dous cachorros “Per” e “Perlo” e as súas catro cadeliñas (“Perlona”, “Perlina”, “Perniña” e “Rula”), que se calcula que teñen apenas un mes de idade. Doutra banda, a camada de cinco cachorros recollida na mesma xornada está formada por cinco machos, “Jalo”, “Benson”, “Toyo”, “Gudel” e “Rock”, e o persoal do CAAN calcula que teñen mes e medio.

O contrapunto destas recollidas de animais abandonados está no excepcional ritmo de adopcións que está a acadar o CAAN este ano. Ata hoxe foron xa 352 os cans e cadelas que desde o centro atoparon un novo fogar non só na provincia, senón en distintos puntos da xeografía galega e española e mesmo en Portugal. A cifra está xa próxima ao récord de adopcións logrado o pasado ano, dun total de 466, de xeito que incluso podería superarse a previsión de 500 adopcións que se mantiña para este 2020.

A meirande parte destas adopcións (310) realizáronse por cidadáns de Galicia, aínda que hai que destacar que 12 cans e cadelas atoparon novo fogar en Portugal e os restantes 30 animais viaxaron a outras comunidades españolas como Asturias, Castela-León, Castela-A Mancha, Cataluña, Navarra, Madrid e Andalucía.

No que respecta ás adopcións en Galicia, a maioría (245) formalizáronse na provincia de Pontevedra, pero hai que destacar as 45 realizadas por persoas de Lugo e 19 en A Coruña. E, dentro da provincia pontevedresa, a maioría dos cans e cadelas foron adoptadas por cidadáns de Vigo (28) e Pontevedra (27), seguidas polas formalizadas nos concellos de A Estrada (15), Meis (14) e Sanxenxo (13). 

O Concello de Ponteareas impulsa a dixitalización do comercio local

O Concello de Ponteareas, consciente da necesidade que ten o tecido empresarial, hostaleiro e comercial do municipio de adaptar os seus negocios á nova situación derivada pola COVID-19, pon en marcha a iniciativa ‘Dixitaliza o teu negocio’, con plans de formación e asesoramento individualizado para os comercios de Ponteareas e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo contexto.

O programa ‘Dixitaliza o teu negocio’, posto en marcha pola Concellaría de Promoción Económica que dirixe Eva Gil, contará cun plan de formación destinado ás o aos comerciantes de xeito práctico e sinxelo para amosarlles as posibilidades do comercio electrónico, as diferenzas existentes entre cada unha delas así como todos os medios dixitais existentes.

Nunha segunda fase, do proxecto as o os comerciantes contarán con asesoramento individualizado que permita o acompañamento dos comercios na súa dixitalización. O obxectivo desta iniciativa é desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade.

A formación estará a cargo de profesionais para dar a coñecer pautas que sirvan de axuda aos negocios, analizando e resolvendo cada situación concreta. Para iso o concello contará co asesoramento dunha das mellores empresas especialistas no eido da planificación estratéxica empresarial e comercial do noso país.

Plan de comunicación do programa

Estableceranse diferentes liñas de comunicación e difusión, contando co tecido asociativo do concello, para crear unha rede sólida de apoio entre a administración, o sector e a veciñanza. O proxecto ten por finalidade promover o consumo e as compras de proximidade.

Todo isto complementarase con iniciativas de comunicación para posicionar e dar visibilidade ao proxecto a través da creación da imaxe do programa e a creación dunha “landingpage” (www.dixitalizaponteareas.com) que estará operativa o día da presentación do programa, onde os representantes dos negocios tamén poderán rexistrarse a través do formulario de contacto ([email protected]), e a creación dunha campaña de promoción nas redes sociais (Facebook e Instagram, Ads principalmente).

Todas as persoas interesadas poderán asistir á presentación do proxecto o xoves día 10 de setembro, as 20:30 horas, na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas, reservando a súa praza no teléfono 673 855 422.

Acceso virtual á reunión

As persoas interesadas que non podan asistir presencialmente poderán seguir a reunión a través da plataforma ZOOM nesta ligazón cos seguntes datos: ID de reunión: 898 9563 9074. Código de acceso: 771349

Disminúen o número de casos activos en Galicia respecto a onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.230 deles 1.413 son da área da Coruña, 801 da de Lugo, 467 da de Ourense, 371 da de Pontevedra, 346 da área de Vigo, 662 da de Santiago, e 170 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 22 están en UCI, 187 en unidades de hospitalización e 4.021 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.965 persoas curadas, rexistrándose 663 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 369.998. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte produciuse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores Orpea Coruña (Culleredo).

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no DOG do pasado 3 de setembro, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Un incendio obriga a evacuar a unha muller por mor dunha crise nerviosa

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon a unha muller asustada por un incendio declarado na súa propiedade, no lugar da Revolta, en Salceda de Caselas.

A señora tivo que ser evacuada ao Centro de Saúde do Porriño, mentres que os bombeiros fixeron fronte a un lume que arrasou un pendello e un coche.

A alerta no 112 Galicia preto das oito da tarde de onte permitiu activar un operativo para sufocar un incendio que comezou nun alboio. No interior, gardaban un vehículo e tamén madeira e apeiros de labranza. Todo foi devorado polas chamas sen que ninguén resultase afectado, agás a muller de avanzada idade que sufriu unha crise nerviosa. Por iso, acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ademáis dos Bombeiros do Baixo Miño e Ponteareas para a extinción dun lume con bastantes danos materiais.

Nigrán contratará catro técnicos a través do programa ‘O teu primeiro emprego’ da Deputación de Pontevedra

0

O Concello de Nigrán solicitará de maneira inmediata á Oficina do Servizo Público de Emprego de Baiona unha listaxe con catro persoas co Ciclo Superior de Administración e Finanzas para diferentes departamento da administración local.

O proceso iníciase logo que a Deputación de Pontevedra publicase onte no BOPPO a relación de concellos seleccionados, entre os que está Nigrán, para participar na contratación de subvencións para a contratación de persoas en prácticas ao amparo das bases do programa de fomento da empregabilidade na provincia ‘O teu primeiro emprego’.

Estas contratacións laborais están dirixidas a mozos titulados universitarios e de formación profesional de ciclos superiores, sen experiencia previa no campo da súa formación e co fin de poder adquirir a práctica profesional adecuada ao nivel de estudos cursados e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

“Como institución pública temos o deber de dar as maiores facilidades á mocidade para atopar o seu primeiro emprego, desde o Concello debemos axudar a que completen a súa formación académica con experiencia profesional para facilitarlles a futura inserción ao mercado laboral e, sen dúbida, ao mesmo tempo o consistorio tamén se beneficiará da súa presenza”, indica o alcalde, Juan González.

Estas catro persoas desenvolverán o seu traballo cun contrato en prácticas durante 6 meses prorrogables a outros 6 (en función da resolución provincial final) e as retribucións serán as estipuladas nas bases da convocatoria. Entre os requisitos obrigatorios figuran estar rexistrados como demandante de emprego ou en mellora de emprego, non ter experiencia laboral previa no campo en cuestión e posuír a titulación esixida para o posto. Será o Servizo Público de emprego quen realice unha primeira selección dos candidatos requiridos desde o Concello de Nigrán.

Carlos Gómez, “o PP e CD’s, en contra dos intereses da veciñanza de Baiona”

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, defendeu no pleno celebrado esta mañá, o acordo entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Goberno de España polo que os Concellos que así o consideren, e sempre de forma voluntaria, poidan poñer ao dispor do Estado os seus remanentes de tesourería.

Gómez Prado, na súa intervención, increpou a oposición e lembroulles que “quen incauta o diñeiro dos veciños de Baiona é a Lei Montoro e non o Goberno” para a continuación acusar aos populares da Vila de “como sempre, antepoñer os seus intereses partidistas aos intereses dos veciños e veciñas de Baiona”.

Así, Gómez Prado asegurou que “o Partido Popular mente” e afirmou que “o que non quere o Partido Popular é que o diñeiro chegue directamente aos Concellos porque deste xeito perde autonomía na “repartición” dos fondos que cheguen de Europa”.

O alcalde de Baiona tamén asegurou na súa quenda que “o Partido Socialista foi o único que deu unha solución ao problema, xa mantido no tempo, que tiñan os Concellos ao non poder utilizar os seus remanentes”, e insistiu “porque a Lei Montoro do Partido Popular impedíao”.

Ademais, Carlos Gómez lembrou á oposición que este acordo “establece a excepción ao incumprimento da regra de gasto para o exercicio 2020, algo que considera “fundamental” debido á caída de ingresos e ao mantemento do nivel de gasto e nalgúns casos incremento, da maioría das entidades locais”.

Para o alcalde de Baiona “trátase dun acordo que mira ao futuro e que permite ademais a participación dos concellos e deputacións nos fondos que chegarán da Unión Europea, mellorando o financiamento local.”

Unha persoa resulta ferida nunha saída de vía en Tui

0

Unha saída de vía saldouse cunha persoa ferida cando circulaba co seu vehículo pola PO-552, no punto quilométrico 71, ao seu paso polo concello pontevedrés de Tui.

O accidente tivo lugar ás tres da tarde de onte luns. Nese momento, o 112 Galicia recibiu a chamada de varios particulares que alertaban dun vehículo que sufrira unha saída vía na estrada que une as localidades de Tui e A Guarda. Ademais, indicaban que a persoa ferida, única ocupante do turismo, podería estar atrapada no seu interior.

Decontado, desde Emerxencias 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Baixo Miño e dos axentes de Tráfico e Policía Local e de Protección Civil da vila.

Xa no lugar, os servizos de emerxencia fixeron uso do material de excarceración para liberar a persoa afectada para, finalmente, ser evacuada polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.

O Concello de Mos acomete a mellora do camiño da Quiringosta

0

No día de onte o Concello de Mos acometeu os traballos de asfaltado e mellora da seguridade viaria no Camiño da Quiringosta, labores que foron supervisadas pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e polo tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto.

O pasado 10 de xullo informábase desde o Concello de Mos de que viña de ser concedida á administración local mosense unha subvención do Plan Marco Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2020/2021 da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.

A devandita axuda permitiu acometer o proxecto de mellora da seguridade viaria no Camiño de Quiringosta, Zapateira, parroquia de Mos, que quedou rematada durante a xornada de hoxe.

Esta obra de mellora viaria ten un orzamento total de 42.769,87 euros, sendo o importe da subvención autonómica concedida de 35.347 euros e a aportación do Concello de 7.422,87 euros.

Deste xeito o Concello de Mos e o equipo de goberno local continúan dando pasos na súa folla de ruta e manteñen o seu obxectivo de realizar unha batería de asfaltados ao ano, que forman parte do Plan Anual de Mellora de Viais Municipais

Preténdese asíque o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria e para iso, segundo sinala o Concello de Mos, “pónse en marcha periódicamente o Plan Anual de Mellora de Viais Municipais, acometendo unha batería de asfaltados de estradas e camiños”.

A mellora da seguridade viaria a través de reposición do firme era necesaria neste vial que onte foi optimizado.

Un incendio nun inmoble en Baiona remata cunha persoa trasladada

0

Un incendio declarado onte ao mediodía nunha vivenda no termo municipal pontevedrés de Baiona saldouse cunha persoa trasladada ao centro hospitalario de referencia e diversos danos materiais.

Segundo a información facilitada aos xestores do 112 polo particular que chamou ao Centro Integrado de Emerxencias de Galicia, víase saír fume negro dende o interior dunha casa no lugar da Percibilleira.

De acordo co seu relato, o único ocupante do inmoble estaba fóra da vivenda e atopábase indisposto. Ademais, debido á celeridade coa que se propagaban as lapas, temíase que o incendio puidese afectar ás edificacións lindeiras.

Os feitos sucederon no camiño do Rolan ao fío das 15:00 horas.

A partir de aí, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Vigo e do Porriño, dos membros do GES de Val Miñor, dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes da Policía Local e tamén púxose a situación en coñecemento de Protección Civil de Val Miñor.

Unha vez no punto, os equipos de intervención trataron de controlar as lapas e extinguir o incendio. Ademáis, confirmaron ao 112 Galicia que unha persoa tivo que ser evacuada polos servizos sanitarios e que a cociña da vivenda resultou totalmente calcinada. As demais estancias da vivenda víronse afectadas polo fume.

Salceda de Caselas acollerá un curso sobre a xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a desenvolver este segundo semestre do ano un amplo programa formativo dirixido a mellorar o manexo silvícola do monte. Na próxima semana, ten previsto realizar un dos cursos en Salceda de Caselas, no que se abordará a xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes. Será o sábado 12 de setembro en horario de mañá no centro cultural de Parderrubias.

O obxectivo do curso sobre xestión de xuntas reitoras é revisar os aspectos básicos de cara a mellorar o funcionamento das comunidades. A acción formativa aborda as seguintes cuestións, entre outras: organización e administración da comunidade, lexislación aplicable, planificación da xestións dos recursos do monte e réxime fiscal ó que están sometidas as comunidades de montes.

De cara a garantir a correcta prevención de riscos, todas as persoas asistentes deberán levar mascarilla en todo momento. Haberá ademais xel hidroalcohólico a disposición das persoas asistentes e procurarase no posible manter axeitadas distancias de seguridade.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico [email protected], ben a través dos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214.

Na comarca de Vigo, tamén se desenvolverán cursos coa mesma temática o venres 18 en Tui, o sábado 19 en Vilaboa e o sábado 26 en Redondela, estando aberto o prazo de inscripción para todos eles.

Tomiño, terra de centenari@s

0

Tomiño nada ten que envexar a Okinawa, a cidade do mundo con máis persoas maiores de 100 anos. O microclima, as súas boas augas, os aires do Miño, a calidade de vida, o agarimo e coidado das familias… son algúns dos factores que poden agocharse tras o segredo da lonxevidade neste recuncho do mundo. E é que na actualidade viven en Tomiño 13 persoas que roldan ou superan o século de vida.

Once mulleres e dous homes que van dende os 99 anos das máis novas ata os 106 acabados de cumprir da maior e que elixiron terras tomiñesas para desfrutar da etapa final das súas vidas. Unha idade que aparece reflectida nos seus documentos de identidade pero que en moitas ocasións nada ten que ver coa idade que teñen en espírito.

É o que lle pasa a Sara Rodríguez Salvador, a ‘avoa’ de Tomiño. Con 106 anos cumpridos o pasado 31 de agosto, esta centenaria afronta con boa saúde e mellor humor o reto de ser a persoa máis lonxeva do municipio. Gústalle ler revistas, ver a televisión e o fútbol, tanto que ata fai apenas unha década ía ao campo a ver ao Tomiño FC. Sen apenas problemas médicos, cunha memoria envexable e un carácter pícaro, Sara ademais é toda unha experta xogando ás cartas, sobre todo cando se trata da brisca, onde aposta con galletas de chocolate.

Este anos Sara festexaba o seu aniversario rodeada da súa familia máis próxima, os seus sobriños netos e sobriños bisnetos, xa que non tivo descendentes directos: a pesar de ter moitos pretendentes na súa mocidade, Sara foi en contra do establecido na súa época e decidiu non casar, o que a levou a non ter fillos e a “vivir con menos preocupacións”. Unha muller de carácter que amosa cada día ter folgos suficientes para chegar aos 107.

Sara Portas

Outra das que celebrou o seu aniversario este mes de agosto foi Sara Portas Besada, que sopraba as 100 velas o pasado día 5. Nacida en Barrantes hai un século, a Sara gústalle desfrutar do sol no patio da súa casa, onde vive coa súa única filla, Olivia, quen asegura que a centenaria “é boa de levar”. E sempre está de bo humor, aínda nos momentos máis complicados, como durante o confinamento, que para ela foi duro a pesar de non acostumar a saír moito da casa. Apoiada no seu bastón, Sara camiña con bastante axilidade e pode presumir de non ter problemas graves de saúde. A centenaria recoñece que a televisión lle aburre un pouco e confesa tomar un chupito de licor café de vez en cando.

Traballadora incansable durante moitos anos no campo, a vida levouna tamén a criar aos seus dous netos mentres a súa filla e o seu marido traballaban en Holanda. Agora desfruta tamén dos seus catro bisnetos, todos presentes na gran festa familiar para festexar o seu aniversario.

Olga Ruggiero

A última en cumprir anos foi Olga Ruggiero Cordero, que o pasado 6 de setembro chegaba ao século de vida arroupada pola súa familia, un piar fundamental para ela: tivo tres fill@s, 15 net@s e 45 bisnet@s que lle deron moitas alegrías ao longo da súa vida. Aínda que ten unha boa saúde, un accidente hai uns anos limita a súa mobilidade, pero non as súas ganas de seguir desfrutando da vida e deses xogos que tanto lle gustan e que lle axudan a manter unha mente áxil e esperta: as cartas, o bingo… Uruguaia de nacemento, onte festexaba os seus cen anos rodeada dos seus achegados e cantando tangos típicos da súa terra, algo que, xunto aos retallos da súa nenez e mocidade, nunca esquece.

A concelleira de Benestar, Cristina Martínez, quixo felicitar a todas estas ‘avoas’ tomiñesas visitándoas o día do seu aniversario e agasallándoas cun ramo de flores, unha tarxeta cuns versos de Rosalía de Castro e un marco de fotos feito a man pola artesá Lupe Barreiro. Olga xa ten a súa foto lista para colocar.

O BNG denuncia a talla de árbores centenarias e catalogadas no paseo do Tea en Mondariz Balneario

No último pleno da corporación de Mondariz Balneario aprobouse por unanimidade a moción de urxencia presentada polo BNG na que o goberno local se comprometeu a realizar unha auditoría profesional das árbores monumentais que embelecen a Rúa Enrique Peinador Vela, co fin de procurar solucións e recuperar o paseo do río.

O estado dos plátanos centenarios a día de hoxe é pésimo, a construción de beira rúas sen espazo para o desenvolvemento das árbores, o nulo mantemento sumado as podas agresivas e fora de tempo provocaron que estes exemplares presenten un estado de saúde ínfimo. Estas deficiencias xa foran trasladadas en reiteradas ocasións polo grupo municipal do Bloque ao Alcalde, topándose sempre coa pasividade do rexedor. O último episodio e xustificación da moción de urxencia foi a caída dun dos plátanos sobre un vehículo estacionado ao seu carón, que afortunadamente só ocasionou danos materiais.

De xeito totalmente discrecional, sen contar coa avaliación de ningún técnico especialista e nin sequera informando a oposición desta medida, o Concello procedeu a cortar parte das árbores do paseo do Río Tea. Estes exemplares representan parte do patrimonio cultural da vila balnearia, como recolleu o Consello da Cultura Galega no seu informe sobre o Conxunto histórico do Balneario de Mondariz. “Este non é mais que outro exemplo da insensibilidade do goberno do PP co patrimonio histórico de Mondariz Balneario. Primeiro foron os Xardíns Históricos, logo a Fonte de Troncoso e agora o paseo do río” apuntou César Gil, voceiro do BNG.

Os plátanos do paseo do río son o nexo de unión que integran a Fonte de Troncoso coa Fonte de Gándara e o resto do conxunto arquitectónico e paisaxístico da vila. Son polo tanto patrimonio de Mondariz Balneario e deben ser consideradas e protexidas como tales. Facendo oídos xordos e cunha falta de sensibilidade total, o actual goberno do PP optou por solucionar o problema pola vía rápida, sen prever restauración nin recuperación do conxunto de exemplares, sen dar tampouco unha solución real e a longo prazo o problema de deterioro das mesmas que seguen sendo un risco para as persoas que habitualmente pasean pola zona. Segundo apuntou César Gil, “o que esta facendo o Alcalde co noso pobo é unha aberración, é urxente que volva a racionalidade e o sentido común a política municipal” .

A Deputación inicia en Pontevedra e Vigo os tres cursos de español para persoas inmigrantes

A Deputación iniciou este luns os tres cursos de español dirixidos a persoas inmigrantes deste 2020, que se desenvolven en Pontevedra e Vigo. Esta actividade formativa, que este ano chega a súa cuarta edición, vai encamiñada a que os e as participantes poidan superar posteriormente o exame DELE A2 expedido polo Instituto Cervantes, unha proba que é requisito indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española. Un dos cursos ten lugar en Pontevedra, no Centro Príncipe Felipe, onde esta mañá a deputada Olga García deu a benvida ás e aos participantes, e os outros dous na sede da institución provincial en Vigo, onde estivo hoxe a deputada Ana Laura Iglesias.

A pandemia da Covid-19 obrigou a pospoñer o calendario destes tres cursos, que agora se retoman cun estrito protocolo pola pandemia da Covid-19. Deste xeito, as sesións que antes se celebraban no Edificio Administrativo trasladáronse ao Centro Príncipe Felipe para facilitar a ratio de 20 alumnos e alumnas por clase seguindo a normativa sobre distancia de seguridade. Amais, é obrigatorio o uso de máscaras durante as clases e as persoas participantes teñen a súa disposición material de hixiene para garantir a seguridade sanitaria.

Os tres cursos teñen 40 horas de duración. No caso dos de Vigo, un terá lugar en horario de mañá e outro pola tarde, mentres que no de Pontevedra as sesións serán pola mañá. Este ano ofertáronse 55 prazas (20 no curso de Pontevedra e 20 e 15 nos dous de Vigo) e a demanda desta actividade queda reflectida no feito de que houbo máis de 130 solicitudes de participación, a maioría de cidadáns de Marrocos, seguidos dos e das de Brasil e Senegal. Tamén se rexistraron peticións de persoas de Ghana, Nixeria, Costa de Marfil, Alxeria, Rusia, Moldavia, Mauritania, Ucraína, Bulgaria e Quenia.

Cursos de español para persoas inmigrantes na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Os cursos, que están impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo, están dirixidos a persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen superar o DELE A2 para a obtención da nacionalidade española. Con esta actividade, a Deputación de Pontevedra tenta facilitar ás persoas de países non hispanofalantes a consecución deste título e, por conseguinte, apoiar a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.

Trátase dunha proba que require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación e, polo tanto, favorecen procesos de exclusión social. Con esta iniciativa, a institución provincial subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Nas tres edicións anteriores, estas actividades tiveron un total de 180 participantes.

De seguir o calendario agora previsto, o alumnado poderá despois de finalizar estes cursos examinarse da proba DELE A2 o 14 de novembro no Instituto Cervantes de Vigo, salvo que a situación derivada da Covid-19 faga necesario a modificación desta data.

No pasado 2019, o 87,8 % do alumnado que realizou estes cursos de español aprobou o exame do DELE A2, un dato que a Deputación considera moi positivo, sobre todo ao ter en conta que as persoas que se presentan a estas actividades teñen que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo ou as súas cargas familiares, para as que non teñen apoio.

Ponteareas lamenta que a Xunta faga “deixación das súas responsabilidades” no inicio do curso escolar

O goberno local de Ponteareas lamentou a “deixación de funcións e responsabilidades da Xunta no inicio do curso escolar”. A través da concelleira de Educación, a nacionalista Cristina Fernández Davila, o executivo local adiantou que “ante a pasividade do goberno galego o Concello estase encargando de prestar apoio á comunidade educativa e asumirá sobrecustos económicos que agardamos sexan resarcidos no futuro polo goberno galego”.

Suplindo a inacción da Xunta, Cristina Fernández convocou a reunión celebrada a pasada semana na que participaron as direccións dos centros escolares e os coordinadores do Centro de Saúde así como diferentes responsabeis municipais. Neste encontro abordáronse todas as dúbidas con respecto aos procedementos de detección de posíbel alumnado con síntomas do COVID19, corentenas, teléfonos e persoal sanitario de contacto, etc. Ademais dende o Concello convocouse para o vindeiro 21 de setembro unha xornada de formación coas comisións COVID de cada centro educativo.

A concelleira de educación lembra que “xa durante o confinamento o Concello tivo que facerse cargo de atender necesidades urxentes ante a desaparición da Xunta. Entre outras accións, encargámonos da loxística necesaria para entregar a todo o alunado o seu material educativo que quedara no centro, material informático ou aquel preciso para avanzar nas distintas materias”.

“Podíamos limitarnos a esixir á Xunta que cumpra coas súas obrigas, pero non imos deixar tirada á comunidade educativa e estamos a suplir a pasividade do goberno galego cos nosos recursos e a nosa xestión”, sinala Cristina Fernández.

Por outra banda, as esixencias de limpeza e hixiene suplementarias obrigan a ampliar o persoal de limpeza nos colexios de infantil e primaria e os custos en materiais específicos para a COVID19, sen que a Xunta de Galicia artellara ningún mecanismo para asumir este custo, desentendéndose por completo.

A isto debemos engadir que o Concello tamén asumirá o sobrecusto derivado da pandemia en servizos complementarios que asume a institución municipal desde hai anos diante da deixación da Xunta, coma a Aula Matinal ou o comedor escolar do CEIP Fermín Bouza Brey, xestionados polo propio Concello.

A concelleira de Educación lamenta que a Xunta “estea desaparecida” cargando todo o peso da situación sobre as direccións dos centros e sobre os Concellos. “A deixadez e despreocupación é tal que a reunión que solicitei a primeiros de agosto ao Xefe Territorial da Consellaría de Educación, Pérez Ares, aínda non foi atendida”. “Despois de todo o verán, o punto de partida do inicio de curso é o mesmo que en marzo”, engade.

A Deputación abre a inscrición para a segunda “Depo Orienta” do día 27 no Monte da Lagoa de Castiñeira

Con Vive Deporte, a programación coa que a Deputación de Pontevedra pon en valor as actividades deportivas sustentables, as persoas amantes da natureza teñen a oportunidade de realizar unha nova actividades de orientación, tras o éxito de participación deste pasado domingo no Monte Galiñeiro.

Así, a institución provincial abriu este luns o prazo de inscrición da segunda destas rutas “Depo Orienta”, que terá lugar o domingo 27 de setembro no Monte da Lagoa de Castiñeira. O obxectivo das persoas participantes é realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entrega xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse de xeito gratuíto no sitio web da Deputación (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade, ata un máximo de 100, pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, rematará o 21 de setembro ás 12 horas.

“Vive Deporte” ten como obxectivo fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables e inclúe, aparte das actividades de orientación, unha trintena de rutas e andainas.

Redondela da a coñecer os prazos para a solicitude das diversas subvencións

0

A Concellería de Participación Cidadá do Concello de Redondela, vén de difundir e comunicar a todas as entidades e asociacións a posibilidade de solicitar diferentes subvencións así como os prazos de cada unha das convocatorias.

Lembralle a Concellería ás asociacións que teñen a consideración de persoas xurídicas e que, como tales, “están obrigadas legalmente a presentar as súas solicitudes a través da Sede electrónica do Concello de Redondela”.

  • Gastos correntes ano 2020 da Concellería de participación cidadá: o prazo de presentación de solicitudes remata o 13/09/2020
  • Festivais non profesionais de música e artes escénicas 2020: o prazo de presentación de solicitudes remata o 11/09/2020
  • Festas populares, tradicionais e gastronómicas para o ano 2020: o prazo de presentación de solicitudes remata o 08/09/2020
  • Actividades de promoción da muller e a igualdade para o ano 2020: o prazo de presentación de solicitudes remata o 21/09/2020
  • Axudas de comedor escolar para o curso 2020-2021: o prazo de presentación de solicitudes remata o 27/09/2020
  • Actividades culturais a centros, asociacións e entidades culturais para o ano 2020: o prazo de presentación de solicitudes a un mes dende a súa convocatoria
  • Convocatoria de subvencións de Axudas sociais pola COVID-19 do Concello de Redondela: o prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2020
  • Exención da taxa da recollida do lixo e redución das taxa de auga e sumidoiro correspondente ao exercicio 2021

Toda a información relativa ás subvencións está disponible nesta ligazón.

O Concello de Ponteareas licita en 115.000 € as obras de renovación da Casa Cultural de Arnoso

O Concello de Ponteareas publicou a licitación das obras de renovación da Casa Cultural da parroquia de Arnoso, consistentes na rehabilitación para a mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade e conservación, por un importe total de 115.192,00 euros.

“É un proxecto que responde á demanda dos veciños e veciñas de Arnoso, e na liña xa iniciada en 2015 de compromiso e colaboración coas Casas Culturais das parroquias”, manifestou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

As obras, que contan con financiación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, permiten unha mellor redistribución dos espazos para facelos máis versátiles e coas actuacións para a mellora da eficiancia enerxética, o edificio gañará en confortabilidade para a realización das actividades culturais e sociais da veciñanza de Arnoso.

O prazo para presentar as ofertas, a través dun concurso público aberto que garante a transparencia para a realización das obras por parte das empresas interesadas, está aberto ata o 24 de setembro ás 14 h.

Este edificio que naceu sendo unha escola pública, ten para os veciños e veciñas de Arnoso unha especial relevancia e tamén unha dimensión histórica,  social e emocional.

Con problemas de humidade e de distribución espacial, o proxecto de reforma conseguirá ofrecer tres espazos independentes e diferenciados pero que, á vez, poden ter continuidade (unha zona para o bar, outra para sala de reunións con baño adaptado a persoas con mobilidade reducida e unha sala multiusos con baño).

O porche pecharase para acoller un vestíbulo interior calefactado que servirá tamén de sala de reunións ao contar cunha porta que permite illalo do resto da estrutura. O almacén convertirase no baño adaptado ao que se pode acceder tanto dende calquera sala do interior como directamente do exterior e o bar contará con armarios como zona de almacenaxe organizada. Coa reforma o edificio contará con dúas entradas independentes e ramplas de acceso.

Mondariz organiza un curso gratuíto de panadaría e pastelaría

0

Esta semana (venres, 11 de setembro) remata o prazo para inscribirse no curso gratuíto de panadaría e pastelaría que organiza o Concello de Mondariz nos meses de outubro e novembro de 2020, no marco do proxecto municipal “Mondariz: outra perspectiva de xénero, unha nova ollada”.

Trátase dun programa formativo teórico-práctico de 146 horas de duración dirixido a mulleres que se atopen en situación de desemprego ou mellora de emprego, xa que depende dunha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. “Ademais de ofrecer novas oportunidades de inserción laboral, este programa de formación busca pór en valor un sector con grande tradición en Mondariz, que foi e segue sendo terra de panadeiros”, comenta o alcalde da localidade, Xosé Emilio Barros.

O curso, que conta con 60 horas de prácticas non laborais en empresas do sector, terá lugar no antigo CEIP Riofrío-Vilar (sede actual da Escola Municipal de Música de Mondariz) en horario de mañá (09:00-14:00 horas).

As mulleres interesadas poden contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz a través de teléfono (986 664 306 / 680 964 461) ou correo electrónico ([email protected]) para presentar a súa solicitude de inscrición. O prazo remata ás 14 horas do 11 de setembro. Podes descargar o cartel da actividade nesta ligazón.

O equipo Louriña Cyling Team participou na Volta a Cantabria

O novo equipo ciclista porriñés de categoría elite e sub-23, masculino e feminino, “Louriña Cycling Team” participou a pasada semana na Volta a Cantabria. Trátase da primeira volta por etapas na que participa esta nova formación que ten como patrocinador principal ao Concello do Porriño, despois da súa estrea oficial nos Campionatos de España de fondo e contra reloxo celebrados hai unhas datas en Jaén. 

David Alonso, concelleiro de Deportes, explicou que “o obxectivo que perseguimos co patrocino a este novo equipo, é dar unha solución de futuro aos novos valores que xorden das categorías inferiores para que poidan ter unha continuidade nas categorías sub-23 e elite”.  O concelleiro precisou que “se pretende reter no Porriño a eses novos valores que ata de agora emigraban a outros equipos da contorna”.

Na primeira etapa desta Volta a Cantabria, o corredor do equipo porriñés, Gustavo Rodríguez, campión de España de triatlón de longa distancia, entrou no grupo cabeceiro a un minuto do gañador, Kevin Suárez. E Roberto Mediero, o líder do “Louriña Cycling Team” e actual campión galego elite, quedou descolgado por culpa dun pinchazo.

O Goberno de Redondela lamenta que a Xunta ignore á veciñanza co problema de Aucosa

0

O Goberno de Redondela cualificou hoxe de “incomprensible” que a Xunta de Galicia “dea as costas e ignore á veciñanza” no problema medioambiental que supoñen os cheiros provocados pola empresa auxiliar conserveira Aucosa, que procesa restos de peixe para a súa transformación en pensos.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembra que “logo de pedir reiteradamente unha xuntanza coa Dirección Xeral de Calidade Ambiental e ter prevista a mesma para o 5 de agosto, o día anterior a propia Dirección Xeral anulou dita reunión”. Dende esa data o Concello de Redondela, subliña a alcaldesa “leva pedindo insistentemente unha nova data sen que ata hoxe teñamos, non só data para a reunión, senón nin tan sequera resposta ás peticións formuladas”.

En todo caso o Concello de Redondela “non está cruzado de brazos”, afirma a rexedora local, senón que todas e cada unha das queixas veciñais sobre os malos cheiros, “son comprobadas inmediatamente pola Policía Local que levanta o correspondente informe para trasladalo, posteriormente, á Xunta de Galicia”.

Boa mostra da importancia que o Concello lle da a este asunto é o feito de que a Policía Local levantou, entre o 20 de febreiro e o 30 de agosto do 2020, un total de 28 partes mentres que Medio Ambiente elaboraba cinco informes, entre febreiro e xuño, por “olores pestilentes procedentes de Aucosa”.

Doutra banda, remitíronse un total de 10 oficios á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, trasladando outros tantos informes policiais. Finalmente, remitíanse dous oficios ao Xulgado de primeira Instancia de Redondela, un ao SEPRONA (Servizo de Protección do Medio Ambiente da Garda Civil) amais de outros cinco a Augas de Galicia.

O Concello, dentro das súas competencias –explican a alcaldesa de Redondela e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar– “está a realizar todas cantas xestións están na súa man para a defensa dos intereses das veciñas e veciños que son a nosa prioridade”.

Tanto Rivas como Villar sinalaron a intención do Concello de seguir o cumprimento, por parte de Aucosa, do recollido na licencia concedida para ampliación das instalacións que, segundo a empresa, permitirá a instalación dun sistema de captación e tolvas cubertas que reducirán nun 99% os malos cheiros.