Luns, 13 Xaneiro de 2025

A alcaldesa do Porriño pide unha reunión co novo conselleiro de Sanidade para a ampliación do centro de saúde

A rexedora local lembra que o proxecto fora asinado, hai meses, co anterior responsable de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña

A alcaldesa do Porriño, Eva Garcia de la Torre, solicitou hoxe por carta unha reunión ao novo Conselleiro de Sanidade “para abordar o estado do proxecto de ampliación do Centro de Saúde do Porriño”. A rexedora porriñesa no seu escrito lémbralle ao novo titular do departamento, Julio Garcia Comesaña, “que hai meses firmou co seu antecesor, Jesús Vázquez Almuiña o convenio para ampliación desta instalación sanitaria”.

Eva Garcia traslada na misiva ao novo conselleiro, a felicitación no nome de todos os porriñeses polo seu nomeamento para, deseguido, expoñer a preocupación existente no nome dos porriñeses ao sinalarlle a Julio García Comesaña “quero que sexas consciente do desfase que temos nun concello que xa ten superados os 20.000 habitantes e que carece de infraestruturas sanitarias modernizadas como as de concellos limítrofes, caso de Tui ou Salceda, onde a Xunta de Galicia foi quen de facer novos centros de saúde para servizo dos veciños”.

A alcaldesa porriñesa pecha a súa carta solicitando “gustaríame poder expoñerte estas cuestións de forma persoal o día e a hora que consideres”.