O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, defendeu no pleno celebrado esta mañá, o acordo entre a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Goberno de España polo que os Concellos que así o consideren, e sempre de forma voluntaria, poidan poñer ao dispor do Estado os seus remanentes de tesourería.
Gómez Prado, na súa intervención, increpou a oposición e lembroulles que “quen incauta o diñeiro dos veciños de Baiona é a Lei Montoro e non o Goberno” para a continuación acusar aos populares da Vila de “como sempre, antepoñer os seus intereses partidistas aos intereses dos veciños e veciñas de Baiona”.
Así, Gómez Prado asegurou que “o Partido Popular mente” e afirmou que “o que non quere o Partido Popular é que o diñeiro chegue directamente aos Concellos porque deste xeito perde autonomía na “repartición” dos fondos que cheguen de Europa”.
O alcalde de Baiona tamén asegurou na súa quenda que “o Partido Socialista foi o único que deu unha solución ao problema, xa mantido no tempo, que tiñan os Concellos ao non poder utilizar os seus remanentes”, e insistiu “porque a Lei Montoro do Partido Popular impedíao”.
Ademais, Carlos Gómez lembrou á oposición que este acordo “establece a excepción ao incumprimento da regra de gasto para o exercicio 2020, algo que considera “fundamental” debido á caída de ingresos e ao mantemento do nivel de gasto e nalgúns casos incremento, da maioría das entidades locais”.
Para o alcalde de Baiona “trátase dun acordo que mira ao futuro e que permite ademais a participación dos concellos e deputacións nos fondos que chegarán da Unión Europea, mellorando o financiamento local.”